Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 17 de outubro de 2013 Páx. 41126

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 9 de outubro de 2013 pola que se amplía a dotación orzamentaria e o prazo de xustificación das subvencións para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ao comercio de proximidade para a incorporación das tecnoloxías da información (TIC) e fomento do comercio electrónico, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (código de procedemento IN214A).

A Orde do 5 de xuño de 2013, publicada no Diario Oficial de Galicia número 118, do 21 de xuño, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ao comercio de proximidade para a incorporación das tecnoloxías da información (TIC) e fomento do comercio electrónico (código de procedemento IN214A).

No artigo 1.3 da orde e artigo 2 do seu anexo I-Bases reguladoras precísase que as ditas subvencións serán financiadas co crédito correspondente á aplicación orzamentaria 08.02.751A.770.1 - Proxecto 2013 00305 «Modernización e fomento da calidade no comercio retallista», por un importe total de 438.700 euros dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Así mesmo, sinálase no artigo 8.4 que se poderán incrementar as contías previstas coa ampliación dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por outra banda, o artigo 1.3 do anexo I-Bases reguladoras establece a consideración de actuacións subvencionables sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2013 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17.

O artigo 17.1 do anexo I establece que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación nos lugares sinalados no artigo 2 da convocatoria e ata o 31 de outubro de 2013.

Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, tramítase o correspondente expediente de ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a anualidade 2013 para a concesión das mencionadas subvencións.

Así mesmo, tendo en conta o volume de solicitudes presentadas e o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 17.1 do anexo I da orde ampliando o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación por parte dos/das beneficiarios/as.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía e Industria en materia de comercio interior, e en exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Financiamento

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista para a anualidade 2013 na Orde do 5 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ao comercio de proximidade para a incorporación das tecnoloxías da información (TIC) e fomento do comercio electrónico, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (código de procedemento IN214A), DOG número 128, do 21 de xuño de 2013.

2. O incremento da dotación será de 100.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.751A.770.1. Proxecto 2013 00305 «Modernización e fomento da calidade no comercio retallista».

Unha vez efectuado este incremento, o importe da dotación orzamentaria ascende a 538.700 euros.

3. Artigo 2. Modificación do artigo 17.1 do anexo I da Orde do 5 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ao comercio de proximidade para a incorporación das tecnoloxías da información (TIC) e fomento do comercio electrónico (código de procedemento IN214A).

O primeiro parágrafo do artigo 17.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 2 da convocatoria e ata o 30 de novembro de 2013, do orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación: (...)».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2013

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria