Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 27 de febreiro de 2014 Páx. 8410

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2014 pola que se convoca o I Seminario sobre transparencia administrativa e protección dos intereses financeiros da Unión Europea na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, cofinanciado pola Comisión Europea no marco do programa Hércules II.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2014 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, o I Seminario sobre transparencia administrativa e protección dos intereses financeiros da Unión Europea na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Esta actividade, cofinanciada pola Comisión Europea no marco do programa Hércules II Legal-Part da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), desenvolverase conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Neste seminario internacional, centrado na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, analizaranse diversos aspectos da protección dos intereses financeiros da Unión Europea na súa relación coa transparencia das administracións públicas, con especial atención ao control da xestión dos fondos da Unión Europea e as medidas de transparencia nos contratos públicos. En concreto, fixáronse os seguintes obxectivos:

• Conscienciar os empregados públicos e responsables políticos sobre a importancia da protección dos intereses financeiros da Unión Europea, especialmente en relación coa xestión dos fondos da Unión Europea.

• Difundir boas prácticas sobre a xestión e control dos fondos da Unión Europea.

• Dar a coñecer as novas medidas de transparencia para evitar a fraude e a corrupción que a Xunta de Galicia ten como obxectivo poñer en práctica, sobre todo en materia de contratos públicos.

• Promover a cooperación transfronteiriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para a protección dos intereses financeiros da Unión Europea.

• Promover o debate social e político sobre a necesidade de mellorar a transparencia administrativa para previr a fraude e a corrupción.

2. Contidos.

Nesta primeira edición prestarase especial atención ao control da xestión dos fondos da Unión Europea polas administracións públicas e ás medidas de transparencia na contratación pública, xa que son aspectos fundamentais na loita contra a fraude e as actividades ilegais na aplicación do dereito da Unión Europea por parte das autoridades nacionais.

O seminario dirixirase a formular propostas para mellorar a transparencia do sector público, co propósito de garantir que a cidadanía poida coñecer o volume de gastos e ingresos das administracións, quen son os destinatarios dos contratos públicos, quen se beneficia de cada subvención ou canto custa realizar unha obra ou fomentar determinada actividade. Isto é, abordaranse aquelas medidas dirixidas a que a cidadanía poida coñecer en que e como se empregan os fondos públicos.

En concreto, serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– O dereito das axudas do Estado ante a crise económica.

– O control da xestión dos fondos europeos polas administracións públicas.

– Control administrativo de axudas da Unión Europea e crise en Portugal.

– Cooperación transfronteiriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e protección dos intereses financeiros da Unión Europea.

– Calidade regulatoria e transparencia administrativa na execución do dereito da Unión Europea.

– Reforma da normativa europea sobre contratación administrativa e transparencia na contratación por parte do sector público.

– A transparencia administrativa no Código portugués dos contratos públicos.

– Novas medidas para a transparencia e eficiencia na contratación por parte do sector público galego.

– O papel do Tribunal de Contas Europeo no control dos fondos públicos da Unión Europea.

3. Destinatarios.

O seminario diríxese principalmente aos empregados públicos e responsables políticos das administracións rexionais e locais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como ao persoal da Administración de xustiza. Tamén está orientado a estudantes universitarios, axentes do sector privado con interese na materia e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Datas e horario:

19 e 20 de marzo de 2014.

19 de marzo de 10.00 a 18.00 horas.

20 de marzo de 10.00 a 19.00 horas.

Duración: 15 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que para este efecto figurará, na páxina web da EGAP, no seguinte enderezo:

http://egap.xunta.es/seminariotransparenciaUE

As persoas solicitantes poderán obter máis información das 8.30 ás 14.30 horas, chamando aos seguintes números: 981 54 62 41 - 881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o luns 17 de marzo de 2014.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento do seminario, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificar a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Ao final do seminario entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización deste seminario.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública