Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2014 Páx. 2946

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención e defensa contra os incendios forestais en montes veciñais en man común cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 e se convocan para o ano 2014.

O Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), establece as normas que regulan estas subvencións.

O Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, establece disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, relativo á subvención ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O Regulamento (CE) 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, establece disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas medidas de subvención ao desenvolvemento rural.

Esta orde enmárcase no Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) 2007-2013, aprobado por Decisión C (2008) 703 da Comisión, do 15 de febreiro de 2008, dentro do eixo 2 e a medida 2.2.6 (Recuperación do potencial forestal e implantación de medidas preventivas e, ademais, dado o seu enfoque á prevención de incendios, encádrase como medida horizontal dentro do Marco nacional de desenvolvemento rural.

O Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, establece os criterios para subvencionar os custos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader.

O Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, modificado polo Decreto 131/2012, do 31 de maio, segundo o cal esta consellería é o departamento da Administración autonómica a que corresponden, entre outras, as competencias para propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, nas cales se inclúen a prevención e defensa contra os incendios forestais.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada pola disposición derradeira primeira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes, e o Decreto 105/2006, do 22 de xuño, que regulan as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, e a Orde de 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establecen a regulación do réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, organismos e demais entidades vinculadas ou dependentes desta, así como tamén ás entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e entidades dependentes delas. Esta lei aplícase con carácter supletorio respecto da normativa reguladora das subvencións financiadas pola Unión Europea.

A Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establece no seu artigo 25 que a Consellería do Medio Rural e do Mar dará aos montes veciñais en man común carácter preferente nas súas actuacións de fomento e mellora da produción agraria e na concesión de subvencións para esta finalidade.

A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000, e 25 de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionado á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2014.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas, en consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que os titulares de montes veciñais en man común e as súas agrupacións poderán percibir para a posta en marcha de actuacións preventivas previstas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2014 en réxime de concorrencia competitiva.

Esta incentivación na colaboración dos titulares de montes veciñais en man común na realización de traballos de silvicultura preventiva contribuirá a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, de grande importancia na nosa comunidade, onde supoñen aproximadamente un terzo da superficie forestal existente, e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia.

2. De acordo co devandito obxecto establécense dúas liñas de subvencións:

a) Liña I: subvencións para o control selectivo de combustible.

b) Liña II: subvencións para a construción de puntos de auga.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. O disposto nesta orde será de aplicación aos montes veciñais en man común da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto aqueles que estean consorciados coa Administración, salvo que solicitasen a rescisión ou transformación do dito consorcio.

No caso de montes consorciados coa Xunta de Galicia poderá solicitarse subvención naquela superficie non consorciada.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións os titulares de montes veciñais en man común, así como as súas agrupacións e mancomunidades, sempre que non incorran en ningunha das circunstancias mencionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. As actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, o sexa, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia, conforme o disposto na Orde do 18 de abril do 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.

2. No caso de agrupacións, deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación. Cando se trate de agrupacións sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición dos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.

No caso da liña II a porcentaxe de subvención deberá ser proporcional á superficie de cada CMVMC con respecto á superficie total da agrupación.

Artigo 4. Superficies forestais mínimas para solicitar subvencións

1. A superficie forestal mínima por expediente será de duascentas cincuenta hectáreas (250 ha). Para acadar a superficie as comunidades de montes veciñais en man común (en diante CMVMC) poderán formar unha agrupación, sempre que as CMVMC se encontren nunha mesma provincia e, ademais, cumpran con algún destes requisitos:

Localización nun mesmo concello.

Localización en concellos limítrofes sempre que sexan estremeiras.

2. Excepcionalmente, no caso de que a CMVMC, mancomunidade ou algunha das CMVMC que integren a agrupación estea localizada nalgún concello incluído en espazo declarado como zona de especial protección dos valores naturais, segundo o recollido no Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais (DOG nº 69, do 12 de abril) a superficie mínima a que fai referencia o primeiro parágrafo será de 100 ha.

Artigo 5. Condicións xerais e técnicas do investimento

1. Antes da aprobación da subvención:

Os interesados cumprirán as seguintes condicións:

a) As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para poderen acceder a estas subvencións.

b) As cuotas mínimas de reinvestimento dos montes veciñais serán do 40 % de todos os ingresos xerados, segundo o disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

c) Deberán presentar a solicitude correctamente completada, conforme o anexo I ou II, segundo a liña de subvención. Os datos incluídos nestes anexos terán a consideración de declaración responsable e son esenciais para a súa aprobación, polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar á inadmisión da solicitude.

No caso de agrupacións, a solicitude irá asinada polo representante da agrupación de conformidade co artigo 3.2 das presentes bases.

Neste suposto, e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión da subvención, deberá constar no expediente a documentación que acredite a representación para efectos de tramitación da subvención e, se for o caso, do cobramento desta, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo que figura no anexo V.

A Administración poderá requirir fotocopia do NIF da CMVMC, mancomunidade ou CMVMC representante da agrupación, se for necesario, para continuar cos trámites administrativos correspondentes.

d) Non se poderán solicitar subvencións para actuacións en:

– Zonas de protección lateral do Camiño de Santiago.

– Zonas en que existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

– Zonas incluídas en hábitats prioritarios.

e) En zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución soamente serán aprobables as subvencións solicitadas en terreos en que o acordo de concentración parcelaria sexa firme.

f) Os terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa non poderán beneficiarse destas subvencións.

g) Non se concederán subvencións para o control selectivo de combustible nas mesmas superficies en que se subvencionou nos tres anos anteriores, excepto para a acción de roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais (artigo 20.5.d)).

h) Non se poderán solicitar simultaneamente subvencións para as actuacións de roza en rexenerado forestal natural (artigo 20.5.c)) e de roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas (artigo 20.5.d)) na mesma superficie. No caso de solicitarse quedará anulada este ultima actuación.

i) Cando as subvencións consistan nunha porcentaxe do orzamento das actuacións preventivas, o total da subvención calcularase segundo o orzamento apreciado e aprobado pola Consellería do Medio Rural e do Mar, segundo o disposto para cada liña de subvencións nos capítulos II e III desta orde. O IVE non será subvencionable.

j) Cada beneficiario só poderá obter unha subvención para cada unha das liñas, independentemente de que o solicite individualmente ou agrupado, xa que, en caso de agrupacións de CMVMC hai que atender ao disposto no artigo 8 punto 3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, que recolle que todos os integrantes da agrupación terán a consideración de beneficiarios. Se un solicitante presenta solicitude individual e agrupadamente, levará consigo o arquivamento da solicitude presentada individualmente. Se presenta máis dunha solicitude para a mesma liña, arquivaranse todas as solicitudes presentadas.

2. No caso de se conceder a subvención, achegarase a seguinte documentación complementaria:

a) Documento descritivo das actuacións co seguinte contido mínimo:

1º. Estado legal dos predios obxecto de subvención: superficie, localización, estremeiros, accesos... En particular, deberá reflectirse se as actuacións se atopan en:

– Montes xestionados pola Xunta de Galicia.

– Rede Natura 2000.

– Zonas de protección lateral do Camiño de Santiago.

– Zonas en que existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

– Terreos cun proceso de concentración parcelaria iniciado.

– Terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa.

2º. Descrición das actuacións que se levarán a cabo. As actuacións describiranse por zona de actuación ou mouteira (zona de actuación/mouteira 1, 2...), detallando a relación de parcelas SIXPAC correspondentes ás zonas de actuación, segundo o formato que figura no anexo IV.

3º. Cartografía: planos sobre mapas oficiais preferentemente a escala 1:5.000 ou, na súa falta, a escala 1:10.000. Estes planos reflectirán onde se localizan as distintas actuacións para cada zona. As inscricións incluirán para cada unha destas a súa identificación (zona de actuación/mouteira 1, 2...), os tipos de actuación e as superficies de actuación. As actuacións en áreas cortalumes marcaranse en cor ciano, as de faixas auxiliares en cor vermella, as de roza en rexenerado forestal natural en cor maxenta e as de desmesta en entrefaixas en cor verde. Os puntos de auga irán marcados cun círculo na cor negra e indicando as coordenadas UTM.

No caso de agrupacións, incluirase nos planos unha referencia que permita coñecer cal é a superficie con que participa cada monte veciñal da agrupación.

No caso de que a subvención se vaia desenvolver con medios propios, deberá figurar adicionalmente no documento descritivo:

– A vontade do beneficiario de empregar medios propios.

– Orzamento completo da obra, detallando a cantidade de horas das diferentes categorías profesionais que interveñan na execución de cada unha das distintas unidades de obra.

– Informe en que se describa en que vai consistir a achega, diferenciando se se trata dunha achega para toda a obra ou ben para unidades de obra concretas.

3. Informes internos previos das actuacións:

a) No caso de que as actuacións se atopen dentro da Rede Natura 2000 solicitarase informe ao Servizo de Conservación da Natureza.

b) No caso de que as actuacións se atopen en montes xestionados pola Xunta de Galicia, informe do Servizo Provincial de Montes.

c) Para a liña II, informe do SPDCIF da xefatura territorial correspondente en que se fará referencia á idoneidade do punto de auga en relación coa súa localización, características construtivas, viabilidade dos traballos, realidade xeométrica das obras, dispoñibilidade dos terreos, raio de acción do punto de auga e superficie a defender e o non inicio da construción.

Artigo 6. Actividades subvencionables, importes, contías e criterios de selección

1. As accións subvencionables, así como os importes e as porcentaxes máximas subvencionables recóllense nos capítulos II e III desta orde para cada liña de subvención.

2. A xestión desta subvención realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

3. Os criterios específicos de valoración para a adxudicación de subvencións recóllense igualmente nos capítulos II e III para cada unha das liñas de subvención.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel, preferentemente nos rexistros correspondentes aos SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. Os anexos I e II considéranse como documentación mínima imprescindible para a tramitación das solicitudes, polo que non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie a ausencia desta información. Nestes casos emitirase resolución de inadmisión. A solicitude non implica ningún dereito para o peticionario mentres non exista resolución de concesión.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. O solicitante poderá denegar a autorización para solicitar as devanditas certificacións e neste suposto deberá presentalas.

Artigo 8. Instrución e resolución de expedientes. Recursos administrativos

1. Unha vez presentada a solicitude, os SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar revisarán que conteña todos os datos.

2. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de subvencións é a Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Os SPDCIF das xefaturas territoriais correspondentes proporán ao órgano colexiado, composto polo xefe do servizo de Organización e Control de Medios, polo xefe do servizo de Programación e polo xefe da Sección de Coordinación e Organización, que actuará como secretario, a relación das solicitudes presentadas que cumpran todos os requisitos desta orde. O órgano colexiado valorará as solicitudes de subvención segundo os criterios de prioridade establecidos nesta orde para as distintas liñas e emitirá un informe para o subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais que, pola súa vez, elevará a proposta de concesión ao secretario xeral do Medio Rural e Montes.

3. O secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, resolverá sobre a aprobación das subvencións solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. No caso de non ditarse resolución expresa no prazo indicado, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida, a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación, e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e prazo para interpoñelos; ademais, reflectirá que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e o eixe prioritario do programa de desenvolvemento rural de que se trata. O órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

6. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 9. Compromisos dos beneficiarios e coordinación co SPDCIF

1. Os medios humanos e materiais a que se refire esta orde observarán o disposto no artigo 47 da Lei 10/2006, do 28 de abril, pola que se modifica a Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

2. Os puntos de auga deberán manterse operativos durante, ao menos, 20 anos e manter o acceso libre para as tarefas de prevención e defensa contra incendios forestais.

3. O beneficiario comprométese en todo momento a facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á Consellería do Medio Rural e do Mar, así como a outras instancias autonómicas ou comunitarias.

4. Os medios humanos e materiais que executen as obras deberán cumprir coa normativa laboral, en particular, coa de prevención de riscos laborais.

Artigo 10. Documentación complementaria e prazo de presentación

1. Unha vez aprobada a subvención, o beneficiario presentará preferentemente nos rexistros correspondentes aos SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, a documentación complementaria recollida no artigo 5.2.

2. No prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de aprobación, a devandita documentación deberá ter entrada nos rexistros correspondentes aos SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Unha vez presentada a documentación complementaria requirida no artigo 5.2, os SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar revisarán a documentación e, no caso de que conteña defectos ou omisións, o requirimento de emenda de erros, por tratarse dun acto integrante dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, farase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios e na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia. Se a instrución do procedemento o aconsellar, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para continuar coa tramitación do procedemento.

4. Serán motivo de perda do dereito da subvención as seguintes causas:

Os informes desfavorables do servizo de Conservación da Natureza, do servizo provincial de Montes ou do SPDCIF da xefatura territorial correspondente.

A notificación da resolución polo que se dea por transcorrido o prazo do requirimento de emenda da documentación.

A existencia de discrepancias entre as actuacións reflectidas no documento descritivo e ás recollidas na resolución de aprobación.

Artigo 11. Execución da subvención

1. Para a liña I, unha vez aprobada a subvención e presentada a documentación recollida no artigo 5.2 poderase realizar unha inspección para verificar as superficies propostas de traballo e a súa viabilidade.

Esta inspección será realizada no campo por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Os traballos poderán comezar unha vez que sexan favorables os informes que se recollen no artigo 5.3, se son necesarios.

Os traballos de roza e trituración de restos deberán suspenderse no caso de que o IRDI sexa extremo.

2. No caso de renuncia, despois de recibida a aprobación da subvención, deberá comunicarse por escrito á Consellería do Medio Rural e do Mar.

3. O beneficiario poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada, conforme o previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os contratistas quedarán obrigados só fronte ao beneficiario, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Consellería do Medio Rural e do Mar.

Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 €, a subcontratación estará sometida a que o contrato se subscriba por escrito e a que sexa autorizada previamente pola autoridade competente.

Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no anterior parágrafo.

No suposto de subcontratación, non serán subvencionables os custos relativos aos seguintes subcontratos:

Os que aumenten o custo da execución da operación sen un valor engadido.

Os celebrados con intermediarios ou asesores nos cales o pagamento consista nunha porcentaxe do pagamento total da operación, a non ser que o beneficiario xustifique o dito pagamento por referencia ao valor real do traballo realizado ou os servizos prestados.

Artigo 12. Alteración de condicións

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, para a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar a modificacións da resolución de concesión.

No caso de que haxa modificación de parcelas SIXPAC, presentarase unha memoria modificada, que deberá obter un informe favorable do SPDCIF da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar correspondente.

Artigo 13. Responsabilidade

1. A organización e materialización das actividades subvencionadas será responsabilidade exclusiva do beneficiario.

2. A actuación da Consellería do Medio Rural e do Mar quedará limitada ao outorgamento da correspondente subvención e a garantir o cumprimento da normativa en materia de subvencións.

Artigo 14. Xustificacións

1. O beneficiario deberá comunicar aos SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar o final das obras.

2. O prazo máximo para o final e xustificación dos traballos será de 3 meses desde a notificación da resolución de aprobación da subvención e, como máximo, ata o 31 de outubro do ano 2014.

3. A xustificación presentarase preferentemente nos SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

4. A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá solicitar dos peticionarios toda a información e xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, co obxecto de comprobar a realización das actuacións subvencionables e os custos derivados.

5. Para os efectos do disposto no artigo 29 punto 2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e dado que existen módulos para cada unidade de obra que supoñen que, en ningún caso, o custo de execución dos traballos subvencionados poida ser superior ao valor de mercado, considérase gasto realizado o que foi efectivamente comprobado por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural e do Mar.

6. O pagamento será satisfeito unha vez realizada a obra preventiva ou construción.

7. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

8. A subvención definitiva será a resultante da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural e do Mar, un deles distinto dos que realizaron a inspección en campo.

9. Coa comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente, no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas. Esta comprobación final consistirá en:

• Liña I. Subvencións para o control selectivo de combustible.

Certificado emitido por dous funcionarios en que se indique se as obras realizadas foron executadas conforme a solicitude e á memoria inicial ou modificada presentada polo beneficiario, especificando o número de hectáreas rozadas e a súa localización.

No caso de que se tivese realizado unha inspección, non poden coincidir os dous funcionarios que realizan a inspección cos que certifican.

• Liña II. Construción de puntos de auga.

Certificado emitido por dous funcionarios en que se indique se os puntos de auga foron realizados conforme a solicitude e á memoria inicial ou modificada presentada polo beneficiario.

No caso de que o importe xustificado polo beneficiario coa notificación de remate dos traballos supere en máis dun 3 % o importe da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural e do Mar, reducirase a maiores a subvención que se perciba, resultante da comprobación final, na diferenza entre ambos os importes. Non obstante, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe xustificado.

10. Xunto coa solicitude de pagamento en que figurará a data de remate dos traballos, achegarase a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes datos:

– Acreditación sobre o número de unidades físicas consideradas como módulo.

– Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os prezos das unidades de obra previstos nesta subvención.

c) Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia, segundo o formato que figura no anexo III.

d) Certificación bancaria da CMVMC ou mancomunidade titular do terreo ou agrupación.

e) As facturas presentaranse en orixinal, e nelas o órgano xestor marcará cun selo o investimento para cuxa xustificación foron presentadas e a porcentaxe do importe do xustificante que resulta afectado pola orde. Estas facturas devolveranse unha vez realizados todos os trámites pertinentes do pagamento.

No caso de empregar medios propios, achegaranse, ademais:

– Nóminas correspondentes ao tempo dedicado polo traballadores á execución do traballo, certificando especificamente o emprego da porcentaxe de tempo que cada traballador dedicou á obra.

-Documentación acreditativa do pagamento das nóminas, cargas sociais e retención do IRPF.

– No caso doutros gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada (compra de materiais,...) as facturas acreditativas deses gastos e os xustificantes de pagamento.

– O beneficiario poderá imputar ao proxecto os custos de amortización dos medios materiais propios, sempre que se calculen de conformidade coas normas de contabilidade, para o cal deberá achegar a documentación acreditativa do sistema de cálculo empregado.

11. Ao abeiro do artigo 4.4 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader, a xustificación do pagamento realizarase a través dos módulos que están recollidos no artigo 20 desta orde.

12. Non procederá o pagamento das subvencións nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

b) Para a liña I, no caso de que algún agrupado non execute a porcentaxe de traballos prevista e isto supoña que a agrupación non cumpre co disposto no artigo 4, en relación coas superficies forestais mínimas por expediente, non se procederá ao seu pagamento.

c) Execución de menos do 80 % das accións viables sen autorización previa ou causa xustificada de forza maior.

Artigo 15. Procedemento de reintegro

1. Serán causas de reintegro as recollidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Nestes casos, excepto nos de forza maior, procederá o reintegro da subvención percibida e dos xuros de demora producidos desde o seu pagamento, de acordo coa Lei de réxime financeiro e orzamentario da Xunta de Galicia. Os intereses calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días entre a data de reembolso ou dedución.

3. Serán casos de forza maior, de conformidade co disposto no artigo 47 do Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 18 de decembro de 2006:

a) Falecemento do beneficiario.

b) Incapacidade profesional de longa duración do beneficiario.

c) Expropiación dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que se subscribiu o compromiso.

4. A notificación dos casos de forza maior e as probas relativas a eles deberán realizarse por escrito e nun prazo de dez días hábiles, contados desde a data en que se produciu o caso de forza maior.

5. Así mesmo, procederase ao reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou outras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, á porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Artigo 16. Controis

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar realizará os controis administrativos sobre o 100 % das solicitudes de axuda e pagamento.

2. A Consellería do Medio Rural e do Mar realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas coa finalidade de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das subvencións concedidas. Estes controis realizaranse sobre unha mostra que represente, ao menos, o 4 % do gasto público declarado á Comisión cada ano civil e, ao menos, o 5 % do gasto público subvencionable declarado á Comisión en todo o período de programación. Estes controis realizaranse, na medida do posible, antes do pagamento final dun proxecto.

Na liña II os expedientes poderán ser sometidos a controis a posteriori; estes controis cubrirán anualmente ao menos un 1 % do gasto en investimentos completamente pagados e comunicados á Comisión.

3. O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas e as instancias de control comunitarias.

4. Seralles de aplicación ás subvencións recollidas nesta orde e non se poderá efectuar ningún pagamento sen realizar o pertinente control sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento (CE) 65/2011 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento 1698/2005, do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de subvención ao desenvolvemento rural.

Artigo 17. Financiamento

1. As subvencións que deriven da aplicación desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.20.551B.770.0, código de proxecto 2009 00717: «Subvencións para investimentos en materia de incendios forestais», cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nunha porcentaxe do 75 % respecto ao gasto público total.

2. O orzamento desta orde é de tres millóns de euros (3.000.000,00 €), repartidos do seguinte xeito:

a) Liña I: dotada cun total de dous millóns oitocentos mil euros (2.800.000,00 €).

b) Liña II: dotada cun total de douscentos mil euros (200.000 €).

3. A Consellería do Medio Rural e do Mar, chegado o caso, poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento da presente orde, cando o incremento derive de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

4. No caso de que queden remanentes de crédito destinados ao financiamento dunha liña de subvencións, tales remanentes poderán ser destinados ao financiamento da outra liña de subvención.

5. A orde tramítase como expediente anticipado de gasto, ao abeiro do previsto no artigo 25 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2014.

Artigo 18. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas do beneficiario:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión, que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos (BOE nº 150, do 23 de xuño).

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Deberase levar un sistema de contabilidade específica Feader ou ben un código contable axeitado onde se rexistren as transaccións relativas á operación, tal e como exixe o artigo 75.1.c) i) do Regulamento (CE) 1698/2005.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 de subvencións de Galicia.

j) Os beneficiarios deberán cumprir co disposto no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, en relación coa información e publicidade; en particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 €, deberase colocar unha placa explicativa e cando o custo supere os 500.000 €, deberase colocar un panel publicitario. En ambos os casos figurará a descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema Feader «Europa inviste no rural».

Artigo 19. Infraccións e sancións

1. En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

CAPÍTULO II
Subvencións para o control selectivo de combustible

Artigo 20. Actividades subvencionables

1. A prevención engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación.

2. As actuacións subvencionables nesta liña consistirán no control selectivo do combustible en devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural, así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais, coa finalidade de reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por estes sinistros, en caso de se produciren. Estes traballos realizaranse sempre dentro do ámbito territorial do monte ou montes para os cales o beneficiario solicite a subvención.

3. Os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito conteñen as accións necesarias para a defensa contra incendios forestais e, alén das accións de prevención e outras medidas previstas en materia de emerxencias, inclúen a previsión e a programación integrada das intervencións das diferentes entidades implicadas no operativo contra incendios forestais.

4. Todas as iniciativas particulares de prevención e defensa deben estar articuladas e encadradas nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito, por tanto, as actividades subvencionables incluídas nesta liña deben estar sempre de acordo co previsto no devandito plan de prevención.

5. Dentro desta liña subvencionaranse as seguintes accións:

a) Devasas.

Consistirá na roza mecanizada do mato a feito. Non se inclúen nesta actuación as rozas en rexenerado forestal natural nin en montes cunha fracción de cabida cuberta arborizada igual ou superior ao 20 %. Son traballos que se encamiñan especificamente a romper a continuidade horizontal e vertical do combustible forestal cunha largura tal que en condicións normais deteña o lume e sirva de apoio aos medios terrestres para que nos labores de extinción realicen o ataque directo ou indirecto desde estas áreas, creando zonas estratéxicas co fin de dificultar o inicio e a propagación do lume e facilitar a defensa dos montes contra os incendios forestais.

Estas faixas terán un largo mínimo de 16 metros e a altura do mato despois da roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

No seguinte artigo descríbense as actuacións que se poderán incluír dentro das devasas.

b) Faixas auxiliares de pista.

Consistirá na eliminación nas marxes de vías e camiños forestais do estrato arbustivo e subarbustivo, ata os catro metros desde a aresta exterior da vía ou camiño, sempre que sexa tecnicamente viable. Incluirase nesta actuación a roza de noiros e/ou da plataforma cando sexa necesario.

A altura do mato despois da roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

No seguinte artigo descríbense as actuacións que se poderán incluír dentro das faixas auxiliares de pista.

c) Roza en rexenerado forestal natural.

Consistirá na roza mecanizada por faixas do mato con arboredo, co obxecto de defender a masa forestal, diminuír a densidade de pés e facela viable. Esta actuación estímase nuns 2/3 da superficie do rexenerado.

A masa forestal procederá da rexeneración natural e terá un diámetro medio que non superará os 6 cm e unha densidade superior aos 5.000 pés/ha.

A altura do mato despois da roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

No seguinte artigo descríbense as actuacións que se poderán incluír dentro da roza en rexenerado forestal natural. Os prezos refírense a hectáreas de actuación.

d) Roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais.

Consistirá nunha roza superficial de penetración, o rareo e a posterior eliminación dos restos acordoados en masas forestais coas características recollidas na alínea c) anterior e nas cales en anos anteriores se tivesen realizado as actuacións recollidas nese punto. A roza superficial de penetración e o rareo aplicaranse nas entrefaixas, estímase que nun terzo da superficie, mentres que o resto da superficie, aproximadamente dous terzos, eliminaranse os restos mediante trituración.

A densidade final para acadar será de entre 1.000 e 2.000 pés/ha.

A altura do mato despois da trituración non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

No seguinte artigo descríbense as actuacións que se poderán incluír dentro da roza e clareo nas entrefaixas de masas forestais. Os prezos refírense a hectáreas de actuación.

6. As actuacións poderanse desenvolver de xeito manual, con desbrozadoras ou apeiros manuais similares, se for necesario, mantendo sempre os importes e porcentaxes máximas de subvención previstas no artigo 21.

7. A superficie mínima que se pode solicitar para todas as devanditas actuacións será de 10 ha e a máxima de 20 ha, para expedientes con CMVMC, mancomunidades ou agrupacións de CMVMC de menos de 1.000 ha clasificadas como MVMC e de 40 ha como máximo, para expedientes en que a devandita superficie sexa maior o igual a 1.000 ha. Estes máximos poderán incrementarse ata 30 ha no primeiro caso, sempre que polo menos se soliciten 10 ha para roza mecanizada en rexenerado forestal natural e ata 60 ha, para o segundo caso, sempre que, polo menos, se soliciten 20 ha para roza mecanizada en rexenerado forestal natural.

Artigo 21. Importes e porcentaxes máximos das subvencións

1. A contía das subvencións estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. Os prezos que se reflicten na seguinte táboa son indicativos para o titular da solicitude e obrigatorios como tope máximo na aplicación polos SPDCIF para a aprobación dos orzamentos.

Unidade

Descrición

Prezo máximo
aplicable en euros

Porcentaxe máxima
subvencionable

Áreas cortalumes

Ha

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

409,10

80 %

Faixas auxliares de pista

Ha

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

409,10

80 %

Ha

Roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar

490,07

80 %

Roza mecanizada en rexenerado forestal natural

Ha

Roza mecanizada en rexenerado forestal natural

272,73

80 %

Roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas
de masas forestais

Ha

Roza superficial de penetración e rareo das entrefaixas de masas forestais e eliminación mediante trituración con rozadora de martelos ou similar dos restos, no resto da superficie

868,63

80 %

Artigo 22. Criterios de selección

1. A concesión das subvencións axustarase aos principios xerais recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. As actuacións preventivas subvencionadas complementarán os labores de prevención desenvolvidos polos medios propios dos SPDCIF, de xeito que se reforcen nos lugares estratéxicos e se estendan ao máximo posible no territorio.

3. Atenderanse as solicitudes de maior a menor puntuación ata acadar o orzamento asignado para esta liña, segundo o baremo seguinte:

a) Expedientes con montes veciñais situados en concellos declarados zonas de alto risco segundo o disposto na Orde do 18 de abril do 2007, pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal ou incluídos en concellos con espazos declarados zonas de especial protección dos valores naturais, segundo o disposto no Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais (DOG nº 69, do 12 de abril): 2 puntos.

b) Número de comunidades que integran a agrupación, puntuación:

Dúas comunidades: 0,20 puntos.

Tres comunidades: 0,45 puntos.

Catro comunidades: 0,75 puntos.

Cinco ou máis comunidades: 1 punto.

c) Superficie total da CMVMC, agrupacións de CMVMC ou mancomunidades clasificada como MVMC:

Desde 500 ata 1.000 ha: 1 punto.

Máis de 1.000 e ata 2.000 ha: 2 puntos.

Máis de 2.000 ha: 3 puntos.

d) Expedientes que inclúan algún monte con instrumento de xestión rexistrado (Orde do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión de Montes ou de acordo cos instrumentos de ordenación e xestión de montes da Lei 7/2012, de montes): 1 punto.

e) Expedientes con algún monte con certificación forestal con sistema PEFC ou FSC:1 punto.

f) En consonancia coas prioridades das medidas de fomento dispostas no artigo 121 da Lei 7/2012, os expedientes con montes protectores: 2 puntos.

4. Para todos os casos, de existir empate, prevalecerá a maior puntuación obtida na alínea a) e, se este continuar, será preferente a maior puntuación obtida nas alíneas b), c), d), e) e f) sucesivamente.

De continuar o empate, prevalecerá a maior superficie clasificada da CMVMC, agrupacións de CMVMC ou mancomunidade, despois o maior número de comunidades que integran a agrupación e, por último, de maior a menor, o valor da suma das catro últimas cifras do NIF da CMVMC solicitante ou representante.

CAPÍTULO III
Construción de puntos de auga

Artigo 23. Actividades subvencionables

1. Os puntos de auga integran as redes de defensa contra incendios forestais dos distritos.

2. Subvencionarase a construción de puntos de auga para a prevención e defensa contra incendios forestais, que se localizarán en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais, cunha orografía axeitada para a actuación dos medios do SPDCIF e garantindo a actuación rápida destes. A localización dos puntos de auga será coherente co disposto nos plans de prevención de distrito.

3. Os puntos de auga deberán cumprir, cando menos, coas seguintes premisas:

a) Permitirán a carga de vehículos motobomba do SPDCIF.

b) Levarán peche perimetral de seguranza e protección.

c) As dimensións mínimas dos puntos de auga serán as que figuran a seguir:

– Depósito de auga 5×4×2 m (volume útil 30 m3).

– Depósito de auga 6×4×2,5 m (volume útil 50 m3).

– Depósito de auga 7×4×2,5 m (volume útil 60 m3).

Subvencionarase un máximo dun punto de auga para expedientes con CMVMC, mancomunidades ou agrupacións de CMVMC de menos de 500 ha clasificadas e de dous puntos de auga para expedientes en que a devandita superficie sexa maior ou igual a 500 ha.

4. Ademais, o beneficiario deberá manter operativos para a prevención e defensa contra incendios forestais estas infraestruturas durante ao menos 20 anos, polo que deberá garantir:

a) Un acceso axeitado a eles dos medios do SPDCIF.

b) Un caudal continuo e suficiente.

c) Un baleiramento do depósito axeitado.

d) Manterán a zona perimetral libre de vexetación arbórea e arbustiva.

5. O uso principal destas construcións estará vinculado á prevención de incendios

Artigo 24. Importes e porcentaxes máximos das subvencións

1. A contía das subvencións estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. Os prezos que se reflicten na seguinte táboa son indicativos para o titular da solicitude e obrigatorios como tope máximo na aplicación polos SPDCIF para a aprobación dos orzamentos.

Unidade

Descrición

Prezo máximo
aplicable en euros

Porcentaxe máxima
subvencionable

Ud.

Depósito de auga 5×4×2 m (volume útil 30 m3)

6.103,61

80 %

Ud.

Depósito de auga 6×4×2,5 m (volume útil 50 m3)

7.174,01

80 %

Ud.

Depósito de auga 7×4×2,5 m (volume útil 60 m3)

8.146,68

80 %

Artigo 25. Criterios de selección

1. A concesión das subvencións axustarase aos principios xerais recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Os puntos de auga deberán localizarse estratexicamente no territorio de Galicia complementando as infraestruturas deste tipo do SPDCIF de xeito que se garanta unha actuación o máis eficiente dos medios.

3. Atenderanse as solicitudes de maior a menor puntuación ata acadar o orzamento asignado para esta liña, segundo o baremo seguinte:

a) Expedientes con montes veciñais situados en concellos declarados zonas de alto risco segundo o disposto na Orde do 18 de abril do 2007, pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal, ou incluídos en concellos con espazos declarados zonas de especial protección dos valores naturais, segundo o disposto no Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais (DOG nº 69, do 12 de abril): 2 puntos.

b) Número de comunidades que integran a agrupación, puntuación:

Dúas comunidades: 0,20 puntos.

Tres comunidades: 0,45 puntos.

Catro comunidades: 0,75 puntos.

Cinco ou máis comunidades: 1 punto.

c) Superficie total da CMVMC, agrupacións de CMVMC ou mancomunidades clasificada como MVMC:

Desde 500 ata 750 ha: 1 punto.

Máis de 750 ata 1.000 ha: 2 puntos.

Máis de 1.000 ha: 3 puntos.

d) Expedientes que inclúan algún monte con instrumento de xestión rexistrado (Orde do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión de Montes ou de acordo cos instrumentos de ordenación e xestión de montes da Lei 7/2012, de montes): 1 punto.

e) Expedientes con algún monte con certificación forestal con sistema PEFC ou FSC: 1 punto.

f) En consonancia coas prioridades das medidas de fomento dispostas no artigo 121 da Lei 7/2012, os expedientes con montes protectores: 2 puntos.

4. Para todos os casos, de existir empate, prevalecerá a maior puntuación obtida na alínea a) e, se este continuar, será preferente a maior puntuación obtida nas alíneas b), c), d), e) e f) sucesivamente.

Se continuar o empate, prevalecerá a maior superficie clasificada da CMVMC, agrupacións de CMVMC ou mancomunidade, despois o maior número de comunidades que integran agrupación e, por último, de maior a menor, o valor da suma das catro últimas cifras do NIF da CMVMC solicitante ou representante.

Disposición adicional primeira

As subvencións contidas nesta orde son incompatibles con outras subvencións de calquera Administración pública e con calquera outro réxime de subvencións comunitarias para a mesma finalidade.

Disposición adicional segunda

Nos aspectos non previstos nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á subvención ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no Regulamento (CE) 1974/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, e no Regulamento (CE) 65/2011 da Comisión, do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de subvención ao desenvolvemento rural.

Disposición adicional terceira

De conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na cita páxina web. O órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de subvencións, axudas e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás subvencións e axudas recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición derradeira

A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file