Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 28 de outubro de 2013 Páx. 42248

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 16 de outubro de 2013 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións a concellos de Galicia para revitalizar o comercio de proximidade e potenciar unha rede galega de mercados de abastos excelentes, cofinanciadas polo Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (código de procedemento IN223A).

A Orde do 30 de abril de 2013, publicada no Diario Oficial de Galicia número 88, do 8 de maio, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a concellos de Galicia para revitalizar o comercio de proximidade e potenciar unha rede galega de mercados de abastos excelentes, cofinanciadas polo Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (código de procedemento IN223A).

No artigo 1.4, parágrafo primeiro do anexo I-Bases reguladoras, establece a consideración de actuacións subvencionables sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2013 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17.

O artigo 17.1 do anexo I-Bases reguladoras establece que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na respectiva xefatura territorial, da correspondente documentación. O prazo para presentala é ata o 30 de novembro de 2013.

Tendo en conta o volume de solicitudes presentadas e o longo proceso de avaliación, e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 17.1 do anexo I da orde, ampliando o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación por parte dos beneficiarios/as.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería de Economía e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación do artigo 17.1 do anexo I da Orde do 30 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a concellos de Galicia para revitalizar o comercio de proximidade e potenciar unha rede galega de mercados de abastos excelentes, cofinanciadas polo Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (código de procedemento IN223A).

O primeiro parágrafo do artigo 17.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«1. Para cobrar a subvención concedida, a persoa beneficiaria deberá presentar, na respectiva xefatura territorial, a seguinte documentación, en orixinal ou copia compulsada e o prazo para presentala é ata o 18 de decembro de 2013: (...)».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2013

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria