Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 23 de setembro de 2013 Páx. 37351

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se inicia o procedemento de actualización periódica das listas de selección temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e das entidades adscritas á Consellería de Sanidade e se regulan as súas bases.

O Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal (DOG nº 89, do 9 de maio de 2011) constitúe a norma principal reguladora do sistema de selección temporal de persoal estatutario no ámbito do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

Ese pacto dispón na súa norma II.4 que as listas de selección de persoal estatutario temporal reguladas nel terán carácter aberto e serán de elaboración periódica anual.

Así mesmo, na súa norma II.4.3.1 determínase que, con carácter xeral, as listas se xerarán na data do 31 de outubro de cada ano.

Co obxecto de facilitar o tránsito e a aplicación do novo réxime de selección temporal previsto na citada norma, cuxa aplicación supuxo importantes cambios organizativos e de carácter técnico respecto da anterior regulación, a Comisión Central de Seguimento do pacto acordou, ao abeiro da norma I.4.5 e para os efectos da primeira xeración de listas, efectuar adaptacións nas previsións xerais relativas á data de xeración.

Unha vez finalizado para un importante número de categorías o primeiro proceso de xeración consonte a nova regulación, cómpre dotar de efectos o procedemento xeral de renovación automatizada e anual de listas nos termos do indicado pacto.

Polo exposto, de conformidade coas competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, e pola Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, e oídas as organizacións sindicais con participación na Comisión Central de Seguimento do Pacto de Selección Temporal, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

Iniciar e regular as bases do procedemento de actualización periódica de listas previsto na norma II.4 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e das entidades adscritas á Consellería de Sanidade, do 26 de abril de 2011 (Diario Oficial de Galicia nº 89, do 9 de maio).

Segundo. Ámbito material de aplicación

Esta resolución e as súas bases serán aplicables ás sucesivas renovacións das listas de aspirantes a nomeamentos estatutarios temporais elaboradas ao abeiro da regulación citada que, con carácter anual ou nos demais supostos previstos na norma II.4 do pacto, se efectúen a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Ámbito temporal de aplicación

Con carácter xeral e sen prexuízo do disposto na norma II.4.3.1 e II.4.3.2 do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal, serán obxecto de actualización as listas daquelas categorías en que tivese transcorrido o período de un ano desde o último proceso.

En 2013 procederase á actualización das listas das categorías de técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en hixiene bucodental, técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico clínico, técnico/a superior en radioterapia, persoal de servizos xerais, grupo auxiliar da función administrativa, celador/a, enfermeiro/a e enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía.

Cuarto. Procedemento

A renovación efectuarase consonte o disposto na norma II.4 do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal e conforme as bases do procedemento contidas no anexo I desta resolución.

Quinto. Recursos

Esta resolución e as súas bases vinculan a Administración e as persoas aspirantes que participen no procedemento de selección.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro; ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2013

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I
Bases do procedemento de actualización periódica de listas de selección temporal

I. Supostos de inscrición.

Primeira. Persoas aspirantes admitidas, con carácter definitivo, na última xeración de listas efectuada na respectiva categoría

1. As persoas aspirantes que figuren na relación definitiva de admitidas dunha categoría nas últimas listas en vigor non terán a obriga de formalizar unha nova inscrición para participar no seguinte proceso de xeración de listas que se efectúe.

2. Logo de publicada no Diario Oficial de Galicia a relación definitiva de puntuacións e a orde de prelación acadada polas persoas aspirantes definitivamente admitidas, xerarase de forma automática unha copia do formulario de inscrición no último proceso, que determinará o inicio dun novo ciclo de inscrición, co cal a persoa aspirante participará no seguinte proceso de elaboración de listas.

Tal formulario estará visible e á disposición da persoa interesada a través de Fides/expedient-e/, sección de procesos, co carácter de validado editable.

Neste estado, e ata o último día do prazo de cómputo para a seguinte xeración previsto na norma II.4.3.1 do vixente Pacto de selección temporal (15 de outubro ou específico da OPE), o/a aspirante poderá modificar as condicións de participación no proceso de selección nas epígrafes de área/zona de inscrición, tempo parcial, curta duración e/ou áreas especiais.

3. Se a persoa aspirante non desexa efectuar ningunha modificación nas condicións de participación no último proceso, non terá que realizar ningunha actuación. Non obstante, o/a aspirante deberá presentar antes de que remate o prazo de cómputo do respectivo proceso de xeración, a documentación acreditativa daqueles méritos de que, previamente rexistrados en Fides/expedient-e, non tivese solicitado anteriormente a súa validación coa achega da documentación correspondente, nos termos do anexo II.

4. Se a persoa aspirante desexa efectuar algunha modificación nas condicións de participación no último proceso, deberá efectuala a través da Oficina Virtual do Profesional (fides/expedient-e/sección de procesos) no formulario de inscrición habilitado.

No suposto de que tales cambios non requiran a presentación de nova documentación, o sistema informará o/a aspirante de tal aspecto. Non resultará necesario que este/a efectúe ningunha outra actuación complementaria.

A seguinte xeración de listas efectuarase consonte a nova información rexistrada polo/a aspirante.

No suposto de que as modificacións introducidas requiran a presentación de documentación, o sistema informará a persoa aspirante de tal aspecto e a inscrición pasará a estado de borrador. Neste estado, o/a aspirante deberá confirmar electronicamente a solicitude, asinala, imprimila e presentala xunto coa documentación acreditativa exixida nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, antes da finalización do prazo de inscrición do novo ciclo previsto na base quinta.

Non serán admitidas no respectivo proceso de xeración as solicitudes que consten en estado borrador na data de finalización do prazo de inscrición.

5. O estado de validado editable da nova inscrición manterase desde o día seguinte ao da publicación da lista definitiva de puntuacións e da orde de prelación de aspirantes no último proceso ata a finalización do prazo de inscrición para a seguinte xeración disposto na norma II.4.1.2 do vixente pacto.

Durante ese período as persoas aspirantes poderán efectuar as modificacións na solicitude que consideren pertinentes. No procedemento de elaboración de listas terase en conta a información que conste rexistrada o último día do prazo de cómputo de cada xeración (15 de outubro ou específico da OPE).

Unha vez transcorrido o dito prazo, a inscrición permanecerá bloqueada ata o inicio do seguinte ciclo de inscrición.

Segunda. Persoas aspirantes excluídas, con carácter definitivo, na última xeración de listas efectuada na respectiva categoría

1. As persoas aspirantes que figuren na relación definitiva de excluídas da categoría nas últimas listas en vigor non terán a obriga de formalizar unha nova inscrición para participar no seguinte proceso de elaboración de listas que se efectúe.

2. Logo de publicar no Diario Oficial de Galicia a relación definitiva de puntuacións e a orde de prelación acadada polas persoas aspirantes definitivamente admitidas, xerarase de forma automática unha copia do formulario de inscrición no último proceso, que determinará o inicio dun novo ciclo de inscrición e co cal a persoa aspirante participará no seguinte proceso de elaboración de listas.

Tal formulario estará visible e á disposición da persoa interesada a través de Fides/expedient-e.

Se o motivo de exclusión do anterior proceso consta emendado, o formulario de inscrición amosarase ao interesado co carácter de validado editable, resultando de aplicación o disposto para este estado na base primeira.

Se o motivo de exclusión continúa a exixir a entrega de documentación acreditativa, a inscrición mostrarase en estado borrador. Neste estado, a persoa aspirante deberá confirmar electronicamente a súa solicitude, imprimila, asinala e presentala nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, xunto coa documentación que se requira, antes da finalización do prazo de cómputo para a seguinte xeración, previsto na base quinta.

Non serán admitidas no respectivo proceso de xeración as solicitudes que consten en estado borrador na data de finalización do prazo de inscrición.

Terceira. Primeira inscrición

1. Formalización da participación.

As persoas aspirantes que por primeira vez soliciten a súa inscrición nunha categoría con listas elaboradas consonte o novo pacto, así como aquelas persoas que non tivesen participado no proceso de xeración inmediatamente anterior, deberán formalizar a súa inscrición, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/ sección de procesos), á cal se accederá seguindo as instrucións que se establecen no anexo III.

Logo da súa formalización, o/a aspirante deberá confirmar electronicamente a solicitude, imprimila, asinala e presentala nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, no prazo indicado na base quinta.

Non se admitirán as solicitudes que conteñan algunha emenda, marca ou riscadura no formulario de participación ou en calquera dos documentos acreditativos dos requisitos de participación.

As modificacións que, con carácter excepcional, resulte necesario que efectúe o/a aspirante nalgún dos datos contidos na solicitude de participación impresa realizaranse mediante escrito dirixido á correspondente unidade de validación e no cal se indicará con claridade a modificación que se pretende.

Tal solicitude de modificación deberá presentarse, xunto coa instancia que modifica ou copia desta, a través do procedemento e prazo previstos nas bases cuarta e quinta.

2. Requisitos de participación.

Para ser admitido na lista correspondente á primeira xeración que se efectúe logo da formalización da solicitude, a persoa aspirante deberá reunir, o último día do prazo de inscrición do respectivo proceso de xeración, os seguintes requisitos:

2.1. Requisitos comúns:

a) Nacionalidade:

a.1) Ter a nacionalidade española.

a.2) Ser nacional dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

a.3) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos/das nacionais dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea e dos/das nacionais dalgún Estado ao/s cales, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as, sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de 21 anos ou maiores desa idade dependentes.

b) Idade: ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/s correspondente/s nomeamento/s.

d) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado/a con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/das nacionais doutro Estado, non estar inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

e) Titulación: estar en posesión da titulación que habilita para o exercicio da profesión correspondente ou estar en condicións de obtela na data de finalización do prazo de inscrición.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para os efectos profesionais ao abeiro do disposto no Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva comunitaria 2005/36/CE.

Para o desenvolvemento de actividades que impliquen a manipulación de material ou equipos radioactivos con fins médicos, as persoas aspirantes deberán estar provistas da oportuna licenza de operador concedida polo Consello de Seguridade Nuclear, no campo de aplicación que corresponda.

No modelo normalizado de inscrición dispoñible en Fides/expedient-e obterá a información sobre os requisitos de titulación exixidos para o acceso a cada categoría.

f) Aboamento das taxas por dereito de primeira inscrición que correspondan.

2.2. Promoción profesional:

O persoal fixo que accede pola quenda de promoción interna deberá reunir, ademais dos requisitos indicados no número anterior, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde noutra categoría/especialidade de nivel académico igual ou inferior á que se opta.

b) Estar en servizo activo e con nomeamento como persoal estatutario fixo durante, polo menos, un ano na categoría/especialidade de procedencia. Ao persoal integrado no réxime estatutario seralle computado, para os efectos do prazo previsto neste parágrafo, o tempo de servizos prestado como funcionario de carreira ou laboral fixo.

c) Posuír a titulación requirida.

De conformidade co previsto no artigo 34.5 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, non se exixirá o requisito de titulación para o acceso ás categorías do artigo 7.2.b) da citada lei, agás que sexa necesaria unha titulación, acreditación ou habilitación profesional específica para o desempeño das novas funcións, sempre que o interesado prestase servizos durante cinco anos na categoría de orixe e teña a titulación exixida no grupo inmediatamente inferior á categoría a que opta.

2.3. Aspirantes excluídos.

Non serán admitidas as solicitudes das persoas que fosen excluídas das listas da mesma categoría á que se opta e que foron confeccionadas en aplicación dos pactos do 1 de abril de 1993 (DOG do 13 de abril), do 27 de abril de 1994 (DOG do 12 de maio), do 21 de decembro de 1995 (DOG do 19 de xaneiro), do 28 de febreiro de 1997 (DOG do 10 de marzo), do 4 de febreiro de 2000 (DOG do 25 de febreiro), do 24 de maio de 2004 (DOG do 1 de xuño) e do 26 de abril de 2011 (DOG do 9 de maio), polas causas de penalización previstas nos citados pactos, agás que dispoñan de autorización expresa para reincorporarse ás listas, nos termos dispostos no punto IV do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal actualmente vixente (DOG nº 89, do 9 de maio de 2011).

2.4. Posesión dos requisitos.

Os requisitos de participación deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período de permanencia en lista ata a formalización do oportuno nomeamento.

3. Áreas especiais.

A acreditación dos requisitos de experiencia profesional e formación exixidos para o acceso ás áreas especiais efectuarase mediante certificación emitida para o efecto.

Non será preciso achegar documentación xustificativa da concorrencia de tales requisitos no suposto daquelas persoas aspirantes que xa figurasen admitidas na mesma área especial no anterior proceso de xeración de listas.

II. Disposicións comúns de xeral aplicación.

Cuarta. Lugar de presentación da solicitude

O formulario de inscrición, confirmado electronicamente, dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no modelo normalizado e deberá presentarse no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderanse cursar a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes, que as remitirán seguidamente ao organismo competente.

Quinta. Prazo de inscrición

As persoas aspirantes poderán presentar a solicitude de inscrición nas listas en calquera momento, sen suxeición a prazo. En cada xeración de listas que se efectúe incluiranse as solicitudes e méritos que consten presentados ata quince días antes da data prevista na epígrafe II.4.3 da Resolución do 26 de abril de 2011 pola que se publica o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal (15 de outubro ou específico da OPE).

Sexta. Aboamento de taxas

De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 240, do 11 de decembro), como requisito necesario para participar neste proceso, as persoas aspirantes que accedan por primeira vez e aquelas que, figurando inscritas nas listas inmediatas anteriores, soliciten o cambio de categoría ou, de ser o caso, a inscrición nunha ou máis dunha categoría adicional, deberán aboar, previamente, por cada nova categoría e en concepto de dereito de inscrición nas listas, o importe de 16,98 euros ou o que en cada momento corresponda e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

O impreso de autoliquidación, así como os códigos para a súa formalización, seranlles facilitados ás persoas interesadas nos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e estarán dispoñibles, así mesmo, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. A non presentación deste impreso de autoliquidación, no cal deberá figurar a data e o selo da entidade bancaria, xunto co formulario de inscrición no proceso, determinará a exclusión da persoa aspirante.

Poderase tamén realizar o pagamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. Para isto, deberán acceder á oficina tributaria, a través da Oficina Virtual na páxina web do CIXTEC (www.cixtec.es). Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa (modelo 730), que será o que se presente xunto coa solicitude. Así mesmo, o/a solicitante poderá facer efectivo o pagamento da taxa desde Fides, habilitarase un enlace directo ao sistema de pagamento electrónico de taxas da Consellería de Facenda.

En ambos os supostos, a presentación do xustificante de aboamento non suporá a substitución do trámite de presentación, no tempo e na forma, da solicitude de participación no proceso.

Estarán exentas do aboamento da taxa as persoas que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, así como as que sexan integrantes de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Aplicarase unha bonificación do 50 % á inscrición solicitada polas persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral e polas persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á presentación da solicitude e que, ademais, non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Tales circunstancias deberán ser acreditadas, segundo o suposto, mediante copia compulsada da cualificación oficial de discapacidade, copia compulsada do título oficial de familia numerosa de carácter xeral ou especial e certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

A valoración do cumprimento das condicións de exención e bonificación no aboamento de taxas efectuarase con referencia á data de presentación do formulario de inscrición en rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992.

O importe aboado en concepto de inscrición devolverase, logo dos trámites correspondentes, aos/ás aspirantes excluídos/as que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as.

Sétima. Baremo de méritos

O baremo de méritos que se aplicará en cada categoría será o previsto na epígrafe II.3 da Resolución do 26 de abril de 2011 pola que se publica o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade (DOG nº 89, do 9 de maio).

No suposto de que na data da respectiva xeración de listas se tivese aprobado, logo de negociación coas organizacións sindicais, un novo baremo para os procesos de selección fixa dentro do organismo, a baremación da experiencia profesional, formación acreditada e outras actividades das persoas aspirantes efectuarase consonte este último baremo.

No proceso de actualización das listas correspondentes ás categorías de médico/a de urxencias hospitalarias e psicólogo/a clínico/a resultará de aplicación o baremo de méritos publicado no Diario Oficial de Galicia nº 91, do 14 de maio de 2013, ou posterior que o substitúa.

Oitava. Rexistro electrónico e acreditación de méritos

1. Para a súa valoración en cada proceso de xeración, os méritos deberán estar debidamente rexistrados no sistema informático Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada na forma e nos prazos que se indican nestas bases.

Para o rexistro electrónico dos méritos, os/as aspirantes deberán proceder da seguinte forma:

As persoas aspirantes accederán a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) ao expediente electrónico do profesional (Fides/expedient-e), segundo se indica no anexo III, e comprobarán os datos do seu currículo que constan rexistrados na aplicación informática, así como o seu estado.

Se non consta ningunha información ou está incompleta, a persoa aspirante rexistrará no sistema os méritos que posúe. Logo de rexistralos electronicamente, deberá imprimir a solicitude de validación, que estará dispoñible na aplicación informática na epígrafe de «Informe». A solicitude de validación deberá dirixirse a unha unidade de validación e presentarse en rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos que se indican na base cuarta.

2. Xunto coa solicitude de validación, o/a aspirante deberá achegar a documentación acreditativa dos méritos que figuren pendentes de validación nos termos que se indican no anexo II. Só se admitirá como medio de acreditación o que se indica para cada un dos méritos no indicado anexo.

A documentación acreditativa dos méritos deberá presentarse na orde que figura cada un deles na solicitude de validación.

3. Transcorrido o prazo final de cómputo de cada proceso de xeración (15 de outubro ou específico da OPE) e para os efectos da súa valoración nese proceso, non se admitirá ningunha documentación acreditativa de méritos aínda que consten rexistrados no expediente electrónico, agás aquela documentación que, exixida no anexo II e constando documentalmente ter sido solicitada polo interesado ao organismo ou entidade competente no prazo de presentación de solicitudes ou nun momento anterior, non fose recibida polo/a interesado/a no indicado prazo, suposto en que se admitirá a súa presentación no prazo de reclamación contra a lista provisional de admitidos/excluídos.

Fóra deste suposto e prazo non se admitirá ningunha documentación para o respectivo proceso de xeración. A documentación que se presente fóra do prazo de inscrición de cada proceso será tida en conta na seguinte xeración que se efectúe.

4. Aquelas persoas que solicitasen, mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente electrónico e que se encontre validado ou pendente de catalogar pola Administración, non terán que presentar novamente a documentación acreditativa de tal/es mérito/s, agás a complementaria que resulte necesaria para a súa actualización.

5. Aquelas persoas que solicitasen, mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente electrónico e que se encontre pendente de validar, deberán presentar, de ser o caso, dentro do prazo de inscrición do respectivo proceso de xeración, a documentación complementaria para acreditar debidamente o mérito nos termos do anexo II.

6. Aquelas persoas que rexistrasen no sistema informático os seus méritos e figurasen como pendentes de validar sen que achegasen a documentación acreditativa deles, deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión nos termos do anexo II dentro do prazo de cómputo de cada proceso de xeración para que poidan ser, se é o caso, valorados no dito procedemento.

7. Non será necesaria a acreditación documental dos seguintes méritos:

– A superación do exercicio ou exercicios da fase de oposición da última convocatoria da OPE.

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

– A formación recibida e impartida pola Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria.

8. A Administración poderá requirir en calquera momento a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

Novena. Procedemento de elaboración de listas

Unha vez finalizado o prazo de inscrición para cada proceso nos termos da epígrafe II.4.1.2 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal, publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde, logo do anuncio no Diario Oficial de Galicia, a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, coa asignación aos primeiros da puntuación e a orde de prelación provisionais acadadas.

As persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten como admitidas nin excluídas, disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

A aceptación ou o rexeitamento das reclamacións presentadas entenderanse implícitos na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren, con carácter definitivo, os/as admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitivas nas listas.

Contra esta resolución os/as interesados/as poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e, con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Cada aspirante poderá consultar, ademais, no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e/sección de procesos) o estado da súa solicitude.

Décima. Renuncia voluntaria

A persoa aspirante poderá renunciar, a través de Fides/expedient-e, a formar parte da lista na que solicitase a súa inscrición, en calquera momento do proceso.

A inscrición posterior nunha lista da categoría en que se formalizou tal renuncia terá a condición de primeira inscrición para os efectos do aboamento de taxas.

Décimo primeira. Listas incompatibles

A xeración da lista definitiva dunha categoría dará lugar de forma automática á baixa da persoa aspirante daquelas listas doutra/s categoría/s xeradas con anterioridade nas cales conste admitida con carácter definitivo e que resulten incompatibles con aquela nos termos do anexo II do vixente pacto.

ANEXO II
Procedemento de acreditación de méritos

a) Formación académica

Acreditarase, segundo o suposto, mediante orixinal ou copia compulsada do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo aspirante e da data en que foron causados. No relativo aos cursos de doutoramento, para que este mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que o/a aspirante realizou todos os cursos de doutoramento e indicar o programa e os créditos obtidos. Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro (UE), achegarase xunto coa copia compulsada do título, a súa tradución xurada ou equivalente e credencial de recoñecemento da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

As titulacións obtidas no estranxeiro (non UE) deberán acreditarse coa achega da copia compulsada do título, a súa tradución xurada ou equivalente e documento de homologación ou validación expedido polo Ministerio de Educación español.

Supostos específicos.

a) A acreditación da formación de máster efectuarase mediante orixinal ou copia compulsada do título ou certificación da universidade, en que conste ser superada polo/a aspirante a formación conducente á obtención do referido título, datas de realización, programa formativo e número de horas ou créditos ECT asignados á dita actividade formativa.

b) A docencia universitaria impartida acreditarase mediante certificación da respectiva universidade en que se fará constar expresamente o cargo docente, tipo de vinculación, departamento ou área de coñecemento en que se impartiu a docencia e as datas de inicio e fin da vinculación.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado o mérito.

b) Formación continuada

a) Recibida: acreditarase tal mérito mediante copia compulsada do certificado de asistencia ao curso en que deberá constar o organismo ou a entidade que convocou e impartiu esa actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou horas asignados. Xunto coa dita certificación deberá achegarse o correspondente programa formativo ou categoría/s destinataria/s.

No suposto de cursos acreditados pola Comisión Nacional ou Autonómica de Formación Continuada, deberá constar o logotipo da respectiva comisión e ademais o número de expediente se se trata de actividades formativas posteriores a abril de 2007.

Normas específicas para a formación en liña. Valoraranse aqueles diplomas de cursos en liña nos cales conste o número de créditos, número de expediente e logotipo da Comisión de Formación Continuada. Non será necesario que conste o número de expediente se se trata de cursos anteriores a abril de 2007.

Serán válidos aqueles diplomas asinados dixitalmente por Dixital Learning cun certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable polo órgano de selección. Noutro suposto deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa que conterá toda a información exixida neste apartado.

No suposto de formación en liña con desenvolvemento nun rango de datas, será válida a formación que conste superada dentro desas datas.

Valoraranse os módulos ou partes integrantes dun curso nos supostos en que quede debidamente acreditada a carga lectiva e as horas/créditos asignados de forma diferenciada.

O órgano de selección reserva para si o dereito de lle poder exixir ao aspirante calquera documentación complementaria e/ou rexeitar calquera certificado en liña cando existan dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

b) Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante, na cal deberá constar o contido e os destinatarios da actividade formativa así como o número de horas de docencia impartidas.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

c) Formación especializada

No suposto de titulacións obtidas en España, acreditarase tal mérito mediante orixinal ou copia compulsada do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou certificación emitida pola respectiva Comisión de Docencia ou Rexistro Nacional de Especialistas en Formación do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de ter completado o período de formación conducente á obtención do título da respectiva especialidade, a cal deberá indicar a data de superación.

No suposto de titulacións obtidas noutros Estados da Unión Europea, achegarase xunto coa copia compulsada do título, a súa tradución xurada ou equivalente e credencial de recoñecemento da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

As titulacións obtidas no estranxeiro (non UE) deberán acreditarse coa achega da copia compulsada do título, a súa tradución xurada ou equivalente e documento de homologación ou validación expedido polo Ministerio de Educación español.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

d) Docencia de formación sanitaria especializada

Acreditarase mediante certificación asinada pola Comisión de Docencia do centro onde se tivese impartido esta, nela deberán constar expresamente os períodos de desenvolvemento de tal actividade e condición na que se impartiu esta.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

e) Experiencia profesional

A experiencia profesional en institucións públicas acreditarase mediante certificación emitida pola Dirección de Recursos Humanos do centro ou órgano equivalente, na cal deberá constar a seguinte información: categoría/especialidade, tipo de vínculo (fixo, temporal, atención continuada, formación, promoción profesional temporal), réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e fin de cada unha das vinculacións/nº de horas no suposto de vínculos de atención continuada, total de días de vinculación, réxime de xornada (xornada completa, tempo parcial).

No suposto de institucións privadas, a experiencia profesional acreditarase mediante certificación da empresa, na cal deberá constar a información arriba indicada, ou contrato laboral. En ambos os supostos a esa documentación deberá xuntárselle un informe de vida laboral emitido polo INSS.

No suposto de institucións sanitarias públicas, tal certificación deberá facer constar expresamente a natureza pública da institución e a súa integración no sistema sanitario público do Estado respectivo. Noutro caso a experiencia profesional non será obxecto de valoración.

No suposto de institucións sanitarias privadas concertadas, deberá quedar debidamente acreditada no certificado a existencia dun concerto co respectivo servizo de saúde autonómico ou sistema sanitario público dun país da Unión Europea nos períodos de vinculación. Noutro suposto tal mérito non será valorado.

No suposto de institucións sanitarias privadas acreditadas para a docencia, deberá quedar debidamente acreditada no certificado que se achegue a condición de institución acreditada no ámbito do SNS ou sistema sanitario público dun país da Unión Europea para a formación de especialidades de profesións sanitarias.

Non será necesario acreditar documentalmente a experiencia profesional nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas

adscritas á Consellería de Sanidade, así como a condición de centro concertado co Servizo Galego de Saúde.

f) Publicación de traballos científicos e de investigación

Revistas científicas indexadas en Pubmed. Non será necesaria a súa acreditación documental. O/a aspirante consignará na aplicación informática, no espazo habilitado para o efecto, o código de identificación PMID e rexistrará manualmente a información relativa ao número de sinaturas, número de orde de sinaturas e tipo de publicación. O sistema realizará a captura automática da información relativa aos outros campos da base de datos de Pubmed para a súa posterior validación.

Revistas científicas indexadas no CSIC (ICYT, ISOC), IBECS, Web of Knowledge (Wok), Embase, PsycInfo. Acreditarase tal mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivo de publicacións. Na certificación ou copia impresa deberá constar o nome da revista, o título do traballo, o seu autor e a data de publicación.

Libros/capítulos de libro editados en papel. Deberá achegarse copia compulsada das follas en que conste o título do libro, o título do capítulo, o autor, a editorial, o seu depósito legal e/ou ISBN/NIPO, o lugar e ano de publicación e índice da obra. Ademais deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación está avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Libros editados en formato electrónico. Acreditarase tal mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial ou organismo público con competencias de xestión e arquivo de publicacións, na cal se fará constar a autoría do capítulo e demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

g) Premios de investigación

Acreditarase tal mérito mediante copia compulsada do diploma de concesión. Se no diploma non consta expresamente o seu ámbito, deberá complementarse tal documentación coa achega das bases de convocatoria do premio.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

h) Proxectos de investigación

A participación como investigador principal no proxecto de investigación acreditarase mediante copia da publicación oficial da resolución de convocatoria, sempre que consten os datos necesarios para identificar o proxecto e o investigador, ou certificado de participación expedido polo organismo financiador, en que consten os datos identificativos do interesado e do proxecto en que participa.

A participación como investigador colaborador acreditarase mediante a presentación da copia de resolución de convocatoria se nela consta tal participación. O/a aspirante deberá constar como parte do equipo investigador definido no documento de solicitude do proxecto ou en documento posterior que así o acredite no caso de que houbese cambios no equipo investigador ao longo da súa vixencia.

No suposto de que o organismo convocante non expida certificados de participación, deberá achegarse certificado asinado polo investigador principal en que conste a identidade do/s colaborador/es, notificación acreditativa de concesión do proxecto ao investigador principal expedida polo organismo e copia do proxecto orixinal enviado á convocatoria en que deberá constar a identidade dos investigadores colaboradores.

i) Estadías formativas

Acreditaranse mediante certificación do responsable da estadía (director do centro) en que se faga constar o obxecto da estadía e as datas de inicio e fin. Xunto coa dita certificación achegarase a copia do contrato ou resolución da convocatoria da bolsa, segundo a condición da estadía.

Non serán tidas en conta as rotacións externas realizadas durante o período formativo da respectiva especialidade.

j) Patentes

As patentes solicitadas e aceptadas acreditaranse coa inscrición no Rexistro de Patentes.

As patentes que se encontren en explotación acreditaranse coa achega do acordo de explotación da patente.

k) Programa de formación en investigación «Río Hortega»

Este mérito deberá rexistralo electronicamente o/a aspirante en Fides/expediente na epígrafe doutros méritos.

Acreditarase este mérito mediante contrato de traballo asinado entre o candidato e a entidade beneficiaria, xunto co que se achegará informe de vida laboral expedido polo INSS.

l) Compulsa de documentos

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se acheguen deberán estar cotexadas polo responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas por notario ou funcionario público acreditado para a realización de tales funcións.

m) Tradución de documentos

Os títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español deberán acompañarse da súa tradución ao castelán ou galego, que deberá efectuarse:

a) Por tradutor xurado, debidamente autorizado ou inscrito en España.

b) Por calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) Pola representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadán/cidadá o/a solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento.

Respecto dos traballos científicos e de investigación redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español, non será necesario presentar copia traducida.

ANEXO III
Instrucións de acceso ao expediente electrónico (Fides)

A Oficina Virtual do Profesional (Fides) constitúe o punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e os/as profesionais con que mantén unha vinculación, así como coas persoas aspirantes e profesionais doutros servizos de saúde que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo, e configúrase como a plataforma de acceso ao expediente electrónico do/da profesional ou aspirante.

O acceso ao Fides poderase realizar desde:

– A internet (profesionais do Servizo Galego de Saúde e procedentes doutros servizos autonómicos de saúde).

– A intranet do Servizo Galego de Saúde (só dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa).

1. Acceso desde a internet.

1.1. Acceso desde a internet con certificado dixital.

Os profesionais do Servizo Galego de Saúde, así como os que procedan doutro servizo de saúde autonómico, poderán acceder desta forma ao Fides a través do enderezo http://fides.sergas.es

É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) e o DNI electrónico (DNIe).

Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través da internet (no enderezo www.cert.fnmt.es), ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Economía e Facenda).

Se o usuario xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.

Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Para a identificación do usuario mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico será preciso, con carácter xeral, dispoñer dunha lectora de tarxetas. Non se requirirá lectora de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipamento.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (punto de acreditación electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nas estruturas organizativas de xestión integrada do organismo.

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os/as profesionais actualmente vinculados ao Servizo Galego de Saúde, así como aqueles profesionais procedentes doutros servizos de saúde que nalgún momento do pasado tivesen algún tipo de vinculación co citado organismo, serán, tanto o acceso á xestión do expediente electrónico, á inscrición electrónica nos procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo, así como ao resto de funcionalidades existentes na Oficina Virtual do Profesional (Fides).

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os profesionais que nunca tiveron un vínculo co Servizo Galego de Saúde serán, tanto o acceso á xestión do expediente electrónico como á inscrición electrónica nos procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo.

A primeira vez que un profesional acceda con certificado dixital ao Fides solicitaráselle que cubra un formulario de alta con datos básicos.

1.2. Acceso desde a internet sen certificado dixital.

O acceso ao Fides desde a internet sen certificado dixital efectuarase a través do enderezo http://fides.sergas.es

Esta forma de acceso non estará habilitada para aqueles profesionais actualmente vinculados ao Servizo Galego de Saúde. Unicamente os profesionais que tiveron no pasado algún vínculo laboral co Servizo Galego de Saúde ou aqueles que nunca mantiveron relación profesional con este organismo poderán elixir esta forma de acceso ao sistema.

Por motivos de seguridade e de protección de datos, este tipo de acceso ten limitadas as funcionalidades do servizo ás cales se pode acceder. Así, aínda sendo posible acceder a determinados servizos, resulta recomendable optar polo acceso mediante certificado dixital, por resultar o método que ofrece as debidas garantías en canto á seguridade dos datos e permite o acceso a todas as funcionalidades do Fides.

Para acceder sen certificado dixital é necesario solicitar unha conta de usuario, formada por un identificador único e un contrasinal secreto. Os pasos para conseguir unha conta de usuario son os seguintes:

– Paso 1: desde a pantalla principal do Fides, na epígrafe de «Acceso sen certificado», premer no enlace de acceso ao proceso de rexistro.

– Paso 2: cubrir debidamente o formulario e aceptar as condicións de uso. Neste formulario realizaranse unha serie de preguntas en función de se se tivo ou non algunha vez algún tipo de vinculación co Servizo Galego de Saúde, que haberá que responder correctamente para consolidar con éxito o proceso de alta.

No caso de non responder correctamente ás preguntas, o sistema enviará ao correo electrónico do usuario indicado no formulario un código que o interesado terá que presentar persoalmente nun dos PAE (punto de acreditación electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros do organismo, xunto cun documento de identificación válido.

No caso de finalizar o proceso de alta correctamente, enviarase unha mensaxe de confirmación ao interesado, ao enderezo de correo electrónico indicado no formulario e, tras a confirmación por parte do usuario, unha segunda mensaxe vía correo electrónico cos datos de acceso ao Fides.

– Paso 3: cubrir os recadros de usuario e contrasinal do Fides, na epígrafe de «Acceso sen certificado». A primeira vez que accedamos ao Fides tras o proceso de alta, o sistema solicitaranos que cambiemos o contrasinal por motivos de seguridade.

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os profesionais que nalgún momento do pasado tivesen algún vínculo co Servizo Galego de Saúde serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico como a inscrición electrónica nos diversos procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo. A través deste tipo de acceso non se poderá acceder ao resto de funcionalidades do Fides que, pola contra, están dispoñibles no acceso con certificado dixital.

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os profesionais que nunca tiveron un vínculo laboral co Servizo Galego de Saúde, serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico como a inscrición electrónica nos procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo.

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía so estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa do citado organismo.

Os/as profesionais cun vínculo activo terán, mediante este sistema, acceso á totalidade de servizos e funcionalidades do Fides, incluído o acceso á xestión do expediente electrónico e á inscrición electrónica nos procesos.

O acceso ao Fides realizarase mediante o código de usuario e contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para acceder ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación.

Na sede electrónica do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura á disposición dos/das interesados/as un manual de instrucións sobre o acceso e funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados en que poden atopar a información relativa aos seus méritos e normas de validación da documentación que deben achegar.