Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Martes, 25 de febreiro de 2014 Páx. 7995

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, prevé na sección 4ª do capítulo IV do seu título II a rehabilitación das vivendas, e deixa ao desenvolvemento regulamentario os requisitos e as condicións das actuacións protexidas en materia de rehabilitación de edificios e vivendas e o réxime xurídico das actuacións nas áreas de rehabilitación integral (ARI).

Mediante o presente decreto preténdese regular os aspectos fundamentais dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e fixar as bases que permitan a xestión en Galicia dos programas previstos no Plan de vivenda 2013-2016 cando teñan efectividade as súas liñas, coa conseguinte publicación da orde ministerial prevista na disposición adicional décima do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

O decreto estrutúrase en tres capítulos, tres disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha derrogatoria e dúas derradeiras.

O capítulo I, disposicións xerais, regula o obxecto e definicións do decreto.

O capítulo II, baixo o nome «A rehabilitación de vivendas», establece en tres seccións as liñas xerais dos programas autonómicos de rehabilitación, con especial incidencia na figura das áreas de rehabilitación integral, de grande implantación na nosa Comunidade, e debuxa as liñas xerais do fomento da rehabilitación en Galicia posibilitando a sinatura de convenios coas entidades financeiras co obxecto de incentivar a concesión de financiamento para as actuacións de rehabilitación; a aprobación de programas de financiamento, consistentes na subsidiación de préstamos ou na concesión de axudas directas, que se tramitarán de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e a divulgación das entidades relacionadas coa rehabilitación, mediante o directorio de axentes en materia de rehabilitación.

O capítulo III, «Aplicación en Galicia dos programas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016», contén as directrices para a aplicación do referido plan en Galicia, considerando actuacións protexidas en materia de rehabilitación as que se realicen ao abeiro dos programas do plan.

Posibilítase que, sen prexuízo do que se poida determinar nos programas propios da Comunidade Autónoma de Galicia orientados ao fomento do alugamento, se poida realizar unha convocatoria do programa de axuda ao alugamento de vivenda regulado no Real decreto 233/2013, sempre que as vivendas e as persoas destinatarias cumpran os requisitos establecidos na normativa reguladora para ter dereito ás axudas.

O Real decreto 233/2013 non considera medidas de financiamento aplicables á promoción e adquisición das vivendas protexidas promovidas por un promotor privado nin, polo tanto, regula os condicionantes que deben cumprir estas vivendas para a súa cualificación ao abeiro do plan de vivenda, e tampouco contén un réxime transitorio como acontecía nos anteriores plans de vivenda. Por todo iso, e tendo en conta que no actual contexto socioeconómico o sector relacionado coa vivenda está resultando especialmente afectado pola crise, nas disposicións adicionais primeira e segunda do decreto regúlanse dúas cuestións relacionadas coa cualificación e modificación da titularidade das vivendas de protección autonómica.

A disposición adicional terceira declara vixentes as áreas de rehabilitación integral declaradas ao abeiro de normativas anteriores.

A disposición transitoria única regula o réxime dos expedientes en tramitación ou cualificados ao abeiro do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago, que derroga o presente decreto.

Finalmente, na disposición derrogatoria, derrógase, ademais do Decreto 44/2011, o Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o programa Aluga para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, pero mantense a súa vixencia para o suposto de adxudicación directa do programa de realoxamento para as persoas afectadas de execucións hipotecarias e para as vivendas incorporadas ao programa Aluga con contrato de arrendamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en virtude do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día trece de febreiro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto regular os aspectos fundamentais dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas, así como fixar as bases que permitan a xestión en Galicia das liñas previstas no Plan de vivenda 2013-2016 cando estas teñan efectividade coa conseguinte publicación da orde ministerial prevista na disposición adicional décima do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento de alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos deste decreto, establécense as seguintes definicións:

1. Unidade de convivencia:

Entenderase por unidade de convivencia o conxunto das persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas.

2. IPREM e ingresos da unidade de convivencia:

a) O IPREM é o definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía, que se considera unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluídas dúas pagas extras.

b) As referencias ao cómputo de ingresos contidas no presente decreto entenderanse en todo caso feitas a todas as persoas da unidade de convivencia e referidas ao último exercicio fiscal co período impositivo vencido.

3. Vivenda unifamiliar:

É aquela vivenda situada nun edificio independente, cuxo uso predominante é o residencial, e no cal non existe ningunha outra vivenda.

4. Vivenda unifamiliar no medio rural:

Son as vivendas unifamiliares situadas nalgunha das seguintes entidades ou núcleos de poboación:

a) Entidades de poboación inferiores a 500 habitantes.

b) Núcleos entre 500 e 1.500 habitantes de municipios con planeamento municipal vixente sempre que os núcleos sexan rurais ou, no caso de núcleos urbanos, cando a ordenanza de aplicación considere como compatible o uso de vivenda unifamiliar.

c) Núcleos entre 500 e 1.500 habitantes de municipios sen planeamento, sempre que teñan un claro carácter rural e non sexan característicos de aglomeracións ou concentracións urbanas.

5. Área de rehabilitación integral:

Área declarada pola Administración autonómica de acordo co establecido no artigo 95 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

CAPÍTULO II
A rehabilitación de vivendas

Sección 1ª. Disposicións comúns

Artigo 3. Determinacións que afectan a unidade de convivencia

1. Unha persoa non pode figurar como membro de máis dunha unidade de convivencia.

2. A separación temporal motivada por razóns de estudos, traballo, tratamento médico ou outras causas semellantes debidamente xustificadas non rompe a convivencia.

Artigo 4. Cómputo de ingresos da unidade de convivencia

1. Os ingresos referiranse á unidade familiar tal e como resulta definida na regulación do imposto sobre a renda das persoas físicas e determinaranse do seguinte modo:

a) Partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada persoa da unidade familiar relativas ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento da solicitude de acollerse aos programas de rehabilitación. De non estar obrigado/a a presentar declaración, deberá acreditar os seus ingresos por outros medios, como certificacións de ingresos emitidas pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, nóminas ou seguros sociais; a modo complementario poderase engadir unha declaración responsable da persoa solicitante. En calquera caso, a petición dalgún tipo de axuda habilitará o Instituto Galego da Vivenda e Solo para solicitar a información necesaria, en particular de carácter tributario ou económico que for pertinente, da Axencia Estatal de Administración Tributaria ou doutras administracións públicas.

b) A contía resultante converterase en número de veces o IPREM en vigor do período a que se refiran os ingresos acreditados.

c) O número de veces do IPREM resultante ponderarase en función dos seguintes coeficientes multiplicativos, segundo corresponda:

Familias dun membro: 1,00.

Familias de dous membros: 0,90.

Familias de tres membros: 0,80.

Familias de catro membros: 0,75.

Familias de cinco ou máis membros: 0,70.

2. Se a vivenda estivese situada nun concello dos declarados como ámbitos territoriais de prezo máximo superior (ATPMS), aplicarase o tramo seguinte ao que lle correspondese.

3. Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese conforme o previsto nos puntos anteriores.

4. No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nacidos contarán como membros da unidade familiar para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto no número 1 deste artigo, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación da adopción en trámite.

En todo caso, para os efectos do regulado no presente decreto, a muller embarazada terá a condición de colectivo de atención preferente.

O embarazo acreditarase de acordo co disposto na Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e se regula unha rede de apoio á muller embarazada, e na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

5. No suposto de que a unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar das establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, os ingresos de cada unidade familiar convertidos en número de veces o IPREM e ponderados conforme o previsto nos puntos anteriores sumaranse, e o resultado deberá ser inferior ao límite máximo previsto nas bases reguladoras de cada programa, que en ningún caso poderán superar 6,5 veces o IPREM.

Artigo 5. Actuacións protexibles

1. Serán actuacións protexibles as obras de rehabilitación que se realicen en vivendas unifamiliares no medio rural e en vivendas ou edificios no ámbito dunha área de rehabilitación declarada conforme o procedemento previsto neste decreto, así como as promocións de vivenda que estean, ou estivesen, acollidas ao réxime de promoción pública, así como as actuacións de rehabilitación de carácter illado acollidas ao Plan estatal de fomento de alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

2. Para ser cualificadas ou recoñecidas expresamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo como actuacións protexibles, as obras de rehabilitación deberán estar comprendidas nalgunha das seguintes epígrafes:

a) Obras de adecuación estrutural e de seguridade.

b) Obras de conservación dos edificios.

c) Obras de mellora da calidade e sustentabilidade.

d) Obras de adecuación das vivendas e os seus accesos á normativa vixente de accesibilidade.

3. Mediante resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo poderán determinarse as características que deban cumprir as actuacións protexibles para poder acollerse aos programas de axudas de rehabilitación que, de ser o caso, desenvolva o referido Instituto, indicar as obras que se consideran incluídas en cada unha das epígrafes anteriores ou engadir novas actuacións protexibles.

Artigo 6. Promotores das actuacións protexidas de rehabilitación

1. As actuacións protexidas de rehabilitación poderán ser realizadas polas persoas físicas ou xurídicas que posúan un dereito real sobre o inmoble que lles permita acometer as actuacións de rehabilitación ou os inquilinos autorizados polo propietario.

2. Cando se trate de intervencións en elementos comúns, a tramitación das actuacións deberá efectuala quen represente a comunidade de propietarios/as, logo de acordo, cando sexa preciso, de conformidade co establecido na súa lexislación aplicable.

Artigo 7. Destino das vivendas

Non poderán acollerse en ningún caso aos programas autonómicos de rehabilitación as segundas residencias, e deberán destinarse a domicilio habitual e permanente do promotor ou do inquilino, no suposto de que se rehabilite con destino a alugamento.

Sección 2ª. Áreas de rehabilitación integral

Artigo 8. Procedemento para declaración das áreas de rehabilitación integral

1. As áreas de rehabilitación integral declararanse por resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, por petición dos concellos interesados en que se declare unha área no seu territorio. Poderán tamén declararse de oficio polo Instituto Galego da Vivenda e Solo cando a área comprenda máis dun concello e motivos de interese arquitectónico, cultural ou social así o aconsellen.

2. O procedemento de declaración por instancia do concello iniciarase mediante unha solicitude dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo xunto coa seguinte documentación:

a) Certificado de acordo do concello que aproba a solicitude da declaración de área de rehabilitación integral conforme a clasificación prevista no artigo seguinte.

b) Delimitación do ámbito proposto, determinación do planeamento vixente e parámetros urbanísticos polos cales está afectada a área proposta.

c) Compromiso do concello para crear ou manter una oficina municipal de rehabilitación, con medios suficientes, para a xestión e o impulso de actuacións de rehabilitación no ámbito.

d) Memoria explicativa en que se recollan os seguintes aspectos:

1) Obxectivos que se pretenden coa declaración proposta e indicadores de seguimento que permitirán analizalos.

2) Relación das rúas comprendidas dentro do ámbito.

3) Número total de edificios e vivendas no ámbito.

4) Número de edificios e vivendas susceptibles de rehabilitación.

5) Análise do proceso de degradación física, social e ambiental que clarifique a necesidade da declaración de área de rehabilitación integral proposta, tales como o envellecemento demográfico, perda de poboación, abandono de actividades económicas ou baixo nivel de ingresos das persoas residentes.

6) Avaliación do nivel de deterioración de edificios e vivendas no ámbito.

7) Avaliación do custo estimado das actuacións de rehabilitación previstas de edificios e vivendas.

8) De ser o caso, proposta de actuacións de urbanización-reurbanización para impulsar a rexeneración do ámbito e avaliación dos seus custos.

9) De ser o caso, plan de realoxamento temporal, a súa programación e custo económico.

10) Planos xeorreferenciados coa delimitación da área de rehabilitación integral solicitada. Escala 1:500.

Artigo 9. Clases das áreas de rehabilitación integral

1. As áreas de rehabilitación integral clasifícanse nas seguintes categorías:

a) Áreas de rehabilitación integral xerais:

Son as áreas de rehabilitación integral que non pertenzan a ningunha das categorías consideradas nos puntos seguintes. Neste suposto, o ámbito delimitado deberá ter como mínimo 50 vivendas.

b) Áreas de rehabilitación de conxuntos históricos:

Son as áreas de rehabilitación integral que comprendan un ámbito que teña declaración de ben de interese cultural e conte cun plan especial de protección. Neste suposto, o ámbito delimitado deberá ter como mínimo 50 vivendas.

c) Áreas de rehabilitación rurais:

Son as áreas de rehabilitación integral que se declaren en concellos menores de 5.000 habitantes e a súa configuración sexa predominantemente rural. Neste suposto, o ámbito delimitado deberá ter como mínimo 20 vivendas.

2. Por orde da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderán modificarse os límites mínimos de vivendas de cada clase, sempre que as características do ámbito que se vai delimitar así o xustifiquen debido ás características tipolóxicas das edificacións que conforman o ámbito, ao interese arquitectónico específico do conxunto, ao grado de deterioración das edificacións unido a baixos niveis de renda dos titulares das vivendas ou á extensión do ámbito catalogado polo planeamento.

3. No suposto de que se pretenda declarar unha área de rehabilitación integral para acollerse ao financiamento estatal dos plans de vivenda, deberán cumprirse os límites mínimos de vivendas e demais requisitos establecidos no correspondente real decreto regulador do plan.

Sección 3ª. Fomento da rehabilitación

Artigo 10. Convenios de financiamento

O Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá asinar convenios coas entidades financeiras co obxecto de incentivar a concesión de financiamento para as actuacións de rehabilitación.

Artigo 11. Programas de financiamento

Mediante orde da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderán aprobarse programas de financiamento, consistentes en subsidiación de préstamos ou a concesión de axudas directas, así como as bases reguladoras das ditas axudas con suxeición ao previsto na normativa de subvencións.

Artigo 12. Divulgación das entidades relacionadas coa rehabilitación

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo porá á disposición das persoas promotoras de actuacións de rehabilitación o directorio de axentes en materia de rehabilitación para simplificar, facilitar e axilizar a xestión e execución das obras.

2. Este directorio é de inscrición voluntaria e terá, exclusivamente, un carácter informativo para os promotores. Nel figurarán como mínimo os datos relativos:

a) Á indicación da actividade e localización.

b) Á persoa física ou xurídica titular da empresa co seu número ou código de identificación fiscal.

c) Á inscrición, se é o caso, no Rexistro Mercantil, cos datos que del se consideren relevantes.

d) Ás actuacións realizadas en materia de rehabilitación.

3. O directorio estrutúrase nas seguintes seccións:

a) Subministradores de materiais.

b) Oficios.

c) Contratistas.

d) Persoal técnico.

Capítulo III
Aplicación en Galicia dos programas do Plan estatal de fomento do alugamento
de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación
urbanas, 2013-2016

Artigo 13. Aplicación en Galicia dos programas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016

Os programas incluídos no Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, poderán aplicarse na Comunidade Autónoma de Galicia unha vez asinado o convenio bilateral co Ministerio de Fomento, e desenvolveranse por orde da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na cal se regularán os requisitos para acollerse aos ditos programas, así como as bases reguladoras das axudas previstas no Plan 2013-2016 e, de ser o caso, as axudas autonómicas complementarias que se puidesen establecer.

Artigo 14. Actuacións protexidas en materia de rehabilitación

Para os efectos da xestión por parte da Comunidade Autónoma de Galicia do Plan 2013-2016, consideraranse actuacións protexidas en materia de rehabilitación as que se realicen ao abeiro dos seguintes programas:

a) Programa de fomento da rehabilitación edificatoria.

b) Programa de fomento da rexeneración e renovación urbanas.

c) Programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios.

d) Programa para o fomento de cidades sustentables e competitivas.

Artigo 15. Programas de fomento do alugamento

1. Sen prexuízo do que se poida determinar nos programas propios da Comunidade Autónoma de Galicia orientados ao fomento do alugamento, mediante resolución da persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, poderase realizar a oportuna convocatoria do programa de axuda ao alugamento de vivenda regulado no capítulo III do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, sempre que as vivendas e as persoas destinatarias cumpran os requisitos establecidos na normativa reguladora para ter dereito ás axudas.

2. Así mesmo, por resolución da persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo poderanse determinar as condicións de outorgamento das cualificacións de vivendas para acollerse ao programa de fomento do parque público de vivenda en alugamento, previsto no capítulo IV do citado real decreto, no marco dos acordos bilaterais que se asinen co Ministerio de Fomento para o desenvolvemento do referido programa.

Disposición adicional primeira. Procedemento de cualificación de vivendas protexidas

1. En canto non se produza o desenvolvemento da regulación das vivendas de protección autonómica da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, poderán cualificarse vivendas conforme o procedemento previsto no Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012. O procedemento e o réxime xurídico das vivendas será o previsto na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e no seu defecto no citado Decreto 402/2009.

2. As resolucións de cualificación de vivendas protexidas non implicarán financiamento por estar rematada a vixencia do Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012 e non estaren recollidas como actuacións financiables no Real decreto 233/2013, do 5 de abril. Os prezos máximos das vivendas protexidas serán os establecidos no antedito Decreto 402/2009.

Disposición adicional segunda. Autorización de cambios de titularidade das promocións de vivendas de protección autonómica

1. Nos supostos de que cambie a titularidade da promoción, tanto por alteración da denominación social, fusión, escisión ou sucesión de empresas ou mesmo por transmisión da promoción a outra persoa promotora física ou xurídica, logo de autorización do Instituto Galego da Vivenda e Solo, a nova persoa titular quedará subrogada en todos os dereitos e obrigas que implica a cualificación provisional ditada. De existiren contratos asinados con anterioridade, deberá visarse a novación subxectiva destes, e polo demais manterase o xa visado. No caso de que se transmitan promocións realizadas por cooperativas, para poder autorizar o cambio de titularidade, deberá achegarse o acordo de venda adoptado polos/as socios/as. O/a novo/a titular poderá transmitir as vivendas, por adxudicación directa, aos/ás socios/as que figuraban na cualificación provisional inicial e, se non se cubrise a totalidade das vivendas, deberá acudir ao disposto pola regulación do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia.

2. O disposto no número anterior será de aplicación a aquelas promocións que conten con cualificación provisional pero non teñan a cualificación definitiva.

Disposición adicional terceira. Áreas de rehabilitación integral xa declaradas

Para os efectos dos programas de rehabilitación na Comunidade Autónoma de Galicia mantéñense as áreas de rehabilitación integral xa declaradas ao abeiro de normativas anteriores.

Disposición transitoria única. Expedientes cualificados ao abeiro do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago

1. Os expedientes iniciados ao abeiro do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago, seguirán tramitándose conforme o previsto no citado decreto.

2. Para os efectos da concesión das axudas previstas no Decreto 44/2011, poderán realizarse convocatorias ao abeiro do citado decreto. No suposto de que as dispoñibilidades orzamentarias previstas na convocatoria non fosen suficientes para acadar as contías máximas de subvención previstas no decreto, poderá procederse ao rateo, entre as persoas beneficiarias da subvención, do importe global máximo destinado ás subvencións, de acordo co previsto no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derrogatoria única

1. Queda derrogado o Decreto 44/2011, do 10 de marzo, polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

2. Derrógase o Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o programa Aluga, para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, agás para o suposto de adxudicación directa de vivendas no marco do programa de realoxamento para as persoas afectadas por execucións hipotecarias, que se rexerá polo citado decreto e pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do 16 de maio de 2013, pola que se determinan como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais as persoas afectadas por execucións hipotecarias no marco do programa Aluga.

Para os efectos do anterior, por resolución da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo poderase abrir o prazo de presentación de solicitudes para incorporar aquelas vivendas necesarias para dar cobertura ás ditas adxudicacións directas.

O Decreto 84/2010 manterá a súa vixencia respecto dos contratos de arrendamento en vigor de vivendas incorporadas ao programa Aluga, de forma que as persoas arrendadoras e inquilinas poderán seguir gozando dos servizos, garantías e axudas do programa, nos termos previstos no Decreto 84/2010 e de acordo coas correspondentes resolucións anuais de convocatoria, ata a resolución do contrato de arrendamento por calquera causa ou ata o transcurso do prazo de posta á disposición.

Ademais de polos motivos de baixa previstos no artigo 19 do Decreto 84/2010, as vivendas que queden desocupadas por resolución do contrato de arrendamento causarán baixa automática no programa Aluga.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e aplicación

Facúltase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar, no ámbito das súas competencias, as normas necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de febreiro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas