Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 7 de novembro de 2013 Páx. 43501

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 164/2013, do 24 de outubro, polo que se modifica o Decreto 29/2009, do 5 de febreiro, polo que se regula o uso e acceso á historia clínica electrónica.

Unha vez transcorridos catro anos da entrada en vigor do Decreto 29/2009, do 5 de febreiro, polo que se regula o uso e acceso á historia clínica electrónica, a experiencia da operativa diaria no seu manexo, fai necesario realizar modificacións no antedito decreto, para adaptalo ás novas necesidades asistenciais que se detectaron e tamén para regular a realización de determinadas prácticas que non estaban cubertas na súa totalidade na anterior redacción do decreto.

A evolución do marco lexislativo abriu a vía a novas modalidades de acceso que deben ser incluídas e reguladas no ámbito da historia clínica electrónica. Así, na Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, incluíuse a disposición derradeira terceira na cal se modifica a Lei 41/2002, do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica.

Tamén se identificou a necesidade de regular adecuadamente a práctica da atención sociosanitaria, de acordo co previsto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

As modificacións introducidas no presente decreto consisten en afondar no acceso á historia clínica electrónica por parte do persoal de xestión e servizos dos centros, servizos ou establecementos sanitarios, acceso que se atopa en todo caso limitado a aqueles datos estritamente necesarios para o cumprimento das súas funcións; estes profesionais quedan suxeitos á obriga de segredo respecto dos datos que coñezan no desempeño da súa actividade, consonte o disposto no artigo 16.6 da Lei 41/2002, do 14 de novembro. É este o caso dos traballadores sociais, os cales desempeñan un papel fundamental para garantir unha atención sanitaria e social integral e integrada aos usuarios do Sistema sanitario público de Galicia, dada a influencia e afectación que os determinantes sociais teñen sobre a saúde das persoas, de xeito que a súa intervención na asistencia sanitaria dos pacientes resulta esencial para contribuír á mellora da saúde e á diminución das inequidades sanitarias a que aqueles condicionantes sociais poden dar lugar.

Así mesmo, permitirase o acceso polos profesionais sanitarios de centros sociosanitarios da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, así como daqueles centros sociosanitarios concertados para a prestación de servizos.

Por último, modifícanse as previsións relativas ao acceso para fins epidemiolóxicos, de saúde pública, de investigación ou de docencia, así como o acceso motivado por requirimento xudicial, que se adaptan ás novidades introducidas pola Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e catro de outubro de dous mil trece

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 29/2009, do 5 de febreiro, polo que se regula o uso e acceso á historia clínica electrónica

O Decreto 29/2009, do 5 de febreiro, polo que se regula o uso e acceso á historia clínica electrónica, queda modificado como segue:

Un. O artigo 9 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 9. Acceso polo persoal de xestión e servizos

O sistema IANUS permitirá o acceso á información contida na historia clínica electrónica ao persoal de xestión e servizos dos centros, servizos e establecementos sanitarios. Os traballadores sociais que desenvolvan as súas funcións nos centros, servizos ou establecementos sanitarios unicamente poderán rexistrar a súa actividade nas epígrafes correspondentes a aspectos sociais e sociosanitarios da historia clínica.

O acceso mencionado estará restrinxido aos datos imprescindibles para o exercicio das súas funcións en relación co seu posto de traballo, e respectará o dereito á intimidade persoal e familiar dos/as pacientes ou usuario/as».

Dous. Engádese un novo artigo 10.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 10 bis. Acceso por profesionais sanitarios de centros sociosanitarios da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, así como daqueles centros sociosanitarios concertados para a prestación de servizos

Permitirase o acceso á información contida na historia clínica electrónica aos/ás profesionais sanitarios que desenvolven a súa actividade nos centros sociosanitarios dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, así como a aqueles/as profesionais sanitarios/as que traballen para as persoas físicas ou xurídicas que presten servizos sociosanitarios concertados coa Xunta de Galicia ou co Servizo Galego de Saúde, coa acreditación previa do cumprimento das exixencias contidas na normativa de protección de datos persoais. Este acceso estará limitado ás historias clínicas dos/as pacientes ou usuario/as ingresados nestes centros sociosanitarios e no marco temporal que dure ese ingreso.

Estes centros concertados incorporarán á historia clínica electrónica a documentación clínica xerada pola asistencia sanitaria prestada».

Tres. O número 1 do artigo 11 queda redactado nos seguintes termos:

«O acceso á información contida na historia clínica electrónica con fins epidemiolóxicos, de saúde pública, de investigación ou de docencia réxese polo disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e demais normas de aplicación en cada caso, entre outras, a Lei 12/1989, do 9 de maio, da función estatística pública, a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, da tecnoloxía e a innovación, e a Lei 14/2007, do 3 de xullo, de investigación biomédica.

O acceso á información contida na historia clínica electrónica con estes fins obriga a preservar os datos de identificación persoal do paciente ou usuario/a, separados dos de carácter clínico-asistencial, de maneira que, como regra xeral, quede asegurado o anonimato, agás que o/a propio/a paciente ou usuario/a dese o seu consentimento para non separalos, ou ben existan criterios técnicos e/ou científicos que requiran a identificación da persoa para efectos epidemiolóxicos e de saúde pública. O acceso aos datos e documentos da historia clínica electrónica queda limitado estritamente aos fins específicos en cada caso.

De conformidade co establecido no artigo 16.3 da Lei 41/2002, do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación, cando iso sexa necesario para a prevención dun risco ou perigo grave para a saúde da poboación, as administracións sanitarias a que se refire a Lei 33/2011, xeral de saúde pública, poderán acceder aos datos identificativos dos pacientes por razóns epidemiolóxicas ou de protección da saúde pública. O acceso deberá de realizalo, en todo caso, un profesional sanitario suxeito ao segredo profesional ou outra persoa suxeita, así mesmo, a unha obrigación equivalente de segredo, logo da motivación por parte da Administración que solicitase o acceso aos datos».

Catro. O artigo 13 queda modificado como segue:

«Artigo 13. Acceso á historia clínica electrónica a requirimento xudicial

Establécese a plena colaboración coa Administración de xustiza, de xeito que o sistema IANUS facilitará sempre o acceso á información contida na historia clínica electrónica do/a paciente ou usuario/a para a investigación xudicial. De conformidade co establecido no artigo 16.3 da Lei 41/2002, do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica, cando a autoridade xudicial o considere imprescindible e así o solicite, facilitarase a información completa da historia clínica electrónica coa unificación dos datos identificativos e os clínico-asistenciais. No resto dos supostos, a información quedará limitada estritamente para os fins específicos de cada caso».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de outubro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade