Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Mércores, 26 de febreiro de 2014 Páx. 8206

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 17 de febreiro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en biblioteconomía mediante a formación apoiada por titores en diversos centros bibliotecarios.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, de acordo co que establece o Estatuto de autonomía de Galicia nos artigos 32 e 27.18, exerce a competencia exclusiva en materia de bibliotecas que non sexan de titularidade estatal, así recollida no artigo 9 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, e desenvolvida a través da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

Consonte esta responsabilidade, a Consellería é consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das bibliotecas é unha cualificación e formación técnica dos responsables destas. Por iso, a través da súa Secretaría Xeral de Cultura, vén ocupándose mediante a realización de cursos de formación da instrución tanto básica como de perfeccionamento dos futuros bibliotecarios da Rede de bibliotecas de Galicia. Esta formación, esencialmente teórica, non quedaría rematada se non se complementa coa realización de prácticas en bibliotecas que permitan non só a formación nas diversas áreas destes centros, senón tamén contacto diario e directo dos/as bolseiros/as, durante un tempo suficiente, cos problemas e demandas reais dunha biblioteca, debidamente guiados por persoas con coñecementos e experiencia dabondo, como medio de promoción profesional.

Por esta razón, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, realiza un plan de preparación de profesionais para a Rede de bibliotecas de Galicia, a través de bolsas de formación en biblioteconomía mediante a formación apoiada por titores en diversos centros dependentes desta.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación en biblioteconomía, con acompañamento de titor, para o tratamento técnico dos fondos, así como calquera outra actividade que permita a súa formación e coñecemento dos diversos servizos bibliotecarios.

2. Os bolseiros recibirán a súa formación nas bibliotecas públicas a que sexan destinados e serán coordinados e dirixidos pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do persoal técnico debidamente cualificado, designado para tal efecto por aquela. A relación das bibliotecas públicas en que deberán realizar a actividade publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.

3. A formación comprenderá unha parte teórica e outra práctica que será impartida por persoal técnico bibliotecario.

Artigo 2. Número, duración e importe das bolsas

1. O número de prazas convocadas será de trinta e unha (31) que se adxudicarán mediante a aplicación do baremo indicado no artigo 6 desta convocatoria.

2. A bolsa terá unha duración total de oito meses, contados desde a data de incorporación que estableza a Secretaría Xeral de Cultura e poderán ser prorrogadas dependendo do informe favorable do titor responsable e mais da existencia de crédito adecuado e suficiente para o seu financiamento.

3. Financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 2014 09.20.432.A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, por un importe total de douscentos quince mil setecentos sesenta euros (215.760 €).

4. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, destinaranse 8.610,56 euros, en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por continxencias comúns e profesionais.

5. O importe individualizado de cada bolsa será de 870 euros brutos mensuais.

6. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no caso de que as bolsas concedidas non cubrisen a totalidade do crédito asignado, pode realizar unha nova convocatoria pública, nos mesmos ou en diferentes termos desta.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

– Titulación universitaria de licenciatura ou diplomatura en Biblioteconomía ou Documentación; grao en Información e Documentación; licenciatura ou grao en Historia, Filoloxía ou Humanidades.

– Non percibir outra bolsa ou contrato remunerado durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

– Non se beneficiar anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis (6) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Secretaría Xeral de Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.

– Non poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberán achegar, para estes efectos, unha declaración responsable de que non concorre ningunha das circunstancias previstas no referido artigo.

A concesión da bolsa será incompatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, de acordo co disposto no artigo 14.1.p) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Obrigas dos bolseiros

Ás persoas seleccionadas, logo de aceptaren as bolsas, seralles de aplicación o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e, así mesmo, quedarán obrigadas a:

– Incorporarse aos centros a que sexan destinadas dentro do prazo que estipule a Secretaría Xeral de Cultura.

– Asistir aos centros onde resulten destinadas, de acordo coas directrices que fixen os responsables da execución do programa de formación teórica e práctica.

– Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

– Cumprir o compromiso de formación durante todo o período para o cal se lle concedeu a bolsa.

Artigo 5. Presentación das solicitudes, documentación e prazos

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. Documentación que cómpre achegar:

– Solicitude segundo o modelo que figura como anexo I nesta convocatoria.

– Copia do DNI ou NIE, só no caso de non autorizar, no anexo I, a súa consulta no sistema de verificación de identidades, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e coa Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009 que o desenvolve, para a consulta dos datos de identidade do solicitante no sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

– Declaración expresa de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, ou, no caso de o ter, un compromiso expreso de renunciar con anterioridade ao momento da incorporación ao centro a que sexa destinado consonte o modelo que se inclúe no anexo I.

– Copia da certificación académica do expediente coas cualificacións obtidas nas diferentes materias.

– Copia dos documentos que acrediten os méritos alegados.

– Declaración responsable de que non concorre en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 10.3º da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o previsto no artigo 11.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de 13 de xullo, de subvencións de Galicia, consonte o modelo que se inclúe no anexo I.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

5. Serán causa de exclusión a demostración de falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais e a incorrección na documentación presentada.

6. Se as solicitudes non reúnen os requisitos sinalados, os solicitantes serán requiridos para que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación exixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o que se lles concederá un prazo de dez (10) días hábiles, contados desde a recepción do escrito de requirimento correspondente.

Artigo 6. Instrución, avaliación e criterios de valoración

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas levaraa a cabo a Secretaría Xeral de Cultura.

O órgano competente para a instrución realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. As solicitudes serán analizadas e valoradas por unha comisión presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas, da que serán vogais a xefa do Servizo do Sistema de Bibliotecas e o/a director/a dunha das bibliotecas da Rede de bibliotecas de Galicia, actuará como secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a ou laboral da Subdirección Xeral de Bibliotecas.

3. Esta comisión avaliará consonte os seguintes criterios:

– Doutoramento en Biblioteconomía ou Documentación: 1 punto.

– Expediente: puntuarase en función do número de materias estudadas relacionadas especificamente con bibliotecas ou centros de documentación e da puntuación obtida en cada unha delas. Máximo: 15 puntos.

– Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e informática aplicada a bibliotecas, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de bibliotecarios ou documentalistas:

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 250 horas: 1 punto por curso, ata un máximo de 2 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

c) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

d) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 0,75 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

– Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e informática aplicada a bibliotecas impartidos por outros organismos: valoraranse, ata un máximo de 0,75 puntos.

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 250 horas: 0,15 puntos por curso, ata un máximo de 0,30 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 0,20 puntos.

c) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,05 puntos por curso, ata un máximo de 0,15 puntos.

d) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,02 puntos por curso, ata un máximo de 0,10 puntos.

– Impartición de cursos de bibliotecas, ata 1,50 puntos, en función das horas impartidas:

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

– Asistencia a congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,10 puntos por congreso, ata un máximo de 0,75 punto.

– Presentación de comunicacións en congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 1,25 puntos.

– Publicacións relacionadas con biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,25 puntos por publicación, ata o máximo de 1,5 puntos. O mesmo mérito valorarase unha soa vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

– Cursos de galego:

Celga 3 ou equivalente: 2,5 puntos.

Celga 4 ou equivalente: 3,5 puntos.

Ata o máximo de 3,5 puntos.

O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que se fará pública, para os efectos de notificación aos interesados, no portal da Rede de bibliotecas (www.rbgalicia.xunta.es), na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nas súas delegacións territoriais. Concederase un prazo de dez (10) días para presentar alegacións. Examinadas as alegacións aducidas, de ser o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar o solicitante ou solicitantes para os cales se propón a concesión da bolsa, especificando a puntuación total obtida na valoración dos méritos.

Artigo 7. Resolución

1. A resolución da convocatoria correspóndelle ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ditarase no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución e publicarase no DOG. Así mesmo, farase pública no portal da Rede de bibliotecas de Galicia (www.rbgalicia.xunta.es), na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nas súas delegacións territoriais. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos. En todo caso, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá superar os cinco meses.

A resolución deberá expresar a relación de solicitantes aos cales se lles conceden as bolsas convocadas, poderanse designar ademais os adxudicatarios suplentes, en orde de prioridade, que serán notificados como adxudicatarios de forma sucesiva cando non se puidese formalizar a aceptación da bolsa ou se produza unha renuncia.

2. No suposto de que non recaese ningunha resolución expresa dentro do prazo previsto para resolver, o sentido do silencio será negativo.

3. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

De non se incorporaren no prazo que se determine para tal efecto na resolución da concesión sen causa suficiente, ou de demostrarse falsidade ou non correspondencia cos orixinais ou incorrección na documentación presentada, o secretario xeral de Cultura poderá propoñer o seguinte ou seguintes candidatos, por orde de puntuación, e quedará sen efecto o nomeamento das persoas que se atopen nalgunha destas situacións.

4. Unha vez outorgadas as bolsas, a Secretaría Xeral de Cultura poderá solicitarlles aos seleccionados a presentación do orixinal ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán entregar nun prazo non superior aos dez (10) días.

5. De acordo co artigo 14.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. Incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 16/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, segundo autorización do solicitante que figure na convocatoria correspondente.

7. A resolución de adxudicación ponlle fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da citada Lei 30/1992, e contra ela cabe interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da data de notificación desta aos interesados ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir da data de notificación.

8. Unha vez rematado o período de percepción da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación presentada.

Artigo 8. Pagamento das bolsas

1. O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación, e repartirase en oito (8) mensualidades, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, logo da certificación da Secretaría Xeral de Cultura de que a persoa beneficiaria realizou, de conformidade, as actividades formativas que son obxecto da bolsa.

2. Ás persoas beneficiarias das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao seu pagamento.

Artigo 9. Renuncias, revogación e reintegro das cantidades

1. A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada polo menos con sete días de antelación á data establecida para a súa renuncia. Esta dará lugar á devolución das cantidades percibidas, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non realizada.

2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Secretaría Xeral de Cultura a revogación da bolsa por falta de aproveitamento ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Réxime xurídico

En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei anterior. Con carácter supletorio será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado por Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 11. Carácter das bolsas

Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos desta, conforme estas bases, sen ningún outro vencello laboral ou administrativo coa Administración autonómica.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o secretario xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file