Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 15 de novembro de 2013 Páx. 44448

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2013 pola que se convoca o Curso técnico sobre construción e explotación de vertedoiros. Orde do 20 de xullo de 2009 pola que se regula a construción e a xestión dos vertedoiros na Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2013 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, e segundo o convenio asinado entre ambos os dous organismos o día 16.10.2013, o Curso técnico sobre construción e explotación de vertedoiros. Orde do 20 de xullo de 2009 pola que se regula a construción e a xestión dos vertedoiros na Comunidade Autónoma de Galicia, conforme as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

O obxecto da Orde do 20 de xullo de 2009 pola que se regula a construción e a xestión dos vertedoiros no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia é o establecemento dunha normativa técnica axeitada para as actividades de eliminación de residuos mediante depósito en vertedoiros, en desenvolvemento do disposto no Real decreto 1481/2001, do 27 de decembro, polo que se regula a eliminación de residuos mediante depósito en vertedoiro.

Na orde están recollidos os criterios de deseño, construción e explotación dos vertedoiros en Galicia. O obxecto deste curso técnico será dar a coñecer e afondar nestes criterios, con responsables da Administración autonómica, a través da Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, técnicos redactores de proxectos de vertedoiros e responsables de empresas explotadoras.

Segunda. Contidos

• Bloque I. Deseño e técnicas construtivas nos vertedoiros da Comunidade Autónoma de Galicia:

– Procedementos legais e administrativos. Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e Orde do 20 de xullo de 2009 pola que se regula a construción e xestión dos vertedoiros no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Contido básico do proxecto construtivo dun vertedoiro. Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e Orde do 20 de xullo de 2009 pola que se regula a construción e xestión dos vertedoiros no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Captación de augas superficiais. Cálculos xustificativos das infraestruturas proxectadas.

– Topografía e comprobación de estabilidade. Cálculos xustificativos.

– Captación e tratamento de lixiviados e biogás. Cálculos xustificativos das infraestruturas proxectadas.

• Bloque II. Materiais na construción de vertedoiros na Comunidade Autónoma.

– Plan de control de calidade e informe final de garantía de control de calidade na instalación de xeosintéticos. Orde do 20 de xullo de 2009 pola que se regula a construción e a xestión dos vertedoiros no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Desenvolvemento do plan de control de calidade en obra.

– Xeosintéticos. Xeotéxtiles e produtos relacionados.

– Xeomembranas.

– Barreiras xeosintéticas arxilosas (GBR-C) e o seu deseño en función da permeabilidade aos lixiviados dun vertedoiro.

• Bloque III. Xestión dos vertedoiros na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Criterios e procedemento de admisión de residuos nun vertedoiro. Orde do 20 de xullo de 2009 pola que se regula a construción e a xestión dos vertedoiros no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Control documental e libro de rexistro na actividade de eliminación de residuos en vertedoiro. Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, e Decreto 59/2009, do 26 de febreiro, polo que se regula a rastrexabilidade dos residuos.

– Plan de vixilancia e control ambiental durante a explotación do vertedoiro. Orde do 20 de xullo de 2009 pola que se regula a construción e a xestión dos vertedoiros no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Plan e métodos de explotación dun vertedoiro.

– Sistemas de tratamento e xestión dos lixiviados e biogás xerados no vertedoiro.

• Bloque IV. Visita a un vertedoiro. Visita ás instalacións de eliminación de residuos non perigosos.

Terceira. Destinatarios

– Profesionais que desexen coñecer da man de técnicos da Administración a orde que regula a construción e xestión de vertedoiros e ter ao mesmo tempo a visión que achegan os proxectistas e responsables da súa xestión.

– Proxectistas, directores de obra, xefes de obra, xefes de oficina técnica, coordinadores de seguridade e saúde etc., que queiran coñecer o seu papel nos diferentes ámbitos de traballo do deseño, construción e explotación de vertedoiros.

– Responsables de xestión e explotación de vertedoiros.

– Estudantes de enxeñaría.

Cuarta. Desenvolvemento

Este curso técnico desenvolverase na aula número 5 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) os días 9 e 10 de decembro, segundo o seguinte horario:

– Día 9.12.2013:

Mañá: das 9.00 ás 13.45 horas. Tarde: das 16.00 ás 19.30 horas.

– Día 10.12.2013:

Mañá: das 9.00 ás 13.45 horas (clausura). Tarde (visita a un vertedoiro): das 16.00 ás 18.30 horas.

Duración: este curso técnico terá unha duración de 16 horas lectivas.

Quinta. Número de prazas

Limitado pola capacidade do local.

Sexta. Solicitudes e pagamento

A inscrición e o pagamento da matrícula deberán formalizarse a través do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia (http://www.ciccpgalicia.es).

Sétima. Prazo de inscrición e presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o mércores 4 de decembro de 2013.

Oitava. Certificado de aproveitamento

Entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización deste curso técnico.

Novena. Modificacións e incidencias

A EGAP e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso técnico, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2013

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública