Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 11 de marzo de 2014 Páx. 10418

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2014 pola que se convoca un curso teórico-práctico de Xestión e Intervención en situacións especiais.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso teórico-práctico de Xestión e Intervención en situacións especiais, de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: Xestión e Intervención en situacións especiais.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos.

Capacitar o alumnado para realizar labores de xestión e intervención en situacións consideradas de carácter especial; como as que suceden en zonas hostís e de difícil acceso.

Contido.

1. Conceptos e xeneralidades.

2. Protocolo de actuación.

3. Manexo administrativo e operativo das emerxencias en situacións especiais.

4. Autoprotección.

5. Equipamento xeral.

6. Equipamento específico en función da situación e do medio.

7. Cartografía básica.

8. Simulacro, proxección multimedia e valoración e análise dos resultados.

9. Orientación convencional e orientación improvisada en zonas hostís.

10. Manexo do GPS.

11. Simulacro (manexo operativo).

12. Alerta e activación de recursos e orde de operacións.

13. Coordinación da emerxencia.

14. Comunicacións e sinais.

15. Protocolo de seguridade nas operacións con aeronaves.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as.

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicalo a Agasp de xeito inmediato, no caso de non facelo, serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a que se teña coñecemento do feito, e no caso de estar realizando efectivamente un curso, non emitise diploma ningún deste.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

No caso de quedar prazas vacantes, poderán acceder aos cursos, persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballen en Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reservase a facultade de anular a actividade formativa.

Prazas ofertadas.

15 prazas. Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación.

1. O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp, manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións, no suposto de non ser correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar a exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de atoparse en algún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberán remitir a Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación: (non será preciso, se tal documentación xa consta en poder da Agasp, neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude).

a) Profesionais que estean gozando ou gozasen nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. Cando o curso para o que presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por fax (886 20 61 22) por correo electrónico (formacion.agasp@xunta.es) ou de acordo co establecido no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

7. Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas, e o/a alumno/a non poderá participar noutros curso durante un ano desde que se detecte este feito.

4. Criterios xerais de selección.

Os criterios xerais de selección son os que a continuación se indican, sen prexuízo de que, para cursos específicos, se requiran outros diferentes, o cal se indicará na ficha de cada acción formativa concreta.

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean gozando ou gozasen, nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para ser destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37 bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega, reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

5. Admisión.

1. A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así coma un número adecuado de reservas, con polo menos, 10 días naturais antes do inicio de cada curso.

O prazo de presentación de alegacións será de tres días hábiles desde a súa publicación.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados/as da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica, todos aqueles que non figuren na relación, non foron seleccionados, ben porque ocupan un posto máis afastado na listaxe de reservas, ben porque foron excluídas por algún motivo dos expresados nesta convocatoria, todo de acordo co previsto no artigo 59.6.b) da LRXPAC.

A Agasp reservase o dereito de solicitar os concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

2. O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas ou necesidade do servizo sempre que se acredite documentalmente o feito alegado polo/a xefe/a do corpo da policía local do concello no que traballe ou persoa responsable deste.

No caso de cambios de cadrante ou quendas de traballo, deberán quedar acreditados suficientemente os motivos destes e que se coñeceron con posterioridade á solicitude de inscrición no curso.

A renuncia debe ser comunicada por escrito a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e cunha antelación de 3 días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que se convoquen polo servizo de formación en Seguridade Pública da Agasp e nas que a persoa figurase como posible destinataria destas, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que cando menos teñan a mesma carga horaria, do curso polo que foi penalizado.

6. Asistencia aos cursos.

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto, podendo realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e, en ningún caso, poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito a expedición do diploma, no caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o servizo de formación en Seguridade Pública, poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior, en todo caso, para poder valorar esta posibilidade, non poden transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada no só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contados desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado procurará asistir aos cursos co uniforme regulamentario, sendo obrigatorio o uso deste en determinados cursos nos cales se indicará expresamente.

3. O alumnado, en ningún caso, estará en posesión da arma regulamentaria dentro da Agasp, nin a portará en calquera actividade lectiva, extra-lectiva ou complementaria organizada (agás nas prácticas e cursos de tiro, para os cales, deberan cumprir de forma estrita as normas e instrucións que se impartan ao respecto).

7. Certificación.

1. Para poder superar os cursos, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se levará a cabo ao remate destes.

2. No caso dos cursos de teleformación ou mixtos, para poder superalos é obrigatorio cumprir os seguintes requisitos:

a) Asistencia as sesións presenciais que se determinen.

b) Correcta realización das actividades que o/a titor/a propoña no prazo que se determine.

c) Lectura detallada dos contidos do curso.

d) Superación das probas finais que se establezan e que se realizarán sempre nunha sesión presencial na Agasp.

8. Desenvolvemento do curso.

Lugar: Agasp.

Horario: das 9.00 ás 19.00 horas.

Días:

1ª edición: 9 e 10 de abril de 2014.

2ª edición: 14 e 15 de maio de 2014.

A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.

A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.

A Estrada, 3 de marzo de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública