Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 18 de novembro de 2013 Páx. 44551

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 166/2013, do 14 de novembro, polo que se modifica o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, aprobado polo Decreto 93/1991, do 20 de marzo.

O Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, aprobado polo Decreto 93/1991, do 20 de marzo, regula no seu artigo 14 o prazo para tomar posesión do destino obtido nos concursos para a provisión de postos de traballo de persoal funcionario.

Consonte o dito precepto, o prazo para tomar posesión do novo destino obtido é de tres días hábiles se o posto de traballo está na mesma localidade, ou dun mes se radica en localidade distinta.

A dita regulación estaba en consonancia coa obriga do funcionariado de residir na localidade onde radicaba o posto, de maneira que a adxudicación dun posto en distinta localidade comportaba necesariamente o cambio de residencia.

Neste contexto resulta claro que a finalidade do artigo 14 era permitirlle ao funcionariado dispoñer do tempo suficiente para realizar as xestións inherentes ao traslado de residencia e non atribuír un permiso ou licenza para o desfrute do/a funcionario/a trasladado/a polo único feito de selo.

A desaparición da obriga de residir na localidade onde radica o posto, unido á mellora dos medios de transporte públicos e privados e á maior dispersión territorial dos servizos administrativos, determina que o cambio de localidade xa non comporte de ordinario o cambio de residencia do funcionariado.

Por outra banda, a incorporación das novas tecnoloxías e a maior proximidade aos cidadáns dos centros prestadores de servizos reducen notablemente o tempo necesario para a práctica de todo tipo de xestións.

O artigo 14 modifícase para establecer uns prazos de toma de posesión adaptados a esta nova realidade.

Así, para o caso de que o novo destino comporte un cambio de residencia, o prazo de toma de posesión fíxase en sete días hábiles, prazo próximo ao establecido noutras normas estatais e autonómicas cando o cambio de localidade ten lugar dentro da mesma comunidade autónoma na cal radicaba o anterior destino.

Non obstante, para o suposto de reingreso ao servizo activo, en ausencia dun anterior destino de referencia no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, o prazo para tomar posesión amplíase a vinte días hábiles.

Polo que respecta ao cesamento, este terá lugar na data que se determine mediante orde da persoa titular da consellería convocante do concurso publicada no Diario Oficial de Galicia. A anterior previsión de que o cesamento se debería efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución do concurso dificultaba a planificación da actividade en numerosos centros de traballo e producía, en ocasións, alteracións no normal funcionamento dos servizos.

A modificación dos prazos de toma de posesión dos postos provistos polo procedemento de concurso comporta a modificación dos prazos de toma de posesión dos postos provistos polo procedemento de libre designación, en virtude da remisión contida no artigo 16.2 do Decreto 93/1991.

O decreto estrutúrase nun único artigo, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, ao abeiro do artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, co informe favorable da Comisión de Persoal, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de novembro de dous mil trece.

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, aprobado polo Decreto 93/1991, do 20 de marzo

O artigo 14 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, aprobado polo Decreto 93/1991, do 20 de marzo, queda redactado nos seguintes termos:

«1. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse na data que se determine xustificadamente mediante orde da persoa titular da consellería convocante publicada no Diario Oficial de Galicia. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita data.

2. A persoa titular da consellería onde preste servizos o/a funcionario/a poderá, non obstante, diferir o cesamento, por necesidades do servizo, ata vinte días hábiles, o cal lle deberá ser comunicado á unidade a que sexa destinado o/a funcionario/a.

Excepcionalmente, por proposta da consellería, por exixencias do normal funcionamento dos servizos apreciadas en cada caso pola dirección xeral competente en materia de función pública, poderá ser adiada por esta a data do cesamento ata un máximo de tres meses, computada a prórroga prevista no parágrafo anterior.

Con independencia do establecido nos dous parágrafos anteriores, a persoa titular da consellería onde obteña novo destino o/a funcionario/a poderá conceder unha prórroga de incorporación ata un máximo de vinte días hábiles, se o destino implica cambio de residencia e así o solicitase o interesado por razóns xustificadas.

3. O cómputo dos prazos de toma de posesión iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, se é o caso, fosen concedidos aos/ás interesados/as.

Nos supostos de baixa temporal ou transitoria, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta.

4. Para todos os efectos, o prazo de toma de posesión considerarase como de servizo activo, polo que os efectos económicos comezarán no novo destino desde a data de cesamento no de procedencia.

5. Unha vez transcorrido o período de presentación das instancias, as solicitudes formuladas serán vinculantes para o/a peticionario/a e os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que se obteña outro destino mediante convocatoria pública antes de rematar o prazo de toma de posesión.

6. Os destinos adxudicados consideraranse de carácter voluntario e, en consecuencia, non xerarán dereito ao aboamento de indemnización por ningún concepto, sen prexuízo das excepcións previstas no réxime de indemnizacións por razón de servizo».

Disposición transitoria única. Procedementos de provisión de postos iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto

A regulación contida neste decreto será de aplicación aos procedementos de provisión iniciados con anterioridade á súa entrada en vigor que estean pendentes de resolución.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar as disposicións que requira a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de novembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda