Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 13 de febreiro de 2014 Páx. 6078

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Baiona

ANUNCIO das bases para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo do xefe do corpo da Policía Local.

Por Resolución da Alcaldía, do 22 de xaneiro de 2014, aprobáronse as bases para a provisión de libre designación do posto de traballo do xefe do corpo da Policía Local do Concello de Baiona.

Primeiro. Bases para a provisión de libre designación do posto de traballo do xefe do corpo da Policía Local do Concello de Baiona.

Primeira.

Constitúe obxecto desta convocatoria a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo do xefe do corpo da Policía Local do Concello de Baiona, e de conformidade co establecido na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais:

– Corporación: Concello de Baiona.

– Denominación: xefe do corpo da Policía Local.

– Número de postos que se van cubrir: 1.

– Categoría: inspector.

Características do posto:

a) O posto que se vai cubrir está recollido no cadro de persoal do concello.

b) O complemento de destino asignado a este posto é o correspondente ao nivel 23.

c) O sistema de provisión é o de libre designación.

d) O complemento específico anual fixado para este posto é de 16.353,82 €.

Segunda.

De conformidade co establecido no artigo 27.1 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais, na convocatoria pública de libre designación poderán participar funcionarios de carreira que teñan a máxima categoría do cadro de persoal do corpo de Policía do concello, que corresponde á categoría de inspector.

Terceira.

As instancias en que se solicita tomar parte no proceso selectivo dirixiranse ao alcalde e presentaranse no Rexistro Xeral do concello debidamente cubertas, durante o prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Poderán, así mesmo, remitirse na forma, determinada na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Á instancia xuntarase inescusablemente.

– Fotocopia do DNI.

– Un currículum vítae. Ao dito currículo deberán xuntarse os documentos xustificativos dos requisitos exixidos así como dos méritos que se aleguen, mediante certificacións ou fotocopias compulsadas, e non se terán en conta aqueles que non queden debidamente acreditados, en todos os seus aspectos, dentro do prazo de presentación de instancias.

Cuarta.

A convocatoria será resolta polo alcalde, de conformidade co establecido na Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

Quinta.

Esta convocatoria e a súa resolución publicaranse nos boletíns oficiais pertinentes, e poderá ser declarada deserta se ningún dos candidatos alcanza o nivel suficiente para o posto ao xuízo do órgano competente.

Sexta.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderán os interesados interpor recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado Contencioso-Administrativo de Vigo, no prazo de dous meses desde a citada data.

Segundo. Ordenar a publicación da convocatoria no DOG e no BOP de Pontevedra.

Terceiro. Notificarlles estas bases aos representantes sindicais.

Baiona, 22 de xaneiro de 2014

Jesús Vázquez Almuíña
Alcalde