Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Venres, 30 de agosto de 2013 Páx. 34574

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 13 de agosto de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras, así como a súa convocatoria para os anos 2013-2014-2015, para a concesión de axudas en materia de conservación dos recursos naturais e o fomento de accións para a poboación local para o desenvolvemento sustentable dos espazos declarados como parques naturais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Preámbulo

O artigo 12.1º da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define os parques naturais como aquelas áreas naturais pouco transformadas polas actividades humanas que, en razón da beleza dos seus sitios, da representatividade dos seus ecosistemas ou da singularidade da súa flora, fauna ou formacións xeomorfolóxicas, posúen uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos ou científicos cuxa conservación merece unha atención preferente. Esta lei prevé a posibilidade do establecemento dun réxime de axudas para a poboación residente no espazo natural protexido ou na súa área de influencia socioeconómica. Desta maneira, xunto coa creación dun instrumento xurídico regulador da conservación da natureza, posibilitouse a creación dun instrumento financeiro orientado ao fomento daquelas actividades ou accións que melloren e promocionen as zonas incluídas nos espazos naturais para o incremento da calidade de vida dos moradores. Así mesmo, a Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e biodiversidade, reproduce, de xeito case literal, no seu artigo 30.1º, a definición de parque natural. Así mesmo, no seu artigo 5 establécese como deber dos poderes públicos a promoción da participación e das actividades que contribúan a acadar os obxectivos citados neste texto legal, así como a promoción das medidas fiscais de incentivación das iniciativas privadas de conservación da natureza e de desincentivación daquelas con incidencia negativa sobre a conservación da biodiversidade e o uso sustentable do patrimonio natural.

Ademais, esta orde serve como instrumento útil para dar cumprimento ao preceptuado no artigo 30.2º da Lei 9/2001, que establece que a Xunta de Galicia propiciará o desenvolvemento de actividades tradicionais e fomentará outras compatibles coa conservación do espazo de que se trate, co obxecto de contribuír ás melloras da calidade de vida dos seus habitantes e ao desenvolvemento sustentable das áreas de influencia socioeconómica.

Na actualidade, na Comunidade Autónoma de Galicia existen seis parques naturais declarados: Baixa Limia-Serra do Xurés, Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Fragas do Eume, Monte Aloia, O Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra. Tras a modificación do ámbito territorial do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, mediante o Decreto 401/2009, do 22 de outubro, a superficie total dos parques naturais declarados en Galicia abrangue unha extensión de 49.086,76 ha.

Todos os parques naturais contan cos seus plans de ordenación dos recursos naturais (PORN), constituíndo estes instrumentos un límite para calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física.

Tanto nos diferentes decretos de declaración do parque natural como nos decretos de aprobación dos seus respectivos instrumentos de ordenación establécese a necesidade e a obriga de conservación dos valores naturais das zonas declaradas e está prevista a creación de diferentes liñas de incentivación que permitan compatibilizar a preservación da biodiversidade, hábitats naturais, flora e fauna silvestres co necesario desenvolvemento das zonas declaradas.

Por outra parte, o Plan de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia para a etapa 2007-2013 constitúe a resposta ás disposicións do Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); un dos seus obxectivos prioritarios é a promoción dun desenvolvemento rural sustentable en toda a Comunidade a través de actuacións orientadas cara ao crecemento, á creación de emprego e ao desenvolvemento sustentable, focalizando os recursos nas medidas que fagan de Europa en xeral e dos seus Estados membros en particular un lugar máis atractivo para investir e traballar, fomentando o coñecemento e a innovación como motores do crecemento.

O PDR articúlase en catro eixes fundamentais de actuación, que corresponden cos enunciados no Regulamento 1698/2005, de entre eles, o segundo recibe o nome de Mellora do ambiente e do contorno natural. Neste senso, considérase que as denominadas axudas a investimentos non produtivos (medida 21600 do PDR) poden constituír un mecanismo idóneo de intervención nestas zonas. Estas actuacións están dirixidas a contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural, garantíndose a compatibilidade cos valores naturais para protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro dos parques naturais galegos, ou para aumentar, nas explotacións agrícolas, o valor de recreo público.

O que se pretende coa publicación destas axudas é dar resposta a estes obxectivos, fomentando e aumentando o papel de persoas físicas (propietarios, arrendatarios...), comunidades de montes veciñais, asociacións, empresa e concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de propietarios agrícolas ou de entidades xestoras de terras.

O réxime xeral das axudas e subvencións na nosa Comunidade Autónoma establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario, a normativa principal está representada polo recente Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e que derrogou de xeito expreso o Decreto 287/2000, do 13 de xuño, de réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde cumpre coas exixencias da precitada normativa.

O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en relación co Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, que modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establecida polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, e o Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, que no seu artigo 3 establece unha nova estrutura da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, á cal se adscribe a Dirección Xeral de Conservación da Natureza atribuíndolle, dentro das súas competencias, as referidas á conservación da natureza e ao fomento de medidas de desenvolvemento socioeconómico dos espazos naturais.

De acordo co anteriormente exposto, respectando os contidos da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, da Lei estatal 42/2007, do 13 de decembro, en concordancia co disposto no artigos 27.12º, 15º e 30º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Finalidade e obxecto

1. O obxecto desta orde é regular as bases do réxime de axudas dirixidas a fomentar o desenvolvemento socioeconómico sustentable das terras agrícolas e a mellora da calidade de vida das poboacións locais situadas dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia socioeconómica por medio de accións que contribúan á mellora das paisaxes, á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos da paisaxe agraria tradicional, a aumentar o valor de recreo público destas zonas de alto valor natural, á preservación de hábitats ou ecosistemas ou á loita contra a erosión.

Así mesmo, procédese á súa convocatoria, correspondente ao exercicio orzamentario dos anos 2013, 2014 e 2015.

2. Para os efectos desta orde, entenderase por área de influencia socioeconómica do parque natural todo aquel municipio que teña toda ou parte da súa superficie dentro dun parque natural.

Artigo 2. Beneficiarios/as

1. Poderán ser beneficiarios/as das axudas reguladas nesta orde, en relación coas actividades subvencionables descritas no artigo 2 da presente orde, os seguintes:

a) As persoas físicas que residan e/ou que sexan propietarias de terreos nalgunha das parroquias total ou parcialmente incluídos no parque natural; titulares, propietarios ou arrendatarios de explotacións agrarias, gandeiras situadas dentro do parque natural, para as actividades incluídas dentro dos grupos I, II e III. Tamén poderán ser beneficiarios/as destas axudas os/as titulares dos dereitos referidos na zona de influencia socioeconómica, segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

b) As comunidades de montes veciñais en man común situadas total ou parcialmente no parque natural, legalmente constituídas e inscritas no rexistro xeral existente para o efecto.

c) As asociacións con sede social ou, como mínimo, co 50 % dos seus socios con residencia nalgún dos concellos onde se sitúe o parque natural, o que deberá xustificarse documentalmente.

d) As empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúe o parque natural constituídas con anterioridade á publicación desta orde, priorizándose aquelas con domicilio fiscal dentro do parque natural.

e) Os concellos que teñan toda ou parte da súa superficie dentro do parque natural.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou fosen sancionadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas pola comisión de infraccións en materia de Conservación da Natureza, no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, 3 anos se foi cualificada como grave ou 5 anos se foi cualificada como moi grave.

Artigo 3. Réxime e principios de aplicación

1. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, atendendo a criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e á eficiencia na asignación e emprego dos recursos públicos segundo o establecido no artigo 5.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Consonte o anterior e mais o artigo 6.3º da Lei 9/2007, esta orde publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: http://www.cmati.xunta.es

Artigo 4. Ámbito territorial

As actividades incluídas no artigo seguinte deberanse levar a cabo dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Actividades subvencionables e importes

1. Son actividades obxecto das axudas reguladas por esta orde as seguintes accións, segundo a seguinte clasificación:

Grupo I. Mellora da paisaxe agraria e desenvolvemento de usos recreativos:

I.1. Limpeza e restauración de camiños de acceso aos predios.

I.2. Sinalización de camiños.

I.3. Creación e mellora de infraestruturas de uso público e de acollida ao visitante tales como rutas, áreas recreativas, zonas de esparexemento e outras de similar natureza.

Grupo II. Recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos da paisaxe agraria tradicional:

II.1. Protección e restauración de elementos de valor patrimonial nas explotacións: hórreos, milladoiros, cabanas, muros e fontes.

Grupo III. Preservación de hábitats ou ecosistemas:

III.1. Sistemas de condución e drenaxes próximos ás zonas de acceso.

III.2. Investimentos destinados á preservación da vexetación de ribeira e filtros verdes.

III.3. Mantemento de sebes nas beiras das zonas comúns.

III.4. Conservación das poboacións de especies protexidas, defensa, restauración e melloras de hábitats. Recuperación de soutos, fragas e outras masas autóctonas arborizadas.

Grupo IV. Loita contra a erosión:

IV.1. Establecemento e mantemento de vexetación en zonas de alta pendente en áreas agrícolas degradadas ou incendiadas.

2. En ningún caso se subvencionarán aquelas actuacións que non sexan respectuosas coas prescricións do Plan de ordenación do parque natural, que incidan negativamente no desenvolvemento do parque, da súa contorna ou na súa zona de influencia socioeconómica. Así mesmo, non se subvencionarán os gastos de adquisición de edificios nin terreos, nin os gastos xerais de funcionamento ou equipamento dos solicitantes, senón os propios do desenvolvemento das actividades e actuacións obxecto das axudas.

3. Todas as accións, obras ou traballos deberán atoparse situados dentro do perímetro do parque natural ou da zona de influencia socioeconómica e priorizaranse as accións que se realicen dentro do parque sobre aquelas outras que estean fóra.

4. O importe máximo da subvención, de acordo cos investimentos que se efectúen, será:

a) No caso de que o solicitante sexa unha persoa física, unha Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, unha asociación ou empresa, ata un máximo de 12.000 euros por proxecto e un proxecto por beneficiario/a.

b) No caso de que o solicitante sexa un concello, ata un máximo de 70.000 euros por concello podendo solicitar este importe repartido entre un ou varios dos grupos de actividades do artigo 2. Os concellos poderán solicitar ata un máximo de catro solicitudes, cun máximo de dúas solicitudes por cada grupo de actividade do artigo 2.

5. Concederase o 100 % do custo subvencionable da obra ou acción, cun importe máximo segundo o especificado no punto anterior.

6. A finalidade ou función da actividade ou obra deberá manterse durante un prazo mínimo de 5 anos.

7. O IVE non será subvencionable.

8. O/A beneficiario/a poderá subcontratar, totalmente, a actividade ou acción subvencionada, respectando, en todo caso, as prescricións contidas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. En ningún caso se poderán subcontratar actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

9. Todo o gasto se deberá suxeitar ao establecido nos criterios relativos á subvencionalidade dos gastos no marco dos Programas de desenvolvemento rural (PDR) cofinanciados polo Feader, recollidos no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar gastos no marco dos PDR financiados con Feader.

10. As obras obxecto de subvención deberán axustarse á lexislación vixente e, en particular, aos instrumentos de planificación e xestión dos parques naturais en cuestión. Neste mesmo senso, o interesado deberá contar no momento do inicio dos traballos coas licenzas e autorizacións preceptivas que sexan exixibles polas diferentes administracións públicas competentes e entidades vinculadas ou dependentes delas ao abeiro da normativa sectorial que poida resultar de aplicación.

11. Ao abeiro do disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o gasto subvencionable supere os 30.000 euros, no caso de obras, ou 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o solicitante deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou o presten. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Neste último caso, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá solicitar unha taxación pericial do ben ou servizo, e serán por conta do/a beneficiario/a os gastos que se ocasionen. En tal caso, a subvención calcularase tomando como referencia o menor dos dous valores: o declarado polo/a beneficiario/a ou o resultante da taxación.

12. As actividades que se van realizar cumprirán co condicionado establecido no anexo VI.

Artigo 6. Criterios de valoración

Os criterios de avaliación de proxectos serán os seguintes:

Criterios de avaliación das actividades subvencionables

Puntos

1. Consonte a natureza dos solicitantes.

Explotacións integradas na denominada agricultura ecolóxica.

20 puntos

Explotacións situadas en zonas da Rede Natura 2000.

15 puntos

Explotacións cuxo titular sexa agricultor profesional.

10 puntos

Proxectos presentados por entidades asociativas.

5 puntos

2. Consonte os obxectivos sinalados para cada un dos grupos subvencionables.

Grupo I.

Ata 30 puntos

Grupo II.

Ata 20 puntos

Grupo III.

Ata 10 puntos

Grupo IV.

Ata 10 puntos

3. Consonte o contido e calidade do proxecto ou memoria presentada.

Ata 20 puntos

4. Consonte o ámbito territorial de aplicación. Segundo a situación da acción proposta.

Dentro do territorio do parque natural.

15 puntos

Fóra do parque natural pero no ámbito xeográfico de parroquias con territorio incluído total ou parcialmente no parque natural.

10 puntos

Fóra do ámbito xeográfico de parroquias con territorio incluído total ou parcialmente no parque natural, pero en concellos da súa área de influencia socioeconómica.

5 puntos

5. Consonte coa residencia ou titularidade dos terreos.

Se o solicitante é residente en terreos dentro do parque natural.

15 puntos

Se o solicitante é residente en terreos de fóra do parque natural, pero no ámbito xeográfico de parroquias con territorio incluído total ou parcialmente no parque natural.

10 puntos

Se o solicitante é residente fóra do ámbito xeográfico de parroquias con territorio incluído total ou parcialmente no parque natural, pero en concellos da súa área de influencia socioeconómica.

5 puntos

Artigo 7. Baremación

1. As axudas solicitadas serán baremadas segundo os criterios xerais de valoración establecidos no artigo 6 desta orde.

2. A dispoñibilidade orzamentaria asignada a esta convocatoria limitará o número de expedientes que se van aprobar. Neste senso, ordenaranse os investimentos solicitados de acordo cos criterios do baremo indicado e aprobaranse estes investimentos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento. De existir empate, ordenaranse segundo a contía do investimento, tendo prelación a menor contía. De persistir o empate, prevalecerá o número máis baixo que forman as catro últimas cifras do DNI ou CIF do titular do terreo.

Artigo 8. Solicitudes

1. Os beneficiarios sinalados no artigo 2 desta orde deberán solicitar as axudas segundo o modelo que figura como anexo I, que estará ao dispor dos interesados nos servizos de Conservación da Natureza dos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, así como na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, mesmo tamén o poderán consultar na páxina web desta consellería (http://www.cmati.xunta.es) e na guía de procedementos da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es).

2. Soamente se poderá presentar unha solicitude por titular e para un único grupo de actividades das incluídas no artigo 2.1 desta orde, agás no caso dos concellos, que poderán presentar ata un máximo de catro solicitudes.

Artigo 9. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes de subvención a que se refire o artigo anterior irán dirixidas á persoa titular dos servizos de Conservación da Natureza dos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e presentaranse debidamente asinadas, segundo o modelo que figura como anexo I, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo día ordinal do día da publicación no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. A presentación da solicitude da axuda ou subvención polo/a interesado/a, segundo o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a autorización ao organismo xestor para solicitar:

3.1. As certificacións que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia. A dita comprobación realizarase antes de ditar a resolución da concesión como na tramitación do pagamento. En todo caso, o solicitante deberá estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

3.2. A verificación electrónica dos datos de carácter persoal que figuren no documento nacional de identidade, segundo o artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, que o desenvolve, no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

3.3. A verificación electrónica dos datos relativos ao domicilio e á residencia dos/as interesados/as, conforme o artigo 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, que o desenvolve, no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Artigo 10. Documentación

1. Xunto coa solicitude, en orixinal ou debidamente compulsada, deberase presentar a seguinte documentación:

1.1. Para todo interesado:

a) Copia do DNI ou NIF do solicitante (só no caso de non autorizar, no impreso de solicitude da axuda, anexo I, a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas) e, se procede, acreditación da representación do solicitante por calquera medio válido en dereito de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

b) Certificado de empadroamentos (só no caso de non autorizar, no impreso de solicitude da axuda, anexo I, a consulta dos datos relativos ao domicilio ou residencia no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas).

c) Anteproxecto ou memoria técnica asinada polo/a técnico/a competente xustificativa das accións, que conterá, como mínimo, a descrición dos traballos e actividades, planos de situación e detalle, orzamento polo miúdo e co IVE desagregado, calendario e prazo aproximado de execución.

Cando a axuda solicitada sexa aprobada e o investimento supere os 12.000 €, presentarase, no prazo dun mes desde o día seguinte ao de notificación da resolución de concesión da axuda, un proxecto, cos mesmos datos que o documento descritivo, asinado polo técnico competente.

d) Autorizacións ou permisos correspondentes para levar a cabo a intervención ou, polo menos, a súa solicitude. Se unha construción está catalogada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, solicitarase á dita dirección xeral informe da dispoñibilidade de realizar as obras solicitadas.

e) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para esta mesma finalidade, polas distintas administracións públicas ou entidades dependentes delas (anexo II).

f) Tres ofertas de tres empresas diferentes orzando a execución daquelas unidades que se prevexa executar mediante licitación.

g) Referencia Sixpac da parcela ou parcelas obxecto de solicitude de axuda.

1.2. Deberase presentar, ademais, a seguinte documentación complementaria, dependendo da natureza do/a beneficiario/a:

a) Acreditación da titularidade dos predios ou certificación do/da titular para a súa dispoñibilidade.

b) No caso de arrendatarios/as, documento que acredite esa condición.

c) No caso de comunidades de montes veciñais en man común, certificación do acordo da asemblea xeral conforme autoriza á xunta reitora para solicitar axudas. Comprobarase de forma interna, na Sección Provincial do Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común, a posesión dos estatutos en regra, figurando a composición da xunta reitora actualizada consonte os parámetros da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da antedita lei.

d) No caso de asociacións, acordo da xunta de goberno ou figura similar para solicitar axudas á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Comprobarase, de forma interna, a inscrición no Rexistro de Asociacións. Achegarase certificación do concello ou documento semellante que acredite que máis do 50 % dos/as socios/as reside nalgún dos concellos do parque natural.

e) No caso de empresas ou autónomos:

– Documento acreditativo que xustifique estar de alta no IAE, cando proceda. No caso de que non proceda, certificado do concello conforme realiza a súa actividade no parque natural correspondente.

– Acreditación de ter a sede social nalgún municipio do parque natural correspondente.

f) No caso de concellos, certificación expedida polo/a secretario/a relativa á resolución adoptada polo órgano local competente, na cal se dispón solicitar a subvención regulada nesta orde. Se for o caso, solicitude de anticipo da primeira anualidade.

g) No suposto de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varios copropietarios, deberá presentar:

– Acreditación da titularidade do terreo de cada copropietario/a.

– Documento que acredite o consentimento de todos os/as copropietarios/as.

– Representación do/da solicitante para realizar a acción obxecto da subvención.

Artigo 11. Órganos de xestión e resolución

1. A avaliación da documentación presentada xunto coa solicitude realizarana os servizos de Conservación da Natureza dos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2. Se a solicitude de subvención non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, o Servizo de Conservación da Natureza da provincia correspondente requirirá o solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fixer, se poderá considerar desistido da súa petición e será arquivada a solicitude sen máis trámite, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. En todas as solicitudes consideradas como susceptibles de subvención, o persoal técnico do Servizo de Conservación da Natureza da xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que corresponda realizará unha inspección previa, na cal observará se a acción ou proxecto se axustan á realidade física e económica, e con especial atención a que a acción ou actividade para a que se solicitou a axuda ao abeiro desta orde non estea iniciada con anterioridade á data de outorgamento da subvención.

4. Os servizos de Conservación da Natureza das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo máximo de 30 días naturais, contados a partir da data límite de presentación de solicitudes, remitirán por cada parque natural á Dirección Xeral de Conservación da Natureza:

– Os expedientes en formato papel.

– Un informe-proposta de aprobación e outro informe-proposta de denegación indicando a causa.

– Unha táboa coa baremación proposta.

– Un informe en que se determine o alcance e contido das repercusións ambientais da acción ou proxecto, a complementariedade e integración do proxecto e actuación solicitada coas previstas no Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural correspondente, da incidencia no desenvolvemento sustentable do parque natural e a súa contorna e das accións realizadas na súa zona de influencia socioeconómica, así como que a acción ou actividade que se vai desenvolver se axusta aos criterios de elixibilidades, previstos nesta orde. Neste informe valorarase especialmente a incidencia das accións nos hábitats, na flora e na fauna, a repercusión sobre o emprego na contorna do parque natural e no fomento do turismo sustentable.

5. Os expedientes serán avaliados definitivamente por unha comisión creada para tal fin. Esta comisión será presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, e serán membros da dita comisión as persoas titulares da Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, da xefatura do Servizo de Conservación de Espazos Naturais e da xefatura da Sección de Espazos Naturais nos servizos centrais. Este último actuará como secretario/a. Auxiliará o secretario un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Conservación da Natureza designado/a para o efecto pola persoa titular.

Se algún dos membros da comisión non puider participar nunha sesión por calquera causa, será substituído/a por un/unha funcionario/a da dirección xeral designado/a polo seu titular.

Na determinación da composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada entre homes e mulleres.

6. A comisión de avaliación dará traslado das súas propostas de resolución á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a quen corresponderá ditar a resolución do procedemento.

7. A proposta de resolución fará mención aos solicitantes para os cales se propón a concesión da subvención e a contía desta de modo individualizado, especificándose a súa avaliación segundo a aplicación dos criterios seguidos para efectuala. As solicitudes para as cales se propoña a súa denegación relacionaranse con indicación da súa causa.

Artigo 12. Resolución

1. A persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, nun prazo máximo de 4 meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, resolverá conceder ou denegar as axudas solicitadas en atención aos criterios preferentes contidos nela e ás dispoñibilidades orzamentarias. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se dite e notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo consonte o establecido nos artigos 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, e sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente de acordo co disposto no artigo 42.1º do mencionado texto legal.

3. Na resolución que se dite especificaranse os gastos subvencionables, o importe da subvención concedida, os prazos de execución e as condicións xerais e particulares da subvención, informarase os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e o eixe prioritario 2 do Programa de desenvolvemento rural. En todo caso, o prazo para a execución será improrrogable.

4. A resolución motivarase de conformidade co disposto nesta orde e na lexislación vixente en materia de subvencións. Constará, ademais, do solicitante ou relación de solicitantes aos cales se concede a axuda, de maneira expresa e, de ser o caso, da desestimación do resto das solicitudes.

5. Así mesmo, as resolucións de concesión da subvención incluiranse no Rexistro Público de Subvencións, Axudas e Convenios e no Rexistro Público de Sancións, creados polos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia. Os datos incorporados a el poden ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición polo interesado. No suposto de que a publicación dos datos do beneficiario poida ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e da intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo a Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, este poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos.

Artigo 13. Recursos

A resolución ditada, segundo o disposto no parágrafo 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza a notificación da resolución ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo coa lexislación da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Publicidade

1. Deberase publicar no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas cando o seu importe, individualmente consideradas, sexa igual ou superior aos 3.000 €. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://mediorural.xunta).es, nos termos establecidos no artigo 13, puntos 3º e 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e tamén as sancións que se poidan impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/das beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

2. Os/as beneficiarios/as das axudas deberá cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida ao abeiro do disposto no artigo 15.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Os/as beneficiarios/as deberán cumprir co disposto no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, en relación coa información e publicidade, en particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 euros deberase colocar unha placa explicativa, e cando o custo supere os 500.000 euros deberase colocar un panel publicitario. En ambos os casos figurará a descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema do Feader «Europa inviste no rural».

4. O cartel e as placas explicativas son subvencionables.

Artigo 15. Modificación da resolución

Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e segundo o establecido na normativa que regula o seu desenvolvemento.

Artigo 16. Aceptación

Se renunciar á subvención concedida, o/a beneficiario/a, no prazo de dez días naturais contados desde o seguinte ao de notificación da resolución de concesión da axuda deberá notificalo á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (modelo en anexo III).

Se así non o fixer no indicado prazo, entenderase que acepta esta.

No caso de renuncias por parte dos/das beneficiarios/as, poderanse ditar novas resolucións en función das dispoñibilidades orzamentarias derivadas das renuncias, sempre que existan solicitantes quen superando o mínimo establecido no artigo 9, non obteñan a puntuación suficiente, en aplicación dos criterios de valoración, para ser beneficiarios da subvención.

Artigo 17. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra administración pública para as mesmas finalidades non financiadas con fondos comunitarios, sempre que a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos subvencionables, consonte o establecido no artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En todo caso, serán incompatibles coa concesión de axudas reguladas pola orde que establece as bases reguladoras para a concesión de axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención efectuarase do seguinte modo:

a) No caso de concellos:

– Un primeiro pagamento no ano 2013. Poderán solicitar o aboamento dun único pagamento anticipado (anexo VIII), que non poderá superar o 50 % da axuda concedida nin a anualidade prevista no exercicio orzamentario 2013. O beneficiario deberá solicitalo nun prazo de 10 días contados desde o seguinte ao da notificación da resolución de concesión da axuda.

De acordo coa normativa Feader, Regulamento (CE) 1974/2006, modificado polo Regulamento (CE) 363/2009, en concepto de garantía, o/a alcalde/alcaldesa, no escrito de solicitude do pagamento do anticipo, na súa calidade de máximo/a representante do concello, comprometerase a pagar con cargo aos orzamentos municipais o 110 % do importe anticipado se, finalizado o prazo de xustificación final da actuación, non se ten dereito ao importe percibido.

– O importe restante pagarase en dúas anualidades 2014 e 2015, unha vez xustificada a realización da actividade correspondente.

b) No caso de empresas e particulares:

– Pagarase en dúas anualidades 2014 e 2015, unha vez xustificada a realización da actividade correspondente.

2. Unha vez efectuado o investimento ou efectuado o gasto ou a actividade, o/a beneficiario/a deberá solicitar á xefatura territorial competente en materia de conservación da natureza o aboamento do importe da axuda logo da xustificación, en documento orixinal.

3. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza dos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, deberán certificar, despois da súa inspección in situ, que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada.

4. No caso de execucións parciais da actividade, e sempre e cando non comprometan a finalidade da actividade obxecto da subvención, detraerase da axuda inicialmente conce-dida á parte proporcional da actividade non executada. Do mesmo xeito, se o custo xusti-ficado da actividade ou investimento for inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe.

5. No caso de discrepancias entre o importe da axuda cuxo pagamento se solicita e o importe da axuda correspondente aos investimentos dos cales os servizos provinciais de Conservación da Natureza certifican a súa correcta realización, aplicarase o artigo 30 do Regulamento (UE) 65/2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Establecerase:

a) O importe que se aboará ao/á beneficiario/a en función exclusivamente da solicitude de pagamento presentada.

b) O importe que se aboará ao/á beneficiario/a após o estudo da admisibilidade da solicitude de pagamento, documentación xustificativa presentada e realidade física dos investimentos correspondentes.

Se o importe establecido segundo a letra a) supera o importe establecido segundo a letra b) en máis dun 3 %, o importe que se debe pagar resultará de aplicar unha redución ao importe establecido segundo a letra b) igual á diferenza entre os dous importes citados.

6. Xunto coa notificación do remate dos traballos, o/a beneficiario/a deberá achegar, para os efectos de xustificación da actividade ou acción subvencionada, as facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa polo importe total do investimento, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, na súa normativa de desenvolvemento e, de ser o caso, na normativa comunitaria aplicable. As facturas marcaranse cun selo indicando nel a orde reguladora da subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificado se imputa total ou parcialmente á subvención indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención. Ademais, acompañarase dalgún dos seguintes documentos xustificativos do pagamento:

a) Xustificante bancario do pagamento polo/a beneficiario/a (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo por portelo, certificación bancaria etc.) en que conste, de xeito expreso, o número da factura obxecto de pagamento, identificación do/a beneficiario/a que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura, e con data anterior á de xustificación dos traballos e á cantidade ou cantidades que figuren nas devanditas facturas.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, e a documentación bancaria (extracto da conta do/a beneficiario/a, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto etc.) en que conste claramente que este efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

c) Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto, por provedor non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e selada polo provedor, en que se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pagamento empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pagamento.

d) Para gastos que non superen os 300 € admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor na cal figure a expresión recibín en metálico.

e) No caso de que o/a beneficiario/a realice os traballos polos seus propios medios, deberá presentar un documento xustificativo de ter realizados os traballos polos seus propios medios (horas de traballo/superficie, custo hora...), de posuír a maquinaria ou outros medios cos que realizar os traballos e os xustificantes de gastos polo importe total dos investimentos.

7. No momento de xustificación da execución total ou parcial do proxecto, con anterioridade ao pagamento, o/a beneficiario/a deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (anexo II).

8. A tramitación do pagamento das axudas realizarase tras a inspección do persoal técnico dos servizos de Conservación da Natureza das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e emisión da certificación correspondente, unha vez cumpridos todos os requisitos establecidos na presente orde.

9. En aplicación do disposto no artigo 30.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 24.2.d do Regulamento 65/2011 da Comisión, en calquera momento os servizos de Conservación da Natureza das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderán comprobar a moderación de custos ou valor de mercado dos gastos subvencionables e xustificados por calquera dos medios recollidos nos ditos artigos.

10. A data máxima de execución das accións para xustificar no ano 2013 remata o 30 de novembro de 2013, e fíxase, como data máxima de presentación da documentación xustificativa, o 5 de decembro de 2013; para a anualidade do ano 2014, a data máxima de execución das accións remata o 15 de setembro de 2014, e fíxase, como data máxima de presentación da documentación xustificativa, o 30 de setembro de 2014; para a anualidade do ano 2015, a data máxima de execución das accións remata o 15 de xuño de 2015, e fíxase, como data máxima de presentación da documentación xustificativa o 30 de xuño de 2015, e serán, en todo caso, improrrogables. Para estes efectos, considérase gasto realizado o que foi efectivamente aboado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

No caso de concellos que solicitasen o anticipo da anualidade 2013 establecido no artigo 18.1.a) a data máxima de execución das accións e de presentación da documentación xustificativa será a establecida para a anualidade 2014.

Artigo 19. Distribución do crédito

1. A distribución do crédito dispoñible para cada grupo de beneficiarios, realizarase entre os distintos parques naturais da comunidade segundo criterios de superficie do parque natural e poboación do padrón municipal dos concellos (Fonte: Datos do Instituto Galego de Estatística do 28.12.2009) que teñan parte do seu territorio dentro do perímetro do parque natural. A devandita distribución axustarase ás porcentaxes da táboa:

Parque natural

Porcentaxe

Fragas do Eume

23 %

Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán

17 %

Enciña da Lastra

3 %

Invernadeiro

4 %

Monte Aloia

11 %

Baixa Limia-Serra do Xurés

42 %

Total

100 %

Se nalgún dos parques non se esgotar o crédito dispoñible para un grupo de beneficiarios, este será repartido entre os outros parques para o mesmo grupo de beneficiarios.

2. As axudas reguladas na presente orde financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 (PDR) que conta cun cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do 75 %. Segundo o tipo de beneficiario:

a) No caso de que a beneficiaria sexa unha entidade local, un importe de 1.050.000,00 € na aplicación orzamentaria 07.05.541B.760.3.

b) No caso de que a beneficiaria sexa unha empresa, un importe de 60.000,00 € na aplicación orzamentaria 07.05.541B.770.0.

c) No caso de que a beneficiaria sexa un particular, un importe de 650.000,00 € na aplicación orzamentaria 07.05.541B.780.0.

As dotacións iniciais para cada aplicación orzamentaria indícase na seguinte táboa:

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2013

Anualidade 2014

Anualidade 2015

Total

07.05.541B.760.3

390.600,00 €

315.000,00 €

344.400,00 €

1.050.000,00 €

07.05.541B.770.0

35.400,00 €

24.600,00 €

60.000,00 €

07.05.541B.780.0

301.700,00 €

348.300,00 €

650.000,00 €

3. Estas dotacións orzamentarias poderán incrementarse en función das dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións.

4. Non poderán outorgarse subvencións por contía superior a que se determina na presente orde sen que se leve a efecto unha nova convocatoria, agás que o incremento do crédito veña producido polas seguintes circunstancias:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

5. No caso de que as axudas se concedan para máis dun exercicio orzamentario, o prazo para a finalización e xustificación das actuacións será o indicado na resolución da concesión.

Artigo 20. Control das actividades subvencionadas

1. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para as que foron concedidas. En consecuencia, os servizos de Conservación da Natureza das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realizasen as actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a axeitada execución das actividades que fosen obxecto das axudas.

2. O/A beneficiario/a someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e, no caso de actividades financiadas con fondos comunitarios, as instancias de control comunitarias con suxeición tanto ao Regulamento CE 1975/2006 da Comisión coma ao Plan galego de controis en canto a procedementos de control en relación coas medidas cofinanciadas con Feader.

Artigo 21. Obriga de facilitar información

1. Ademais da documentación complementaria que os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza poidan exixir durante a tramitación do procedemento, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga, consonte os artigos 42 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.

2. Para os efectos de comprobación e control, os beneficiarios deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, polo menos durante cinco anos desde o último pagamento.

3. Os beneficiarios teñen a obriga de levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

Artigo 22. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 16 da presente orde e na lexislación aplicable en materia de subvencións.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión e publicidade contidas nos artigos 14 e 15.6º desta orde.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro incluídas na presente orde e no resto da lexislación aplicable en materia de subvencións, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedente de calquera administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas aos/ás beneficiarios/as, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran o modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración aos/ás beneficiarios/as, así como dos compromisos por estes adquiridos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, no cumprimento do obxectivo, á realidade e regularidade das actividades subvencionadas, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Incumprimento de calquera das obrigas do/a beneficiario/a incluídas na presente orde e na normativa que resulta de aplicación.

2. Nestes supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os xuros de demora reportados desde o seu pagamento, sen prexuízo das responsabilidades ás que houber lugar.

A actividade está subvencionada con fondos Feader, e se se descubre que un/unha beneficiario/a efectuou deliberadamente unha declaración falsa, o expediente de axuda de que se trate quedará excluído da axuda do Feader e recuperaranse todos os importes aboados polo dito expediente. Ademais, o/a beneficiario/a quedará excluído/a do Feader de que se trate durante o exercicio do Feader seguinte.

3. Nos casos de anulación ou minoración por certificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderanlles ser adxudicadas a outros beneficiarios de acordo coa relación de prioridades e orde establecida.

4. Naqueles supostos nos cales o importe das subvencións recibidas polo/a beneficiario/a excedan os custos da actividade procederase a solicitar a devolución da cantidade percibida que exceda o custo real da actividade.

5. En todo caso, o procedemento de reintegro observará as prescricións contidas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da antedita lei.

Artigo 23. Infraccións e sancións

Aos/ás beneficiarios/as seralles de aplicación, nos seus propios termos, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; así como o procedemento previsto no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Do mesmo xeito será de aplicación o Regulamento (UE) 65/2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Disposición adicional primeira

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá reproducir, almacenar e distribuír por calquera medio, electrónico, en soporte papel ou outros semellantes, a información obtida e os traballos subvencionados mediante a presente orde de convocatoria de axudas, citando as fontes das persoas titulares dos dereitos de propiedade intelectual, respectando, en todo caso, as prescricións contidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Disposición adicional segunda

No caso de que, atendidas as solicitudes presentadas nesta convocatoria, haxa un remanente de crédito, poderase reabrir o prazo, tantas veces como se coide oportuno, ata esgotar a consignación orzamentaria, por orde publicada no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de novas solicitudes.

Disposición adicional terceira

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o exercicio da competencia para resolver as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 12.1º, conforme o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como a modificación da dita resolución.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file