Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Venres, 7 de marzo de 2014 Páx. 9814

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 21 de febreiro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo, cofinanciada parcialmente polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas, en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e dispón o que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

Segundo o establecido no artigo 29 do Estatuto de autonomía de Galicia e de conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos transferidos, correspóndelle á comunidade autónoma a xestión de calquera tipo de axudas, subvencións e préstamos que realizaba o Fondo Nacional de Protección ao Traballo e, segundo a disposición adicional única da Orde TAS/3501/2005, do 7 de novembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o fomento do emprego e mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, a xestión das axudas dos programas para a creación e o mantemento do emprego recollidas nela.

De acordo co disposto no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, (DOG núm.46, do 6 de marzo), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das anteditas competencias e funcións.

As distintas axudas e subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Traballo e Benestar pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, tanto no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade como á promoción das cooperativas, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A situación económica actual afecta especialmente a capacidade de creación de emprego. Neste contexto, resulta preciso incidir na mellora da competitividade da economía social e activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego, tendo en conta a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, así como a oportunidade que estas empresas representan para a recuperación económica e para a mellora do benestar social.

O programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais establece axudas orientadas a facilitar a incorporación das persoas desempregadas como socios e socias traballadores/as ou de traballo nas cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar as distintas fórmulas de autoemprego colectivo como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio.

Adicionalmente, o programa de fomento de acceso á condición de persoa socia traballadora recolle axudas dirixidas ás persoas desempregadas para promover a súa incorporación a empresas de economía social, facilitando a realización da contribución económica ao capital social que resulta precisa para a boa fin do proxecto de emprendemento. Igualmente considéranse como posibles beneficiarios os asalariados, co obxectivo de conseguir a consolidación dos seus empregos e a plena integración na empresa.

O programa de impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica pon a disposición dos desempregados e demais emprendedores os recursos precisos para a posta en marcha dos proxectos, incluso na fase previa á súa constitución formal, potenciando singularmente os procesos de asesoramento e acompañamento das novas iniciativas.

Entre as novidades que cómpre significar, a orde reflicte a especial preocupación pola problemática derivada do alto nivel de desemprego existente entre a xuventude galega e aborda un tratamento singular da súa situación promovendo a constitución de cooperativas constituídas maioritariamente por mozos e mozas comprendidas entre 16 e 29 anos e que poñan en común o seu traballo persoal. Avánzase unha primeira definición de cooperativa xuvenil e asígnase un programa específico para a súa promoción (Programa IV) que financiará os custos derivados do lanzamento inicial da actividade, ao tempo que se prevén incrementos significativos das contías recollidos noutros programas que lle afectan.

Especial importancia ten tamén a aposta pola intercooperación e integración cooperativa que se recolle no programa V, e que promove os procesos de concentración entre empresas de economía social e a posta en marcha de proxectos de colaboración empresarial, ao redor de tres eixes: a configuración de proxectos de integración e intercooperación, as actividades de investigación, desenvolvemento e innovación, así como a inmersión nas tecnoloxías da información e as comunicacións, e a comercialización e internacionalización.

O P.O. FSE Galicia 2007-2013 considera, no seu eixe 1 tema prioritario 62, axudas ao fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, accións formativas, xornadas e seminarios, tratando de favorecer a capacidade de resposta das empresas ante as novas exixencias do mercado, incrementar a creación de empresas dinamizando a riqueza e o emprego, aproveitando a capacidade emprendedora da poboación galega.

Considérase o financiamento dos distintos programas con cargo ao Fondo Social Europeo e fondos propios, así como con fondos finalistas cando se trate de accións elixibles de acordo coa Orde TAS/3501/2005, do 7 de novembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o fomento do emprego e a mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais e, de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Sección 1ª. Bases

Capítulo I
Finalidade, ámbito e réxime das axudas

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria das axudas e subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de promover a incorporación de persoas desempregadas ás entidades de economía social e apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación deste tipo de empresas a través dos seguintes programas:

Programa I-Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

Programa II-Fomento do acceso á condición de persoa socia traballadora.

Programa III-Impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica.

Programa IV-Promoción das cooperativas xuvenís.

Programa V-Intercooperación e integración cooperativa.

2. As bases reguladoras de cada un dos programas incorporaranse como anexo desta orde, que forma parte integrante dela.

3. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

4. Estas bases teñen vixencia indefinida.

Artigo 2. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde:

a) As cooperativas e sociedades laborais para as actuacións previstas no programa I de Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

b) As persoas desempregadas, as demandantes de mellora de emprego, así como as persoas asalariadas das cooperativas e sociedades laborais, nos termos e para as axudas previstas no programa II de Fomento do acceso á condición de persoa socia traballadora.

c) As cooperativas e sociedades laborais de nova creación ou que acometan novos proxectos nos termos e para as actuacións previstas no programa III de Impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica, así como as persoas e empresas privadas que presten os servizos de asesoramento e acompañamento nos termos previstos no punto 3.2.1 da base terceira.

d) As cooperativas xuvenís para as actuacións e nos termos previstos no programa IV de promoción deste tipo de entidades.

e) As cooperativas e sociedades laborais que participen conxuntamente en proxectos de integración ou colaboración empresarial, nos termos e para as actuacións previstas no programa V de intercooperación e integración cooperativa.

2. Con carácter xeral os beneficiarios e as beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia ou no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais, ambos os dous dependentes da Xunta de Galicia, e/ou no Rexistro Mercantil, se é o caso.

b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

3. Esta orde non será de aplicación ás solicitudes formuladas polas empresas e para as actividades que se indican a seguir:

a) Empresas que operan nos sectores da pesca e a acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) núm. 104 do Consello (DO L 17 do 21 de xaneiro de 2000).

b) Empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados membros, é dicir, as axudas directamente vinculadas ás cantidades exportadas, ao establecemento e á explotación dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes vinculados á actividade exportadora.

4. Para os efectos desta orde terán a consideración de cooperativas xuvenís as que estean formadas maioritariamente por persoas socias traballadoras ou de traballo que teñan entre 16 e 29 anos de idade.

Artigo 3. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión das axudas previstas nos programas desta orde estarán suxeitas á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás aplicacións 11.02.324A.471.0 e 11.02.324A.472.0 da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

A distribución inicial de créditos fixarase para cada un dos programas recollidos no artigo 1 en cada convocatoria de axudas.

Os programas poderán ser atendidos co Fondo Social Europeo (ao 80 %) e fondos propios que cofinancian (ao 20 %) e con fondos propios libres, así como con fondos finalistas cando se trate de accións elixibles de acordo coa Orde TAS/3501/2005, do 7 de novembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o fomento do emprego e a mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais.

De producirse remanentes de crédito nalgún dos devanditos programas procederase á reasignación das contías sobrantes entre os restantes.

Estes importes poderán verse incrementados con fondos comunitarios, da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polos Fondos Europeos.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Capítulo II
Normas comúns, solicitudes, documentación e procedemento

Artigo 4. Solicitudes, prazo e documentación

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nos distintos programas desta orde deberán formalizarse por separado para cada un deles, presentaranse no modelo de solicitude en función do programa de que se trate que figura como anexo desta orde, acompañadas da documentación xeral e específica citada neste artigo e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

Os formularios de solicitude tamén poderán ser obtidos, cubertos e validados pola entidade solicitante a través da aplicación informática áa que se poderá acceder igualmente a través da páxina web da Consellería de Traballo e Benestar (http://traballoebenestar.xunta.es).

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda non será inferior a un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e respectaranse, de ser o caso, os prazos específicos previstos para cada tipo de axuda, no anexo I das bases.

3. A documentación que debe acompañar a solicitude do programa I é a seguinte:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 5.1 da orde de convocatoria).

c) Alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou, se é caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

d) Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, un breve currículo das persoas promotoras, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería (http://traballoebenestar.xunta.es), no seu punto de axudas e subvencións.

e) Documentación específica para o programa I:

1) DNI, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia na situación de desemprego, referidos á data de presentación da solicitude, segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social das persoas socias traballadoras ou de traballo por quen se solicita subvención, agás cando o traballador ou traballadora vinculada á empresa cun contrato laboral de carácter temporal se incorpore como socio ou socia traballadora ou de traballo, que non deberán presentar as devanditas certificacións.

2) Documentos acreditativos da pertenza aos colectivos sinalados no anexo II, se é o caso. A comprobación da condición de persoa afectada por diversidade funcional realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración, distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 1.2 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas afectadas por diversidade funcional, no suposto de pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez acreditarase mediante certificación do Instituto Nacional da Seguridade Social da condición de pensionista na data da incorporación. No suposto de pensionistas de clases pasivas, mediante certificación da condición de pensionista por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade por clases pasivas de Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou do órgano de procedencia da persoa funcionaria na data de incorporación.

3) Certificado de alta e permanencia como persoa socia traballadora ou de traballo emitido pola cooperativa ou sociedade laboral e documentos da alta na Seguridade Social. No certificado de incorporación deberá constar expresamente a declaración de que o traballador ou traballadora que se incorpora como socio ou socia non tivo nos dous últimos anos na entidade tal condición (segundo o modelo do anexo III).

4) Certificación de relación nominal das persoas socias traballadoras ou de traballo e do persoal asalariado fixo no ano inmediatamente anterior á data da nova incorporación, con indicación das altas e baixas no dito período (segundo o modelo do anexo IV).

5) No suposto de traballadores ou traballadoras vinculadas á empresa por contrato laboral de carácter temporal, copia do contrato de traballo, documento de alta inicial na Seguridade Social, así como xustificante da comunicación á Seguridade Social dos cambios producidos.

6) Cando de trate da incorporación dun socio ou socia que vaia realizar unha xornada a tempo parcial, unha copia do contrato de traballo no caso de sociedades laborais. De tratarse de cooperativas, certificado en que conste a duración da xornada que ten fixada a persoa que se incorpora.

4. A documentación que debe acompañar a solicitude do programa II é a seguinte:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 5.1 da orde de convocatoria).

b) Documentación específica para o programa II:

1) Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia na situación de desemprego, segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, de ser o caso. No caso de demandantes de mellora de emprego, acreditación do tempo de permanencia como tales.

2) Certificación do número de persoas asalariadas da cooperativa que acredite o cumprimento das previsións sobre o número máximo de persoas asalariadas e, de ser o caso, plan específico de incorporación de persoal asalariado.

3) Certificación do acordo da asemblea xeral da cooperativa, relativo á aprobación da contía das achegas obrigatorias das novas persoas socias e da cota de ingreso, de ser o caso.

5. A documentación que debe acompañar a solicitude do programa III é a seguinte:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 5.1 da orde de convocatoria).

c) Alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou, se é caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

d) Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, un breve currículo das persoas promotoras, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería (http://traballoebenestar.xunta.es), no seu punto de axudas e subvencións. No caso de que se solicite unicamente a actividade de asesoramento e acompañamento de proxectos esta memoria poderá presentarse no momento da xustificación da actividade.

e) Documentación específica para o programa III:

1) Documentación específica para a axuda á contratación de persoas directoras ou xerentes e para a axuda de apoio ás cooperativas que presten os servizos de natureza social e á comunidade:

• O curriculum vitae da persoa que se vai contratar.

• Memoria xustificativa da necesidade da contratación do persoal cualificado e da dificultade para facer fronte ao seu pagamento cos seus propios medios, e con indicación, desagregada por conceptos, do custo total da contratación.

• No suposto de non ser unha sociedade de nova creación, balance de situación e conta de resultados dos dous últimos exercicios.

2) Documentación específica para formación empresarial:

• Memoria relativa á formación empresarial na cal se indique, como mínimo, o programa, o lugar e data de impartición, o nome das persoas socias as que vai destinada, a capacidade profesional dos formadores e o orzamento.

3) Documentación específica para asesoramento e acompañamento de proxectos:

• Memoria da actividade para a cal se solicita a subvención na que consten:

• As liñas xerais do proxecto.

• O plan de traballo que inclúa a temporalización e a estimación do número de horas con indicación das dedicadas á preparación das actividades e ás reunións presenciais co grupo promotor, así como o resto de actividades previstas para a posta en marcha do proxecto.

• A relación de promotores, con indicación das persoas socias ou asalariadas que prestarán o seu traballo persoal.

• O investimento previsto no acompañamento.

• Acreditación dos coñecementos e formación específica das persoas que presten o servizo, nas áreas e nos termos previstos no número 3.2.1 da base terceira.

4) Documentación específica para outras accións de asistencia técnica:

• Orzamento individualizado correspondente a cada concepto subvencionable, e cuantificado economicamente en todas as epígrafes.

• Documentación que acredite a habilitación legal e debida cualificación para a prestación do servizo, nos termos previstos no número 3.2.2 da base terceira.

6. A documentación que debe acompañar a solicitude do programa IV é a seguinte:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 5.1 da orde de convocatoria).

c) Alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou, se é caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

d) Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, a identificación, data de nacemento e un breve currículo das persoas promotoras, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería (http://traballoebenestar.xunta.es), no seu punto de axudas e subvencións.

e) Documentación específica para o programa IV:

1) Memoria que inclúa o orzamento total dos gastos necesarios para o inicio da actividade con indicación daqueles a que se vai a destinar a subvención e a procedencia do financiamento previsto.

2) Facturas, facturas pro-forma, orzamentos ou declaración da previsión de gastos. No suposto previsto no segundo parágrafo do punto 3.3 da base cuarta, deberan presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores.

7. A documentación que debe acompañar a solicitude do programa V é a seguinte:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante e das participantes no proxecto.

b) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 5.1 da orde de convocatoria).

c) Documentación específica para o programa V:

1) Memoria técnica e económica do proxecto de colaboración que deberá conter:

• Datos de identificación das entidades participantes.

• Descrición do proxecto e detalle dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto.

• Creación de emprego neto prevista coa posta en marcha do proxecto.

• Proposta das actividades para as cales se solicita a subvención, especificando a súa finalidade, as ou os destinatarios e os medios previstos para a súa realización, así como informe relativo á capacidade profesional das persoas intervenientes.

• Orzamento detallado das partidas do programa proposto que inclúa custos unitarios e unidades previstas de execución, así como a achega que realizarán as entidades participantes no seu financiamento. Este orzamento deberá ser validado pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

2) Facturas, facturas pro-forma, orzamentos ou declaración da previsión de gastos. No suposto previsto no punto 4.2 da base quinta, deberán presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores.

3) Documento que acredite o acordo de colaboración das entidades agrupadas, de designación da que os representa e de petición da subvención, así como a delegación na entidade que actúe como representante de todas elas.

4) Declaración de aceptación das condicións e requisitos establecidos nesta orde, así como de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, asinada por todos os beneficiarios.

8. As entidades que soliciten máis dun programa dos previstos nesta orde, unicamente deberán xuntar un exemplar da documentación xenérica coa primeira das solicitudes presentadas, facendo constar tal circunstancia nas posteriores. En todo caso, todas as solicitudes deberán presentarse xunto coa documentación específica para o programa respectivo.

9. As accións de todos os programas da orde poderán terse iniciado desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de axudas do ano inmediatamente anterior.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinados no artigo 4, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos cales foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

5. No suposto de que a axuda estea cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informaráselle á persoa ou entidade beneficiaria que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos ou das beneficiarias, das operacións, e a cantidade de fondos públicos asignados a cada operación que se públicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do punto 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Criterios obxectivos de adxudicacións das subvencións

1. Os criterios de valoración das solicitudes serán os recollidos para cada programa de axudas no anexo I. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario ou beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

2. En caso de igualdade a puntos de baremación entre as solicitudes establécense os seguintes criterios de desempate:

En primeiro lugar terase en conta a data de rexistro de entrada da solicitude e terán prioridade as solicitudes presentadas con anterioridade.

De persistir o empate, terán prioridade as solicitudes que obtivesen maior puntuación no primeiro dos criterios de avaliación, segundo a orde de aparición en que figuran na base reguladora. De persistir o empate, terán prioridade as solicitudes que obtivesen maior puntuación no segundo dos criterios de avaliación e así sucesivamente.

O órgano concedente asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde, segundo a listaxe a que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención á solicitude ou solicitudes seguintes na orde de puntuación.

Artigo 7. Instrución

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán a interesada para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistido ou desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, así como as certificacións indicadas no número 2 do artigo 5.

2. O órgano instrutor dos expedientes para os programas I e II será o Servizo de Traballo e Economía Social da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar competente por razón do territorio.

O órgano instrutor dos expedientes relativos aos programas III, IV e V será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

3. A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación que aplicará os criterios de valoración sinalados nas bases reguladoras e informará o órgano instrutor. Este órgano elevaralle proposta ao órgano competente para a resolución, que resolverá poñendo fin á vía administrativa.

4. A comisión de avaliación das solicitudes presentadas estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, que a presidirá, a persoa titular da xefatura do Servizo de Cooperativas e Economía Social, as persoas titulares dos Servizos de Traballo e Economía Social das xefaturas territoriais da consellería e unha persoa xefa de sección que actuará como secretaria.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou presidenta, ou persoa na que delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituído polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da dirección xeral.

Artigo 8. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. O prazo para resolver e notificar será de cinco meses. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior, de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. De ser o caso, na notificación da resolución da axuda comunicaráselle ao beneficiario o financiamento con cargo ao P.O. FSE Galicia 2007-2013, con concreción do eixe, tema prioritario e porcentaxe de cofinanciación de que se trate.

Artigo 9. Xustificación e pagamento

1. Unha vez notificada a resolución definitiva, as persoas ou entidades interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. A persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar perante o órgano administrativo competente para a instrución do procedemento, segundo o programa de que se trate de acordo co previsto no artigo 7, a xustificación da subvención no prazo fixado na resolución de concesión da axuda e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá á beneficiaria para que, no prazo improrrogable de 10 días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. As unidades administrativas responsables da instrución de cada programa analizarán a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirán unha proposta de pagamento que se elevará á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, órgano competente para ordenar o pagamento.

5. O pagamento efectuarase de forma nominativa e pagamento único, pola súa totalidade, a favor das persoas ou entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

Non obstante, no caso da subvención prevista no programa IV para cooperativas xuvenís poderase facer efectivo en concepto de pagamento anticipado ata un 80 % do importe da subvención, logo de solicitude e sen que en ningún caso o pagamento anticipado poida superar os 12.000 euros, segundo o previsto nos artigos 63.3 e 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, en referencia cos pagamentos anticipados e a exoneración da constitución de garantía por tratarse de beneficiarios de subvencións concedidas das que os pagamentos non superan os 18.000 euros.

En todo caso a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. Para estes efectos, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola beneficiaria.

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que regula as obrigas de facturación.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nesta orde. En todo caso, para os gastos que se financiarán con Fondo Social Europeo respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e pola Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo.

6. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento conforme o modelo do anexo VI, acompañada da documentación xeral e da específica que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

6.1. Documentación xeral:

a) Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión.

b) Orixinal ou copia compulsada ou cotexada das facturas acreditativas da realización das actividades, así como xustificante bancario do seu pagamento.

c) No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración responsable complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

d) No caso das axudas para a elaboración dos estudos, proxectos, auditorías e informes en xeral, deberá presentarse unha copia deles, previamente ao seu pagamento.

6.2. Documentación específica para cada programa:

Para o programa II:

a) Certificación da incorporación á cooperativa ou sociedade laboral e documentos de alta na Seguridade Social.

b) Certificación emitida pola cooperativa ou sociedade laboral do importe das achegas, participacións ou accións, subscritas e desembolsadas para adquirir a condición de socio ou socia traballadora ou de traballo, así como relativa ao desembolso das cotas de ingreso, de ser o caso.

c) Certificación do acordo do consello reitor da cooperativa, relativo á admisión como persoa socia e á inexistencia de impugnación ao respecto, ou certificación do órgano de administración da sociedade laboral relativo á incorporación como persoa socia traballadora.

Para o programa III:

a) Cando se trate da axuda pola contratación de persoas directoras ou xerentes, xuntarase copia do contrato e alta na Seguridade Social.

b) Cando se trate das incorporacións ou contratacións de profesionais previstas na base terceira, 3.1.2 (programa III), achegarase certificado da inscrición no libro de persoas socias ou copia do contrato de traballo, así como xustificante da alta na Seguridade Social.

c) No caso de asesoramento e acompañamento de proxectos deberase achegar certificación dos servizos realizados expedida polas que o prestaron e conformada polo grupo promotor, xunto cos documentos normalizados acreditativos da realización das distintas fases e copias dos documentos elaborados, de acordo co previsto na base terceira (programa III), así como memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, no caso de non telo presentado inicialmente. Se a beneficiaria é a cooperativa promotora do proxecto deberá acreditar o pagamento dos servizos.

Para o programa V:

a) Cando a xustificación comprenda gastos de persoal deberase achegar:

• Nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social e documento de ingreso das retencións a conta do IRPF, así como xustificantes bancarios da realización do gasto.

• Certificación da empresa en que consten os traballadores asignados ao proxecto ou actividade subvencionada, as tarefas que realizan, así como o criterio de imputación parcial dos gastos de cada persoa traballadora.

• Partes de traballo asinados pola empresa e a persoa traballadora en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas diariamente.

b) Para outro tipo de gastos deberanse achegar os seus xustificantes xunto coa memoria explicativa da súa vinculación ao proxecto ou actividade subvencionada, asinada pola beneficiaria. Cando unicamente se impute unha porcentaxe deles ao proxecto, a memoria deberá xustificar a aplicación tanto da parte imputada ao programa como da restante, así como especificar o criterio de imputación.

7. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación exixida para a fase de pagamento, xeral ou específica, poderá presentarse xunto coa solicitude a opción da persoa ou entidade interesada.

8. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación.

9. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

10. Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

Artigo 10. Subcontratacións

Poderán ser obxecto de subcontratación, total ou parcial as actividades subvencionadas a través desta convocatoria, coas condicións e requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. En todo caso, non se considera subcontratación aqueles gastos nos cales teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Artigo 11. Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia

1. A persoa ou entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo de solicitude desta orde en función do programa de que se trate.

2. As axudas previstas nesta orde serán compatibles entre si, sen que, en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria, en que se incluirán todos os custos directamente derivados dela, tales como custo total do activo e os custos de persoal calculados sobre o período que se deban manter os postos de traballo creados, de ser o caso.

3. As axudas e subvencións establecidas no programa I desta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de apoio a iniciativas de emprego, de iniciativas de emprego de base tecnolóxica, de promoción do emprego autónomo, de centros especiais de emprego e de promoción do emprego autónomo das persoas afectadas por diversidade funcional, convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

4. As axudas para o fomento do acceso á condición de persoa socia traballadora previstas no programa II resultarán compatibles coa percepción da prestación contributiva por desemprego na súa modalidade de pagamento único, así como coas bonificacións de cotas á Seguridade Social que se establezan na normativa estatal.

5. Así mesmo, a axuda para contratación de persoas directoras ou xerentes poderá ser compatible coas bonificacións de cotas á Seguridade Social que se establezan na normativa estatal.

6. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos nesta orde.

7. O importe máximo das axudas para cada finalidade deberá respectar os límites que se establecen nas bases reguladoras dos distintos programas.

Artigo 12. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en especial, as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, agás cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar fidedignamente.

c) As cooperativas e as sociedades laborais beneficiarias destas axudas están obrigadas a manter á persoa pola que se concede a subvención, como persoa socia traballadora ou de traballo, polo menos durante tres anos. No suposto de baixa na sociedade no dito período, teñen a obriga de substituíla por outra persoa e polo período que reste ata completar os tres anos, ou a reintegrar as cantidades percibidas, cos seus xuros de demora, estando obrigadas a comunicarlle a baixa ao órgano concedente no prazo dun mes contado desde aquel en que esta se producise. Cando a axuda se concedese pola incorporación dunha persoa pertencente a un colectivo determinado, a substitución deberá ser realizada por outra persoa pertencente a algún dos colectivos polos que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Esta substitución deberá realizarse no prazo máximo de seis meses desde a data da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ao órgano competente que concedese a subvención, no mes seguinte á substitución. Esta nova incorporación, en ningún caso, dará lugar a unha nova axuda.

d) Manter, polo menos, durante un período de cinco anos unha forma xurídica de entre as elixibles para resultar beneficiaria da subvención concedida.

e) As persoas beneficiarias das axudas ao fomento do acceso á condición de persoa socia traballadora do programa II quedan obrigadas a manter esta condición na mesma fórmula empresarial de economía social a que se incorporan por un período mínimo de 5 anos.

f) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas persoas ou entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar. Para as accións cofinanciadas polo FSE todas as medidas de publicidade e información que se deban executar serán coherentes co establecido nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006, do 8 de decembro, e na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais, publicada pola Consellería de Facenda e dispoñible na súa páxina web http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/area-de-planificacion-e-fondos.

O beneficiario asegurarase de que as partes intervinientes na operación foron informadas do dito financiamento. O beneficiario anunciará claramente que a operación que se está a executar foi seleccionada no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013. Calquera documento relativo a este tipo de operación incluirá unha declaración na que se informe desta.

As medidas de difusión deberán adecuarse ao obxecto subvencionado tanto na súa forma coma na súa duración e poderán consistir na inclusión da imaxe institucional da entidade concedente, así como en lendas relativas ao financiamento público en carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. Os beneficiarios e beneficiarias dos programas cofinanciados polo FSE deberán conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo e deberán, así mesmo, manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a «pista de auditoría».

i) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, as verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da axuda

Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A contía que se reintegrará será proporcional ao grao de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 12 desta orde.

O órgano concedente poderá desenvolver mediante unha instrución criterios de gradación para determinar o alcance da perda do dereito ao cobramento da subvención ou do reintegro no caso de incumprimentos parciais das obrigas previstas nestas bases.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 15. Seguimento e control

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos as persoas e entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 16. Axudas baixo condicións de minimis

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder dos límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá dos 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Cando se trate dunha única empresa que realice por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada o importe total das axudas de minimis concedidas non excederá dos 100.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, sen que estas axudas se poidan utilizar para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

Sección 2ª. Convocatoria de axudas para o ano 2014

Artigo 17. Convocatoria

Convócanse para o ano 2014, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para os programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo reguladas polas bases da sección primeira desta orde.

Artigo 18. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 19. Período de execución das accións

Con carácter xeral e para todos os programas o período de execución de accións abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 14 de novembro 2014.

Excepcionalmente e para posibilitar a atención de proxectos iniciados en períodos en que a convocatoria de axuda estivo pechada, as accións realizadas entre o 20 de xullo de 2013 e a data de publicación desta orde darán lugar ao acceso á condición de beneficiario.

Porén, o gasto subvencionable corresponderá ao ultimo trimestre do 2013 e ao exercicio orzamentario do 2014.

Artigo 20. Xustificación das accións subvencionadas

As entidades beneficiarias das axudas deberán xustificar o investimento conforme a resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos mediante solicitude conforme ao modelo do anexo VI.

A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 15 de novembro de 2014.

Artigo 21. Financiamento e normativa reguladora

O financiamento das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo ás aplicacións 11.02.324A.471.0 cunha contía inicial de 935.000 € e 11.02.324A.472.0 cunha contía inicial de 900.000 €, de acordo coa Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

O orzamento total ascende a 1.835.000 € e a distribución inicial de créditos por programas é a seguinte:

Programa I: 800.000 € (11.02.324A.472.0).

Programa II: 300.000 € (11.02.324A.471.0).

Programa III: 335.000 € (235.000 € da 11.02.324A.471.0 e 100.000 € da 11.02.324A.472.0).

Programa IV: 200.000 € (11.02.324A.471.0).

Programa V: 200.000 € (11.02.324A.471.0).

Disposición adicional primeira

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir, en todo momento, a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquelas que de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración actuante.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar a favor da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

Se unha vez adxudicadas as axudas e subvencións resultase remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I
Bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo

Base primeira. Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais

1. Finalidade.

Este programa está dirixido a fomentar a incorporación de persoas desempregadas e traballadores e traballadoras con carácter temporal, como socios e socias traballadoras ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido.

2. Beneficiarias.

2.1. Poderán acollerse ás axudas previstas neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo as persoas que, no momento da incorporación, sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego.

2.2. Para os efectos desta axuda, o requisito de estar en desemprego e inscrito ou inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego deberá cumprirse na data de alta da persoa socia traballadora no correspondente réxime da Seguridade Social.

2.3. Poderán resultar, así mesmo, beneficiarias as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras as persoas vinculadas á empresa por un contrato de traballo temporal non superior a 24 meses, cunha vixencia mínima de 6 meses á data da súa incorporación.

2.4. A incorporación deberá supoñer incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo da entidade beneficiaria da axuda, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias por quen se percibe a axuda. Para os efectos do incremento do emprego non se terán en conta os traballadores e traballadoras temporais.

2.5. Non poderá concederse esta axuda cando se trate da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo que tiveron tal condición na mesma empresa nos dous anos anteriores á súa incorporación como socios ou socias.

2.6. Para ser beneficiarias, as entidades deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos sociais nos rexistros competentes.

3. Modalidades e contía das axudas.

3.1. Pola incorporación de socias e socios traballadores ou de traballo ás cooperativas ou sociedades laborais, a contía da axuda será de 5.500 € por cada persoa desempregada que se incorpore a xornada completa como persoa socia traballadora ou de traballo nunha cooperativa ou sociedade laboral, así como no suposto da incorporación como socia ou socio traballador ou de traballo das persoas vinculadas á empresa por un contrato temporal. Estas contías veranse incrementadas do seguinte xeito:

– Cando a persoa incorporada sexa unha muller desempregada a contía da subvención incrementarase en 1.500 € ata 7.000 €.

– No caso de persoas desempregadas en situación de exclusión social pertencentes a algún dos colectivos recollidos no Programa de Fomento do Emprego vixente no momento da incorporación como socio, a contía da subvención incrementarase en 2.500 € ata 8.000 €.

– No caso de persoas desempregadas e con discapacidade igual ou superior ao 33 %, a contía da axuda incrementarase en 4.500 € ata 10.000 €.

3.2. No suposto de que a xornada de traballo da persoa socia traballadora ou de traballo incorporada sexa a tempo parcial, a contía da axuda será proporcional ao tempo efectivo de duración da xornada.

3.3. No caso de cooperativas xuvenís as devanditas contías incrementaranse nun 25 %.

4. Criterios de avaliación.

A concesión e contía das axudas, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:

a) Emprego xerado.

b) Porcentaxe de mulleres no emprego xerado.

c) Contribución á integración de colectivos en situación de exclusión social.

d) Actividades desenvolvidas no marco dos novos viveiros de emprego definidos pola Unión Europea.

e) Incorporación de novas tecnoloxías da información e as comunicacións.

f) Desenvolvemento de proxectos de I+D+i.

g) Incidencia na creación e mantemento do emprego no contorno xeográfico no que se desenvolva a actuación.

h) Contribución á mellora ambiental.

Estes criterios terán a mesma importancia, con independencia da orde na que figuran recollidos.

Base segunda. Programa II: fomento do acceso á condición
de persoa socia traballadora

1. Finalidade.

Este programa ten como obxectivo o fomento do acceso á condición de socios e socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, como xeito de promocionar o cooperativismo e a economía social, facilitando a participación e plena integración na empresa, mediante a concesión de axudas económicas destinadas a financiar, parcialmente, a achega ao capital social que se debe desembolsar para a incorporación como socio ou socia.

2. Persoas beneficiarias.

Persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral e as persoas asalariadas deste tipo de entidades que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo. Igualmente poderán resultar beneficiarias as persoas que figuren de alta no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de mellora de emprego.

Será necesario acreditar o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e da Lei 4/1997, do 24 de marzo, de sociedades laborais, ao respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea, así como establecer un plan específico que recolla medidas que aseguren a progresiva incorporación das persoas asalariadas á condición de socios ou socias, se é o caso.

3. Contía das axudas.

3.1. A contía das axudas poderá ascender ata 4.500 € para a incorporación a unha cooperativa e ata 2.000 € para a incorporación a unha sociedade laboral, sen que, en ningún caso, poida ser superior á contía que corresponda subscribir en concepto de achega de capital social e cota de ingreso, ou de accións ou participacións sociais, de ser o caso, pola incorporación como socio ou socia. A contía máxima da axuda, no momento do seu pagamento, non poderá ser superior aos importes efectivamente desembolsados en concepto de achega ao capital social e cota de ingreso, ou de accións ou participacións sociais, segundo o caso.

3.2. No caso de cooperativas xuvenís as devanditas contías incrementaranse nun 25 %.

3.3. No caso de sociedades cooperativas, o importe das axudas será recoñecido como achegas obrigatorias desembolsadas do novo socio ou socia ao capital social, ou como cota de ingreso que se deberá incorporar ao Fondo de Reserva Obrigatorio da entidade. No caso das sociedades laborais, o importe das axudas será recoñecido como accións ou participacións sociais desembolsadas do novo socio ou socia ao capital social.

O importe das axudas recoñecido como capital social deberá manter o seu carácter de achegas ao capital social de sociedades cooperativas, ou de accións ou participacións sociais de clase laboral, no caso das sociedades laborais, durante un período mínimo de cinco anos. Durante este período, non poderán ser obxecto de reembolso nin transmisión por actos inter vivos. Non obstante, a persoa socia que cause baixa obrigatoria poderá transmitir a súa achega a favor da persoa que se incorpore para substituíla nas mesmas condicións e ata o final do referido período, como mínimo.

4. Criterios de avaliación.

A concesión e contía das axudas, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:

a) Pola incorporación de persoas con discapacidade: 10 puntos.

b) Pola incorporación de mulleres: 5 puntos.

c) Polo tempo de permanencia no desemprego: 1 punto por cada mes ata un máximo de 20 puntos.

d) Por ter a condición de persoas asalariadas da cooperativa: 20 puntos.

e) Por ter a condición de persoas asalariadas da sociedade laboral: 10 puntos.

f) Polo tempo de permanencia como demandante de mellora de emprego: 0,20 puntos por cada mes ata un máximo de 5 puntos.

g) Pola incorporación como persoas socias traballadoras ou de traballo de sociedades cooperativas: 20 puntos.

h) Por incorporación a unha microempresa: 20 puntos.

Base terceira. Programa III: impulso de proxectos empresariais
cooperativos e asistencia técnica

1. Finalidade.

Este programa ten como finalidade esencial fomentar e promover o cooperativismo e a economía social no ámbito da comunidade autónoma, concedendo axudas económicas que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais, tanto para aqueles que sexan de nova creación como para os xerados polas entidades existentes.

Poderán ter a consideración de proxectos subvencionables, entre outros, a transformación doutras fórmulas empresariais en cooperativas ou sociedades laborais, a constitución de novas entidades ou o lanzamento de novas áreas funcionais ou territoriais de actividade polas entidades en funcionamento.

2. Beneficiarias.

2.1. As cooperativas e sociedades laborais de nova creación ou as que acometan novos proxectos empresariais, así como as persoas físicas e empresas privadas que presten os servizos de asesoramento e acompañamento de proxectos recollidos no punto 3.2.1 desta base.

2.2. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas no punto 3.1.2 «Apoio ás entidades que presten servizos de natureza social e á comunidade», as entidades que realicen as súas actividades no área dos servizos sociais, da integración social, da protección ambiental e do tempo libre, debidamente inscritas no Rexistro de cooperativas de Galicia.

2.3. Para ser beneficiarias as entidades deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos sociais nos rexistros competentes.

3. Accións subvencionables e contía.

3.1. Profesionalización e cualificación empresarial.

3.1.1. Axuda para a contratación de persoas directoras ou xerentes.

Poderanse subvencionar os gastos ocasionados pola contratación de persoas directoras ou xerentes que sexan necesarias para a viabilidade da empresa ou a boa fin do proxecto de investimento de que se trate. Dado o seu carácter excepcional, para a súa concesión, a sociedade deberá xustificar a súa necesidade e a dificultade da cooperativa ou sociedade laboral para facer fronte ao custo correspondente cos seus propios recursos.

Esta contratación subvencionarase por un período máximo dun ano ata o 50 % do custo total dela, sen que poida superar a contía de 20.000 € por cooperativa ou sociedade laboral. Deberase respectar o disposto para a contratación de persoal asalariado pola lexislación vixente de cooperativas e sociedades laborais e asumir a obriga de manter no cadro de persoal da entidade a persoa directora ou xerente, como mínimo, polo tempo subvencionado.

3.1.2. Apoio ás entidades que presten servizos de natureza social e á comunidade.

Poderán ser obxecto de subvención ata o 75 % dos gastos ocasionados con motivo da incorporación como persoas socias ou contratación de traballadores ou traballadoras sociais, psicólogos ou psicólogas e outros profesionais de especial cualificación que resulten necesarios para a viabilidade da empresa e unha adecuada prestación do servizo. A subvención calcularase sobre o importe total da contratación ou incorporación computada para un período máximo dun ano, debendo respectar o disposto para a contratación de persoal asalariado pola lexislación vixente de cooperativas e de sociedades laborais, de ser o caso, e non poderá superar a contía de 20.000 € por entidade.

3.1.3. Formación empresarial.

Esta axuda irá destinada ao financiamento parcial de cursos de dirección e xestión empresarial, co fin de cubrir as necesidades de formación das persoas socias incorporadas a cooperativas e sociedades laborais durante a posta en marcha da empresa. A contía desta axuda será de ata o 75 % do custo dos servizos prestados ata o límite máximo de 5.000 € por entidade beneficiaria, aplicándose igualmente os seguintes límites parciais: 500 € de axuda por cada persoa socia participante na actividade co límite máximo de 2.000 € para as que teñan unha duración de 10 horas ou inferior, e de 1.000 € de axuda por cada persoa socia participante na actividade co límite máximo de 4.000 € para as superiores a 10 horas.

3.1.4. A contía máxima da suma das axudas concedidas en accións de contratación de persoas directoras e xerentes e formación empresarial dos puntos 3.1.1 e 3.1.3 será de 20.000 € por entidade beneficiaria.

3.2. Asistencia técnica.

Estas axudas están destinadas ao financiamento parcial de actividades como a contratación, durante a posta en marcha da empresa, dos servizos externos necesarios para o mellor desenvolvemento da actividade empresarial, así como para a realización doutras accións de asistencia técnica, estudos de viabilidade, organización, comercialización, difusión e outras de natureza análoga.

3.2.1. Asesoramento e acompañamento de proxectos.

3.2.1.1. Poderán outorgarse subvencións para o asesoramento e acompañamento de proxectos, que comprenderá desde a realización de actividades previas ao inicio da actividade, tales como a orientación do proxecto e accións formativas e informativas do grupo promotor, ata a elaboración do plan empresarial da cooperativa ou sociedade laboral, o seu seguimento e asesoramento na execución. As solicitudes poderán ser formuladas ou ben pola cooperativa ou sociedade laboral promotora ou ben polos que presten o servizo; neste último caso poderá presentarse unha solicitude por cada un dos proxectos asesorados.

3.2.1.2. Será preceptiva a elaboración dun plan de traballo por parte dos que presten o servizo, que inclúa a temporalización e a estimación do número de horas, con indicación das dedicadas á preparación das actividades e ás reunións presenciais co grupo promotor, así como o resto de actividades previstas para a posta en marcha do proxecto.

3.2.1.3. O número de horas dedicadas ao acompañamento do proxecto, que non será inferior a 200 horas anuais, das cales deberán reservarse o número suficiente que permita o mantemento dunha reunión de seguimento quincenal, así como 100 horas para a realización de sesións específicas coas persoas promotoras para o tratamento e análise das seguintes áreas:

– Formación en materia de cooperativismo, economía social e habilidades sociais (20 horas).

– Económico financeira (20 horas).

– Comercial-Mercado (20 horas).

– Organizativa (40 horas).

3.2.1.4. Cada reunión ou actuación subvencionable deberá documentarse cos modelos normalizados facilitados pola Consellería de Traballo e Benestar, que conterán, como mínimo, a súa duración e lugar de celebración, a relación de asistentes cos seus datos de identificación e sinaturas de conformidade, así como con copias dos documentos elaborados nas distintas fases.

3.2.1.5. O asesoramento e o acompañamento subvencionable unicamente poderá ser prestado por persoas físicas ou empresas privadas que conten con persoal, propio ou concertado, con coñecementos e formación específica nas áreas que se indican:

• Cooperativismo e economía social: considerarase acreditado este requisito pola participación en actividades formativas, nas que a carga lectiva específica sobre o cooperativismo e a economía social teña unha duración mínima de 180 horas.

• Xestión empresarial: considerarase acreditado este requisito polas persoas licenciadas en Administración e Dirección de Empresas, diplomadas en Ciencias Empresariais ou diplomadas en Relacións Laborais (ou equivalente).

• Asesoría xurídica: considerarase acreditado este requisito polas persoas licenciadas en Dereito (ou equivalente).

• Xestión societaria: considerarase acreditado este requisito pola participación en actividades formativas en materia de psicoloxía organizacional, habilidades sociais, traballo en equipo e solución de conflitos, xunto cunha experiencia mínima de 3 anos de asesoramento nesta área.

Unicamente se terán en conta os títulos oficiais expedidos pola universidade. No caso de diplomas e certificados, só se terán en conta os outorgados pola universidade ou calquera outra entidade do sector público, así como aqueles diplomas ou certificados outorgados por entidades privadas sempre que se refiran á formación impartida no marco de instrumentos de colaboración coa Administración pública (cursos organizados, subvencionados ou impartidos en colaboración con calquera entidade das administracións públicas).

3.2.1.6. A contía da subvención ascenderá a 30 € por hora de información, formación ou asesoramento por cada proxecto. O número mínimo de persoas asesoradas por proxecto será de tres. Establécense os seguintes límites máximos para a subvención, en función das persoas físicas promotoras directamente asesoradas:

• De 3 a 5 persoas promotoras: ata 250 horas.

• De 6 a 10 persoas promotoras: ata 300 horas.

• Máis de 10 persoas promotoras: ata 350 horas.

3.2.1.7. Para estes efectos, entenderase por persoas directamente asesoradas, aquelas que participen na totalidade das sesións específicas previstas no punto 3.2.1.3. O número total de horas xustificadas en concepto de preparación das actividades presenciais dirixidas ao grupo promotor non poderá superar o 50 % do total.

3.2.1.8. Se as persoas promotoras desisten do proxecto antes de finalizar o acompañamento previsto, resultarán subvencionables as actuacións realizadas ata ese momento, cos límites anteriormente indicados. A xustificación desta subvención realizarase mediante achega da documentación establecida no artigo 9.6 da orde de convocatoria.

3.2.2. Outras accións de asistencia técnica.

Poderán ser obxecto de subvención ata o 75 % dos gastos ocasionados con motivo da posta en marcha dos proxectos que se indican a continuación, ata un máximo de 5.000 €, cos seguintes límites particulares.

• Asistencias técnicas consistentes na elaboración de estudos de viabilidade, de organización, de comercialización, auditorías e outros informes de natureza análoga ata un máximo de 3.000 €, segundo o número de persoas socias integradas e de acordo coa seguinte escala:

• Ata 10: 1.000 €.

• Máis de 10: 3.000 €.

• Asesoramento para a elaboración dos estatutos sociais e regulamentos de réxime interno ata un máximo de 2.000 €.

A asistencia técnica deberá ser prestada por persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa solvencia profesional, por medio de titulación académica oficial suficiente para a prestación do servizo. No caso de persoas xurídicas, a persoa posuidora da titulación deberá acreditar o seu vínculo coa entidade.

3.2.3. Gastos de constitución.

Poderán ser obxecto de subvención ata o 75 % dos gastos ocasionados con motivo da formalización e inscrición da escritura pública e demais trámites derivados do proceso de constitución da entidade ata un máximo de 1.500 € para gastos de notaría e inscrición en rexistros oficiais e 500 € adicionais para a realización doutros trámites.

3.3. As axudas previstas nos puntos 3.1.3 e 3.2.2 resultarán incompatibles coa prevista no punto 3.2.1.

3.4. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto nesta orde e no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 29 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Cando o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía de 18.000 € (IVE excluído) a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo, agás que, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

4. Contía máxima das axudas.

A contía máxima das axudas obtidas por beneficiaria neste programa non poderá superar os 20.000 € para o conxunto das modalidades e conceptos subvencionables.

No caso de que a solicitude presentada supere os límites indicados nestas bases, aplicaranse estes reducindo a contía subvencionable. Se a solicitude engloba distintas actividades reducirase proporcionalmente cada unha delas.

5. Criterios de avaliación das solicitudes.

A concesión e contía das axudas, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:

a) Polo emprego previsto, 2 puntos por cada persoa socia traballadora ou asalariada incorporada.

b) Pola constitución de microempresa, 10 puntos.

c) Pola constitución da empresa en zona desfavorecida ou de montaña (anexo XI), 10 puntos.

Base cuarta. Programa IV: promoción das cooperativas xuvenís

1. Finalidade.

Este programa está dirixido a apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación de cooperativas xuvenís mediante subvencións directas para o financiamento dos custos derivados do lanzamento da actividade.

2. Beneficiarias.

2.1. As cooperativas xuvenís de nova creación formadas maioritariamente por persoas socias traballadoras ou de traballo que teñan entre 16 e 29 anos de idade, poderán acollerse ás subvencións para o financiamento de custos previstos neste programa por unha soa vez.

Para os efectos deste programa, consideraranse como entidades de nova creación as que non superen os dous anos de actividade, contados ininterrompidamente desde a data de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, da alta no censo de persoas obrigadas tributarias do Ministerio de Economía e Facenda, ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2.2. Para ser beneficiarias as entidades deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos sociais no rexistro de cooperativas competente.

3. Obxecto e contía das axudas.

3.1. Poderá concederse unha subvención directa para financiar parcialmente os gastos correntes derivados do inicio da actividade ata un importe máximo do 75 % do seu custo, excluídos impostos. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos correntes:

• Arrendamento e mantemento de locais, instalacións, maquinaria e elementos de transporte.

• Elaboración de material publicitario funxible e anuncios publicitarios nos medios de comunicación.

• Seguros, gastos financeiros e bancarios.

• Enerxía, comunicacións e transportes.

• Material de oficina.

• Consumibles para equipos informáticos e maquinaria.

• Mantemento de equipos e sistemas para as tecnoloxías da información e as comunicacións, de páxinas web e de sistemas telemáticos de xestión e para o comercio electrónico.

• Roupa de traballo e material funxible para a prevención de riscos laborais.

3.2. O importe máximo desta subvención será de 15.000 € por entidade beneficiaria.

3.3. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto nesta orde e no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 29 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Cando o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía de 18.000 € (IVE excluído) a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

4. Criterios de avaliación.

A concesión e contía das axudas, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:

a) Polo emprego xerado, 2 puntos por cada persoa socia traballadora ou asalariada incorporada.

b) Pola constitución de microempresa, 10 puntos.

c) Pola constitución da empresa en zona desfavorecida ou de montaña (anexo XI), 10 puntos.

d) No caso de que á entidade non lle fosen concedidas axudas para a finalidade prevista no programa I desta ou anteriores convocatorias, 20 puntos.

Base quinta. Programa V: intercooperación e integración cooperativa

1. Finalidade.

Por medio deste programa impúlsanse especificamente as actividades de intercooperación, realizadas de forma conxunta por entidades de economía social, especialmente os procesos de integración empresarial cooperativa co fin de acadar a dimensión necesaria para mellorar a competitividade, capturar maior valor engadido e satisfacer adecuadamente as necesidades das persoas que forman a cooperativa.

Promóvese, así mesmo, o lanzamento de proxectos de colaboración empresarial para a consecución de obxectivos comúns relacionados coa Investigación, Desenvolvemento e Innovación, coas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, coa loxística, comercialización e internacionalización, subvencionando parcialmente os gastos necesarios para a súa realización.

2. Beneficiarias.

2.1. Poderán resultar beneficiarias as cooperativas ou sociedades laborais que participen en proxectos de integración ou colaboración empresarial e que se agrupen para realizar conxuntamente a súa solicitude de axuda. Requírese un mínimo de catro entidades participantes no proxecto de colaboración empresarial, agás para o caso de proxectos de integración empresarial nos cales resultará suficiente a participación de dúas entidades. Todas as entidades quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, deberán facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención a aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.

2.2. Igualmente poderán ser beneficiarias deste programa as cooperativas de segundo grao e as cooperativas que resulten dun proceso de fusión realizado no último ano ou no período de execución desta orde.

2.3. Ningunha entidade poderá figurar en máis dunha solicitude das previstas neste programa. O incumprimento desta norma dará lugar a que unicamente se dea validez á solicitude rexistrada en primeiro lugar no Rexistro Xeral da Consellería de Traballo e Benestar e que se proceda á inadmisión das restantes solicitudes onde figuren a entidade ou entidades incumpridoras.

2.4. Para ser beneficiarias as entidades deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos sociais nos rexistros competentes.

3. Actividades subvencionables.

a) Configuración de proxectos de integración e intercooperación:

• Celebración de encontros, seminarios e reunións das entidades participantes nos procesos de colaboración e integración, e dos seus socios e traballadores.

• Elaboración dos estudos e informes precisos para o impulso dos proxectos de integración e colaboración, en especial estudios de viabilidade, auditorías e proxectos técnicos.

b) Actividades de investigación, desenvolvemento e innovación, e inmersión nas tecnoloxías da información e as comunicacións:

• Creación e dinamización de redes de cooperación para a investigación, desenvolvemento e innovación, así como a consolidación de equipos especializados.

• Labores preparatorios para o acceso aos programas, proxectos e incentivos impulsados polas administracións públicas e outras institucións en materia de I+D+i.

• Proxectos de mellora conxunta de utilización das tecnoloxías da información e as comunicacións.

• Mantemento de páxinas web e de sistemas e redes telemáticas para a colaboración empresarial e para a xestións dos proxectos, así como para a xestión empresarial e accións de carácter análogo.

c) Comercialización e internacionalización:

• Deseño de catálogos de produtos e servizos no marco da páxina web intercooperar.coop, e publicidade.

• Loxística, distribución conxunta de produtos e oferta integrada de servizos.

• Posta en marcha de tendas cooperativas, puntos de atención e outras fórmulas de venda e atención directa ao consumidor e usuario.

• Experiencias piloto de colaboración entre cooperativas produtoras ou prestadoras de servizos e cooperativas de consumidores e usuarios ou comercializadoras (seguros, avais, gastos financeiros e promocionais, entre outros).

• Misións comerciais e presenza en ferias, mostras e congresos (loxística, desprazamento, aloxamento, exposición de produtos e servizos, e aluguer de espazos, entre outros).

• Actividades de mercadotecnia en Internet, redes sociais e comercio electrónico.

4. Contía das axudas.

4.1. A contía das axudas previstas neste programa non poderá superar o 75 % dos gastos necesarios para a súa realización, ata un máximo de 5.000 € por cada entidade participante, agás no caso de integración empresarial que se eleva a 10.000 € por entidade, e un límite máximo global de 30.000 € por solicitude. Establécense, así mesmo, os seguintes límites de axuda para as actividades que se indican a continuación:

– Celebración de reunións, encontros e seminarios dos participantes nos procesos de colaboración e integración, ata 5.000 €.

– Elaboración de estudos e informes, ata 3.000 €.

– Elaboración de proxectos de integración empresarial e asistencia técnica para a súa posta en marcha, ata 15.000 €.

– Labores preparatorios para acceso a programas, proxectos e incentivos en materia de I+D+i, ata 15.000 €.

– Misións comerciais e presenza en feiras, mostras e congresos, ata 5.000 € por evento, que se poderán incrementar ata 10.000 € cando se trate dun evento internacional celebrado fóra do territorio español.

– Publicacións e catálogos no marco da web intercooperar.coop e publicidade, ata 5.000 €.

– Mantemento de páxina web de colaboración ou accións de carácter análogo, ata un máximo de 2.000 €.

– Mantemento de sistemas telemáticos complexos para a xestión empresarial e societaria e accións de carácter análogo ata un máximo de 5.000 € . Non obstante, cando impliquen a integración de todas as áreas de xestión empresarial, o límite será de 10.000 €.

4.2. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto nesta orde e no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 29 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Cando o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía de 18.000 € (IVE excluído) a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que, polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. Criterios de avaliación.

A concesión e contía das axudas, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:

a) 10 puntos cando se trate de procesos de integración empresarial, a través da fusión de entidades ou a constitución dunha cooperativa de segundo grao.

b) 5 puntos cando se trate de procesos de colaboración formalizados a través de empresas de economía social creadas con esta finalidade.

c) 1 punto por cada unha das entidades participantes no proxecto para o que se solicita a axuda.

d) 1 punto por cada emprego neto xerado a tempo completo e por un período mínimo dun ano.

e) Ata 10 puntos polo carácter innovador do proxecto común.

f) Ata 10 puntos pola repercusión no posicionamento xeral da economía social galega ante os retos da innovación e a comercialización conxunta.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file