Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 9 de abril de 2014 Páx. 15798

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 31 de marzo de 2014 pola que se regula a comercialización en orixe de especies eurihalinas de interese comercial.

O artigo 149.1.13 da Constitución española establece que a comercialización en orixe dos produtos pesqueiros está sometida á normativa básica do Estado, e que corresponden a Galicia as competencias de desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación básica do estado no seu ámbito territorial en materia de ordenación do sector pesqueiro, recollidas no artigo 28.5º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O Real decreto 1822/2009, do 27 de novembro, polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros, establece a normativa básica do Estado nesta materia.

Ao abeiro do artigo 3.4º da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, as disposicións relativas, entre outras, á ordenación do sector pesqueiro galego, a mercados, comercialización, manipulación, transformación e conservación dos produtos pesqueiros serán de aplicación en todo o territorio de Galicia.

O Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, modificado polo Decreto 101/2006, do 8 de xuño, ten por obxecto, de conformidade co seu artigo 1, regular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a descarga e primeira venda dos produtos frescos da pesca (peixe e marisco) que se levan a cabo nas lonxas ou nos centros autorizados, así como a actividade comercial dos produtos frescos da pesca, algas e da acuicultura, calquera que for a súa orixe.

Estas disposicións tamén aparecen recollidas, a nivel autonómico, pola Orde do 8 de febreiro de 2008, pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos, e as súas modificacións, así como a Orde do 7 de febreiro de 2008 pola que se establece o sistema de transmisión de datos na fase de primeira venda da pesca fresca.

Respecto ao control da comercialización, o Regulamento (CE) núm. 1224/2009 do Consello, do 20 de novembro de 2009, polo que se establece un réxime comunitario de control para garantir o cumprimento das normas da política pesqueira común, e o Regulamento de execución (UE) núm. 404/2011 da Comisión, do 8 de abril de 2011, que establece as normas de desenvolvemento do anterior, establecen a obriga de que todos os produtos da pesca desembarcados na comunidade europea, e para os que non se presentase unha nota de venda nin unha declaración de recolla e que se transporten a un lugar distinto do de desembarque, deberán ir acompañados dun documento de transporte ata que se efectúe a primeira venda; así como que, respecto dos produtos que se destinen a unha venda posterior, deberase presentar ás autoridades competentes unha declaración de recolla.

O proceso de comercialización en orixe dos produtos pesqueiros atópase implantado para a práctica totalidade das pesqueiras. Sen embargo, existen algunhas actividades da pesca en que se fai necesaria unha actualización normativa que garanta un sistema de control eficaz na fase de comercialización en orixe e que, ao mesmo tempo, facilite o seguimento da súa rastrexabilidade. É o caso dalgunhas especies capturadas nos tramos finais dos ríos, como son a anguía (Anguilla anguilla) e a lamprea (Petromyzon marinus).

Ríos como o Miño, o Ulla e o tramo final do Tea contan cunha ampla tradición de explotación pesqueira e existe un importante colectivo de pescadores/as que exercen a actividade profesional nas súas augas, principalmente na pesqueira da angula (meixón) e lamprea no río Miño e da lamprea nos ríos Ulla e Tea.

No río Miño dáse, ademais, a particularidade de que a súa desembocadura serve de fronteira entre España e Portugal, polo que o control e xestión da pesca no tramo internacional do río Miño (TIRM) é responsabilidade da Comisión Permanente do Tramo Internacional do Río Miño, constituída por representantes da Administración dos ambos países.

Nos ríos Ulla e Tea, así como no resto dos ríos de Galicia, a competencia en materia de pesca fluvial corresponde á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, regulada pola Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia.

En todos os casos citados as normativas teñen por obxecto, entre outros, a regulación da conservación, fomento e aproveitamento ordenado das poboacións piscícolas e outros seres vivos que habitan nesas augas, pero non consideran a comercialización en orixe das especies capturadas neses cursos fluviais, que, por tanto, están reguladas polo Decreto 419/1993, do 17 de decembro, e pola Orde do 8 de febreiro de 2008 así como a Orde do 7 de febreiro de 2008 no relativo á primeira venda da pesca fresca.

Por outra banda, a actividade pesqueira das especies eurihalinas (especies que teñen a capacidade de vivir en zoas acuáticas con diferentes graos de salinidade) xera importantes beneficios económicos para as zonas onde se realiza. Ademais, o peculiar sistema de comercialización destas pesqueiras, que require do mantemento polos/as propios/as pescadores/as dos exemplares vivos procedentes das capturas en instalacións deseñadas para o efecto, xunto á necesidade de establecer un control eficaz que se aplique a toda a cadea de produción e comercialización e conte cun sistema coherente de rastrexabilidade en todas as fases da comercialización en orixe, requiren dunha regulación específica que respecte as singularidades destas pesqueiras e permita un correcto seguimento das capturas.

Para dar resposta a estas necesidades créase unha nova instalación dedicada ao mantemento de especies eurihalinas vivas: o centro de recolla para especies eurihalinas. O seu fin é garantir a necesaria ordenación e control da comercialización en orixe destas especies. Para estes efectos, será preciso que estas novas instalacións sexan obxecto de rexistro.

Polo exposto, consultado o sector, no uso das atribucións que teño conferidas, de conformidade co previsto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a presente orde ten como obxecto:

a) Regular a comercialización en orixe, que inclúe o desembarco, o transporte e a primeira venda nas lonxas pesqueiras ou nos centros de venda, das especies eurihalinas de interese comercial capturadas nos tramos finais dos ríos.

b) Definir o centro de recolla para especies eurihalinas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Crear un Rexistro de Centros de recolla para especies eurihalinas (en diante, Rexistro).

Artigo 2. Expedición de documentos da comercialización en orixe

1. A fin de realizar o control e manter a rastrexabilidade, os lotes das especies eurihalinas obxecto da presente orde deberán estar amparados documentalmente na súa descarga, no seu transporte e na primeira venda nas lonxas pesqueiras ou nos centros de venda.

2. Efectuada a descarga, se a persoa propietaria das especies decide vender as capturas nunha lonxa ou centro de venda para o cal necesite facer o transporte por vía terrestre, deberá completar previamente o documento de transporte.

3. Cando os produtos pesqueiros descargados non se poñan á venda e se destinen a un centro de recolla para especies eurihalinas, a persoa propietaria ou o/a seu/súa representante deberá obter previamente o correspondente documento de declaración de recolla. En calquera caso, o transporte posterior dos produtos pesqueiros ata a lonxa ou centro de venda deberá estar amparado mediante un documento de transporte.

4. Tras a primeira venda dos produtos pesqueiros obxecto da presente orde, calquera que sexa a modalidade da transacción, unha vez feita efectiva, deberá completarse o documento denominado «nota de venda».

5. A consellería competente en materia de pesca, no exercicio das súas competencias en materia de ordenación do sector pesqueiro, porá á disposición dos/as pescadores/as autorizadas, dos/as responsables da primeira venda e dos/as transportistas os soportes e sistemas necesarios para a emisión e remisión dos documentos de transporte, as declaracións de recolla e as notas de venda, que preferentemente se realizará a través de medios telemáticos.

6. A expedición destes documentos, así como os datos que deberán conter, realizarase con suxeición á normativa aplicable referente á descarga, transporte dos produtos pesqueiros frescos e de control da primeira venda, recollida pola Orde do 8 de febreiro de 2008, pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos, e as súas modificacións, así como pola Orde do 7 de febreiro de 2008, pola que se establece o sistema de transmisión de datos na fase de primeira venda da pesca fresca.

Artigo 3. O desembarco

1. O desembarco de especies eurihalinas realizarase nos portos das lonxas designados pola consellería competente en materia de pesca.

2. Naqueles lugares con actividade pesqueira en que non exista porto ou en que a instalación portuaria non reúna os requisitos exixidos con carácter xeral para o desembarque de produtos pesqueiros, a consellería competente en materia de pesca poderá autorizar centros de descarga, logo de solicitude da entidade interesada, presentada de conformidade co artigo 70 e concordantes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

3. Os produtos desembarcados deberán pesarse ou contarse no momento do desembarque, antes de que sexan almacenados, transportados ou vendidos. O peso ou, no caso das lampreas, o seu número rexistrado, empregarase para completar as declaracións de recolla, os documentos de transporte e as notas de venda.

4. O control dos desembarques será realizado pola entidade de que dependan as respectivas lonxas ou centros autorizados, a cal se responsabilizará de que se cumpra a normativa establecida para a comercialización dos produtos desembarcados.

Artigo 4. Centro de recolla para especies eurihalinas

1. Para os efectos desta orde entenderase por centro de recolla para especies eurihalinas a instalación dedicada á conservación de especies vivas de natureza eurihalina por parte da persoa titular dunha licenza de pesca para estas especies, destinadas á súa posterior comercialización a través dunha lonxa ou centro de venda.

2. O centro de recolla para especies eurihalinas só poderá almacenar as capturas realizadas polo seu titular.

Artigo 5. Requisitos do centro de recolla para especies eurihalinas

1. As instalacións dos centros de recolla para especies eurihalinas contarán cos elementos adecuados para manter vivas as especies eurihalinas nas mellores condicións posibles, e deben recibir auga dunha calidade tal que non transmita organismos ou sustancias nocivas para os devanditos animais.

2. Os centros de recolla para especies eurihalinas deberán cumprir as condicións que establece a normativa de aplicación que, no que respecta ás condicións das instalacións e a dotación de material, serán as seguintes:

a) Deberá asegurarse, na medida do posible, que os animais estean protexidos contra calquera foco de contaminación.

b) Manteranse limpas todas as instalacións utilizadas e, cando sexa necesario, desinfectaranse axeitadamente tras a limpeza, o equipo, os contedores e as caixas.

c) Utilizarase auga potable o auga limpa cando sexa necesario, para evitar a contaminación.

d) Evitarase na medida do posible que os animais e as pragas provoquen contaminación.

e) Almacenaranse e manipularanse os residuos e substancias perigosas de tal xeito que se evite a contaminación.

3. O acceso ao centro de recolla para especies eurihalinas estará limitado ás persoas titulares deste, as cales, durante a realización dos traballos propios del, respectarán as normas de hixiene deste tipo de instalacións.

4. En cumprimento das obrigas de rastrexabilidade do artigo 18 do Regulamento (CE) núm. 178/2002, do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2002, polo que se establecen os principios e os requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguranza Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguranza alimentaria, levaranse diariamente rexistros de entradas e saídas dos animais do centro para os efectos do seu control, segundo o modelo que se xunta no anexo I á presente orde.

Artigo 6. Solicitude de autorización do centro de recolla para especies eurihalinas

1. As persoas titulares dunha instalación localizada na comunidade autónoma de Galicia que desexen dedicala á conservación de especies eurihalinas vivas para a posterior comercialización a través dunha lonxa ou centro autorizado de primeira venda deberán solicitar a correspondente autorización de conformidade co modelo de instancia que figura no anexo II á presente orde. A autorización outorgada ao abeiro desta orde cualificará as ditas instalacións como centros de recolla para especies eurihalinas, definidos como tales no artigo 4.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do documento nacional de identidade da persoa solicitante, só no caso de non autorizar o órgano xestor para comprobar os datos de identidade.

b) Fotocopia cotexada da licenza profesional para a pesca de especies eurihalinas, da administración que corresponda.

c) Documentación descritiva consistente en planos ou esquemas da instalación, o enderezo, as medidas, as características principais e o funcionamento das instalacións.

4. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, subsane a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, que se arquivará sen máis trámite, de acordo co sinalado no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 7. Resolución de autorización

1. A resolución que conceda ou denegue a autorización será ditada pola persoa titular da Secretaría Xeral do Mar.

2. Na resolución de outorgamento de autorización farase constar o número de licenza de pesca, a localización da instalación, as condicións técnicas e as dimensións.

3. O prazo para notificar a resolución expresa será de cinco meses, contados a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente. Vencido este prazo sen que se teña notificado a resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

4. Entenderase que a autorización está en vigor en canto permaneza vixente a licenza de pesca para as especies eurihalinas. Para os efectos da autorización, a Secretaría Xeral do Mar solicitará ás autoridades competentes para a emisión das licenzas de pesca, ao comezo da tempada ou campaña da pesqueira, unha relación actualizada das licenzas concedidas para a campaña entrante. En caso contrario, a extinción da autorización ditarase de oficio.

5. A modificación das condicións autorizadas para o centro de recolla para especies eurihalinas, precisará da autorización previa da Secretaría Xeral do Mar.

Artigo 8. Rexistro de Centros de Recolla de Especies Eurihalinas

1. Créase o Rexistro de Centros de Recollida de Especies Eurihalinas (en diante, Rexistro), baixo a xestión e o control da consellería competente en materia de ordenación do sector pesqueiro.

2. Serán datos inscritibles as autorizacións dos centros de recolla para especies eurihalinas e as súas posteriores modificacións.

3. As persoas titulares dun centro de recolla de especies eurihalinas autorizados de conformidade co artigo 7 da presente orde deberán solicitar a correspondente inscrición da citada autorización no rexistro, de conformidade co modelo de instancia que figura no anexo III á presente orde.

4. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

5. A solicitude irá acompañada do comprobante do aboamento da taxa polos servizos administrativos de inscrición en rexistro oficial (artigo 21.b) da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da comunidade autónoma de Galicia).

6. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados, requirirase a persoa interesada para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, que se arquivará sen máis trámite, de acordo co sinalado no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 9. A primeira venda

1. A primeira venda de especies eurihalinas realizarase nas lonxas ou centros de venda autorizados, de conformidade co Decreto 419/1993, do 17 de decembro, ou normativa que o substitúa.

2. Poderán realizar a primeira venda dos seus produtos os/as titulares dunha licenza de pesca para especies eurihalinas, os/as cales deberán acreditalo ante as persoas xestoras ou concesionarias das lonxas ou centros de venda.

3. Para o referente á exposición dos produtos pesqueiros, modalidades da primeira venda, titulares de lonxas ou centros de venda, persoas e empresas compradoras, aplicación de taxas e garantía de pagamentos, control da primeira venda, comunicación de datos e notas de venda, etiquetaxe, así como para calquera outro aspecto relacionado coa primeira venda, será de aplicación a lexislación vixente sobre a primeira venda de produtos pesqueiros e control da comercialización.

Disposición adicional única. Centros de recolla para especies eurihalinas preexistentes

Os titulares de centros de recolla para especies eurihalinas preexistentes á entrada en vigor da presente orde deberán solicitar a autorización no prazo dun mes a partir da súa entrada en vigor, e entenderanse autorizados para exercer a súa actividade para a tempada ou campaña 2013-2014, desde a presentación da solicitude regulada no artigo 6 ata o momento da resolución.

No caso de outorgamento da autorización, a consellería competente en materia de ordenación do sector pesqueiro acordará a inscrición de oficio da citada autorización no Rexistro.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral do Mar para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2014

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file