Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Martes, 8 de outubro de 2013 Páx. 40005

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2013 pola que se convoca un curso de formación sobre a función consultiva para o persoal da Administración autonómica: O Consello Consultivo de Galicia.

Dentro das actividades programadas para o ano 2013, de acordo co Convenio de Colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e o Consello Consultivo de Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación convócase un curso de formación sobre a función de control da Administración Consultiva: O Consello Consultivo de Galicia, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

O curso pretende, por unha banda, constituír unha canle de divulgación da doutrina sentada polo Consello Consultivo nas materias obxecto da súa competencia e, por outra, permitir a apertura dun foro de debate sobre estas entre todos os asistentes ao curso.

Segunda. Persoal ao que vai dirixido

Persoal funcionario dos grupos A1, A2 e C1 e persoal laboral dos grupos I, II e III ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia, que se atopan en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, sempre que non desempeñen postos na Administración xeral.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Terceira. Criterios de selección

a) Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto na citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

De haber empate, desfarase de acordo co resultado do sorteo ao que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo. Para o ano 2013, segundo a Resolución do 15 de xaneiro de 2013 (DOG do 22 de xaneiro), comezarase pola letra «X».

b) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Cuarta. Desenvolvemento

1. Duración: 20 horas (18 horas lectivas presenciais e 2 horas de traballo práctico).

2. Lugar: Consello Consultivo de Galicia, rúa Algalia de Abaixo, 24.

3. Datas: 28, 29 e 30 de outubro; 4, 5 e 6 de novembro de 2013.

4. Horario: das 17.00 ás 20.00 horas.

5. Prazas: 25.

Quinta. Contido

Módulo I. A contratación administrativa: modificación e resolución dos contratos.

Módulo II. A revisión de oficio dos actos e disposicións administrativas de carácter xeral.

Módulo III. O control da potestade regulamentaria. O regulamento. Relacións entre lei e regulamento. Titularidade da potestade regulamentaria. O principio de reserva de lei.

Módulo IV. Procedemento de elaboración de disposicións de carácter xeral. Normativa reguladora.

Módulo V. Directrices de técnica normativa.

Módulo VI. A responsabilidade patrimonial da Administración pública.

Módulo VII. Elaboración dun suposto práctico.

Sexta. Solicitudes e prazos

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es. Non serán admisibles outros modelos de solicitude. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación. Recoméndase facilitar unha conta de correo electrónico e un número de teléfono móbil para enviar mensaxes aos seleccionados.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecidas no punto anterior ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas para os efectos da selección, poderán remitir á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou correo electrónico ao enderezo xestion.egap@xunta.es, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A devandita documentación deberá presentarse dentro do prazo a que fai referencia a letra e) desta base.

e) O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución do Diario Oficial de Galicia.

f) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos desde as 8.00 horas das data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización.

g) As dúbidas, dificultades técnicas e solicitudes de información serán atendidas pola EGAP a través do número de teléfono 981 54 62 57/ 81 54 62 46, o número de fax: 981 54 63 39 ou o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Sétima. Publicación das relacións do persoal seleccionado

a) A EGAP publicará na súa páxina web http:// egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de tres días hábiles desde a publicación.

Ademais, quen facilite os seus datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxería telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación de persoas seleccionadas ou na lista de espera, foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ben ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará na súa páxina web
http://egap.xunta.es a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Oitava. Cambios ou substitucións na selección, renuncia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar ás actividades formativas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa, mediante o modelo de renuncia publicado na nosa páxina web. Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es

– O número de fax 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

– Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais.

– Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables das actividades formativas nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización das actividades.

d) As persoas que incumpran o previsto na alínea c):

– Perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

– Pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

Novena. Realización de probas

Para poder aprobar o curso o alumnado deberá superar unha proba final de avaliación.

Décima. Certificado de aproveitamento

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe, declarando apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

Undécima. Modificacións

A EGAP e o Consello Consultivo de Galicia poderán suspender o curso se non houbese un mínimo de alumnos, así como modificar o desenvolvemento e os contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten ao desenvolvemento do curso serán anunciadas na páxina web da escola.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2013

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública