Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Mércores, 12 de febreiro de 2014 Páx. 5750

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 13/2014, do 30 de xaneiro, polo que se crea a Comisión Paritaria de Formación Local da Comunidade Autónoma de Galicia.

A sentenza do Tribunal Constitucional 225/2012, do 29 de novembro, respondendo a un conflito de competencias promovido pola Xunta de Galicia, outorga a esta comunidade autónoma a competencia relativa á aprobación, seguimento e control na negociación dos plans de formación continua promovidos polas entidades locais e federación ou asociación de entidades locais.

Esta sentenza supón unha formulación diferente desde o punto de vista competencial e motivou a modificación do Acordo da Comisión Xeral de Formación para o Emprego das Administracións Públicas para a Xestión de Fondos e Formación.

No BOE do 21 de outubro de 2013, publicouse a Resolución que contén o referido Acordo para o ano 2013; esta resolución establece no seu artigo 14.1. B), que os plans promovidos polas entidades locais e polas federacións ou asociacións de entidades locais de ámbito autonómico serán aprobados pola correspondente Comisión Paritaria de Formación Local existente en cada comunidade autónoma.

Pola súa vez o artigo 19 b) do mesmo acordo sinala que nas comunidades autónomas, os institutos ou escolas de administración públicas son os órganos de apoio permanente da Comisión Paritaria de Formación Local da súa comunidade autónoma, e, no marco do devandito acordo, correspóndelles o desenvolvemento dos plans de formación para o emprego na Administración local do seu territorio.

Esta nova situación provoca a necesidade de crear a mencionada comisión paritaria e proceder a establecer a súa composición e as súas funcións; sendo esta a razón que motiva a aprobación desta norma.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do trinta de xaneiro de dous mil catorce, en virtude das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Natureza

A Comisión Paritaria de Formación Local de Galicia é un órgano colexiado de composición mixta, con representantes da Xunta de Galicia, da Federación Galega de Municipios e Provincias e dos sindicatos máis representativos do persoal da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Composición

1. A Comisión Paritaria de Formación Local de Galicia estará composta por igual número de representantes da Administración que das organizacións sindicais, conforme o seguinte:

Presidente/a: a persoa titular da Dirección da EGAP.

– Vogais:

A persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local.

A persoa titular da Dirección Xeral de Función Pública.

Tres vogais nomeados/as pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

Seis representantes das organizacións sindicais presentes na Comisión Xeral de Formación para o emprego da Administración Pública que conten con presenza nas entidades locais na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Secretario/a: a persoa titular da Secretaría Xeral da EGAP con voz pero sen voto.

Cada órgano dos aquí mencionados nomeará, ademais das persoas titulares, as correspondentes persoas ou cargos que lles substitúan.

2. No caso da ausencia da persoa que desempeñe a Presidencia da Comisión, haberá que aterse ao disposto no artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Tanto a representación da Administración como a representación sindical terán un único voto cada unha, independentemente do número de asistentes.

3. Poderase crear unha comisión técnica para a preparación e estudo dos asuntos que teña que coñecer.

4. Na composición da Comisión Paritaria de Formación Local de Galicia procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 3. Funcións

Serán funcións da Comisión Paritaria de Formación Local de Galicia as que se sinalan a continuación:

a) A aprobación dos plans de formación promovidos polas entidades locais e polas federacións ou asociacións de entes locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) O establecemento da orde de prioridade dos plans e proxectos de formación das entidades locais e polas federacións ou asociacións de entes locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A proposta, ao órgano con competencias en materia de formación da Xunta de Galicia, a convocatoria de axudas aos plans de formación promovidos polas entidades que se mencionan nos puntos anteriores.

d) Emitir informe da proposta de resolución das axudas concedidas, elevándoa ao órgano con competencias en materia de formación da Xunta de Galicia para a súa resolución.

e) Supervisar e avaliar a adecuada execución das accións.

f) Resolver as discrepancias ou incidencias que puidesen producirse durante a elaboración, execución ou avaliación dos plans de formación.

g) Realizar unha memoria anual das súas actividades, que deberá incluír unha avaliación dos plans de formación.

h) Aprobar as normas de funcionamento da Comisión.

i) Realizar calquera outra actividade relacionada co contido do acordo.

Artigo 4. Cesamento dos membros da Comisión

Os membros da comisión perderán a súa condición por algunha das seguintes causas:

a) Cando cesen no cargo que ocupan ou deixen de asumir as funcións correspondentes a aquel.

b) Cando cese a representación que lle outorgou a FEGAMP.

c) Por acordo da Organización Sindical que lles designou.

Artigo 5. Funcións da Presidencia

Serán funcións da Presidencia da Comisión Paritaria de Formación Local de Galicia as seguintes:

a) Desempeñar a representación da Comisión.

b) Fixar a orde do día das sesións e convocar estas, tendo en conta, se é o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente antelación.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Executar os acordos da Comisión e exercer as demais funcións que lle están atribuídas, de conformidade co establecido no artigo 23 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Funcións do secretario/a da Comisión

Corresponde ao secretario/a da Comisión o exercicio das funcións establecidas nos artigos 25 e 27 da Lei 30/1992, e, en especial:

a) Preparar as reunións da Comisión, elevando ao presidente/a proposta de orde do día.

b) Efectuar a notificación da convocatoria.

c) Levantar acta das sesións, expedir certificacións dos acordos aprobados.

d) A ordenación e arquivo da documentación da Comisión e a preparación dos antecedentes necesarios sobre os asuntos que deban ser sometidos á consideración desta.

e) Remitir aos membros da comisión ou grupos de traballo os documentos que procedan para a mellor información destes.

f) Aqueloutras que a Comisión lle encomende.

Artigo 7. Sesións

A Comisión reunirase mediante convocatoria do/a presidente/a, nos seguintes casos:

a) Cando, a xuízo do presidente/a, existan asuntos que deban ser analizados pola Comisión.

b) Como mínimo dúas veces ao ano.

c) Cando o soliciten, polo menos, a cuarta parte dos membros da Comisión. Esta solicitude realizarase mediante escrito dirixido ao presidente/a onde se fará constar os asuntos que se vaian tratar.

Os membros da Comisión serán convocados para as reunións cunha antelación mínima de dous días hábiles.

Na convocatoria notificarase a orde do día achegando a documentación que corresponda.

Artigo 8. Constitución

Para a válida constitución da Comisión será necesaria a asistencia, polo menos, da metade dos membros da Administración e a totalidade dos/as representantes sindicais.

Se non se lograse en primeira convocatoria o quórum exixido no punto anterior, constituirase en segunda convocatoria media hora despois da sinalada para a primeira, se están presentes membros das administracións públicas e das organizacións representativas das organizacións sindicais.

En todo caso, para que a Comisión quede validamente constituída, será necesario a asistencia do/a presidente/a e do secretario/a, ou dos seus respectivos suplentes.

Artigo 9. Actas

De cada sesión levantarase unha acta, na que consten os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo en que se celebrou, un resumo das deliberacións e os acordos ou recomendacións adoptados.

As actas serán redactadas e asinadas polo secretario/a, co visto e prace do/a presidente/a, así como polos/as vogais asistentes; serán enviadas aos membros da Comisión no prazo de quince días desde a celebración da sesión e serán aprobadas na seguinte sesión.

Excepcionalmente, e cando existan razóns que así o aconsellen, as actas serán redactadas, aprobadas e asinadas dentro da mesma sesión.

Calquera membro asistente da comisión poderá solicitar que consten os aspectos esenciais da súa intervención na reunión, así como os votos particulares, os cales se deberán formular por escrito no prazo de corenta e oito horas.

Artigo 10. Sede

A sede da Comisión fíxase na da Escola Galega de Administración Pública, sen prexuízo de que se poidan celebrar reunións noutros lugares, circunstancia que se expresará na respectiva convocatoria.

Disposición adicional

A constitución e posta en funcionamento da comisión non suporá incremento de gasto nas dotacións orzamentarias da Escola Galega de Administración Pública.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xaneiro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza