Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 11 de outubro de 2013 Páx. 40445

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2013 pola que se convoca o Curso sobre accesibilidade universal aplicada I: vías, espazos públicos e mobilidade accesible.

Conforme os fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP convoca, en colaboración co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, o Curso sobre accesibilidade universal aplicada I: accesibilidade en vías e espazos públicos, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A accesibilidade en vías e espazos públicos constitúe un aspecto fundamental no deseño urbano, non só desde o punto de vista legal, con normas tanto estatais coma autonómicas e locais que se han de coñecer para garantir o seu cumprimento, senón tamén desde o punto da funcionalidade, da seguridade viaria e da non discriminación por razón de idade ou discapacidade.

Por outra parte, a necesidade de adaptar os espazos públicos á diversidade humana fai necesario que tanto os técnicos que deseñan estes espazos coma as persoas na Administración responsables de garantir a accesibilidade, coñezan tanto a normativa de aplicación coma as innovacións que se produzan neste ámbito, en canto a materiais, novas tecnoloxías etc.

Ademais, no caso de moitas cidades, as condicións de accesibilidade han de mellorarse en espazos xa construídos, nos cales a intervención resulta, cando menos, complexa, como son os núcleos antigos e históricos. E tamén é necesario analizar as características que en materia de accesibilidade han de reunir os espazos verdes, que son parte esencial das cidades e que contribúen de forma decisiva á sustentabilidade ambiental destas.

Por todo o anterior, este curso quere dar a coñecer tanto a parte teórica, cos conceptos claves que se han de ter en conta e expoñer exemplos de boas prácticas e de actuacións correctas no ámbito da accesibilidade en vías e espazos públicos.

2. Contido.

Os temas que se tratarán neste curso serán os seguintes:

– Unidade 1. Definicións e conceptos básicos.

– Unidade 2. Tipoloxía de vías e elementos urbanos.

– Unidade 3. Elementos comúns de urbanización e itinerarios verticais.

– Unidade 4. Mobiliario urbano e outros factores.

– Unidade 5. Núcleos antigos e históricos.

– Unidade 6. Accesibilidade en prazas, parques, xardíns e zonas verdes.

– Unidade 7. Exemplos de boas prácticas.

Cada unidade consta de:

– Descrición dos elementos, con definicións específicas de cada un dos elementos que se presenten, xunto con claves de deseño, erros que deben evitarse e outras consideracións de interese.

– Fotografías e debuxos comentados, exemplos de cada caso que se trate.

– Recadros de consulta para ampliar información sobre temas concretos.

– Marco xurídico regulador en materia de accesibilidade universal, tanto estatal coma autonómica.

– Glosario de termos.

3. Destinatarios.

• Técnicos que realicen proxectos de urbanización ou participen na súa redacción, que queiran ampliar os seus coñecementos sobre a lexislación de aplicación e coñecer exemplos de boas prácticas.

• Técnicos e secretarios municipais, que queiran estar ao día da lexislación e das actuacións que melloran a calidade dos cidadáns neste ámbito.

• Estudantes universitarios que desexen completar a súa formación en temas de accesibilidade.

4. Desenvolvemento.

Este curso desenvolverase de xeito semipresencial:

1. Unha parte será en modalidade de teleformación, a través da Aula de Formación Continua da Enxeñaría Civil de Galicia (plataforma de teleformación do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia).

A plataforma de formación permanecerá aberta do 27.9.2013 ao 18.12.2013.

Para poder coñecer a plataforma e ver unha parte da primeira unidade, as persoas interesadas poden entrar en http://www.formacion.ciccpgalicia.es, utilizando como usuario 2013Accesible e como contrasinal, Accesib2013.

2. Xornada presencial, que terá lugar na Escola Galega de Administración Pública, o día 13 de novembro de 2013 e se desenvolverá das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 20.00 horas.

Nesta xornada responderase ás dúbidas sobre o curso, afondarase nas materias impartidas e realizaranse casos prácticos. Realizarase un caso práctico, en que se poñerá os alumnos nunha situación temporal de incapacidade, para que poidan percorrer un ámbito urbano coas limitacións que isto supón e sexan conscientes da importancia da accesibilidade no deseño dos espazos públicos.

Tamén haberá unha mesa redonda, con responsables técnicos municipais e representantes de organizacións relacionadas coa discapacidade.

Duración: o curso terá unha duración de 60 horas lectivas.

5. Número de prazas: 50. No suposto de que o número de solicitudes presentadas sexa superior ás prazas que se ofertan, a EGAP designará para este efecto unha comisión técnica que seleccionará os candidatos, atendendo aos criterios selectivos que, de ser o caso e para estes efectos, estableza a propia comisión, con discrecionalidade e independencia.

6. Solicitudes.

Inscrición e pagamento de dereitos a través do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia (http://www.ciccpgalicia.es).

7. Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 12 de novembro de 2013.

8. Certificado de aproveitamento.

Será entregado un certificado de aproveitamento a aquelas persoas inscritas que participen na xornada presencial, sempre que a súa asistencia sexa superior ao 90 % das horas programadas e que, ademais, superasen os cuestionarios e tarefas propostos na plataforma de teleformación antes da data do peche desta.

Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización deste curso, así como a súa puntuación.

9. Puntuación.

De conformidade co establecido no Decreto 42/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a puntuación para os alumnos que superen este curso establecerase en 0,10 puntos.

10. Modificacións e incidencias.

A EGAP, xunto co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, reserva para si a facultade de interpretar e resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de asistentes non xustifica a súa realización.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2013

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública