Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 16 de outubro de 2013 Páx. 40960

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 14 de outubro de 2013 pola que se modifica a Orde do 20 de febreiro de 2013 pola que se convoca concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia.

Mediante Orde do 20 de febreiro de 2013 da conselleira de Facenda (DOG núm. 40, do 26 de febreiro) convocouse concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia.

Ao igual que nos precedentes concursos de corpos xerais, entre os méritos valorables compútase a asistencia a cursos de formación sobre competencias administrativas transversais.

Non se computa a formación sobre competencias administrativas propias dos departamentos (agricultura e gandaría, industria, arquivos e bibliotecas…) que si son susceptibles de valoración nos concursos para a provisión de postos vacantes reservados ás escalas.

Non obstante o anterior, no parágrafo primeiro da base III.5.1 do concurso de administración xeral reproduciuse o homólogo do concurso para a provisión de postos vacantes de administración especial (DOG núm. 230, do 3 de decembro de 2012), incluíndo na relación de organismos impartidores dos cursos de formación as «consellerías e ministerios competentes na materia».

En consecuencia, cómpre excluílos da relación de organismos que figura na base III.5.1 e darlle a esta a mesma redacción que nas anteriores convocatorias para a provisión de postos vacantes de administración xeral.

Doutra banda, no anexo I da Orde do 20 de febreiro figura, co número 14, o posto co código PR.501.00.003.15770.006 (páx. 5595 do DOG). O dito posto foi adxudicado con carácter definitivo no procedemento de execución de sentenza ditada en autos número 347/2011 seguidos ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela, polo que debe ser excluído da relación de vacantes.

Polo exposto, logo da súa aprobación na Comisión de Persoal e no uso das competencias que ten atribuída polo artigo 14.2.6 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Modificar o parágrafo primeiro da base III.5.1 da Orde de 20 de febreiro de 2013 pola que se convoca o concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 40, do 26 de febreiro), que queda redactado como segue:

«Valorarase a asistencia aos cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Escola Galega de Administración Sanitaria, Academia Galega de Seguridade Pública, Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, Servizo Público Estatal de Emprego, Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar, así como os cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap) sobre as seguintes materias».

Segundo. Excluír do anexo I da Orde do 20 de febreiro de 2013 o posto número 14:

Núm.

Código do posto

Nivel

Grupo

Corpo/escala

Adm.

púb.

Denominación

Cons.

Centro directivo

Centro
de destino

Concello

14

PR.501.00.003.15770.006

25

ABC

XERAL

AXG

XEFATURA SECCIÓN PUNTO COORD. ORDES DE PROTECCIÓN

PR

SECRETARÍA XERAL DE IGUALDADE

S.X. PARA O TRATAMENTO DA VIOLENCIA DE XÉNERO

15770

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2013

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda