Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 21 de novembro de 2013 Páx. 45080

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 5 de novembro de 2013 pola que se regulan os prezos privados aplicables pola expedición das follas de reclamacións de turismo.

O artigo 16 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, dispón que a usuaria ou usuario turístico ten dereito a formular queixas e reclamacións de acordo co establecido na presente lei. As empresas turísticas están obrigadas a ter nos seus establecementos follas de reclamacións facilitadas pola Administración da Xunta de Galicia. A súa existencia deberá ser anunciada de forma visible e inequívoca e deberán ser entregadas, de forma inmediata, ás usuarias e usuarios cando as soliciten e, se é o caso, tras o pagamento dos servizos prestados. As características e o procedemento para a tramitación das follas de reclamacións determinaranse regulamentariamente.

De conformidade co Decreto 148/2013, do 12 de setembro, polo que se regulan o libro de visitas da inspección turística e as follas de reclamacións de turismo, mediante o que se desenvolve regulamentariamente o devandito artigo, as empresas turísticas obrigadas a dispoñer de follas de reclamación de turismo, poderán descargalas de xeito gratuíto da páxina web da Axencia Turismo de Galicia, no enderezo http://turismo.xunta.es/, ou ben solicitalas á respectiva área provincial da Axencia Turismo de Galicia.

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que «son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos a que se refire o artigo 3 desta lei pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestándose tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados».

Así mesmo, o artigo 51 da referida lei establece que «os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, logo de informe favorable da de Economía e Facenda, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, sen prexuízo de que excepcionalmente poidan aplicarse subvencións reguladoras. Para estes efectos, a consellería correspondente remitirá á de Economía e Facenda o proxecto normativo xunto coa memoria económica en que se xustifiquen os aspectos anteriores. A norma que fixe estes prezos deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia».

Na súa virtude, vista a proposta formulada pola Axencia Turismo de Galicia e logo do informe favorable da Consellería de Facenda, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento do prezo que aplicará pola expedición das follas de reclamacións de turismo a respectiva área provincial da Axencia Turismo de Galicia, logo da solicitude da persoa titular ou representante da empresa ou establecemento turístico.

Artigo 2. Suxeitos obrigados ao pagamento

1. Son suxeitos obrigados ao pagamento as persoas titulares das empresas turísticas que soliciten as follas de reclamacións de turismo.

2. Os organismos da Administración pública da Xunta de Galicia, definidos no artigo 3 da Lei 6/2003, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentos do pagamento do prezo privado regulado na orde.

Artigo 3. Forma de liquidación e pagamento

O pagamento do prezo deberá realizarse no momento de presentar a solicitude das follas de reclamacións de turismo, como requisito previo e necesario para a realización da entrega conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 29 de xuño de 1994 pola que se regula o procedemento de recadación voluntaria das taxas e dos prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Fixación do prezo

1. Apróbase o prezo pola expedición de follas de reclamación de turismo, que será de 0,15 euros por folla.

2. O prezo inclúe o imposto do valor engadido (IVE).

Artigo 5. Actualización do prezo

O prezo establecido no artigo 4 desta orde poderá actualizarse o 1 de xaneiro de cada ano na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para o conxunto nacional total (IPC, base 2006) no mes de novembro, calculado polo Instituto Nacional de Estatística. O prezo actualizado deberá facerse público mediante resolución da persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza