Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Venres, 7 de febreiro de 2014 Páx. 5139

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2014, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convocan os Premios do Deporte Galego do ano 2013.

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, establece entre as competencias da Administración autonómica a de realizar as convocatorias de ámbito autonómico para o outorgamento de premios ou distincións e outras actuacións de fomento do deporte (artigo 5.1, letra e).

Conforme esta habilitación normativa e competencial, a Secretaría Xeral para o Deporte establece, con esta resolución, os Premios do Deporte Galego do ano 2013, que recoñecerán publicamente os máis destacados axentes do ámbito deportivo de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e categorías

Convócanse os Premios do Deporte Galego do ano 2013, que serán concedidos nas seguintes categorías:

1. Premio á mellor deportista feminina.

2. Premio á mellor deportista feminina discapacitada.

3. Premio ao mellor deportista masculino.

4. Premio ao mellor deportista masculino discapacitado.

5. Premio ao mellor equipo feminino.

6. Premio ao mellor equipo masculino.

7. Premio ao mellor equipo de deportistas discapacitadas ou discapacitados.

8. Premio á mellor entidade na promoción do deporte de base.

9. Premio ao/á mellor adestrador/a.

10. Premio ao/á mellor árbitro/a-xuíz/a.

11. Premio ao mellor labor informativo.

12. Premio ao mellor evento deportivo.

13. Premio ao patrocinio deportivo.

14. Premio deportista revelación.

15. Premio Galicia Saudable á entidade de carácter público destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

16. Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

17. Premio Galicia Saudable á entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

Xunto a estas categorías, por proposta e por resolución do xurado, poderán outorgarse mencións especiais.

Artigo 2. Presentación de candidaturas

1. Os propoñentes poderán presentar unha candidatura por categoría.

2. Poderán formular propostas as asociacións deportivas de Galicia inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, os concellos galegos, así como calquera outro organismo ou entidade pública ou privada radicado na comunidade autónoma, os membros do xurado e as persoas físicas relacionadas coa actividade física e o deporte galego, a través do anexo que se xunta a esta resolución e que se dirixirá á Secretaría Xeral para o Deporte, acompañado da documentación e información que acredite os méritos que concorren nos candidatos. A presentación de candidaturas implica a total aceptación desta resolución ou do resultado do xurado.

3. A documentación dirixirase á Secretaría Xeral para o Deporte mediante a súa presentación por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo para a presentación de candidaturas rematará aos dez días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución.

Artigo 3. Xurado

O xurado cualificador estará presidido polo secretario xeral para o Deporte e serán vogais o titular da Subdirección Xeral de Deporte, o secretario xeral de Política Lingüística ou persoa en quen delegue, o presidente da Ufedega, os xefes de servizo provinciais de Deportes, o xefe de Deportes da CRTVG e outros tres vogais designados polo presidente do xurado entre o persoal ao servizo da Secretaría Xeral para o Deporte ou da Fundación Deporte Galego. Actuará como secretario un funcionario designado polo secretario xeral para o Deporte de entre os que se atopan ao servizo desta secretaría xeral, que terá, entre outras funcións, a de recibir, clasificar e ordenar a documentación que deba someterse á consideración do xurado. O secretario do xurado terá voz pero non voto nas reunións do xurado.

O acordo do xurado polo que se outorguen os diferentes premios será publicado na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

A actividade do xurado non será retribuída.

Artigo 4. Entrega dos premios

Os Premios do Deporte Galego do ano 2013 serán entregados de forma solemne nun acto público no que se fará entrega aos galardoados dun trofeo e dun diploma acreditativo do premio que lles corresponda.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2014

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO
Modelo de proposta de candidatura aos Premios do Deporte Galego do ano 2013

Don/Dona ....................................................................... con NIF ...................................

tfno. ......................................... e enderezo electrónico ....................................................

en calidade de ..................................................................................................................

da entidade .....................................................................................................................

con NIF ............................, propoño, na categoría (conforme as indicadas no artigo 1)

..........................................................................................................................................

a Don/Dona/entidade .......................................................................................................

con enderezo ...................................................................................................................

tfno. ........................... e enderezo electrónico ................................................................

con base nos seguintes méritos ......................................................................................

..........................................................................................................................................

..........................................................................................................................................

..........................................................................................................................................

..........................................................................................................................................

..........................................................................................................................................

Sinatura da persoa ou representante da entidade que fai a proposta:

En ............................................... o..........de ..................................de 2014

Secretario xeral para o Deporte