Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Luns, 24 de marzo de 2014 Páx. 12356

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 36/2014, do 20 de marzo, polo que se regulan as áreas de xestión clínica do Servizo Galego de Saúde.

A Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, alude expresamente ás funcións de xestión clínica, ás relacións interprofesionais e ao traballo en equipos multidisciplinares propios deste modelo, e á xestión clínica nas organizacións e administracións sanitarias.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, no seu artigo 79, recolle dentro das funcións que lle corresponden ás organizacións, entidades ou centros públicos provedores de servizos sanitarios, a articulación de áreas de xestión clínica e, no seu artigo 97, establece que a modernización do sistema require a introdución de modelos de xestión que dinamicen o servizo público, fórmulas organizativas que teñan unha visión horizontal e integradora dos procesos asistenciais, que superen a compartimentación existente entre niveis asistenciais e especialidades e que, por último, traballen baixo o principio básico de participación real dos/das profesionais.

Na Estratexia Sergas 2014 inclúese a creación de áreas de xestión clínica, consideradas como estruturas organizativas multidisciplinares que incorporan e implican o profesional sanitario na xestión eficiente dos recursos utilizados na súa práctica clínica, orientan a actividade ao proceso asistencial como elemento central da atención sanitaria, e centran a atención no/na paciente.

Outro fito importante nesta liña foi a publicación do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde, mediante o cal se estableceu un novo modelo de xestión que facilita a incorporación da xestión clínica e a xestión por procesos.

Os servizos de saúde teñen como obxectivo principal prestar atención sanitaria á poboación, para o cal é preciso establecer as medidas necesarias dirixidas a adaptar a organización ás necesidades dos/das pacientes. Por iso, o Servizo Galego de Saúde, na súa aposta por seguir avanzando na modernización do sistema sanitario para dar unha mellor resposta ás necesidades dos/das pacientes, quere impulsar a utilización dunha nova ferramenta de xestión, a xestión clínica. Entendendo por xestión clínica un instrumento que permite incorporar os/as profesionais na xestión, encamiñada tanto a obter os mellores resultados en saúde da poboación como á eficiencia na utilización dos recursos dispoñibles.

Os principios máis importantes deste modelo de xestión clínica son o deseño e implantación de procesos asistenciais integrados entre niveis e centros sanitarios, a constitución de equipos multidisciplinares, a introdución de mecanismos de participación dos/das profesionais, a formación destes/as na utilización de diversas ferramentas de xestión, o fomento da xestión responsable e eficiente dos recursos e a medición e avaliación continua dos resultados obtidos.

A incorporación destes modelos organizativos require da existencia dun procedemento regrado e transparente en que se pauten os requisitos e condicionantes que definan a creación das áreas de xestión clínica. O presente decreto pretende establecer medidas de promoción da cultura da xestión clínica entre os profesionais e regular a creación, estrutura, organización e o funcionamento das áreas de xestión clínica, que estarán dotadas do nivel de autonomía suficiente para poder realizar as súas funcións, e que deberán actuar segundo os acordos establecidos coa xerencia correspondente. Estas estruturas contarán, ademais, con sistemas que permitan o seu seguimento e avaliación.

Os instrumentos esenciais sobre os cales se configurarán as futuras áreas de xestión clínica, e que servirán para a concreción dos compromisos entre aquelas e a xerencia de xestión integrada que corresponda, son os denominados acordos de xestión clínica (ADXC), regulados no capítulo III do presente decreto. Este capítulo recolle, ademais, o contido deses ADXC e as obrigas que, respecto deles, asumirán as correspondentes xerencias de xestión integrada, fundamentalmente no relativo ao seu seguimento e avaliación de resultados.

A Comunidade Autónoma de Galicia dispón de competencias para a organización das súas institucións de autogoberno e no uso desas competencias deriva a creación dos órganos e a determinación das estruturas organizativas.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, de acordo cos informes correspondentes, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de marzo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O presente decreto ten por obxecto regular a creación, estrutura, organización e funcionamento das áreas de xestión clínica do Servizo Galego de Saúde, como modelo organizativo de prestación e xestión de servizos sanitarios.

2. A implantación deste modelo organizativo respectará en todo caso os dereitos dos/das pacientes recollidos nos artigos 4 a 14 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que deberán quedar plenamente garantidos en todo momento.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Quedan comprendidos no ámbito de aplicación deste decreto calquera unidade, servizo ou conxunto de servizos sanitarios dependentes das estruturas de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde, así como das entidades instrumentais adscritas a el.

Artigo 3. Xestión clínica

A xestión clínica defínese como o proceso de redeseño das organizacións sanitarias que promove a incorporación dos/das profesionais na xestión dos recursos utilizados na asistencia, desenvolvendo a actividade arredor de procesos asistenciais integrados baseados na mellor evidencia científica dispoñible. Persegue facilitar a atención integral ao/á paciente, mellorar a efectividade e a eficiencia, así como a calidade e a seguridade das intervencións, favorecendo a accesibilidade e a continuidade da atención, reducindo a súa fragmentación e os tempos e procedementos de transferencia entre unidades asistenciais.

CAPÍTULO II
Das áreas de xestión clínica

Artigo 4. As áreas de xestión clínica

1. As áreas de xestión clínica son un sistema organizativo dirixido á prestación de servizos sanitarios centrada no paciente, sen personalidade xurídica propia e con dependencia orgánica das xerencias de xestión integrada, sen prexuízo da existencia de áreas de xestión clínica constituídas dentro de dúas ou máis xerencias de xestión integrada.

2. Estarán constituídas por un conxunto multidisciplinar de profesionais que con carácter voluntario se organizan funcionalmente de forma autónoma na xestión clínica e de coidados, o que permite a prestación dunha atención integral encamiñada á mellora da calidade asistencial, investigadora, docente e innovadora, baseada nos criterios de seguridade, efectividade e eficiencia.

Artigo 5. Autorización para a creación e renovación das áreas de xestión clínica

1. Para iniciar un proxecto de creación dunha área de xestión clínica cómpre elaborar unha proposta de acordo de xestión clínica, que poderá xurdir indistintamente dun colectivo de profesionais ou da Dirección de Procesos Asistenciais da xerencia que corresponda. En ambos os dous casos informarase o órgano de representación legal dos traballadores da correspondente estrutura de xestión integrada.

2. A xerencia de xestión integrada emitirá un informe motivado sobre a procedencia ou non da creación no cal, entre outros aspectos, se avaliarán as vantaxes e inconvenientes que a estrutura poida ter para os/as pacientes.

3. A denegación ou autorización da área de xestión clínica resolveraa a Xerencia do Servizo Galego de Saúde. No caso de autorización, procederase á convocatoria do procedemento previsto no artigo 10 do presente decreto para a designación do/da director/a da área de xestión clínica.

4. O documento de creación da área de xestión integrada será asinado pola Xerencia de Xestión Integrada e polo/a director/a da área de xestión clínica, e deberá indicar o período de vixencia e a data de comezo da actividade; remitirase copia aos órganos de dirección do Servizo Galego de Saúde.

5. Poderán autorizarse acordos para a prestación de servizos dunha determinada área de xestión clínica entre diferentes xerencias de xestión integrada.

Artigo 6. Renovación das autorizacións das áreas de xestión clínica

1. As solicitudes de renovación serán tramitadas pola xerencia de xestión integrada de que dependa a área de xestión clínica, que as remitirá á Xerencia do Servizo Galego de Saúde polo menos un mes antes de que remate o prazo de vixencia da autorización. Na documentación necesaria para a renovación incluirase un informe de avaliación de resultados, de acordo co establecido no acordo de xestión clínica.

2. Para efectos da renovación da autorización, os requisitos poderán aumentar o seu grao de exixencia en función da maior complexidade na autoxestión, co obxecto de acadar a mellora continua de cada área de xestión clínica.

Artigo 7. Órganos de goberno das áreas de xestión clínica

Cada área contará cun/cunha director/a e un comité de dirección.

Artigo 8. O/a director/a

O/a director/a da área de xestión clínica será o/a responsable da actividade desenvolvida nela, e terá as seguintes funcións:

a) Actuar como interlocutor/a da área ante a dirección da xerencia de xestión integrada de que dependa.

b) Velar pola adecuada consecución dos obxectivos fixados nos acordos de xestión clínica, realizando o seu seguimento e as valoracións correspondentes.

c) Velar polo cumprimento dentro da área de xestión clínica, de todas as instrucións e ordes emanadas dos órganos superiores, e polo cumprimento das normas legais vixentes.

d) Exercer a presidencia do comité de dirección da área de xestión clínica.

e) Propoñer anualmente melloras nos acordos de xestión clínica á xerencia de xestión integrada que corresponda.

f) Facilitar á xerencia de xestión integrada correspondente toda a documentación e información, no tempo e forma determinado por esta, para posibilitar o seguimento da área de xestión clínica.

g) Utilizar a mellor evidencia científica dispoñible na planificación, xestión e avaliación dos procesos da área de xestión clínica.

h) Establecer os programas de mellora que inclúan proxectos de formación e investigación da área de xestión clínica, sen prexuízo das competencias doutros órganos.

i) Colaborar coas asociacións de pacientes segundo o seu obxecto específico e impulsar procesos de interrelación e apertura da súa actividade coa cidadanía.

j) Poñer en coñecemento da xerencia de xestión integrada que corresponda calquera desviación ou incidencia que supere o seu nivel de responsabilidade ou supoña unha desviación dos obxectivos especificados no acordo de xestión clínica.

k) Realizar as funcións propias da súa categoría profesional.

Artigo 9. O comité de dirección da área de xestión clínica

1. As áreas de xestión clínica disporán dun comité de dirección, que será designado pola persoa titular da xerencia de xestión integrada correspondente e no cal participarán, cando menos, as persoas que exerzan a coordinación dos principais procesos asistenciais que se desenvolvan no seu ámbito, ata un máximo de oito persoas, procurando unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

2. Estará presidida polo/a director/a da área e terá a responsabilidade de aprobar todas as normas e procedementos que se desenvolvan na área de xestión clínica, a designación dos/das responsables dos diferentes ámbitos ou actividades en que se estruture funcionalmente a área, o seguimento da actividade desenvolvida e a memoria anual de actividade.

3. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, unha persoa designada pola dirección da área.

4. Como órgano colexiado, ao comité de dirección seranlle de aplicación as regras contidas nos artigos 14 a 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Designación do/da director/a da área de xestión clínica

1. O/a director/a da área de xestión clínica será nomeado/a por libre designación entre o persoal da propia área de xestión clínica, logo dunha convocatoria pública en que se fixarán os requisitos e criterios para a súa selección, que será efectuada pola xerencia de xestión integrada correspondente.

O referido nomeamento non determinará a creación dunha nova praza de cadro de persoal, e o/a director/a designado/a seguirá no desempeño do seu posto e das funcións propias da súa categoría profesional.

2. Na convocatoria especificaranse o perfil do posto, os requisitos e os coñecementos e as habilidades exixidas para o seu desempeño.

3. A persoa designada director/a da área de xestión clínica poderá ser cesada discrecionalmente.

Artigo 11. Persoal adscrito ás areas de xestión clínica

1. O persoal adscrito ás áreas de xestión clínica comprende aquel persoal de calquera categoría que realiza habitualmente tarefas relacionadas directamente coas prestacións definidas na carteira de servizos da área ou cos seus procesos de xestión. A dita adscrición terá carácter voluntario e virá determinada pola sinatura do correspondente acordo de xestión clínica.

2. A participación do persoal estatutario nunha área de xestión clínica desenvolverase baixo o réxime xurídico estatutario, permanecendo na situación de servizo activo, de conformidade co artigo 63.1 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

3. De acordo cos precitados obxectivos, a selección do persoal temporal destinado a ocupar postos de cadro de persoal das categorías de xestión e servizos, de persoal sanitario diplomado e de formación profesional para os cales se poidan requirir determinados niveis de experiencia e/ou formación específica relacionados con contido funcional das devanditas áreas, poderá efectuarse a través dos mecanismos de selección específicos previstos na norma xeral II.7 do pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, do 26 de abril de 2011.

4. A selección temporal do persoal licenciado sanitario destinado ás áreas de xestión clínica, levarase a cabo nos termos previstos no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 12. Mecanismos de incentivación

1. Existirá un mecanismo de incentivación específico para os/as profesionais das áreas de xestión clínica.

2. O financiamento destes incentivos estará condicionado ao cumprimento dos obxectivos fixados no acordo de xestión clínica, tendo en conta as porcentaxes fixadas neles.

3. Existirá unha porcentaxe máxima de reversión para os incentivos aos/ás profesionais e/ou para a mellora da área de xestión clínica sobre a porcentaxe pactada no acordo de xestión clínica.

4. O mecanismo ou sistema de incentivos que se vai utilizar deberá estar perfectamente definido no acordo de xestión clínica e dependerá dos obxectivos acadados pola área de xestión clínica.

5. O incentivo retributivo formalizarase a través dunha produtividade variable, temporal, unida a obxectivos acadados e non consolidable.

6. O Servizo Galego de Saúde definirá a cantidade máxima que poderá percibir cada profesional en función da súa categoría.

CAPÍTULO III
Acordos de xestión clínica

Artigo 13. Os acordos de xestión clínica

Para os efectos deste decreto, os acordos de xestión clínica son os documentos básicos que concretan os compromisos entre a xerencia de xestión integrada e a área de xestión clínica. Estes documentos incluirán necesariamente os contidos mínimos que establece o artigo seguinte.

Artigo 14. Contido mínimo do acordo

Os acordos de xestión clínica deberán recoller, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Estratexia da área de xestión clínica e proxección da mellora asistencial do seu ámbito.

b) A carteira de servizos.

c) O orzamento inicial da área de xestión clínica, incluíndo de forma precisa as partidas que se contabilizan e os motivos de modificación do orzamento inicial.

d) Os recursos humanos asignados á área.

e) Os recursos materiais dispoñibles.

f) O organigrama da área de xestión clínica.

g) Os órganos de goberno da área de xestión clínica.

h) Os obxectivos que debe cumprir a área de xestión clínica con definición precisa dos indicadores de medida de cumprimento dos obxectivos do ADXC.

i) O sistema de incentivos.

j) As causas de resolución.

Artigo 15. Funcións das xerencias de xestión integrada en relación coas áreas de xestión clínica

1. As xerencias de xestión integrada deberán promover e facilitar a creación das áreas de xestión clínica no seu ámbito de actuación.

2. Respecto das áreas de xestión clínica do seu respectivo ámbito, as xerencias de xestión integrada exercerán as seguintes funcións:

a) Revisarán e emitirán informe sobre a proposta do acordo de xestión clínica realizada, valorando o consenso acadado no equipo profesional que formará a área de xestión clínica.

b) Establecerán as relacións internas de coordinación entre as estruturas actuais (servizos, unidades de enfermaría e estruturas equivalentes) e as áreas de xestión clínica.

c) Facilitarán a información necesaria ao/á director/a da área de xestión clínica para asumir a súa xestión.

d) Realizarán o seguimento, supervisión e avaliación do cumprimento dos acordos de xestión clínica.

e) Garantirán a reversión da porcentaxe pactada no acordo de xestión clínica dos aforros que produciría a área de xestión clínica.

f) Facilitarán, potenciarán e desenvolverán a mellora continua da área de xestión clínica mediante a formación continua dos/das profesionais.

g) Poderán solicitar a suspensión do acordo no momento en que se identifique que pode existir unha desviación orzamentaria que poña en risco os obxectivos económicos do centro. Esta circunstancia figurará como causa de resolución do acordo.

Artigo 16. Sistema de seguimento e avaliación de resultados

1. Cada área de xestión clínica disporá dun sistema de información normalizado a partir dos diferentes sistemas de información corporativos para garantir a avaliación e o seguimento do acordo de xestión clínica pactado.

2. Cada área de xestión clínica recibirá da xerencia ou xerencias de xestión integrada de que dependa organicamente a información periódica que permita avaliar o grao de consecución dos obxectivos do acordo de xestión.

3. A xerencia ou xerencias de que dependa a área de xestión clínica poderá/n realizar, periodicamente, os procesos de auditoría interna das áreas de xestión clínica autorizadas no seu ámbito de competencia.

4. Poderá establecerse tamén un programa de auditorías externas realizadas, de forma cruzada, por xerencias distintas daquela de que dependa a área de xestión clínica avaliada.

5. Nos casos de detectarse desviacións do obxecto do ADXC, as xerencias de xestión integrada poderán acordar a adopción de medidas correctoras e informarán, en todo caso, a persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

6. A Xerencia do Servizo Galego de Saúde poderá ordenar a resolución inmediata dos acordos, oída á xerencia ou xerencias de xestión integrada, nos casos en que a natureza das desviacións sobre os obxectivos previstos así o aconsellen, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades a que procedan.

Disposición adicional única. Persoal que non participe nas áreas de xestión clínica

O persoal que decida non adscribirse á área de xestión clínica permanecerá na súa situación orixinaria, sen que a creación daquela supoña modificación dos seus dereitos laborais e retributivos preexistentes.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición transitoria única. Adaptación dos proxectos de xestión clínica

Os proxectos de xestión clínica existentes con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto deberán adaptarse a este nun prazo máximo de doce meses, mentres tanto rexeranse, polos acordos que no seu día deron lugar á súa aprobación.

Disposición derradeira primeira. Modificación do artigo 5 do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde

Engádese unha alínea u) ao artigo 5 do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde, coa seguinte redacción:

«u) Exercer as funcións previstas no artigo 15 do Decreto 36/2014, do 20 de marzo, polo que se regulan as áreas de xestión clínica do Servizo Galego de Saúde».

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de marzo de dous mil catorce

En substitución por ausencia (Decreto 30/2014)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade