Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 26 de novembro de 2013 Páx. 45789

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 169/2013, do 14 de novembro, polo que se regulan os complementos das prestacións económicas na situación de incapacidade temporal e noutras situacións protexidas do persoal funcionario dos corpos ao servizo da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia.

Conforme o disposto no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, correspóndelle á Comunidade Autónoma exercer todas as facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e mais do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñezan ou atribúan ao Goberno do Estado. O traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza efectuouse a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro. Por medio do Decreto 438/1996, do 20 de decembro, asumíronse as funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o dito real decreto.

O persoal funcionario dos corpos nacionais de médicos forenses, de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e mais de auxilio xudicial dependen organicamente da Comunidade Autónoma de Galicia, e correspóndelle a esta a competencia normativa sobre o dito persoal, dentro do marco xurídico establecido pola Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial.

A referida Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, indica no seu artigo 471 que as competencias respecto de todo o persoal ao servizo da Administración de xustiza corresponden, nos termos establecidos nesa lei, ao Ministerio de Xustiza ou, se fose o caso, ás comunidades autónomas con competencias asumidas, en todas as materias relativas ao seu estatuto e réxime xurídico; e, nos mesmos termos, o Goberno ou, se fose o caso, as comunidades autónomas con competencias na materia aprobarán os regulamentos de desenvolvemento. O mesmo texto legal dispón no seu artigo 505 que o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas con competencias asumidas serán competentes para a concesión dos permisos e licenzas establecidos na dita lei orgánica, respecto dos/as funcionarios/as que presten servizos nos seus respectivos ámbitos territoriais, na forma e mediante o procedemento que se establezan nas disposicións que diten para o efecto.

O Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, estableceu un conxunto de medidas para mellorar a eficiencia das administracións públicas no uso dos recursos públicos. No seu artigo 9 regulou a prestación económica na situación de incapacidade temporal do persoal ao servizo das administracións públicas, organismos e entidades dependentes delas e órganos constitucionais.

En liña co disposto no devandito real decreto lei, a Lei orgánica 8/2012, do 27 de decembro, de medidas de eficiencia orzamentaria na Administración de xustiza, pola que se modifica a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, deulle unha nova redacción ao parágrafo sétimo do número 5 do artigo 504 da dita lei orgánica. No dito artigo determínanse as retribucións que percibirá o persoal funcionario dos corpos ao servizo da Administración de xustiza en situación de incapacidade temporal por continxencias comúns e por continxencias profesionais, e establécese que o órgano competente determinará os supostos en que, con carácter excepcional e debidamente xustificados, se poida establecer un complemento ata acadar, como máximo, o 100 % das retribucións que viñesen gozando en cada momento. Para estes efectos, consideraranse en todo caso debidamente xustificados os supostos de hospitalización e intervención cirúrxica.

Así mesmo, dispón o referido artigo que cando a situación de incapacidade temporal derive de continxencias profesionais, a retribución que percibirán poderá ser complementada desde o primeiro día, ata acadar como máximo as retribucións que lle viñesen correspondendo ao dito persoal no mes anterior ao de se orixinar a incapacidade.

A disposición transitoria sexta da Lei orgánica 8/2012, do 27 de decembro, dispón que o parágrafo 7 do artigo 504.5 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, entrará en vigor cando o órgano competente determine os supostos en que, con carácter excepcional e debidamente xustificados, se poida establecer un complemento ata acadar, como máximo, o 100 % das retribucións, e en todo caso no prazo máximo de seis meses.

O presente decreto regula a percepción por parte do persoal ao servizo da Administración de xustiza, competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, dos complementos das prestacións económicas na situación de incapacidade temporal e noutras situacións protexidas. O carácter de corpo nacional que conserva o persoal ao servizo da Administración de xustiza transferido á Comunidade Autónoma de Galicia constitúe o fundamento para que, nesta norma, se estableza unha regulación das situacións de incapacidade temporal que sexa, esencialmente, común e homoxénea á establecida para aqueles/as funcionarios/as pertencentes aos mesmos corpos nacionais, xa sexan da Administración do Estado como doutras comunidades autónomas.

A regulación establecida mediante o presente decreto afecta tanto o persoal funcionario suxeito ao réxime especial do mutualismo administrativo a través da Mutualidade Xeral Xudicial coma ao persoal funcionario suxeito ao réxime xeral da Seguridade Social, de acordo co previsto no citado punto 5 do artigo 504 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, no cal de xeito expreso se indica que en ningún caso os/as funcionarios/as adscritos/as aos réximes especiais de Seguridade Social xestionados polo mutualismo administrativo poderán percibir unha cantidade inferior na situación de incapacidade temporal por continxencias comúns á que lles corresponda aos/ás funcionarios/as adscritos/as ao réxime xeral da Seguridade Social, incluídos, se fose o caso, os complementos que lles resulten de aplicación a estes/as últimos/as.

O decreto estrutúrase en seis artigos, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

Os artigos 1 e 2 determinan o obxecto da norma e o seu ámbito de aplicación, en canto á regulación dos complementos das prestacións económicas na situación de incapacidade temporal e noutras situacións protexidas do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza de competencia autonómica.

O artigo 3 enumera os supostos excepcionais que dan dereito á plenitude de dereitos económicos na situación de incapacidade temporal por continxencias comúns e nas situacións de risco durante o embarazo e risco durante a lactación.

O artigo 4 establece os complementos económicos nas situacións de incapacidade temporal por continxencias comúns que non revisten o carácter excepcional previsto no anterior artigo.

Nos artigos 5 e 6 regúlase, respectivamente, o complemento retributivo que posibilita que as persoas beneficiarias acaden o 100 % das retribucións nos casos de incapacidade temporal por continxencias profesionais e durante o gozo dos permisos por parto, adopción, acollemento e paternidade.

O contido do decreto complétase cunha disposición transitoria relativa á aplicación temporal do réxime xurídico previsto nel, unha disposición derrogatoria única e mais dúas disposicións derradeiras que prevén o desenvolvemento da norma e a súa entrada en vigor.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de negociación coas organizacións sindicais máis representativas, co informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e tras deliberación do Consello da Xunta Galicia na súa reunión do día catorce de novembro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto regular os complementos das prestacións económicas na situación de incapacidade temporal, nas situacións de risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural e durante o gozo dos permisos por parto, adopción, acollemento e paternidade, ata acadar o 100 % das retribucións do persoal funcionario dos corpos ao servizo da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Este decreto será de aplicación ao persoal funcionario integrado no mutualismo xudicial a través da Mutualidade Xeral Xudicial e mais ao persoal funcionario encadrado no réxime xeral da Seguridade Social, dos corpos de médicos forenses, de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial ao servizo da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Complemento económico ata o 100 % das retribucións durante as situacións de incapacidade temporal derivadas de continxencias comúns e nas situacións de risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural

1. Considéranse supostos excepcionais e debidamente xustificados que dan dereito ao aboamento do complemento ata o 100 % das retribucións ao persoal funcionario da Administración de xustiza dependente da Comunidade Autónoma de Galicia os seguintes:

a) Situacións de incapacidade temporal derivadas de continxencias comúns motivadas por supostos de hospitalización e intervención cirúrxica, con independencia de que sobreveñan con posterioridade ao inicio da incapacidade e sempre que correspondan ao mesmo proceso patolóxico.

b) Situacións de incapacidade temporal derivadas de procesos que impliquen tratamentos oncolóxicos.

c) Situacións de incapacidade temporal que teñan inicio durante os procesos de xestación ou de lactación, aínda que non dean lugar a unha situación de risco durante o embarazo ou de risco durante a lactación.

d) Situacións de incapacidade temporal derivadas de enfermidades que foron causa da concesión de discapacidade con grao igual ou superior ao 33 %.

e) Situacións de incapacidade temporal derivadas de enfermidades graves, entendéndose por tales os procesos patolóxicos susceptibles de ser padecidos por persoas adultas que estean recollidos no Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento, no sistema da Seguridade Social, da prestación económica por coidado de menores afectados/as por cancro ou outra enfermidade grave.

f) Situacións de incapacidade temporal motivadas pola situación física ou psicolóxica derivada da violencia de xénero.

g) Situacións de risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural.

2. Para os efectos do aboamento do complemento do 100 % das retribucións enténdese incluída a hospitalización en réxime de internamento, a hospitalización a domicilio e mais a estancia nos hospitais de día, incluíndo os períodos de observación nos servizos de urxencias hospitalarias.

Para os mesmos efectos consideraranse intervencións cirúrxicas, sempre que estean incluídas na carteira de servizos do sistema sanitario público, as intervencións cirúrxicas con internamento, as intervencións de cirurxía maior ambulatoria e de cirurxía menor ambulatoria e mais as intervencións médicas invasivas, como colonoscopias, gastroscopias ou outras de características similares.

3. Os supostos de carácter excepcional regulados no punto 1 deste artigo deberán ser xustificados mediante a presentación do correspondente parte de baixa médica e da documentación que proceda segundo o caso:

a) Hospitalización e intervención cirúrxica: xustificante de hospitalización emitido polo centro hospitalario ou certificado médico que acredite a práctica dunha intervención cirúrxica ou dunha intervención médica invasiva incluída na carteira de servizos do sistema sanitario público.

b) Situación física ou psicolóxica derivada da violencia de xénero: a acreditación da condición de vítima de violencia de xénero efectuarase consonte o previsto no artigo 5 da Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

c) Resto de supostos: certificado ou informe médico que xustifique a circunstancia que corresponda.

4. A falta de presentación dos xustificantes que correspondan implicará que a incapacidade temporal se tramitará consonte o disposto no artigo 4.

Artigo 4. Complementos económicos durante o resto das situacións de incapacidade temporal por continxencias comúns

1. En virtude do disposto no parágrafo sétimo do artigo 504.5 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, nas situacións de incapacidade temporal derivadas de continxencias comúns nos supostos non recollidos no artigo 3, o complemento económico calcularase seguindo as seguintes regras:

a) Desde o primeiro día da situación de incapacidade temporal ata o terceiro día inclusive, aboaráselle ao/á funcionario/a un complemento económico ata acadar o 50 % das retribucións tanto básicas coma complementarias coma, se fose o caso, da prestación por fillo/a ao cargo, tomando como referencia aquelas retribucións que percibía no mes inmediato anterior ao de se causar a situación de incapacidade temporal.

b) Desde o cuarto día da situación de incapacidade temporal ata o vixésimo día, ambos inclusive, aboaráselle ao/á funcionario/a un complemento económico ata acadar o 75 % das retribucións tanto básicas coma complementarias coma, se fose o caso, da prestación por fillo/a ao cargo.

c) A partir do día vixésimo primeiro e ata o día cento oitenta, ambos inclusive, aboaráselle ao/á funcionario/a o 100 % das retribucións básicas e complementarias coma, se fose o caso, da prestación por fillo/a ao cargo.

d) A partir do día cento oitenta e un será de aplicación para o persoal funcionario integrado no mutualismo xudicial, a través da Mutualidade Xeral Xudicial, o subsidio establecido no punto 1.B) do artigo 20 do Real decreto lexislativo 3/2000, do 23 de xuño, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes sobre o réxime especial de Seguridade Social do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

2. En ningún caso os/as funcionarios/as adscritos/as aos réximes especiais de Seguridade Social xestionados polo mutualismo administrativo poderán percibir unha cantidade inferior en situación de incapacidade temporal por continxencias comúns á que lles corresponda aos/ás funcionarios/as adscritos/as ao réxime xeral da Seguridade Social, incluídos, se fose o caso, os complementos que lles resulten de aplicación a estes/as últimos/as.

De acordo co previsto no parágrafo anterior, a partir do día cento oitenta e un desde a declaración da situación de incapacidade temporal, ao persoal funcionario de carreira suxeito ao réxime especial do mutualismo administrativo a través da Mutualidade Xeral Xudicial complementaráselle o subsidio previsto no punto 1.B) do artigo 20 do Real decreto lexislativo 3/2000, do 23 de xuño, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes sobre o réxime especial de Seguridade Social do persoal ao servizo da Administración de xustiza, ata chegar ao 100 % das súas retribucións básicas e complementarias.

3. As referencias a días incluídas no presente artigo entenderanse realizadas a días naturais.

Artigo 5. Complemento retributivo ata o 100 % durante as situacións de incapacidade temporal por continxencias profesionais

1. Durante as situacións de incapacidade temporal derivadas de continxencias profesionais aboaráselle ao persoal funcionario da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia un complemento económico ata acadar o 100 % das retribucións que viñesen correspondendo ao dito persoal no mes anterior ao de se orixinar a incapacidade.

2. O devandito complemento aboarase desde a data de inicio da situación de incapacidade temporal ata a súa data de finalización.

Artigo 6. Complementos económicos ata o 100 % das retribucións durante o gozo dos permisos por parto, adopción, acollemento e paternidade

Durante o desfrute dos permisos por parto, adopción, acollemento e paternidade aboaránselle ao persoal funcionario os complementos necesarios ata acadar o 100 % das retribucións, durante todo o período de tempo que comprenda o permiso.

Disposición transitoria única. Réxime transitorio

O disposto no presente decreto será de aplicación ás situacións de incapacidade temporal e demais situacións protexidas previstas nel iniciadas a partir do 29 de xuño de 2013.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de xustiza para adoptar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de novembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza