Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Martes, 25 de febreiro de 2014 Páx. 8037

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2014 pola que se convoca o Curso técnico sobre cambios e novidades lexislativas en materia de avaliación ambiental. Normativa estatal e autonómica.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2014 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración con Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, e segundo o convenio asinado entre ambos os dous organismos o día 16.10.2013, o Curso técnico sobre cambios e novidades lexislativas en materia de avaliación ambiental. Normativa estatal e autonómica, conforme ás seguintes bases:

1. Obxectivos.

A lexislación ambiental que regula a tramitación ambiental de proxectos, plans e programas sufriu cambios fundamentais no mes de decembro, coa publicación de dúas novas leis, de ámbito estatal e autonómico, que modifican tanto o contido da documentación de carácter ambiental coma a tramitación destes traballos ante as administracións públicas.

Así, a Lei 21/2013 unifica a Lei 9/2006, sobre avaliación dos efectos de determinados programas sobre o ambiente e o Real decreto lexislativo 1/2008 polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos. Deste xeito establece un esquema similar para a avaliación ambiental estratéxica (AAE) e para a avaliación de impacto ambiental (AIA) e unifica a terminoloxía empregada.

Por outra parte, a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, derroga o capítulo correspondente á avaliación de incidencia ambiental da Lei 1/1995, de protección ambiental de Galicia, e os decretos 442/1990, de avaliación de impacto ambiental para Galicia e 133/2008, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental. Ademais, esta lei suprime a necesidade da licenza municipal de actividade e establece un réxime de comunicación previa.

Estes cambios lexislativos afectan a proxectos, plans, programas e a apertura ou modificación de actividades existentes. Ademais, a lexislación de ordenación do territorio e urbanismo tamén recolle a tramitación ambiental. Por este motivo, é preciso que os promotores, profesionais e técnicos municipais coñezan as novidades de man dos técnicos das administracións públicas responsables da súa tramitación.

O maior coñecemento destes cambios fará que o alumno que realice este curso poida colaborar co promotor na tramitación ambiental dos traballos.

2. Contidos.

– Contido da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental e da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

– Terminoloxía utilizada na nova lexislación.

– Procedementos administrativos de proxectos, plans e programas.

3. Destinatarios.

– Técnicos que realicen proxectos ou participen na súa redacción, que queiran ampliar os seus coñecementos sobre a lexislación ambiental de aplicación en cada tipo de proxecto, e que queiran achegar un elemento de valor ao promotor, participando na tramitación da avaliación ambiental do traballo coñecendo os trámites administrativos que han de realizarse.

– Promotores interesados en emprender unha actividade ou modificar a existente.

– Responsables técnicos municipais, que queiran ver a aplicación práctica da lexislación recentemente aprobada.

– Estudantes universitarios que desexen completar a súa formación en temas ambientais.

4. Desenvolvemento.

Este curso técnico desenvolverase na aula número 5 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) o día 13 de marzo de 2014, das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas.

Duración: este curso técnico terá unha duración de 7 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes e pagamento.

A inscrición e o pagamento da matrícula deberán formalizarse a través do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia (http://www.ciccpgalicia.es).

7. Prazo de inscrición e presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o martes 11 de marzo de 2014.

8. Certificado de aproveitamento.

Entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización deste curso técnico.

9. Modificacións e incidencias.

A EGAP e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia resérvanse a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso técnico, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública