Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 13 de febreiro de 2014 Páx. 5970

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN conxunta do 1 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Mobilidade e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), pola que se aproban as especificacións funcionais para a implantación de sistemas de axuda á explotación (SAE) en toda a frota adscrita aos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia.

A Resolución do 26 de febreiro de 2010, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se aproba o Plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia, establece que a Dirección Xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de transportes debe elaborar e aprobar as especificacións funcionais do Sistema de Axuda á Explotación (en diante SAE) que se pretende implantar en toda a frota adscrita aos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular permanente de persoas de uso xeral por estrada, que permita, entre outras funcións inherentes a estes sistemas, a localización e identificación en tempo real dos autobuses.

A devandita resolución establece que as empresas contratistas poderán decidir entre dúas opcións:

• Dotarse dun centro de control local e xestión da explotación, que deberá comprender todos os sistemas, hardware e software (tanto no centro de control local, como a bordo dos vehículos), comunicacións e servizos de mantemento que garantan o seu funcionamento permanente, o almacenamento e control dos datos de explotación de acordo coas especificacións que determine a Administración, a transmisión e recepción dos datos entre o dito centro de control local e o Centro Operativo da Mobilidade de Galicia (en diante COMGA) de acordo cos protocolos que a Administración determine, o tratamento dos datos derivados da explotación e a súa verificación por parte da Administración.

• Empregar de forma permanente o COMGA de acordo cos protocolos e criterios de deseño, operatividade e seguridade que a Administración estableza, asumindo o custo da adquisición, instalación e mantemento do equipamento a bordo dos vehículos, que cumpra os requirimentos establecidos pola Administración, e o custo de mantemento, conexión e transmisión de información entre o equipamento a bordo e o COMGA.

Establécese tamén que, sexa cal fora o sistema polo que opten as empresas contratistas, deberán cumprir a totalidade dos requirimentos que en calquera momento estableza a Administración, tanto no relativo á interconexión cos sistemas da administración e á seguridade e contido da información intercambiada como ao mantemento dos sistemas e da comunicación.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante Amtega), e establece que terá como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no eido das tecnoloxías da información e comunicacións e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. Así mesmo, o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, regula as súas competencias e funcións, entre as cales se atopan: a dirección e xestión de todas as actuacións da Xunta en materia de tecnoloxías da información e das comunicacións; o impulso, asesoramento técnico e apoio ás consellerías e a outros órganos do sector público autonómico en todo o referente ás tecnoloxías da información e das comunicacións, e a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia; a definición dos estándares e directrices tecnolóxicas a que deberán axustarse todos os órganos dependentes da Xunta de Galicia; e a xestión e coordinación, ben de forma autónoma, ben en colaboración con outros órganos superiores da Xunta de Galicia, de instrumentos e actuacións de órganos con competencias en tecnoloxías da información e as comunicacións.

De acordo co anterior, co obxecto de cumprir co establecido, e no uso das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Mobilidade en materia de transporte, e á Amtega en materia de tecnoloxías da información e da comunicación,

ACORDO:

Primeiro. Apróbanse as especificacións funcionais dos SAE vinculados aos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia, que figuran como anexo I a esta resolución.

As ditas especificacións funcionais dos SAE serán de aplicación para toda a frota adscrita aos actuais contratos de xestión de servizos públicos regulares de transporte regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia.

Segundo. Establécense os modelos de posta en servizo de SAE, vinculados aos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de persoas de uso xeral por estrada de Galicia, polos que poden optar as empresas contratistas destes, e que son:

• Dotarse dun SAE propio, que deberá comprender todos os sistemas, hardware e software (tanto no centro de control local, como a bordo dos vehículos), comunicacións e servizos de mantemento que garantan o seu funcionamento permanente, o almacenamento e control dos datos de explotación de acordo coas especificacións que determine a Administración, a transmisión e recepción dos datos entre o dito centro de control local e o COMGA de acordo cos protocolos que a Administración determine, o tratamento dos datos derivados da explotación e a súa verificación por parte da Administración.

• Adherirse ao SAE da Mobilidade de Galicia liderado pola Xunta de Galicia, que permitirá ás empresas contratistas dos servizos públicos de transporte dispoñer do servizo de SAE sen necesidade de dotarse dun SAE local propio.

Terceiro. Apróbanse as obrigas básicas de funcionamento dos SAE das empresas contratistas de servizos públicos de transporte que opten polo modelo de dotarse dun SAE propio, que figuran como anexo II a esta resolución.

No curso do proceso de desenvolvemento tecnolóxico do COMGA, a Administración comunicará ás empresas contratistas a que se refire o punto anterior as especificacións técnicas e funcionais do sistema que deberán cumprir os seus SAE propios. Posteriormente, a Administración comunicaralles o inicio de funcionamento do COMGA, momento a partir do cal disporán do prazo máximo de dous meses para a implantación efectiva do seu SAE propio en toda a frota que empreguen para a prestación do conxunto dos servizos de transporte público regular de uso xeral dos que sexan contratistas en Galicia, incluíndo o establecemento da súa conexión plenamente operativa co COMGA 24 horas, 7 días á semana e 365 días ao ano. O prazo total que mediará desde a comunicación das especificacións técnicas e funcionais do sistema ata a obriga de conexión operativa efectiva co COMGA indicada no inciso anterior non será inferior a 6 meses.

As mesmas obrigas e prazos serán de aplicación a aqueles contratistas dos servizos públicos que se adhiran ao SAE da Mobilidade de Galicia pero que finalmente desistan da formalización do contrato, así como a aqueles que poidan resultar afectados pola resolución do contrato de adhesión, calquera que sexa a causa desta resolución.

Cuarto. Apróbanse igualmente as obrigas das empresas contratistas dos servizos públicos de transporte regular de persoas que opten polo modelo de empregar o SAE da mobilidade de Galicia. Estas obrigas son as que se recollen no documento de adhesión ao SAE da Mobilidade de Galicia, que figuran como anexo III a esta resolución.

No prazo de 15 días naturais contados desde o da día seguinte ao da publicación desta resolución, os contratistas dos servizos públicos de transporte regular de persoas de uso xeral por estrada de Galicia que opten por adherirse ao modelo do SAE da Mobilidade de Galicia, deberán presentar o antedito anexo III debidamente asinado no Rexistro do Servizo de Mobilidade a que estea adscrito o correspondente contrato de xestión do servizo público de transporte.

Todas as empresas de transporte contratistas de servizos públicos de transporte regular de persoas de uso xeral por estrada de Galicia que non presenten no prazo indicado o devandito documento, entenderase que optan polo modelo de dotarse dun SAE propio. Estas empresas non poderán adherirse ao SAE da Mobilidade de Galicia liderado pola Xunta de Galicia namentres non se proceda á apertura dun novo período de adhesión. En tal caso, a adhesión deberá efectuarse nos novos termos e condicións que estableza a resolución pola que se proceda a aprobar esas adhesións, e en ningún caso serán máis beneficiosas que as que se ofrezan nese momento aos contratistas que se adheriron ao sistema inicialmente.

No curso do proceso de licitación do SAE da Mobilidade de Galicia, a Administración poderá acordar o decaemento e resolución unilateral de todos os compromisos de adhesión, de considerar que as propostas formuladas non son adecuadas en termos técnicos ou económicos. Neste suposto, aos contratistas de servizos de transporte público que resultasen afectados resultaranlles de aplicación as previsións establecidas no punto terceiro desta resolución.

Quinto. Xa que logo, a totalidade de servizos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral que o contratista desenvolva en Galicia deberán prestarse con vehículos provistos dos referidos medios tecnolóxicos e efectivamente conectados cos centros operativos que correspondan.

A prestación de servizos de transporte público regular de uso xeral, en que o contratista incumpra as especificacións funcionais definidas para os SAE ou as obrigas recollidas nesta resolución, será constitutiva da infracción tipificada consonte o artigo 1 da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, como infracción moi grave da normativa reguladora do transporte terrestre, das previstas polo artigo 140.27º da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres (LOTT), polo que dará lugar ás sancións que esta lei establece para a dita infracción, incluída, se é o caso, a caducidade do contrato de xestión de servizos públicos, ou a súa resolución por aplicación dos artigos 82.3.f) e 73.2.n) desta mesma lei.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2014

María del Camino Triguero Salas María del Mar Pereira Álvarez
Directora xeral de Mobilidade Directora da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia

ANEXO I
Especificacións funcionais dos sistemas de axuda á explotación (SAE) dos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de persoas de uso xeral por estrada de Galicia

Introdución e obxectivos.

O Plan de modernización dos servizos de transporte público permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia, aprobado na Resolución do 26 de febreiro de 2010 establece, no eido das medidas tecnolóxicas e de explotación para acadar a modernización deste sector económico, a implantación dun SAE en toda a frota adscrita ao servizo de transporte público regular de viaxeiros de Galicia.

Para iso a Dirección Xeral de Mobilidade, xunto coa Amtega, promoverá a posta en funcionamento dun COMGA que incluirá un SAE con ferramentas de explotación e control dos servizos prestados e ferramentas de xestión dos sistemas de información ao usuario. Deste xeito, a información da explotación dos servizos de transporte público regular de viaxeiros por estrada de Galicia poderá centralizarse neste COMGA.

As empresas contratistas dos servizos públicos de transporte deberán implantar un SAE operativo en toda a frota adscrita aos servizos públicos de transporte, de xeito que a información de explotación destes servizos poida ser remitida e almacenada de xeito centralizado no COMGA. Pola súa vez, a implantación do SAE permitirá aos indicados contratistas dos servizos públicos de transporte dispor de ferramentas de operación e xestión dos servizos que lles servirán de axuda e soporte para optimizar e mellorar a calidade dos servizos ofrecidos á cidadanía.

O COMGA, pola súa vez, deberá promover a mellora continua na consecución do interese xeral da explotación da frota de servizos de transporte público. Para iso, ten que ser quen de proporcionar información de calidade ao servizo da cidadanía, ben sexa sobre a oferta de servizos a través de distintas ferramentas e canles, ben promovendo a apertura de datos aproveitables tanto pola cidadanía como pola industria de contidos dixitais e outros axentes reutilizadores a través do portal Abert@s da Xunta de Galicia.

Polo tanto, o COMGA, a través do SAE operativo en toda a frota adscrita aos servizos públicos de transporte, prestará servizo á cidadanía, ás empresas de transporte e á propia Administración, e debe perseguir a medio prazo:

1. Contribuír de maneira significativa á consecución dun sistema de transporte público de viaxeiros por estrada máis limpo, seguro e eficiente a través da mellora na xestión e control da frota adscrita ao servizo de transporte público regular de viaxeiros de Galicia.

2. Potenciar a demanda de transporte público de viaxeiros, mellorando a calidade do servizo prestado mediante un mellor coñecemento da demanda e o incremento da información facilitada ao viaxeiro.

3. Fomentar o desenvolvemento da modernización tecnolóxica do sector de transporte público de viaxeiros e o seu adecuado posicionamento no ámbito comparado ante a nova situación que xerarán as modificacións normativas na materia.

4. Facilitar á Administración a verificación do cumprimento das obrigas contraídas pola empresa contratista do servizo público de transporte ao abeiro do correspondente contrato de xestión de servizos públicos de transporte regular.

Especificacións funcionais dos sistemas de axuda á explotación.

Para a consecución dos devanditos obxectivos, as empresas contratistas dos servizos de transporte público deberán implantar un SAE que deberá cumprir as seguintes especificacións mínimas:

1. As empresas contratistas dos servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada de Galicia deberán dispor dun SAE co fin de obter información sobre o desenvolvemento do servizo, que permita tanto contribuír á mellora da calidade do servizo ofrecido como prover á Administración da información requirida mediante a conexión permanente co COMGA.

2. O SAE estará formado polos seguintes elementos, coas relacións correspondentes entre eles:

• Equipamento embarcado a bordo dos vehículos.

• Centro de Control e Xestión da Explotación (local ou integrado no COMGA).

• Comunicacións.

3. Para o efecto, as empresas contratistas dos servizos públicos de transporte deberán optar por un dos modelos de posta en servizo indicados na cláusula 2 desta resolución.

4. O SAE deberá garantir o cumprimento das seguintes características básicas (que son cumpridas tamén polo SAE da Mobilidade de Galicia incluído no COMGA ao cal as empresas contratistas poden adherirse):

i. Equipamento embarcado a bordo dos vehículos, entendido como o conxunto de sistemas de información e tecnoloxías instalados no vehículo para a axeitada toma de datos e transmisión co Centro de Control e Xestión da Explotación (local ou integrado no COMGA). Concretamente, estará composto, cando menos, polos seguintes compoñentes que deberán estar presentes en toda a frota utilizada para a prestación do servizo:

– A Unidade Central de Proceso (CPU) constituirá a compoñente central do equipamento embarcado, xa que garante a lóxica de control a partir dos datos de servizo prestado xunto cos datos mestre (empresa, parada, servizo, etc ...) cargados previamente na memoria.

– Antena GPS que proverá o vehículo da capacidade de xeorreferenciar a súa posición na rede de transporte.

– Sensor de activación que permita a activación do SAE embarcado coincidindo co acendido do vehículo.

– Sistema de pagamento constituído polas máquinas canceladora e expendedora de billetes que garanta a integración e sincronización coas bases de datos da CPU da demanda do servizo de maneira que o sistema sexa estable, evite incongruencias e descoordinación, e o esforzo de introdución e mantemento dos datos de forma duplicada.

– Consola SAE que constituirá a interface condutor-SAE, proporcionándolle ao condutor información tal como o desvío da posición do vehículo respecto á súa posición teórica, alertas e incidencias do sistema, etc.

– Con todo, o equipamento embarcado deberá dispor de capacidade de ampliación para futuras incorporacións que necesiten estar conectadas e ser xestionadas pola Unidade Central de Proceso (CPU).

ii. Centro de Control e Xestión da Explotación, entendido como o conxunto de ferramentas necesarias para a explotación, o seguimento da explotación, a información aos viaxeiros e a toma de decisións. Deberá contar co seguinte equipamento:

– Terminal central, composto por un servidor do sistema SAE en que se integrarán os distintos compoñentes da aplicación SAE (bases de datos, aplicacións, etc.), un servidor de comunicacións que xestionará todas as comunicacións coas unidades móbiles, e os postos de operación e supervisión.

– A aplicación SAE que xestiona o conxunto do SAE, que deberá garantir cando menos o cumprimento das seguintes características:

• Control e monitorización en tempo real sobre o servizo a partir da información recibida dos vehículos, tanto cualitativa como cuantitativamente.

• Xerar unha base de datos histórica e de ferramentas de elaboración de informes que permitan unha análise exhaustiva do servizo.

• Posibilitar a xestión da información estática do servizo (datos mestre: liña, parada, etc.).

• Garantir a integridade das bases de datos, para que o sistema SAE e o equipamento embarcado nos vehículos manexen a mesma información estática.

• Realizar, cunha periodicidade definida ou baseada en eventos, o intercambio de datos entre o equipamento embarcado a bordo dos vehículos e o Centro de Control e Xestión da Explotación.

• Dispor da capacidade de integración suficiente (servizos web, etc.) para dar soporte ás necesidades funcionais dos distintos tipos de usuarios.

• No caso de ser un centro de control local, garantir a interoperabilidade co SAE avanzado incluído no COMGA de xeito que permita presentar de maneira correcta a información independentemente dos dispositivos empregados, sempre e cando non se opte pola adhesión a este.

• Reunir todas as características necesarias para garantir a correcta prestación do servizo atendendo ás necesidades de escalabilidade, dispoñibilidade (24 horas/7 días á semana/365 días ao ano) e continuidade do servizo.

iii. Comunicacións. Todos os vehículos adscritos ao servizo serán dotados dos sistemas de comunicacións de voz e datos de tecnoloxía sen fíos (GSM/GPRS; UMTS;...) que garantan a transmisión de información bidireccional do equipamento embarcado co futuro COMGA e aqueloutros centros de control local e xestión da explotación propios da empresa. Para iso, deberá existir un contrato de garantías de dispoñibilidade das comunicacións que asegure unha calidade de servizo adecuada para manter a operación con efectividade (24 horas/7 días á semana/365 días ao ano).

A devandita conexión contará cunha canle de comunicación segura cos axeitados mecanismos de seguridade que a Administración estableza. O sistema de voz (cando se dispoña del) funcionará sobre a mesma plataforma de comunicacións sen interromper a transmisión de datos.

ANEXO II
Obrigas das empresas contratistas dos servizos públicos de transporte regular de persoas de uso xeral por estrada de Galicia que opten por dotarse dun sistema de axuda á explotación propio

No caso daquelas empresas contratistas dos servizos públicos de transporte regular de persoas de uso xeral por estrada de Galicia que opten por dotarse dun centro de control local interconectado ao COMGA, correspóndelles, segundo as especificacións funcionais detalladas no anexo I, o envío á Administración de toda a información do servizo xerada polo SAE segundo os requisitos que se indican a continuación:

1. Remitirase ao COMGA, a tempo real, a seguinte información:

• Localización automática dos vehículos, que permita coñecer o posicionamento en tempo real dos vehículos mediante localización GPS. Para iso, será necesario a recompilación dos seguintes datos:

– Identificador do contrato.

– Liña-ruta.

– Servizo.

– Vehículo.

– Condutor.

– Posición GPS.

• Regulación do servizo, que permita coñecer o desfase do vehículo respecto da posición prevista. Para iso, será necesario a recompilación dos seguintes datos:

– Identificador do contrato.

– Liña-ruta.

– Servizo.

– Vehículo.

– Condutor.

– Posición GPS.

– Distancia próxima parada.

– Próxima parada.

Ticketing, información xerada sobre o sistema de pago. Para iso, será necesario a recompilación dos seguintes datos:

– Identificador do contrato.

– Liña-ruta.

– Servizo.

– Vehículo.

– Condutor.

– Orixe/destino.

– Medio de pagamento.

– Identificación temporal da transacción (día/hora/minuto/segundo).

– Tarifa de aplicación.

– Importe.

– Calquera outro incorporado ou vinculado coas funcionalidades das tarxetas de transporte metropolitano de Galicia e da remisión de colectas ao SITME actualmente en funcionamento, así como os que demande o avance da técnica.

2. Co obxecto de garantir a fiabilidade dos datos transmitidos, a Administración terá acceso en tempo real (mediante acceso online ao SAE local) á información xerada polo SAE sobre o funcionamento do servizo indicada no punto anterior.

3. Con independencia do anterior, se a Administración o solicita adicionalmente, a empresa remitiralle diariamente a aquela unha réplica do conxunto dos datos xerados polo SAE durante o día.

4. A Administración definirá o procedemento de transmisión para garantir o envío dos datos en condicións de fiabilidade, seguridade e rapidez. Será responsabilidade do contratista do servizo público de transporte tanto a fiabilidade dos datos achegados como a realización correcta e puntual da súa transmisión. Para iso, teranse en conta os seguintes requisitos:

– O formato e a forma de envío do ficheiro será o establecido pola Administración e as empresas asumirán a necesaria adaptación aos criterios de seguridade que a evolución da técnica ou a normativa poida requirir ao longo do tempo.

– No caso excepcional de non poder garantir a comunicación, a empresa deberá comunicalo á Administración xustificando de forma razoada a causa que o imposibilitou. Estes datos deberán ser remitidos tan pronto como sexa posible.

– A liquidación que se lles practique aos contratistas dos servizos no ámbito definido polas áreas de transporte metropolitano de Galicia (ATM), así como calquera outra bonificación ou compensación de tarifas ou obrigas de servizo público que se estableza, realizarase sempre a partir dos datos existentes nos sistemas informáticos da Administración.

– Non se procesarán nin terán por tanto ningunha consideración para efectos de liquidación os datos que presenten incongruencias ou erros manifestos (sinatura errónea, tarxeta ou instrumento de pagamento anulado, etc.). Este requisito non se aplicaría se mediase causa de forza maior debidamente xustificada.

ANEXO III
Documento de adhesión ao servizo de Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade de Galicia

En Santiago de Compostela, ... de ... de dous mil catorce.

D./Dª [nome e cargo], actuando no nome e representación de [empresa transportista que se adhire] con capacidade e representación suficiente para o outorgamento do presente instrumento de adhesión,

Expositivo.

Primeiro. A Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, establece no seu artigo primeiro que a dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de transportes debe elaborar e aprobar, en desenvolvemento das bases previstas na citada lei, un plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de viaxeiros de uso xeral por estrada de Galicia, que recollerá a estratexia e os obxectivos que se cumprirán neste ámbito co fin de acadar a modernización deste sector económico e o seu adecuado posicionamento no marco comparado ante a nova situación que as modificacións normativas na materia van introducir.

A Resolución do 26 de febreiro de 2010, da Dirección Xeral de Mobilidade, aproba o Plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia e establece entre as medidas tecnolóxicas e de explotación que deben levar a cabo as empresas a implantación dun SAE en toda a frota adscrita aos servizos de transporte público regular de viaxeiros de Galicia.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autoriza a creación da Amtega, e establece que terá como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no eido das tecnoloxías da información e comunicacións e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. Así mesmo, o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Amtega e se aproban os seus estatutos, regula as súas competencias e funcións, entre as cales se atopan a dirección e xestión de todas as actuacións da Xunta en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións; o impulso, asesoramento técnico e apoio ás consellerías e a outros órganos do sector público autonómico en todo o referente ás tecnoloxías da información e ás comunicacións, e a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia; a definición dos estándares e directrices tecnolóxicas a que deberán axustarse todos os órganos dependentes da Xunta de Galicia; e a xestión e coordinación, ben de forma autónoma, ben en colaboración con outros órganos superiores da Xunta de Galicia, de instrumentos e actuacións de órganos con competencias en tecnoloxías da información e as comunicacións.

Segundo. Para o cumprimento do establecido, a Dirección Xeral de Mobilidade e a Amtega promoverán a posta en funcionamento dun COMGA que incluirá un SAE da Mobilidade de Galicia, con ferramentas de explotación e control da totalidade dos servizos prestados e ferramentas de xestión dos sistemas de información ao usuario.

Terceiro. Pola súa vez, as empresas encargadas dos servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada de Galicia disporán dun SAE co fin de permitir que a información sobre o desenvolvemento do servizo sexa remitida e almacenada de xeito centralizado no COMGA.

Na Resolución do 26 de febreiro de 2010 establécese que, para isto, as empresas contratistas dos servizos públicos de transporte poderán optar por dúas opcións:

• Dotarse dun centro de control local e xestión da explotación, que deberá comprender todos os sistemas, hardware e software (tanto no centro de control local, como a bordo dos vehículos), comunicacións e servizos de mantemento que garantan o seu funcionamento permanente, o almacenamento e control dos datos de explotación de acordo coas especificacións que determine a Administración, a transmisión e recepción dos datos entre o dito centro de control local e o COMGA de acordo cos protocolos que a Administración determine, o tratamento dos datos derivados da explotación e a verificación por parte da Administración.

• Empregar de forma permanente o COMGA de acordo cos protocolos e criterios de deseño, operatividade e seguridade que a Administración estableza, asumindo o custo da adquisición, instalación e mantemento do equipamento a bordo dos vehículos, que cumpra os requirimentos establecidos pola Administración, e o custo de mantemento, conexión e transmisión de información entre o equipamento a bordo e o COMGA.

Establécese tamén que, sexa cal fora o modelo polo que opten as empresas concesionarias, deberán cumprir a totalidade dos requirimentos que en calquera momento estableza a Administración, tanto no tocante á interconexión cos sistemas da Administración, á seguridade e contido da información intercambiada, e ao mantemento dos sistemas e da comunicación.

Para o efecto, na Resolución do 1 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Mobilidade e da Amtega, pola que se aproban as especificacións funcionais para a implantación de SAE en toda a frota adscrita aos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia, establece que no prazo de dous meses, contados desde a comunicación pola Administración do inicio do funcionamento do COMGA, os actuais contratistas de servizos públicos de transporte regular de persoas de uso xeral por estrada de Galicia deberán ter implantado e operativo o SAE en toda a frota adscrita ao servizo, de acordo coas especificacións funcionais e obrigas que mediante esta resolución se aproban.

Cuarto. Co fin de facilitar o cumprimento da normativa na materia, a Xunta de Galicia colaborará coas empresas contratistas de servizos públicos de transporte regular de persoas de uso xeral por estrada de Galicia que así o desexen,na posta en funcionamento dun COMGA que incluirá o SAE da Mobilidade de Galicia, con ferramentas de explotación e control da totalidade dos servizos prestados e ferramentas de xestión dos sistemas de información ao usuario.

Quinto. [Empresa transportista que se adhire] articulará a colaboración coa Xunta de Galicia para a posta en funcionamento do SAE da Mobilidade de Galicia mediante o presente instrumento de adhesión.

Desde este interese compartido, [empresa transportista que se adhire] convén en adherirse ao instrumento de adhesión de acordo coas seguintes:

Cláusulas

Primeira. O obxecto do presente instrumento é formalizar a adhesión de [empresa transportista que se adhire] ao proxecto para a posta en funcionamento do servizo do SAE da Mobilidade de Galicia na frota de vehículos adscrita ao contrato de xestión de servizos públicos de transporte regular de persoas de uso xeral por estrada de Galicia do que é contratista (V-____; XG-___).

Segunda. Para o logro do obxecto expresado no punto anterior a Administración comprométese, no exercicio das súas respectivas competencias, a:

1. Impulsar, comprobar, vixiar e auditar que o prestador do servizo de SAE preste o devandito servizo á empresa contratista do servizo público de transporte que se adhire, segundo as funcionalidades descritas no anexo I da Resolución do 1 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Mobilidade e da Amtega, pola que se aproban as especificacións funcionais para a implantación de SAE en toda a frota adscrita aos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de persoas de uso xeral por estrada de Galicia, e todas aquelas que resulten das melloras no proceso de contratación do servizo.

2. Asegurar o cumprimento na totalidade do sistema de servizos públicos de transporte regular de Galicia do exposto ao respecto da implantación do SAE na Resolución do 26 de febreiro de 2010, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se aproba o Plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia.

3. Permitir dispor á empresa de transporte adherida, a través do SAE da Mobilidade de Galicia, de ferramentas de operación e xestión dos seus servizos que lle servirán de axuda e soporte para optimizar e mellorar a calidade dos servizos, tanto nas liñas de servizo de transporte público como discrecional.

4. Non empregar a información de explotación sobre o servizo de transporte para outros fins non recollidos no contrato de xestión de servizo público de transporte regular de persoas de uso xeral por estrada.

5. Asegurar a prestación do servizo así como o cumprimento das garantías de niveis mínimos de calidade de servizo ofrecido de acordo coas especificacións que determine a Administración, establecidas no proceso de contratación do servizo.

Terceira. [Empresa transportista que se adhire] comprométese a:

1. Asinar un contrato privado co prestador do servizo do SAE da Mobilidade de Galicia nas condicións e coas estipulación que se establezan como resultado do procedemento de contratación indicado nas cláusulas cuarta e quinta, que deberá respectar en todo caso o importe máximo por vehículo establecido na citada cláusula cuarta.

No caso de que no prazo dun mes desde que a empresa contratista do servizo público de transporte sexa requirida para a formalización do contrato, a devandita formalización non se producise por causas imputables á dita empresa, no prazo do mes seguinte deberá aboar á Administración o 20 % do total do importe que, como resultado da adxudicación, debería ter aboado ao longo do período de prestación do servizo, en concepto de penalización polo incumprimento do presente compromiso. En defecto de pagamento, a Administración poderá empregar o procedemento establecido no vixente Regulamento xeral de recadación para o cobramento de créditos de dereito público non tributarios, empregando, de ser o caso, a vía administrativa de constrinximento.

2. Cando menos, adherir ao servizo do SAE da Mobilidade de Galicia ___ vehículos (número igual, cando menos, ao que teña establecido como mínimo no correspondente contrato de xestión de servizo público de transporte regular de persoas de uso xeral por estrada), e isto sen prexuízo nin limitación da obriga de prestación da totalidade de servizos establecidos no contrato con vehículos dotados dos correspondentes equipamentos e debidamente conectados ao COMGA.

3. Autorizar á Administración o acceso á seguinte información sobre o funcionamento do servizo da xerada polo SAE:

• Localización automática dos vehículos, que permita coñecer o posicionamento en tempo real dos vehículos mediante localización GPS. Para iso, será necesario facilitar a recompilación dos seguintes datos: identificador do contrato, liña-ruta, servizo, vehículo, condutor e posición GPS.

• Regulación do servizo, que permita coñecer o desfase do vehículo respecto da posición prevista. Para iso, será necesario facilitar a recompilación dos seguintes datos: identificador do contrato, liña-ruta, servizo, vehículo, condutor, posición GPS, distancia próxima parada e próxima parada.

Ticketing, información xerada sobre o sistema de pagamento. Para iso, será necesario facilitar a recompilación dos seguintes datos: identificador do contrato, liña-ruta, servizo, vehículo, condutor, orixe/destino, medio de pagamento.

4. Autorizar o acceso aos sistemas embarcados, co fin de comprobar o seu correcto funcionamento, tanto á Administración como ao prestador do servizo do SAE da Mobilidade de Galicia.

5. Asumir a responsabilidade da fiabilidade dos datos achegados á Administración e a realización correcta e puntual da súa transmisión.

6. Garantir o funcionamento permanente do equipamento embarcado a bordo dos vehículos na prestación da totalidade dos servizos públicos de transporte, comunicando ao prestador do servizo de mantemento do equipamento embarcado calquera incidencia detectada segundo as condicións establecidas no contrato entre o prestador e a empresa de transporte.

Cuarta. A provisión do servizo do SAE da Mobilidade de Galicia establecerase mediante un dos procedementos de contratación previstos no TRLCSP. Neste procedemento, mediante a cooperación entre a Administración e as empresas de transportes adheridas ao SAE da Mobilidade de Galicia, acadarase unha mellora nas condicións de prestación do servizo polo adxudicatario do proceso de contratación.

Para isto, por cada un dos vehículos adheridos ao servizo do SAE da Mobilidade de Galicia, a empresa contratista do servizo público de transporte que asina o presente instrumento de adhesión aboará mensualmente, directamente ao prestador do servizo do SAE da Mobilidade de Galicia,o importe ofertado por este. Esta obriga comezará a producirse a partir do inicio do funcionamento operativo do sistema e durante o período de vixencia do contrato de servizos. Este importe, que non poderá ser incrementado durante a vixencia do contrato de servizos, non será superior a sesenta (60) euros mensuais (sen IVE).

Este importe aboarase nos termos establecidos no contrato co prestador do servizo que a empresa de transporte asinará de conformidade co establecido na cláusula 3. En defecto de pagamento, a Administración poderá empregar o procedemento establecido no vixente Regulamento xeral de recadación para o cobramento de créditos de dereito público non tributarios, empregando, de ser o caso, a vía administrativa de constrinximento. O mesmo procedemento poderase empregar para resarcir todos os gastos xerados a consecuencia do incumprimento por parte da empresa contratista do servizo público de transporte asinante do presente instrumento de adhesión, logo da súa determinación en expediente contraditorio seguido para o efecto.

No importe indicado no punto anterior inclúense o conxunto de servizos indicados para o funcionamento operativo do SAE, especificamente, a subministración de equipamentos para embarcar nos vehículos, as comunicacións, o mantemento e a garantía durante toda a vixencia do contrato de servizos; non se incluirá neste prezo o custo polo eventual traslado dos sistemas dun vehículo a outro, mesmo de resultar este posible. No momento do vencemento do contrato de servizos, os sistemas embarcados nos vehículos serán da titularidade da empresa contratista do servizo de transporte público.

Quinta. O proceso de contratación do SAE da Mobilidade de Galicia será liderado pola Administración e comezará unha vez transcorrido o prazo previsto para a formalización destes instrumentos de adhesión por parte das empresas contratistas dos servizos públicos de transporte:

1. Contará coa participación no proceso de contratación das empresas adheridas, que estarán representadas nel por un profesional de recoñecido prestixio, elixido pola Administración unha vez escoitadas as propostas destas empresas.

2. Perseguirá o obxectivo de obter a solución máis vantaxosa, entendida tanto en termos de mellor solución técnica e funcional en relación coas necesidades da Administración e das empresas adheridas, como da oferta máis vantaxosa economicamente, grazas ao dimensionamento do proxecto derivado do aproveitamento da agregación da demanda.

3. Proporá unha solución beneficiosa para as empresas de transporte adheridas ao presente acordo. No caso de que a Administración decida a apertura posterior de novos procesos de adhesión, as condicións resultantes deles non serán, en ningún caso, máis beneficiosas que aquelas de que dispoñan nese momento os contratistas que se adhiran ao sistema inicialmente.

Sexta. Este acordo de adhesión entrará en vigor o día seguinte ao da súa sinatura e a súa vixencia será ata a finalización do contrato para prestación do servizo do SAE da Mobilidade de Galicia.

Sétima. Son causas específicas de resolución do presente acordo as que se enumeran a continuación:

• O incumprimento pola empresa contratista do servizo público de transporte de calquera das súas cláusulas; neste suposto resultarán de aplicación, ben as penalidades previstas na cláusula 3ª deste documento se a resolución é anterior á formalización do contrato nela indicado, ben a obriga de aboar os importes correspondentes a cotas de prestación do servizo pendentes ata a conclusión do contrato de servizos, de se producir a resolución con posterioridade.

• Que o número de vehículos adheridos ao proxecto non garanta a viabilidade da iniciativa proposta.

• A imposibilidade para a Administración de executar o acordo nos termos establecidos ou a posibilidade certa de produción dunha lesión grave ao interese público como consecuencia da execución. Neste suposto, a Administración establecerá un prazo para que a empresa contratista do servizo público de transporte se dote dun SAE propio, prazo que en ningún caso será inferior ao indicado con carácter xeral para as empresas que opten por este modelo.

Oitava. A Dirección Xeral de Mobilidade, órgano sectorial da Xunta de Galicia competente en materia de mobilidade e transporte, terá a prerrogativa de interpretar o presente acordo e resolver todas as dúbidas que xurdan na súa execución, de conformidade co réxime xurídico legalmente aplicable.

E, en proba de conformidade cos termos do acordo, as partes comparecentes asínano, por duplicado exemplar, no lugar e data indicados no encabezamento.

Por [empresa transportista que se adhire]

[Nome, cargo e sinatura]