Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 27 de febreiro de 2014 Páx. 8382

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 12 de febreiro de 2014 pola que se regula o procedemento para o recoñecemento e consolidación do compoñente do complemento específico aos/ás funcionarios/as das escalas de profesores/as numerarios/as e mestres/as de taller dos institutos e escolas oficiais marítimo-pesqueiras dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar.

O artigo 18 do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira adscribe á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura as escalas de profesores/as numerarios/as e mestres/as de taller a que se refiren os artigos 3.3 e 3.4 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ao servizo da Xunta de Galicia.

Neste mesmo decreto establécese no seu artigo 19 que o réxime retributivo dos funcionarios/as das anteditas escalas será o establecido para os/as funcionarios/as dos corpos de profesores/as de ensino secundario e de profesores/as técnicos/as de formación profesional respectivamente, destinados en centros públicos dependentes da consellería con competencias en materia de educación.

A Orde do 14 de maio de 2013 da consellería con competencias en materia de educación regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia e establece como destinatarios/as desta regulación o profesorado que imparte ensino nos centros educativos, ou ben aquel que teña destino nos servizos técnicos dependentes da consellería. Así mesmo, desenvolve a normativa que afecta o rexistro xeral de actividades de formación permanente do profesorado de Galicia.

A dita orde sobre actividades de formación do profesorado recolle que o complemento específico por formación permanente poderá ser recoñecido de oficio ou por instancia da parte interesada.

O Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, establece que corresponde aos/as conselleiros/as, en relación co persoal funcionario pertencente aos corpos e escalas adscritos ao seu departamento, resolver as situacións administrativas do persoal funcionario e o recoñecemento da adquisición do grao persoal e dos trienios.

A consellería con competencias en materia de pesca, a través desta orde, pretende fixar un marco preciso e estable que dea unha resposta axeitada ás necesidades de regular o procedemento para integrar o compoñente do complemento específico por formación permanente nas retribucións dos/as funcionarios/as dos corpos facultativos das escalas de profesores/as numerarios/as e mestres/as de taller.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten como obxecto regular o procedemento a seguir para o recoñecemento e consolidación do compoñente específico por formación permanente aos/ás funcionarios/as das escalas de profesores/as numerarios/as e mestres/as de taller que imparten ensinanzas nos institutos e escolas oficiais marítimo-pesqueiras dependentes da consellería con competencias en materia de pesca, así como a aqueles/as funcionarios/as pertencentes ás ditas escalas con destino nos servizos técnicos dependentes da dita consellería.

Artigo 2. Do compoñente do complemento específico

1. O compoñente do complemento específico por formación permanente acádase por medio de cinco etapas de seis anos de duración cada unha delas e que comportan distintos niveis retributivos deste compoñente.

2. A consecución de cada etapa polo/a funcionario/a suporá o recoñecemento dun novo compoñente económico que se acumulará ao complemento específico do posto.

Artigo 3. Requisitos

1. Os efectos económicos e administrativos correspondentes á consolidación de cada etapa e a promoción á seguinte, produciranse cando o/a funcionario/a cumpra os seguintes requisitos:

– Estar en situación de servizo activo.

– Acreditar seis anos de ocupación efectiva dunha praza correspondente a profesor/a numerario/a ou mestre/a de taller, nun centro de formación náutico-pesqueira dependente da consellería ou dunha praza nun servizo técnico de unidades administrativas da consellería.

– Acreditar cen horas de participación nas actividades de formación ou equiparables á formación previstas nesta orde.

– Presentar certificación do departamento con responsabilidades en materia de persoal dos períodos de permanencia en alta laboral durante a etapa de seis anos.

– Achegar solicitude, que será dirixida á dirección xeral con competencias en materia de ensinanzas náutico e marítimo-pesqueiras da consellería con competencias en materia de pesca.

2. En ningún caso, o exceso de horas de actividades de formación sobre as cen requiridas no período de seis anos correspondente a unha etapa determinada será computable para completar as cen horas de actividades das etapas posteriores.

CAPÍTULO II
Actividades de formación e valoración

Artigo 4. Cursos de formación

1. Os programas dos cursos desenvolverán contidos pedagóxicos, científicos, técnicos e culturais que melloren a cualificación profesional do profesorado para o exercicio da docencia, a partir, fundamentalmente, das achegas de especialistas.

2. Valoraranse as horas de asistencia a cursos en que se impartan materias relativas á formación de profesorado organizados pola Escola Galega de Administración Pública, o Instituto Nacional de Administración Pública, consellerías, ministerios e universidades.

3. Valoraranse as horas de asistencia a cursos realizados polos movementos de renovación pedagóxica, as organizacións sindicais representativas do sector educativo e aqueloutras entidades públicas ou privadas dotadas de personalidade xurídica propia, vinculadas ao ámbito educativo, que teñan entre os seus obxectivos específicos ou estatutarios a realización de actividades relacionadas coa formación do profesorado.

4. Valoraranse as horas de asistencia a congresos e seminarios en materias relativas á formación do profesorado. Asimilaranse á modalidade de congreso, para os efectos de recoñecemento e rexistro, os obradoiros, as xornadas e os encontros, de duración comprendida entre 8 e 19 horas.

5. Non se valorará:

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso ou máster.

Artigo 5. Grupos de traballo

1. Teñen como base o recoñecemento da importancia do traballo cooperativo entre o profesorado como elemento fundamental da formación. Estarán constituídos co obxecto de traballar, investigar e experimentar sobre algún aspecto concreto da realidade educativa coa finalidade de desenvolver propostas didácticas, elaborar materiais ou investigar temáticas innovadoras.

2. Nos grupos de traballo, a elección do tema será a proposta do servizo con competencias en formación marítimo-pesqueira ou das administracións competentes en formación profesional inicial ou continua, co fin de que se traten aspectos de interese formativo non abordados noutras modalidades de formación.

3. Estes grupos de traballo poderán contar con docencia de persoas relatoras externas ao grupo para o desenvolvemento do tema elixido.

4. Para a avaliación do traballo desenvolvido nesta modalidade de formación terase en conta o material e a memoria elaborados, así como as actas das sesións de traballo realizadas.

Artigo 6. Proxectos de formación

1. Os proxectos de formación teñen o seu referente fundamental no centro como lugar de cambio e innovación educativa. O seu obxectivo é contribuír á posta en marcha de proxectos conxuntos de innovación curricular, organizativa e pedagóxica.

2. Deben estar baseados nas necesidades reais de cada centro, considerando as características deles e desenvolvendo accións concretas que dean resposta ás demandas educativas.

3. De cada proxecto, que poderá ser proposto polo persoal facultativo dun mesmo centro, deberán emitir informe o claustro e o consello escolar.

4. Para a avaliación do traballo desenvolvido nesta modalidade de formación terase en conta o material e a memoria elaborados, así como as actas das sesións de traballo realizadas.

Artigo 7. Coordinación das actividades de formación

1. As modalidades de formación do profesorado descritas nos artigos 5 e 6 desta orde deberán contar cunha persoa coordinadora que asumirá as funcións que lle asigne a convocatoria.

2. A persoa que coordine estas actividades de formación deberá contar coa titulación e experiencia necesaria para desenvolver tal actividade e será nomeada pola dirección xeral con competencias en materia de ensinanzas náuticas marítimo-pesqueiras da consellería competente en materia de pesca.

Artigo 8. Contido dos certificados

1. Nos certificados acreditativos da participación en actividades de formación elaborados pola entidade organizadora constarán, como mínimo, os seguintes datos:

– Institución ou entidade organizadora da actividade.

– Nome e cargo de quen expide a certificación en representación da institución ou entidade organizadora.

– Nome, apelidos e DNI da persoa a quen se lle expide o certificado.

– Denominación da actividade.

– Lugar e datas de celebración.

– Tipo de participación: coordinación ou asistencia.

– Número de horas que corresponda a cada tipo de participación.

– Lugar e data de expedición do certificado.

– Sinatura e selo.

2. Os anteditos certificados serán expedidos e entregados ás persoas interesadas, que cumprisen cos requisitos para obtelos, pola institución ou entidade organizadora da actividade unha vez realizada a avaliación.

Artigo 9. Horas de formación permanente

1. A valoración das actividades de formación permanente virá expresada en horas de formación, de acordo cos seguintes criterios:

a) Calquera modalidade de formación terá unha duración mínima de oito horas.

b) En días lectivos só se computarán un máximo de catro horas de formación, que deberán realizarse fóra do horario lectivo do profesorado.

c) En días non lectivos só se computarán un máximo de oito horas de formación por día.

d) Para os grupos de traballo e proxectos de formación en centros, o número de horas susceptibles de ser computadas serán as que resulten de analizar as memorias e as actas das sesións de traballo.

e) As actividades de menos de oito horas non serán computables nin poderán acumularse.

f) Non se valorarán as certificacións de asistencia ou participación parciais das actividades.

CAPÍTULO III
Actividades equiparables ás de formación permanente e valoración

Artigo 10. Proxectos de investigación

1. As actividades de investigación avaladas polos organismos públicos competentes terán efectos como formación permanente se se realizasen no desenvolvemento dunha convocatoria pública de proxectos de investigación, efectuada por algún organismo pertencente ás administracións públicas ou ás universidades.

2. Será requisito imprescindible que o profesorado participante dispoña de autorización para participar no proxecto de investigación.

3. A participación en proxectos de investigación estará aberta a proxectos realizados no propio centro ou desenvolvidos por outras institucións.

Artigo 11. Valoración dos proxectos de investigación

1. Sen prexuízo de que a Comisión de Valoración poida solicitar toda aquela información do proxecto que considere necesaria para valorar a equivalencia en horas de formación, as persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, os seguintes documentos:

a) Copia da autorización para participar no proxecto de investigación.

b) Memoria da actividade realizada.

c) Resultados obtidos.

d) Certificación acreditativa de participación no proxecto de investigación.

2. Os proxectos de investigación terán unha duración mínima dun ano.

3. Os proxectos de investigación terán o seu referente fundamental nas materias do currículo impartido no centro de formación. O seu obxectivo será contribuír a incorporar novas experiencias na formación da familia náutico marítimo-pesqueira.

4. Achegada a documentación exixida outorgaranse as horas que correspondan en función da calidade do traballo efectuado.

5. Poderán outorgarse como máximo cincuenta horas pola participación a cada membro do equipo investigador.

6. Non serán valoradas por separado aquelas actividades parciais derivadas da participación no proxecto de investigación.

Artigo 12. Titulacións universitarias

1. As titulacións universitarias de carácter oficial e os títulos propios de cada universidade consideraranse como formación permanente, sempre que non se exixan como requisito para o acceso á función pública.

2. A valoración das titulacións universitarias será a seguinte:

– Titulacións de primeiro ciclo: por cada diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou títulos declarados legalmente equivalentes e polos estudos correspondentes ao primeiro ciclo dunha licenciatura, arquitectura ou enxeñaría: trescentas horas de formación.

– Titulacións de segundo ciclo: polos estudos correspondentes ao segundo ciclo de licenciaturas, enxeñarías, arquitectura ou títulos declarados legalmente equivalentes: trescentas horas de formación.

– Titulacións de posgrao:

– Pola obtención do título de doutor: trescentas horas de formación.

– Por títulos propios das universidades: ata duascentas horas de formación, segundo o que recolla a certificación.

Artigo 13. Participación en programas ou actividades internacionais

1. Para os efectos desta orde consideraranse como actividades de formación permanente:

a) A participación en programas internacionais convocados polas administracións educativas.

b) A participación en actividades de formación do profesorado realizadas no estranxeiro e organizadas por organismos oficiais, por universidades ou por institucións de formación permanente do profesorado oficialmente recoñecidas polas autoridades educativas do respectivo país.

c) A participación en programas de cooperación internacional, cuxo fin sexa o desenvolvemento de actividades relacionadas coa educación en materias da familia profesional marítimo-pesqueira.

2. A valoración en horas de formación para cada programa ou actividade internacional será como máximo de cincuenta horas.

Artigo 14. Titoría de prácticas

1. O profesorado que realice as funcións de titoría regulamentariamente prevista en relación coas prácticas que habiliten o profesorado para o exercicio da función docente, ou que sexan inherentes aos procesos selectivos en materia de función pública, terán un recoñecemento de 20 horas de formación.

2. O/a profesor/a que titorice as prácticas do curso de cualificación pedagóxica conducente á obtención do título de especialización didáctica ou similar, terá o recoñecemento de 20 horas de formación.

3. O profesorado titor das prácticas do alumnado que realice estudos de diplomaturas, licenciaturas ou másters en que se deban levar a cabo prácticas en centros de formación marítimo-pesqueira terán un recoñecemento de 20 horas de formación pola función desenvolvida.

4. Non se poderá recoñecer ao profesorado máis dunha titoría ou coordinación por cada etapa de seis anos.

Artigo 15. Inscrición das actividades de formación

Todas as actividades formativas que os/as interesados/as desexen que se consideren como actividades de formación inscribiranse nun rexistro de actividades de formación permanente dos/as funcionarios/as das escalas de profesores/as numerarios/as e mestres/as de taller dos institutos politécnicos e escolas oficiais marítimo-pesqueiras.

CAPÍTULO IV
Procedemento de valoración

Artigo 16. Procedemento de valoración

1. Para a valoración de certificados e documentos que se acheguen coa solicitude crearase unha comisión de valoración coa seguinte composición:

– Un/ha presidente/a, que será un funcionario/a adscrito/a á dirección xeral con competencias en materia de ensinanzas náuticas marítimo-pesqueiras da consellería con competencias en materia de pesca.

– Catro vogais, que serán os/as xefes/as de estudos de cadanseu centro de formación dependente da consellería con competencias en materia de pesca.

– Un/ha secretario/a, que será un funcionario/a adscrito/a á consellería con competencias en materia de pesca.

2. Con periodicidade trimestral, sempre que existan solicitudes para resolver, o/a presidente/a convocará a comisión de valoración.

3. A comisión, segundo o tipo de actividade, verificará o cumprimento do requisito de cen horas de participación nas actividades de formación ou equiparables á formación, revisará a documentación e redactará un informe de valoración para cada unha das solicitudes.

O dito informe terá a mesma virtualidade que unha certificación para os efectos do regulado nesta orde.

4. Os membros da Comisión de Valoración non percibirán retribución ningunha por pertencer a esta. Terán dereito a percibir as indemnizacións por comisión de servizos que lles correspondan polo seu corpo e escala.

Artigo 17. Resolución

O procedemento de recoñecemento do compoñente do complemento específico por formación permanente finalizará mediante unha resolución da persoa titular da consellería con competencias en materia de pesca.

Artigo 18. Réxime de recursos

Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular desta consellería no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contados, en ambos os dous casos, a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

Disposicións adicional primeira. Da formación de profesorado noutras comunidades autónomas

Nos termos previstos na lexislación vixente, a consellería con competencias en materia de pesca recoñecerá ao profesorado con destino nesta comunidade a formación derivada da participación en actividades realizadas noutras comunidades autónomas, sempre que se incardinen no marco formativo regulado nesta orde e previa certificación expedida polos centros directivos desas comunidades autónomas que teñan competencia na materia obxecto destas.

Disposición adicional segunda. Da formación do profesorado pola consellería con competencias en materia educativa

As consellerías con competencias en materia de pesca e en materia educativa poderán establecer un convenio que lles permita aos/as funcionarios/as das escalas de profesores/as numerarios/as e mestres/as de taller adscritos á primeira, participar nas actividades de formación permanente organizadas pola consellería competente en materia educativa.

Disposición transitoria primeira. Das solicitudes presentadas con anterioridade á orde

Nas solicitudes de recoñecemento e consolidación do compoñente do complemento específico por formación permanente formuladas con anterioridade á entrada en vigor desta orde, o compoñente do complemento específico terá efectos retributivos a partir da data na que resulte acreditado o cumprimento dos requisitos exixidos para a súa percepción.

Disposición transitoria segunda. Do rexistro de actividades formativas

No prazo de doce meses, contados desde a entrada en vigor desta orde, publicarase a normativa reguladora do rexistro de actividades de formación permanente dos/as funcionarios/as das escalas de profesores/as numerarios/as e mestres/as de taller dos institutos e escolas oficiais marítimo-pesqueiras.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento desta orde

Facúltase a dirección xeral con competencias en materia de ensinanzas náuticas e marítimo-pesqueiras da consellería con competencias en materia de pesca para ditar, no ámbito das súas competencias as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Publicación e entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar