Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 4 de decembro de 2013 Páx. 46809

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 28 de novembro de 2013 pola que se regula a composición, funcionamento e organización do Consello Asesor Técnico do Servizo Galego de Saúde.

O Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e dispón no seu artigo 22 que o Consello Asesor Técnico é o órgano colexiado encargado do asesoramento técnico do dito organismo autónomo.

O citado artigo engade que a súa composición, funcións e réxime xurídico se regularán por medio dunha orde da persoa titular da consellaría con competencias en materia de sanidade.

En cumprimento do sinalado na norma anterior, esta orde desenvolve o réxime de funcionamento, as funcións como órgano de carácter consultivo e a composición por persoas de recoñecido prestixio e cunha traxectoria profesional acreditada no ámbito sanitario.

Por tanto, o Consello Asesor Técnico do Servizo Galego de Saúde realizará funcións de asesoramento en relación cos aspectos científicos, sociais e profesionais no ámbito da atención sanitaria, desde unha visión multidisciplinar que se reflicte na súa composición.

Na súa virtude, por proposta da xerente do Servizo Galego de Saúde, e no uso das competencias que me son atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular a composición, funcionamento e organización do Consello Asesor Técnico, como órgano colexiado de asesoramento no ámbito da asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2. Funcións do Consello Asesor Técnico

Ao Consello Asesor Técnico correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asesorar o Servizo Galego de Saúde, en todos os asuntos do seu ámbito competencial, sen prexuízo das competencias que poidan ter outros órganos.

b) Elaborar os informes e ditames que lle sexan solicitados no ámbito de actuación do Servizo Galego de Saúde.

c) Estudar e emitir informe sobre plans, programas ou proxectos, que sexan sometidos á súa consideración.

d) Presentar propostas de mellora dos servizos do Servizo Galego de Saúde.

e) Calquera outra que lle sexa atribuída ou encomendada.

Artigo 3. Composición

1. O Consello Asesor Técnico estará formado por un máximo de 15 persoas de recoñecido prestixio, recoñecemento social e traxectoria profesional acreditada no ámbito sanitario.

2. Os membros do Consello Asesor Técnico serán nomeados e cesados pola persoa titular da Presidencia do Servizo Galego de Saúde, por proposta da titular da Xerencia do dito organismo autónomo.

3. O nomeamento dos membros do Consello Asesor Técnico terá unha duración de 3 anos e poderá ser renovado sucesivamente por outros períodos de igual tempo.

4. Na composición do Consello Asesor procurarase unha igualdade entre o número de homes e mulleres.

Artigo 4. Organización

1. O Consello Asesor Técnico terá a seguinte organización: Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría e vogais.

2. As persoas titulares da Presidencia e da Vicepresidencia do Consello Asesor Técnico serán designadas pola presidenta do Servizo Galego de Saúde, por proposta da súa xerente, de entre os membros do Consello.

3. A Secretaría do Consello Asesor Técnico será asumida por unha persoa adscrita ao Servizo Galego de Saúde, e designada para tal efecto pola persoa titular da Presidencia do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 5. Funcións da Presidencia do Consello Asesor Técnico

Corresponde á persoa que exerza a Presidencia de Consello Asesor Técnico a realización das seguintes funcións:

a) Exercer a representación do Consello Asesor Técnico.

b) Manter a continuidade do Consello, coordinando as actividades deste e executando os acordos que se adopten.

c) Acordar a convocatoria das reunións ordinarias e extraordinarias.

d) Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adopción de acordos.

e) Visar as actas e certificacións de acordos adoptados polo Consello.

f) Solicitar, en nome do Consello, a colaboración de institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións ou particulares, así como invitar a participar no pleno ou nas comisións que, se é o caso, se poidan crear, a expertos de recoñecida competencia nos asuntos de que se trate.

g) Outras funcións que lle poidan ser atribuídas.

Artigo 6. Funcións da Vicepresidencia

Corresponderá á Vicepresidencia a realización das seguintes funcións:

a) Asumir a Presidencia do Consello Asesor Técnico nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular desta.

b) Participar nas reunións con voz e voto.

c) Aqueloutras funcións que expresamente lle sexan encomendadas pola Presidencia ou polo Pleno.

Artigo 7. Funcións da Secretaria do Consello Asesor Técnico

A persoa responsable da Secretaría terá as seguintes funcións:

a) Asistir ás sesións con voz e sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións seguindo as instrucións da Presidencia, e realizar as notificacións aos membros do Consello.

c) Preparar o despacho dos asuntos, redactar e autorizar as actas das sesións, así como realizar o arquivamento dos documentos do Consello.

d) Expedir as certificacións das consultas, ditames ou acordos aprobados.

e) Aqueloutras funcións inherentes á súa condición.

Artigo 8. Funcións dos vogais

Os vogais terán as seguintes funcións:

a) Participar nos debates das sesións e emitir o seu voto, así como expresar o sentido deste e os seus motivos, e formular votos particulares.

c) Formular rogos e preguntas.

d) Obter a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

e) Outras funcións inherentes á súa representación.

Artigo 9. Réxime de funcionamento

1. O Consello Asesor Técnico funcionará en pleno e poderá crear comisións sectoriais, se se estima necesario.

2. O Pleno do Consello reunirase polo menos dúas veces ao ano coincidindo con semestres naturais ou, con carácter extraordinario, por requirimento da Presidencia.

3. As comisións sectoriais que se poidan crear, cuxa composición será acordada polo Pleno, reuniranse cando así sexa necesario para o desenvolvemento das tarefas específicas que lles sexan encomendadas. A organización e funcionamento destas comisións rexeranse polas normas que se establezan no regulamento de réxime interno.

Artigo 10. Convocatorias

1. A convocatoria das reunións do Pleno, será realizada pola Secretaría de acordo coa orde da Presidencia e cos asuntos que esta indique. As comisións sectoriais terán o seu propio réxime de convocatorias de conformidade co acordado polo Pleno.

2. Ao escrito de convocatoria, que incluirá a orde do día, deberá unirse a documentación específica sobre os asuntos que se van tratar e remitirse aos membros do Consello cunha antelación mínima de corenta e oito horas. A convocatoria realizarase por medios electrónicos. Cando a documentación dos asuntos a tratar sexa considerable e dificulte a súa remisión por medios electrónicos, habilitarase un acceso a esta para os membros do Consello Asesor Técnico.

Artigo 11. Constitución

1. O Pleno do Consello Asesor Técnico considerarase constituído coa presenza das persoas que exerzan a Presidencia e a Secretaría e, polo menos, a metade dos vogais.

2. Poderán asistir ás reunións, con voz e sen voto, aquelas persoas que sexan invitadas pola Presidencia en calidade de expertas en relación coas materias incluídas na orde do día.

Artigo 12. Réxime de acordos

1. Os acordos do Consello Asesor Técnico adoptaranse por maioría simple.

2. De cada sesión que se celebre levantarase a acta correspondente en que consten os acordos adoptados, que se poderá motivar, se así o solicitan os membros do Consello.

Artigo 13. Recursos materiais e humanos

O Servizo Galego de Saúde prestará o apoio administrativo, de persoal e material, que sexa preciso para que o Consello Asesor Técnico realice as funcións atribuídas.

Artigo 14. Réxime supletorio

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, será de aplicación supletoria en todo o non previsto nesta orde.

Disposición adicional única. Gasto público

A creación do Consello Asesor Técnico do Servizo Galego de Saúde non supón incremento do gasto público. A pertenza a este órgano considerase de carácter honorario, e non poderá derivar ningún gasto da asistencia ás reunións do Consello.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade