Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 19 de decembro de 2013 Páx. 48834

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

DECRETO 182/2013, do 12 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

O artigo 23.1 da Lei 17/2012, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2013, dispón que durante o exercicio 2013 non se procederá no sector público autonómico á incorporación de novo persoal, agás a que poida derivar da execución de ofertas de emprego público de exercicios anteriores.

Non obstante, sempre que se respecten as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I, o artigo 23.2 exceptúa da anterior limitación determinados sectores e colectivos de marcado carácter prioritario respecto dos cales a taxa de reposición de efectivos se fixa no 10 %. Para estes efectos consideraranse efectivos aqueles que veñan desempeñando a súa actividade en servizos que teñen carácter permanente na Comunidade Autónoma.

Entre estes sectores a lei inclúe o control e loita contra o fraude fiscal, subvencións públicas, asesoramento xurídico, xestión e control da asignación eficiente dos recursos públicos. Para atender estes sectores, a Comunidade Autónoma de Galicia conta con corpos e escalas da Administración xeral.

Con respecto á reserva da cota para persoas con discapacidade, aínda que xa se acadou o 2 % dos efectivos totais nesta Administración pública, pero a normativa de función pública permite que a porcentaxe de reserva mínima sexa dun 5 %, esta Administración considera conveniente manter a porcentaxe do 7 % das vacantes, que se distribuirá segundo se establece no anexo I das prazas obxecto desta oferta.

En cumprimento do disposto no número cinco da disposición adicional sétima do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de función pública de Galicia, non serán de aplicación os números 3 e 4 da dita disposición.

O artigo 70 do Estatuto básico do empregado público establece a posibilidade de que a oferta de emprego conteña non só o referente á incorporación de persoal de novo ingreso, senón tamén outras medidas derivadas da planificación de recursos humanos.

Así mesmo, cómpre modificar o anexo I do Decreto 55/2011, do 31 de marzo, polo que respecta á escala de topógrafos do subgrupo A2, do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, co fin de especificar que unha praza queda reservada para o proceso extraordinario de consolidación de emprego, previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e na disposición transitoria décimo cuarta do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de función pública de Galicia.

O artigo 31.6 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Función Pública de Galicia, establece o procedemento de autorización da oferta de emprego público que corresponde ao Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellería competente en materia de función pública.

Pola súa banda, o artigo 33.2 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, exixe o informe favorable da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

Neste marco e tendo en conta os postos de traballo vacantes en distintos corpos e escalas da Administración xeral desta comunidade autónoma que afectan o funcionamento dos servizos públicos esenciais, de conformidade co previsto no artigo 33 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, así como no artigo 23 da Lei 17/2012, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2013, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa ao persoal funcionario de corpos e escalas da Administración xeral do ano 2013, e establecer os criterios en que debe enmarcarse esta oferta.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, logo de informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e da Comisión de Persoal, e de conformidade co establecido no artigo 13.8 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, por proposta da conselleira de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de decembro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

De conformidade co disposto no artigo 31.6 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo; no artigo 70 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público; no artigo 23.1 da Lei 17/2012, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2013, así como no artigo 33 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas da Administración xeral da Xunta de Galicia para o ano 2013, nos termos que se establecen neste decreto.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

A oferta de emprego público de 2013 inclúe as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso.

Tal e como establece o Estatuto básico do empregado público, a oferta de emprego público, como instrumento de planificación dos recursos humanos dispoñibles, define e cuantifica os efectivos en función das necesidades e prioridades derivadas da planificación xeral dos recursos humanos.

A distribución realizarase de conformidade co disposto no articulado e no anexo I deste decreto, tendo en conta o disposto no artigo 63 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e a disposición transitoria segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público.

Artigo 3. Criterios xerais de aplicación nos procesos selectivos

1. De acordo coa Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, sinálanse os seguintes principios reitores para o acceso ao emprego público e a adquisición da relación de servizo:

A) Na selección do seu persoal, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia garantirá, ademais dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, os principios de:

– Publicidade das convocatorias e das súas bases.

– Transparencia.

– Imparcialidade e profesionalidade dos órganos de selección e os seus membros.

– Independencia e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.

– Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e tarefas que se van desenvolver.

– Axilidade, sen prexuízo da obxectividade, nos procesos selectivos.

B) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste decreto.

C) A composición dos tribunais de selección do persoal da Administración pública galega será paritaria para o conxunto da oferta pública de emprego, tanto se se trata de acceso ao emprego como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, modificado pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia.

D) Os procesos selectivos que prevexan a realización de probas con respostas alternativas farán públicos os cadros de respostas na páxina web da Xunta de Galicia, ademais de nos lugares que se estipulen na convocatoria.

E) O funcionamento e a actuación dos tribunais de selección axustaranse ás instrucións en vigor no momento de realización das probas selectivas ditadas para o efecto polo órgano competente en materia de función pública.

2. Se nun determinado corpo, escala, subgrupo ou categoría da Administración pública galega se verificase a infrarrepresentación do sexo feminino, entendendo por infrarrepresentación cando exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes, de existir méritos iguais entre dous ou máis candidatos ao finalizar o proceso selectivo e antes da proposta de nomeamento dos candidatos aprobados, deberá aplicarse como primeiro criterio de desempate a preferencia das mulleres, salvo se considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nos candidatos de ambos sexos existen motivos non discriminatorios para preferir o home, de acordo co artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

Artigo 4. Persoas con discapacidade

1. Nos procesos serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos no presente artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co previsto no artigo 59 do Estatuto básico do empregado público e na disposición adicional sétima do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, reservarase unha cota do 7 % das vacantes ofertadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 1.2 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal de persoas con discapacidade, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións, de modo que, progresivamente, se acade o dous por cento dos efectivos totais da Administración da Xunta de Galicia.

Non obstante e ao acadarse nesta Administración o obxectivo do 2 % dos efectivos totais, pola quenda de discapacitados, non será de aplicación o disposto nos números 3 e 4 da disposición adicional sétima do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

A reserva farase sobre o cómputo total das vacantes incluídas na oferta de emprego público, segundo figura no anexo I.

3. A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias con declaración expresa dos interesados de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará, de se obter praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas terán idéntico contido e realizaranse en condicións de igualdade co resto dos aspirantes; garantirase, en todo caso, o carácter individual dos procesos, e darase un tratamento diferenciado ás dúas quendas durante o procedemento selectivo, no que se refire ás relacións de admitidos e excluídos, aos chamamentos, aos exercicios e á relación de aprobados. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única na cal se incluirán todos os candidatos que superaron todas as probas selectivas, ordenados pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participen. A dita relación será a determinante para a petición e a adxudicación de destinos, agás o previsto no número 7 deste artigo, de acordo co previsto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.

Se na súa realización se lle suscitan dúbidas ao órgano de selección respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos/as funcionarios/as do corpo ou escala a que se opta, poderán solicitar o correspondente ditame do órgano competente.

4. Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou os períodos de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto os tribunais ou comisión de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

5. Con anterioridade ao nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo, a consellería competente en materia de función pública requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

6. Os procesos selectivos deberán incluír a posibilidade de que nas convocatorias en que se estableza unha cota de reserva para persoas con discapacidade, unha vez cubertas as prazas desta cota, os aspirantes que superasen a fase de oposición, pero non obteñan praza pola cota de reserva, poidan optar, en igualdade de condicións, ás prazas do sistema xeral, tanto no caso de acceso por promoción interna como no de quenda libre.

7. Tras superar o proceso selectivo, as persoas que ingresen en corpos ou escalas de persoal funcionario e que fosen admitidas na convocatoria ordinaria con prazas reservadas para persoas con discapacidade poderanlle solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a escolla das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a dita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberase limitar a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa discapacitada.

Disposición adicional primeira. Modificación do anexo I do Decreto 55/2011, do 31 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2011, respecto a escala de Administración especial

Convocarase mediante o proceso extraordinario de consolidación previsto na disposición transitoria décimo cuarta do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, a praza de Administración especial que se especifica no anexo II deste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento do decreto

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de decembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO I
Prazas correspondentes á oferta para o ingreso nos corpos e escalas
da Administración xeral do ano 2013

1. Acceso libre

Disc. (7 %)

Corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A1)

13

2

Corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A2)

9

1

Escalas:

Corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A1)

– Escala superior de finanzas

– Escala de letrados

8

6

Corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A2)

– Escala técnica de finanzas

8

Total

44

3

Total xeral

47

ANEXO II
Praza correspondente á oferta para o ingreso na escala da Administración especial do ano 2011 reservada ao proceso extraordinario de consolidación

Corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia (subgrupo A2)

– Topógrafo (OEP 2011)                                                                                            1

Total                                                                                                                            1