Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 19 de febreiro de 2014 Páx. 6911

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

O artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia sinala que o galego é a lingua oficial de Galicia e o artigo 31 establece a competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia para a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias. Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución española e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do artigo 81 desta, a desenvolvan; das facultades que lle atribúe ao Estado o número 30 do punto 1 do artigo 149 da Constitución española e da alta inspección necesaria para o seu cumprimento e garantía.

Pola súa banda, o artigo 27.10 sinala a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción e a ensinanza da lingua galega.

En execución deste marco competencial ditouse a Lei 3/1985, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que, no seu título III, regula o uso do galego na ensinanza.

No ano 1989 dítase a Orde do 19 de xaneiro pola que se establece o procedemento para a validación de cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua galega para o alumnado universitario e licenciados.

No ano 2001, o Consello da Unión Europea publica o Marco común de referencia para as linguas: aprendizaxe e avaliación, e invita os Estados membros a crearen sistemas de homologación das competencias lingüísticas sobre a base do citado marco.

Para lle dar cumprimento a esta invitación, dítase a Orde de 1 de abril do 2005 pola que se regulan os cursos de formación en lingua galega e as súas validacións.

A necesidade dunha nova clasificación dos niveis do coñecemento do galego e dos certificados oficiais acreditativos leva a que se dite a Orde do 16 de xullo do 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, que derroga os artigos 1, 2, 3, 4, 14, 15, 16, 17, 18 e 19 da Orde do 1 de abril do 2005.

Tras a publicación e a entrada en vigor da Orde do 16 de xullo de 2007, e despois de que transcorrese un período de tempo suficiente que permite analizar con perspectiva a súa aplicación, detectáronse elementos que cómpre modificar coa presente regulación, para adaptar as validacións do anexo I daquela orde aos novos currículos e titulacións. Así como recoñecer os estudos de lingua galega realizados en centros de ensino no exterior, como son o Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres e o Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires; recoñecer as certificacións oficiais dos distintos niveis das ensinanzas da lingua galega do Marco europeo común de referencia para as linguas que expidan as escolas oficiais de idiomas e establecer exencións dalgunhas probas a persoas cunha determinada porcentaxe na súa discapacidade física ou psíquica.

Doutra banda, para non vulnerar os principios de boa fe e confianza lexítima nas actuacións da Administración pública respecto daquelas persoas cuxas validacións se refiran a estudos realizados con anterioridade á entrada en vigor da citada Orde do 16 de xullo de 2007, incorpórase unha nova redacción á súa disposición adicional terceira.

Por todo isto, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

Modifícase a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), na forma que se expón nos puntos seguintes:

Un. O artigo 10 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 10. Validacións e expedición de certificados de lingua galega

1. As validacións polos certificados de lingua galega aquí regulados son as que se indican no anexo I desta orde.

2. As persoas titulares das secretarías dos centros de titularidade pública que custodian as actas de cualificación, logo da correspondente solicitude da persoa interesada que cumpra os requisitos establecidos no anexo I, expedirán as validacións das competencias en lingua galega que a continuación se citan segundo o modelo que figura no anexo II:

a) As validacións das competencias en lingua galega que se corresponden con estudos de educación xeral básica (EXB), educación primaria, educación secundaria obrigatoria (ESO), programas de cualificación profesional inicial (PCPI), programas de diversificación curricular, educación secundaria para persoas adultas, bacharelato e formación profesional (FP).

b) As validacións das competencias en lingua galega que se corresponden con estudos de galego da ESO, FP I, FP II e bacharelato cursados en Galicia, respecto do alumnado que realizase un dos anos fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre e cando este non sexa o último e cumpra cos requisitos establecidos no punto 4.a do anexo I.

c) As validacións das competencias en lingua galega que lles correspondan ás persoas con estudos parciais de bacharelato unificado e polivalente (BUP) con dereito ao título de graduado en ESO e que cumpran os requisitos establecidos no punto 3.b do anexo I.

d) As validacións das competencias en lingua galega que lles correspondan ás persoas que obteñan o título de graduado escolar por equivalencia para os efectos académicos cos estudos de 2º da ESO e que cumpran os requisitos establecidos no punto 2.b do anexo I.

e) As validacións das competencias en lingua galega que lle correspondan ao alumnado que cursase estudos de bacharelato ou formación profesional en centros privados. Nestes supostos, a expedición das validacións correspondentes ás previstas nos puntos Un.2.a, Un.2.b e Un.2 c do artigo único da presente orde corresponderalles igualmente ás persoas titulares das secretarías dos centros de titularidade pública a que estean adscritos os centros privados.

3. As persoas titulares das inspeccións educativas das xefaturas territoriais da consellería con competencias en materia de educación, logo da correspondente solicitude da persoa interesada que cumpra os requisitos establecidos no anexo I, expedirán as validacións que a continuación se citan segundo o modelo que figura no anexo II bis:

a) As validacións das competencias en lingua galega que lles correspondan ás persoas que superasen a materia de lingua galega nas probas libres para o graduado escolar de EXB, ESO, FP I e FP II e bacharelato.

b) As validacións das competencias en lingua galega que lle correspondan ao alumnado de niveis educativos distintos ao bacharelato ou a FP que cursasen os seus estudos en centros privados, de concorrer esta circunstancia, compételles aos titulares das inspeccións educativas, ademais dos supostos correspondentes aos previstos no punto Un.2.a do artigo único da presente orde, a expedición das validacións dos estudos de galego cursados na ESO do punto Un.2.b e o suposto do punto Un.2.d do mesmo artigo.

Nestes casos, o alumnado solicitará as validacións das competencias en lingua galega que correspondan no centro privado en que cursou os estudos, que lle remitirá a documentación xustificativa á Inspección Educativa da xefatura territorial correspondente.

4. A Secretaría Xeral de Política Lingüística expedirá as restantes validacións e, concretamente, as correspondentes a:

a) Estudos de galego cursados nas escolas oficiais de idiomas.

b) Estudos de galego cursados nos centros do Bierzo e de Sanabria, no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres e no Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, cando o alumnado cumpra os requisitos establecidos nos puntos 1.e, 2.g, 2.h, 2.i, 3.i e 3.l do anexo I.

c) Certificados dos cursos enumerados nos puntos 1.a, 1.b, 1.c, 2.d e 2.e do anexo I, realizados ata o 1 de setembro de 2007, nas universidades galegas ou na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).

d) Certificado do curso de especialización en lingua galega para profesores de EXB.

e) Celga 5.

Para a expedición destas validacións, a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá solicitar os informes e a documentación complementaria que considere pertinente».

Dous. A disposición adicional primeira queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición adicional primeira. Cursos de linguaxes específicas e de extensión cultural

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde os cursos de linguaxes administrativa e xurídica, regulados na Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG número 121, do 24 de xuño), e os de extensión cultural, regulados na Orde do 1 de abril de 2005 (DOG número, 71, do 14 de abril)».

Tres. A disposición adicional segunda queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición adicional segunda. Valoración de méritos e requisitos

1. Para a valoración de méritos, naqueles casos en que proceda, e para o acceso á función pública galega, así como naqueles procedementos en que se exixa o coñecemento da lingua galega, agás para o estipulado na letra c) do punto 5 do anexo I da presente orde, terá a mesma validez posuír as certificacións de aptitude dos niveis de lingua galega oral, iniciación e perfeccionamento (expedidas ao abeiro da Orde do 19 de xaneiro de 1989 e da Orde do 1 de abril de 2005, ou da normativa anterior) ca posuír as certificacións de aptitude dos Celga 1, Celga 3 e Celga 4, respectivamente.

2. Nas bases das convocatorias de oposicións, concursos de méritos ou en calquera outro procedemento estableceranse os niveis de lingua exixidos como requisito ou como mérito. Para iso, todos estes procedementos teranse que axustar ás validacións establecidas na presente orde».

Catro. Engádese un punto 2 á disposición adicional terceira, que queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición adicional terceira. Recoñecemento de dereitos adquiridos

1. A partir da entrada en vigor desta orde, a Secretaría Xeral de Política Lingüística non poderá homologar, validar ou certificar a aptitude sobre os cursos de lingua galega oral, iniciación ou perfeccionamento rematados con posterioridade á entrada en vigor desta orde.

2. En todo caso, co ánimo de garantir os principios de boa fe e confianza lexítima nas actuacións da Administración pública, aquelas persoas que con anterioridade ao 1 de setembro de 2007 reúnan os requisitos para lles expedir a certificación ou a validación dos cursos ou estudos de lingua galega oral, iniciación ou perfeccionamento, ao abeiro da Orde do 19 de xaneiro de 1989 e da Orde do 1 de abril de 2005, ou da normativa anterior, que non solicitasen no seu día a validación, a presentación do título ou a certificación académica correspondente, así como calquera outra documentación acreditativa dos estudos ou probas requiridos en cada caso, e a referencia a esta e ás demais ordes que resulten de aplicación, terán efectos equivalentes ás validacións reguladas nesta orde».

Cinco. Engádese unha disposición adicional cuarta, que queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición adicional cuarta. Probas de exames especiais

1. Consideraranse probas de exames especiais as destinadas a todas aquelas persoas candidatas ás cales, por diversos motivos, non lles sexa posible realizar as probas para a obtención do diploma acreditativo do nivel de coñecemento de lingua galega (Celga) nas condicións xerais estipuladas pola Administración. Todas as probas realizadas baixo condicións especiais serán cualificadas consonte os mesmos criterios de avaliación que para as demais persoas candidatas.

2. No caso de que unha persoa que se vaia presentar ás probas padeza algunha discapacidade, expresará na solicitude o seu tipo, a acreditación do tipo e o grao de discapacidade, así como o apoio que precisará para as poder realizar.

3. As persoas cunha discapacidade física ou psíquica igual ou superior ao 33 % que as imposibilite para acreditar algunha das destrezas comunicativas (comprensión oral, expresión oral, comprensión escrita, expresión escrita) poderán solicitar a exención de realizar a proba ou probas referidas a esas destrezas.

4. Se a persoa candidata supera o resto das probas de que conste o exame, no dorso do diploma acreditativo que se lle expida farase constar que quedou exenta de satisfacer algún dos obxectivos de avaliación do exame, segundo corresponda.

En todo caso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística valorará se o tipo de discapacidade alegado dá lugar ás posibles exencións».

Seis. Engádese unha disposición adicional quinta que queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición adicional quinta. Perspectiva de xénero e igualdade de oportunidades

A regulación contida na presente orde debe entenderse aplicable desde a perspectiva da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres e da igualdade de trato e non discriminación das persoas».

Sete. Modificación do anexo I:

O anexo I da Orde do 16 de xullo de 2007, relativo ás validacións, queda redactado como se expón no anexo I que se xunta ao final desta orde.

Oito. Modificación do anexo II:

O anexo II da Orde do 16 de xullo de 2007, relativo ao modelo de validación para os centros de ensino regrado, queda redactado como se expón no anexo II que se xunta ao final desta orde.

Nove. Incorporación do anexo II bis:

Engádese o anexo II bis, relativo ao modelo de validación para as inspeccións educativas, que queda redactado como se expón no anexo II bis que se xunta ao final desta orde.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as normas de igual ou inferior rango que regulen esta materia en canto contradigan ou se opoñan ao disposto na presente orde.

Disposición derradeira primeira Habilitación para o desenvolvemento administrativo

Autorízase a Secretaría Xeral de Política Lingüística para que, dentro das súas competencias, dite as resolucións ou as instrucións que sexan precisas para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Validacións

1. Serán validables polo certificado de lingua galega 1 (Celga 1):

a) O certificado do curso de nivel elemental de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras impartido polas universidades de Galicia, ata o 1 de setembro de 2007.

b) O certificado do curso de lingua galega para persoas non galegofalantes impartido polas universidades galegas, ata o 1 de setembro de 2007.

c) O certificado do nivel básico dos estudos de galego da UNED, ata o 1 de setembro de 2007.

d) A certificación oficial de ter superado o nivel básico (A2) das ensinanzas de galego das escolas oficiais de idiomas, expedida consonte o Decreto 191/2007, do 20 de setembro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio, ou consonte o Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas de idiomas de réxime especial reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

e) O certificado oficial de ter cursadas e aprobadas as materias de lingua galega (optativas de 1º, 2º e 3º) da ESO no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres.

f) Aquelas persoas que cursasen e superasen en Galicia de maneira oficial a materia de lingua galega en todos os cursos da educación primaria ou en seis cursos da EXB.

2. Obterán a validación polo certificado de lingua galega 2 (Celga 2):

a) Aquelas persoas que cursasen e superasen en Galicia de maneira oficial a materia de lingua galega en todos os cursos da EXB ou, de ser o caso, que superasen a materia de lingua galega nas probas libres tendentes a esta titulación, e que estean en posesión do título de graduado escolar.

b) Aquelas persoas que obteñan o título de graduado escolar por equivalencia para efectos académicos cos estudos de 2º da ESO, ao abeiro do anexo I do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, sempre que se cursase e aprobase a materia de lingua galega en todos os cursos.

c) Aquelas persoas que cursasen e superasen en Galicia de maneira oficial a materia de lingua galega en todos os cursos da educación primaria e mais en dous cursos da ESO.

d) Aquelas persoas que estean en posesión do certificado do curso de nivel medio de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras impartido polas universidades de Galicia, ata o 1 de setembro de 2007.

e) Aquelas persoas que estean en posesión do certificado do nivel medio dos estudos de galego da UNED, ata o 1 de setembro de 2007.

f) Aquelas persoas que conten coa certificación oficial de ter superado o nivel intermedio (B1) das ensinanzas de galego das escolas oficiais de idiomas, expedida consonte o establecido no Decreto 191/2007, do 20 de setembro ou no Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro.

g) Aquelas persoas que conten co certificado de ter cursadas e aprobadas as materias de ciencias sociais e as materias optativas de galego da ESO nos centros do Bierzo e de Sanabria, acollidos ao programa de formación previsto no Convenio para a promoción do idioma galego, nos territorios limítrofes das comunidades autónomas de Galicia e de Castela e León, subscrito entre ambas as dúas comunidades.

h) Aquelas persoas que conten co certificado de ter cursada e aprobada a materia optativa de lingua galega en 1º e 2º de bacharelato no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, sempre que teñan superadas as materias optativas de lingua galega en 1º, 2º e 3º da ESO ou que estean en posesión do Celga 1.

i) Aquelas persoas que conten co certificado de ter cursadas e aprobadas nos sete cursos do nivel primario as materias de lingua galega e lingua e literatura galega que correspondan en cada un deles, e co certificado de ter cursadas e aprobadas nos tres primeiros cursos do nivel secundario as materias de lingua e literatura galega, xunto coas de historia de Galicia e xeografía de Galicia que correspondan en cada un deles, no Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires.

3. Obterán a validación polo certificado de lingua galega 3 (Celga 3):

a) Aquelas persoas que cursasen e superasen en Galicia de maneira oficial a materia de lingua galega en todos os cursos que indica o currículo de educación secundaria obrigatoria ou de FP I (ou, de ser o caso, que superasen a materia de lingua galega nas probas libres tendentes a titulación de FP I) e que estean en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria (ESO) ou técnico auxiliar (FP I). Poderase obter igualmente a validación aínda que se cursase un dos cursos da ESO fóra de Galicia, sempre e cando este non sexa o último; en todo caso, haberá que ter cursada e aprobada a materia de lingua galega nos demais cursos e estar en posesión do título respectivo.

b) Aquelas persoas ás que se lles recoñeza a equivalencia co título de graduado en ESO, segundo a Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, por ter estudos parciais do bacharelato unificado e polivalente da Lei 14/1970, do 4 de agosto, xeral de educación e financiamento da reforma educativa, sempre que cursasen e superasen a materia de lingua galega en 7º e 8º de EXB a partir do curso 1979-1980, segundo o previsto no Real decreto 1981/1979, do 20 de xuño, polo que se regula a incorporación da lingua galega ao sistema educativo en Galicia, e que ningunha das dúas materias que se admiten ter pendentes nos dous primeiros cursos do dito bacharelato unificado e polivalente sexa a de lingua galega.

c) Aquelas persoas que teñan aprobado o ámbito de comunicación –no que estea incluída a materia de lingua galega– en todos os cursos académicos da etapa de educación secundaria para persoas adultas da educación básica para adultos e que estean en posesión do título de graduado en ESO.

d) Aquelas persoas que teñan aprobado o ámbito de comunicación –no que estea incluída a materia de lingua galega– nas probas libres para a obtención do graduado en ESO realizadas na Comunidade Autónoma de Galicia e que estean en posesión do título de graduado en ESO.

e) Aquelas persoas que teñan aprobado o ámbito de comunicación –no que estea incluída a materia de lingua galega– dos módulos formativos de carácter voluntario conducentes á obtención do título de graduado en ESO do Programa de cualificación profesional inicial e que estean en posesión do título de graduado en ESO.

f) Aquelas persoas que cursasen e superasen en Galicia de maneira oficial a materia de lingua galega en primeiro e segundo da ESO, o ámbito lingüístico e social –no que estea incluída a materia de lingua galega– do Programa de diversificación curricular, e que estean en posesión do título de graduado en ESO. Se o alumno ou a alumna se incorpora ao Programa de diversificación curricular en cuarto da ESO, ademais de cumprir estes requisitos, deberá ter aprobada a materia de lingua galega en 3º da ESO.

g) Aquelas persoas que conten coa certificación oficial de ter superado o ciclo elemental de galego expedido polas escolas oficiais de idiomas, ao abeiro do Real decreto 47/1992, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os contidos mínimos correspondentes ao ensino especializado das linguas españolas impartidas nas escolas oficiais de idiomas.

h) Aquelas persoas que conten coa certificación oficial de ter superado o nivel avanzado (B2) das ensinanzas de galego das escolas oficiais de idiomas, expedida consonte o Decreto 239/2008, do 25 de setembro, polo que se establece o currículo de nivel avanzado das ensinanzas de réxime especial de idiomas, de conformidade co Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro.

i) Aquelas persoas que conten co certificado de ter cursadas e aprobadas as materias optativas de galego no bacharelato nos centros do Bierzo e Sanabria, acollidos ao programa de formación previsto no Convenio para a promoción do idioma galego nos territorios limítrofes das comunidades autónomas de Galicia e Castela e León, subscrito entre ambas as dúas comunidades, sempre que conten co certificado de ter cursadas e aprobadas as materias de ciencias sociais e as materias optativas de galego da ESO, ou que estean en posesión do Celga 2 ou da súa validación.

l) Aquelas persoas que conten co certificado de ter cursadas e aprobadas as materias de lingua e literatura galega en 4º e 5º do nivel secundario (equivalente ao bacharelato de Galicia), no Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, sempre que conten co certificado requirido na letra i) do punto 2 do presente anexo para obteren a validación polo Celga 2, ou que estean en posesión do Celga 2 ou da súa validación.

4. Obterán a validación polo certificado de lingua galega 4 (Celga 4):

a) Aquelas persoas que cursasen e superasen en Galicia de maneira oficial a materia de lingua galega en todos os cursos que indica o currículo dos estudos de bacharelato ou FP II ou, de ser o caso, que superasen a materia de lingua galega nas probas libres tendentes á titulación correspondente, e que estean en posesión do título de bacharelato (LOXSE ou BUP) ou técnico de FP II. Poderase obter igualmente a validación aínda que se cursase un curso de bacharelato fóra de Galicia, sempre e cando este non sexa o último, se estea en posesión do título de bacharelato e non se solicitase a exención da materia de lingua galega en ningún dos cursos anteriores.

b) Aquelas persoas que conten coa certificación do curso de especialización en lingua galega para profesores de EXB.

c) Aquelas persoas que conten co certificado do nivel C1 de lingua galega do Marco europeo común de referencia para as linguas que, se é o caso, fose expedido polas escolas oficiais de idiomas, consonte o que regulamente o organismo responsable en materia de educación no ámbito das súas competencias, segundo o previsto na disposición adicional segunda do Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro.

5. Serán validables polo certificado de lingua galega 5 (Celga 5):

a) O título de licenciado en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección de galego-portugués).

b) Os títulos de grao en Lingua e Literatura Galega, en estudos de Galego e Español e en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.

c) Calquera outro título de licenciatura, diplomatura ou grao, sempre que se acompañe da certificación de que se cursaron, polo menos, 18 créditos de lingua galega, e se estea en posesión do Celga 4.

Para os efectos de computar o número de créditos de lingua galega conducentes a unha validación Celga, poderanse sumar os créditos das licenciaturas, diplomaturas ou equivalente cos créditos dos graos ou mestrados oficiais.

d) O certificado de aptitude do ciclo superior do primeiro nivel do idioma galego expedido polas escolas oficiais de idiomas, conforme o programa previsto no Real decreto 47/1992, do 24 de xaneiro.

e) O certificado do nivel C2 de lingua galega do Marco europeo común de referencia para as linguas que, se é o caso, fose expedido polas escolas oficiais de idiomas, consonte o que regulamente o organismo responsable en materia de educación no ámbito das súas competencias, segundo o previsto na disposición adicional segunda do Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro.

ANEXO II
Modelo de validación para os centros de ensino regrado

A persoa titular da Secretaría do centro ..., en virtude das competencias previstas no artigo 10 da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG número 146, do 30 de xullo), en que se establece o procedemento para a validación dos niveis de competencia en lingua galega, e logo de comprobar que os datos que constan no expediente académico da persoa interesada acreditan que cumpre os requisitos previstos no anexo I da orde citada, outórgalle a validación do nivel de competencia en lingua galega equivalente a un Celga ... a don/dona ..., co NIF..., que se corresponde co nivel... do Marco europeo común de referencia para as linguas, consonte o artigo 2 desta orde.

... de ... de 2...

O/a secretario/a do centro Visto e prace
O/A director/a

ANEXO II bis
Modelo de validación para as inspeccións educativas

A persoa titular da xefatura da Inspección Educativa de ..., en virtude das competencias previstas no artigo 10 da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG número 146, do 30 de xullo), no que se establece o procedemento para a validación dos niveis de competencia en lingua galega, e logo de comprobar que os datos que constan no expediente académico da persoa interesada acreditan que obtivo o título e superou as materias de lingua galega (ou o ámbito lingüístico, no caso das probas libres para a obtención do título da ESO), consonte o disposto no anexo I da citada orde, outórgalle a validación do nivel de competencia en lingua galega equivalente a un Celga... a don/dona..., co NIF..., que se corresponde co nivel... do Marco europeo común de referencia para as linguas, consonte o artigo 2 desta orde.

... de ... de 2...

O/a xefe/a da Inspección Educativa