Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Xoves, 5 de decembro de 2013 Páx. 46981

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2013 pola que se convoca un curso sobre as novas instrucións de contabilidade local.

Conforme os fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP convoca, en colaboración coa Dirección Xeral de Administración Local, un curso sobre as novas instrucións de contabilidade local.

1. Obxectivos.

A partir do 1 de xaneiro de 2015 entrarán en vigor as novas instrucións de contabilidade local, recentemente aprobadas mediante distintas ordes do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, que serán de aplicación para as entidades locais, os seus organismos autónomos, sociedades mercantís locais e entidades públicas empresariais locais, nos termos que ao respecto se establecen na propia instrución.

Dar a coñecer as novidades máis relevantes que incorporan as novas instrucións de contabilidade pública local, con especial referencia ao modelo normal, é o obxectivo principal que nos formulamos para este curso.

2. Contido.

O curso, que terá unha duración de 40 horas e carácter mixto, estrutúrase nos seguintes módulos:

– Marco normativo da contabilidade pública local. Ámbito de aplicación das novas instrucións de contabilidade.

– Estrutura da nova instrución (modalidade normal): novidades máis significativas.

– O marco conceptual.

– Normas de rexistro e valoración.

– Contas anuais.

3. Prazas: 40.

4. Destinatarios.

Interventores, tesoureiros, secretarios-interventores, empregados públicos dos grupos A1 ou A2 e persoal laboral asimilado da Administración local de Galicia, con competencias en materia contable.

Este curso valorarase con 0,30 puntos a aqueles alumnos que fosen considerados aptos á finalización do curso e, polo tanto, teñan dereito ao certificado de aproveitamento, sempre que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento de Administración local, en cumprimento do previsto na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, na Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994, e conforme o establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter estatal (DOG núm. 52, do 16 de marzo de 2009).

5. Pagamento da matrícula.

O importe da matrícula é de cento vinte e cinco euros (125 €).

O importe anterior deberase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula.

6. Forma de pagamento.

A EGAP comunicará ao alumnado admitido no curso o prazo, así como o modo para a formalización da matrícula.

A EGAP non procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

7. Incumprimento dos prazos de pagamento.

As persoas matriculadas que non fagan efectivo o importe total dos dereitos de inscrición, dentro dos prazos marcados para cada caso, perderán a súa condición de alumnos deste curso e non terán dereito á devolución das contías ingresadas con anterioridade.

8. Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo para a inscrición será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que para tal efecto figurará, na páxina web da EGAP, no seguinte enderezo:

http://egap.xunta.es/cursoContabilidadLocal

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

– Certificación pública descritiva das funcións que desenvolve no posto de traballo, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que presta os seus servizos.

– Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular

9. Criterios de selección.

Os participantes serán seleccionados por unha comisión técnica independente designada para este efecto cuxa composición será publicada no portal web da EGAP. A comisión seleccionará os candidatos con discrecionalidade técnica e independencia con respecto aos órganos directivos da EGAP.

Os criterios selectivos para a admisión neste curso serán os seguintes:

9.1. Posto de traballo actual.

9.2. Experiencia profesional independente e distinta da correspondente ao actual posto de traballo, o que se acreditará exclusivamente nos termos sinalados na base 8.

9.3. Formación:

9.3.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos de entre 40 e 200 horas relacionados coa materia do curso.

9.3.2. Formación impartida:

a) Ensinanzas oficiais universitarias.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.4. Outros méritos:

9.4.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionadas coa materia do curso.

9.4.2. Premios e bolsas relacionadas coa materia do curso

Todos os méritos alegados deberán acreditarse nos termos consignados e serán achegados seguindo a orde establecida nesta convocatoria, e a documentación exixida presentarase numerada nos termos desta. A non formalización nos referidos termos supoñerá a non valoración destes.

En todo caso, esta convocatoria rexerase subsidiariamente polos criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro de 2008).

10. Publicación da lista de seleccionados e prazo de presentación de alegacións.

A lista de seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es/). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Lista de espera.

A comisión fixará unha lista de espera por orde de preferencia no proceso selectivo para cubrir as posibles vacantes daquelas persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das primeiras vinte e catro horas lectivas. As persoas que non figuren na devandita lista de espera, ou ben se encontran nun posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das causas establecidas nas bases da convocatoria.

12. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, As Fontiñas, Santiago de Compostela, entre o 9 de xaneiro e o 20 de febreiro.

Terá unha duración de 40 horas que se distribuirán do seguinte xeito:

– 20 horas entre o 9 de xaneiro e o 20 de febreiro, todos os xoves, a razón de tres horas por semana, desde as 16.30 ás 20.00 h.

– As outras 20 horas serán de teleformación.

13. Renuncia, asistencia e puntualidade.

13.1. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.es

– O número de fax 981 54 63 30.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

13.2. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

– Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais.

– Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.

d) As persoas que incumpran o previsto na letra c):

– Perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

– Pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

14. Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, os alumnos deberán superar un exame tipo test, que constará de 25 preguntas con 4 posibles respostas, das que deberán escoller unha. Valoraranse negativamente as erróneas e exixirase un mínimo do 60 % do total de preguntas acertadas para a superación do test.

15. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva jpara si a facultade de modificar o programa e de resolver as cuestións que puidesen xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo (se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización).

Corresponde á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o seu desenvolvemento.

A realización deste curso queda condicionada á formalización de matrículas, así como ao pagamento de polo menos o seu primeiro prazo, por un importe que a Dirección da EGAP considere suficiente para o financiamento do curso. En caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, a EGAP procederá á devolución das cantidades aboadas.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2013

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública