Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 9 de abril de 2014 Páx. 15877

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 28 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas á realización de proxectos piloto cofinanciadas nun 75 % co Fondo Europeo de Pesca (FEP), e se convocan axudas para o exercicio 2014.

O artigo 41 do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, permite o financiamento de proxectos piloto dirixidos á adquisición e difusión de novos coñecementos técnicos que sexan levados a cabo por un axente económico ou por unha asociación recoñecida (ou calquera outro organismo competente designado con este fin polo Estado membro) en cooperación cun organismo científico ou técnico.

Segundo a Decisión C (2012)9373 de execución da Comisión, que modifica a Decisión C (2007)6615, a taxa media de cofinanciamento do FEP é dun 75 % en todas as medidas.

Ao abeiro do devandito Regulamento, publicouse a Orde do 15 de maio de 2012 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas á realización de proxectos piloto cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca (FEP) (DOG núm. 102, do 30 de maio). Cómpre agora publicar a convocatoria do ano 2014 e, para maior facilidade de cara ao cidadán, publicar tamén as bases reguladoras introducindo algunha modificación puntual.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á realización de proxectos piloto, incluída a utilización a título experimental de técnicas de pesca máis selectivas, co obxecto de adquirir e difundir novos coñecementos técnicos, ao abeiro do establecido no artigo 41 do Regulamento (CE) nº 1198/2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, e convocar as devanditas axudas para o ano 2014.

Artigo 2. Finalidade das axudas

1. Entenderase por proxectos piloto, para efectos desta orde, aqueles que teñan como obxectivo:

a) Probar, en condicións próximas ás condicións reais do sector produtivo, a viabilidade técnica ou económica dunha tecnoloxía innovadora.

b) Permitir a realización de probas sobre plans de xestión e de asignación do esforzo pesqueiro, incluído, se é o caso, o establecemento de zonas de veda, co obxecto de avaliar as consecuencias biolóxicas e financeiras, e a repoboación experimental.

c) Desenvolver e probar métodos para mellorar a selectividade da arte de pesca, reducir as capturas accesorias, os descartes ou o impacto ambiental, en particular no fondo mariño.

d) Probar outros tipos de técnicas de xestión pesqueira.

2. Os proxectos piloto deberán acompañarse dun seguimento científico, co fin de producir resultados significativos. Este seguimento deberá ser realizado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO), o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), o Centro de Investigacións Mariñas e o Centro de Cultivos Mariños (estes últimos dependentes da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro), Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), as universidades ou centros tecnolóxicos dependentes dela, así coma outros centros públicos dependentes da Xunta de Galicia. No caso de que no proxecto se especifique un organismo distinto destes para a realización do seguimento científico, deberase xustificar a dificultade da realización por calquera dos anteriores e, ademais, terá que ser un organismo con participación maioritariamente pública. Neste caso, a Secretaría Xeral do Mar resolverá a aceptación do organismo científico proposto. No caso de que non sexa aceptado, darase ao solicitante un prazo de 10 días hábiles para que propoña outro organismo científico.

3. Os resultados dos proxectos piloto serán obxecto de informes técnicos, realizados polo organismo científico ou técnico, accesibles ao público, que se poderán consultar mediante os mecanismos que a Secretaría Xeral do Mar habilite.

4. Non poden acollerse a estas axudas os proxectos que teñan como finalidade a pesca exploratoria nin os que teñan carácter comercial directo. Igualmente, quedan excluídos os que supoñan seguimento biolóxico ou produtivo das especies mariñas.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Mediante a correspondente orde de convocatoria fixarase o crédito anual existente durante o período de elixibilidade do actual programa operativo (2007-2013), que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2007 ata o 31 de decembro de 2015, segundo dispón o artigo 55.1 do Regulamento (CE) nº 1198/2006.

3. Os importes fixados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderanse ampliar con fondos incorporados e remanentes adicionais, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. As axudas financiaranse con cargo a fondos do FEP (75 %) e da Comunidade Autónoma de Galicia (25 %).

6. Para o ano 2014 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.780.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 1.964.500,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

Anualidade 2014: 1.789.500,00 euros.

Anualidade 2015: 175.000,00 euros.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas:

1.1. As empresas, ben sexan persoas físicas, xurídicas, ou agrupacións sen personalidade xurídica, así como as unións temporais de empresas (UTE).

1.2. As asociacións empresariais ou asociacións profesionais de carácter comercial do sector.

1.3. Organizacións de produtores pesqueiros, confrarías de pescadores e cooperativas

1.4. Centros tecnolóxicos ou calquera outro organismo de investigación e desenvolvemento con participación privada maioritaria.

1.5. Calquera outro organismo competente designado con este fin polo Estado membro.

2. A participación no proxecto de axentes externos deberá estar debidamente motivada e xustificada. En caso de que o solicitante teña unha vinculación co axente externo que sexa diferente dun mero contrato polo servizo, non será subvencionable a participación no proxecto do devandito axente, agás que o solicitante proporcione valor ao proxecto, en termos de persoal e actividade que se vaia realizar.

3. Os beneficiarios terán que presentarse co compromiso do organismo científico ou técnico recollido no artigo 2, punto 2, da realización do seguimento científico do proxecto, para o que deberán achegar o documento establecido no artigo 9, punto 2.VII.

4. No caso de que o organismo científico actúe tamén como axente externo, o persoal destinado a cada unha destas facetas non poderá ser en ningún caso o mesmo nin ter a mesma dirección.

5. Os beneficiarios deben ter a súa sede social en Galicia e realizar a súa actividade nesta comunidade.

6. Cando a solicitude se presente mediante unha agrupación de entidades sen personalidade xurídica propia ou mediante unión temporal de empresas, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución da concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe da subvención para aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, ou no caso da UTE un xerente único, e, en ambos os dous casos, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de execución aprobado.

7. Non poderán ser beneficiarios aqueles en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin tampouco aqueles que participen na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios destas axudas están obrigados a:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación e sempre dentro do prazo indicado na devandita resolución. En casos xustificados, logo de petición do interesado, os prazos poderán ser prorrogados nos termos establecidos no artigo 16 desta orde.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

e) Comunicar á Consellería do Medio Rural e do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

f) Comunicarlle á Consellería do Medio Rural e do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda.

g) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

h) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

i) Dar a axeitada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo de Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.

j) A difusión de resultados que, cando se faga por medios impresos, deberá figurar en lingua galega, española e lingua inglesa.

Artigo 6. Contía e límites da axuda

1. As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital.

2. A axuda será de ata o 100 % dos investimentos subvencionables.

3. Se na realización do proxecto se xerasen ingresos, o beneficio obtido será deducido do importe global da axuda.

Artigo 7. Compatibilidade da axuda

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o conxunto delas non supere o custo global de realización do proxecto.

Artigo 8. Investimentos subvencionables

1. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á data límite de xustificación.

2. Considéranse como gastos elixibles os realizados directamente polo beneficiario nas seguintes epígrafes:

2.1. Os gastos do persoal contratado exclusivamente para a realización do proxecto: ata o 100 % do salario sen contar a cotización á Seguridade Social, que será por conta do solicitante. Non se subvencionarán os gastos de persoal propio. A retribución anual que se subvenciona, do persoal contratado, non poderá ser superior ao importe vixente no ano de contratación, correspondente co grupo de titulación consonte ao V convenio único para o persoal laboral da Xunta de Galicia; na convocatoria do ano 2014, os importes figuran no anexo IX.

2.2. Os gastos de adaptación do buque ou das instalacións para a realización do proxecto: ata o 75 % do importe resultante da valoración realizada polo persoal técnico designado pola Secretaría Xeral do Mar, cando proceda. Deberá xuntar facturas pro forma das obras que se vaian realizar.

2.3. Os gastos derivados do funcionamento do buque ou das instalacións postas á disposición do proxecto: ata o 75 % do importe resultante da valoración realizada polo persoal técnico designado pola Secretaría Xeral do Mar, cando proceda. O interesado deberá describir con detalle o cálculo do gasto.

2.4. Os gastos de construción de prototipos para a realización do proxecto: ata o 85 % do importe resultante da valoración realizada polo persoal técnico designado pola Secretaría Xeral do Mar, cando proceda. Deberá xuntar facturas pro forma das obras que se vaian realizar. Só se considerarán incluídos neste parágrafo os gastos de construción de prototipo cando este sexa realizado directamente polo propio solicitante.

2.5. Os gastos de alugamento de buques, equipos ou instalacións: ata o 50 % do importe resultante da valoración realizada polo persoal técnico designado pola Secretaría Xeral do Mar, cando proceda. Deberá xuntar factura pro forma.

2.6. Os gastos do seguimento científico e técnico, ata o 65 % do gasto total deste concepto. Deberá xustificarse mediante a memoria a que fai referencia o artigo 9, punto 4.4, e deberá describir con detalle o cálculo do gasto.

2.7. Os gastos de adquisición de equipamentos e material científico e de laboratorio e outros que neste ámbito se xustifiquen debidamente pola finalidade e o proxecto presentado: ata o 50 % do gasto total deste concepto. Deberá xuntar facturas pro forma deles.

2.8. Se houber, os gastos dos axentes externos no proxecto ou a realización de traballos ou servizos externos que teñan relación co proxecto e que se consideren necesarios na súa execución, sempre e cando a comisión de avaliación regulada no artigo 11, en aplicación do artigo 4, punto 2 o considere subvencionable: ata un 40 % do importe resultante da valoración realizada polo persoal técnico designado pola Secretaría Xeral do Mar, cando proceda. Deberá xuntar facturas pro forma dos traballos ou servizos que se vaian realizar.

2.9. Os gastos de difusión dos resultados: ata o 100 % do gasto total deste concepto, cun límite do 10 % do orzamento aprobado no proxecto.

Todos os gastos do proxecto deberán estar descritos con precisión na solicitude presentada, tanto en tipo como en contía, agrupados polas epígrafes descritas no punto anterior e debidamente explicados ou xustificados os elementos que determinaron o seu importe.

A comisión de avaliación poderá limitar ou propor a modificación na contía dos gastos elixibles que considere non necesarios, excesivos ou non xustificados debidamente no proxecto, tanto no que se refire ao seu número como á determinación do seu importe.

3. Considéranse gastos non elixibles:

3.1. Os non incluídos en calquera das epígrafes anteriores.

3.2. Os que a comisión de avaliación, indicada no artigo 11, considere pouco xustificados ou non necesarios.

Artigo 9. Prazos de solicitude e documentación necesaria (anexos normalizados e documentación complementaria)

1. Para esta convocatoria de 2014 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel (en orixinal e tres copias) por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Malia o anterior, tamén se poderá presentar en formato papel en orixinal e tres copias cotexadas no Rexistro Único e de Información do Complexo Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou en calquera das oficinas a que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro

5. A solicitude e demais anexos normalizados está formada por:

2.I) Anexo I. Solicitude.

2.II) Anexo II. Ficha-resumo do proxecto.

2.III) Anexo III. Custo do proxecto.

2.IV) Anexo V. Declaración doutras axudas.

2.V) Anexo VI.A. Curriculum vitae do persoal que interveña no proxecto (neste anexo non se inclúe o persoal do organismo científico ou técnico que realice o seguimento científico do artigo 2, punto 2) e no caso de non estar aínda contratado, perfil profesional do persoal que vaia intervir no proxecto (Anexo VI.B).

2.VI) Anexo VII. Memoria resumo respecto do solicitante.

2.VII) Anexo XI. Documento do organismo científico onde se comprometa á realización do seguimento científico ou técnico do proxecto piloto, debendo mencionar expresamente a autorización do devandito organismo para a exposición pública do resultado do proxecto.

2.VIII) Anexo VIII. Curriculum vitae do persoal que realiza o seguimento científico.

2.IX) De ser o caso, anexo X. Compromiso de contratación de persoal para efectos do artigo 12, punto 2, letra d), alínea i).

2.X). Só no caso de que o solicitante sexa unha agrupación de persoas físicas ou unión sen personalidade xurídica propia, ademais:

– Anexo IV. Compromiso de execución asumido por cada membro.

6. A documentación complementaria está formada por:

6.1. Se o solicitante é unha persoa física:

- Copia cotexada do DNI, só no caso de non autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro), e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo).

6.2. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

– Copia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

– Certificación rexistral actualizada en que figure a constitución da sociedade e os estatutos vixentes. Entenderase por actualizada cando non transcorran máis de seis meses desde a súa emisión.

– Poder suficiente do representante no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

– Copia cotexada do DNI do representante só no caso de non autorización do representante ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro) e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, 10 de xullo).

6.3. Se o solicitante é unha agrupación de persoas físicas ou xurídicas sen personalidade xurídica propia:

– De non autorizar a verificación dos datos de identidade no anexo IV, copia cotexada dos DNI de cada un dos membros da agrupación só no caso de non autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, 13 de novembro), e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo) ou copia das tarxetas de identificación fiscal das empresas.

– Documento onde figure a designación dun representante.

– Copia cotexada do DNI do representante só no caso de non autorización do representante ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta no Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro) e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, 10 de xullo).

– No caso de unión temporal de empresas, ademais escritura pública da constitución e estatutos.

6.4. Memoria do organismo científico que describa con detalle as tarefas que se van realizar para o seguimento, cronograma e custo do devandito seguimento, así como o compromiso para a realización dos informes do artigo 2, punto 3.

6.5. Memoria do proxecto piloto que conteña, polo menos: xustificación da importancia do proxecto, obxecto, descrición detallada do proxecto, duración do proxecto e fases, responsable do proxecto, resultados esperados e plan de difusión de resultados.

6.6. Facturas pro forma xustificativas dos gastos indicados nas epígrafes 2.2, 2.4, 2.5, 2.7 e 2.8 do artigo 8.

6.7. Se existe, xustificación da necesidade de participación no proxecto de axente(s) externo(s), a que se refire o artigo 4, punto 2.

6.8. Cando o importe do gasto unitario, sen IVE, supere a contía de 50.000 euros no caso de execución de obras ou de 18.000 euros no caso de subministración de bens ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica o beneficiario deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. Será necesaria unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

7. Considérase o mínimo imprescindible para a tramitación de solicitudes presentar os documentos indicados no artigo 9, puntos 2.I, 2.II, 2.VI, 2.VII e 4.5. A non presentación da devandita documentación dará lugar á inadmisión da solicitude.

Artigo 10. Tramitación das solicitudes

1. A tramitación das solicitudes será realizada polo Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota da Secretaría Xeral do Mar da Consellería do Medio Rural e do Mar, como instrutor do expediente.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos, salvo os considerados como documentación mínima imprescindible recollidos no punto 5 do artigo anterior. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude.

3. Sen prexuízo do disposto no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes serán obxecto dunha avaliación previa por parte da Comisión de avaliación, regulada no artigo 11, para determinar, entre outros, o establecido no artigo 8 punto 2.8. Desta avaliación previa levantarse unha acta da comisión indicando os acordos aos que se chegaron e a súa motivación.

5. Os expedientes que superen a avaliación previa da comisión de avaliación, sen prexuízo das emendas que procedan, serán remitidos a Axencia Galega de Innovación dependente da Consellería de Economía e Industria, que emitirá un informe técnico valorado para cada un deles, de acordo co establecido no artigo 12, punto 2, letra a).

6. Unha vez recibida a devandita información, o Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota clasificará os expedientes para a súa remisión á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

7. Os expedientes que non cumpran coas exixencias destas bases ou da normativa de aplicación quedarán á disposición da comisión, que formulará a proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, segundo o caso.

Artigo 11. Comisión de avaliación

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de avaliación constituída na Secretaría Xeral do Mar, que emitirá un informe ou acta co resultado da selección das solicitudes propostas, que será incorporado ao expediente.

2. No devandito informe figurarán, polo menos, de forma individualizada os solicitantes propostos para obter a subvención segundo a puntuación acadada tras aplicar os criterios de selección do artigo 12 e o importe do investimento máximo subvencionable e da axuda que lle corresponda a cada un deles.

Establecerase ademais unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos, non acadaron a puntuación necesaria e non foron beneficiarios da axuda por falta de crédito.

3. No caso de que non houbera crédito abondo para atender todas as solicitudes que reúnan os requisitos, unha vez aplicados os criterios de selección do artigo 12, será potestativo da comisión ratear o crédito orzamentario da convocatoria de axudas para atendelos todos. Neste caso, se se producen renuncias das axudas concedidas, unha vez notificadas segundo o artigo 13, punto 3, desta orde, os créditos liberados poderán ser atribuídos, de novo, a todos os solicitantes, e dará lugar a un novo outorgamento de axuda complementaria.

4. A comisión avaliadora estará formada polas persoas titulares da Secretaría Xeral do Mar, que actuará de presidente, da Subdirección Xeral de Innovación Tecnolóxica, da xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, da xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura, da xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias, todos eles da Secretaría Xeral do Mar, e un representante nomeado pola Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía e Industria, que actuarán como vogais. A xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota actuará como secretaría da comisión.

5. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de polo menos a metade dos membros para a realización da avaliación.

6. A comisión de avaliación poderá traballar asistida dos asesores que considere conveniente, así como solicitar informes complementarios a expertos técnicos na materia.

7. O presidente da comisión de avaliación elevará a proposta de resolución desta ao órgano concedente, quen ditará a correspondente resolución de concesión logo da preceptiva fiscalización do gasto.

Artigo 12. Criterios de selección

1. Os criterios de selección poderán modificarse en cada convocatoria durante a vixencia do FEP.

2. Para a convocatoria do ano 2014, os criterios de baremación que a comisión de avaliación terá en conta para seleccionar os proxectos son os seguintes:

a) Valoración da memoria do proxecto piloto ata 30 puntos. Estes puntos repartiranse do seguinte xeito:

– Valoración técnica do proxecto e do seu carácter innovador, ata 15 puntos.

– Valoración do axeitamento do persoal que realiza o proxecto, ata 7 puntos.

– Valoración do axeitamento do persoal do organismo científico, ata 3 puntos.

– Valoración do axeitamento do orzamento, ata 5 puntos.

A valoración desta alínea será realizada pola Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía e Industria. Os proxectos que non acaden nesta epígrafe 15 puntos serán excluídos por considerar que non reúnen a calidade mínima exixida.

b) Interese, relevancia e oportunidade do proxecto: ata 20 puntos.

c) O impacto previsible do proxecto con:

– Novas medidas técnicas ou biolóxicas encamiñadas á rexeneración de bancos marisqueiros improdutivos ou mellora da súa produtividade: 11 puntos

– Mellora da selectividade: 9 puntos.

– Mellora na redución dos descartes: 8 puntos.

– Mellora do consumo enerxético nos buques de pesca: 7 puntos.

– Mellora e innovación nas técnicas ou procesos de acuicultura: 3 puntos.

– Outros impactos relacionados coa finalidade das axudas definida no artigo 2 desta orde: 1 punto.

d) Ademais engadiranse 1,5 puntos en cada alínea no caso de:

i.) Que se vaia contratar persoal exclusivamente para a execución do proxecto:

– Persoas que perdesen o seu emprego nos últimos 3 anos e estean inscritas no Servizo Galego de Colocación ou equivalente, como demandantes de emprego.

– Persoas maiores de 40 anos que estean inscritas no Servizo Galego de Colocación ou equivalente, como demandantes de emprego.

– Persoas que rematasen os seus estudos, acreditado coa correspondente titulación, nos últimos 24 meses e estean inscritos no Servizo Galego de Colocación ou equivalente, como demandantes de emprego.

Se nunha mesma persoa se der unha concorrencia de circunstancias, só puntuará unha delas. Para acreditar este feito deberá xuntarse compromiso do solicitante segundo o anexo X, debendo remitir, con carácter previo ao pagamento, documentación acreditativa de que o persoal contratado cumpre o requisito que xustifica os puntos engadidos.

ii.) Que a entidade solicitante teña servizo de gardaría gratuíto para o seu persoal. No caso de que sexan varios solicitantes os que cumpran esta condición, ratearase a puntuación.

iii.) Que na entidade solicitante traballen mulleres que estivesen de baixa maternal nos últimos tres anos. No caso de que sexan varios solicitantes os que cumpran esta condición, ratearase a puntuación.

iv.) Que na entidade solicitante traballen homes que pedisen o permiso de paternidade nos últimos tres anos.

v.) Que na entidade solicitante traballen persoas discapacitadas. No caso de que sexan varios solicitantes os que cumpran esta condición, ratearase a puntuación.

vi.) Que a entidade solicitante teña un plan de igualdade ou obtivese a marca galega de excelencia en igualdade, de acordo coa Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (publicada no Diario Oficial de Galicia do 13 de abril).

Deberá acreditarse documentalmente o feito alegado.

A puntuación máxima desta epígrafe non poderá ser superior a 6 puntos.

e) Os proxectos dirixidos a probar ou construír unha tecnoloxía financiada con fondos do I+D+i poderán incrementar a puntuación en 2 puntos.

Artigo 13. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á conselleira do Medio Rural e do Mar.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de sete meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez notificada a devandita resolución o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 14. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición, con carácter potestativo, perante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 13 ao interesado non lle é notificada a resolución, entenderase desestimada por silencio negativo e poderá interpor recurso de reposición, con carácter potestativo, perante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que que se produza o acto presunto ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses desde o día anteriormente indicado.

3. Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro que consideren pertinente.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención de ingresos xerados pola execución do proxecto ou, cando se supere o custo total do proxecto, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución da concesión por instancia do interesado, sempre que este presente solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación da proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención nin a non selección desta.

Artigo 16. Prazos de execución, xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral e agás que a resolución individual de concesión de axuda dispoña un prazo distinto, que non poderá ser superior ao 31 de outubro de 2015, o prazo para a xustificación material e documental da finalización dos investimentos será, respectivamente, para as anualidades de 2014 e 2015, o 31 de outubro de 2014 e o 31 de agosto de 2015.

2. Cando o prazo de realización sexa inferior ao límite establecido no parágrafo anterior e o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este, poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada. Así mesmo, deberá presentar informe do organismo científico que xustifique a solicitude da prórroga.

O órgano competente ditará acordo respecto da prórroga solicitada, que non poderá exceder do prazo establecido no punto 1 deste artigo.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

3. Para o pagamento o beneficiario deberá presentar en orixinal e dúas copias cotexadas no Rexistro Único e de Información do Complexo Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, a seguinte documentación:

a) Memoria das actividades realizadas onde consten as incidencias que puidesen darse na súa execución, o grao de cumprimento dos obxectivos e outros aspectos de interese.

b) Relación dos gastos das actividades realizadas, agrupándoos segundo as epígrafes de gasto do artigo 8 punto 2.

c) Facturas correspondentes aos gastos da alínea anterior.

d) Certificación bancaria do pagamento desas facturas.

e) Para acreditar os gastos de persoal, certificación bancaria do ingreso do salario na conta do perceptor.

f) Informes científicos ou técnicos do seguimento do proxecto, por parte do organismo científico ou técnico.

g) Copia do material elaborado, sexa material impreso, audiovisual, maqueta se se trata dun prototipo ou calquera outro material elaborado.

h) Anexo V.

i) No caso de que se comprometera a través do anexo X á contratación de persoal especificamente para a realización do proxecto, acreditación de que este persoal cumpre o requisito do artigo 12, punto 2, letra d), alínea i).

j) Acreditación de que o persoal contratado especificamente para a realización do proxecto cumpre o perfil profesional segundo o indicado no artigo 9, punto 2.V (anexo VI.B).

4. Antes de proceder ao pagamento, a Secretaría Xeral do Mar comprobará in situ, e cando proceda, a execución completa das actividades obxecto da axuda.

5. A non xustificación de gastos ou a modificación das condicións sinaladas na resolución de concesión, sen a pertinente autorización segundo se sinala no artigo 15, dará lugar á modificación do importe da axuda que se pague. A non xustificación no prazo establecido implicará que o solicitante se considera decaído do seu dereito de cobramento. Así mesmo, o incumprimento dalgunha das circunstancias que motivaron a adxudicación de puntos, sen que estas tivesen lugar, implicará que o solicitante se considera decaído do seu dereito de cobramento.

Artigo 17. Pagamentos parciais e anticipos

1. Pagamento á conta. Por solicitude do beneficiario, poderanse realizar pagamentos á conta ata un máximo do 80 % do importe da axuda e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada. O beneficiario está obrigado a constituír garantía mediante presentación de aval solidario de entidade de crédito no prazo de quince días a partir da resolución de concesión, na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda. A garantía deberá cubrir o 110 % das cantidades que se aboen á conta e deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación do proxecto.

2. Anticipos. Por solicitude do interesado poderase conceder anticipos ata un 50 % da subvención concedida naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. O beneficiario está obrigado a constituír garantía mediante presentación de aval solidario de entidade de crédito no prazo de quince días a partir da resolución de concesión, na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda. A garantía deberá cubrir o 110 % das cantidades que se anticipen e deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación do proxecto.

3. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario

4. Serán admisibles as garantías presentadas por terceiros, cando o fiador, unicamente, preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.
O avalista ou asegurador será considerado parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Patentes

1. Se durante a execución do proxecto e ata dous anos despois da data da súa finalización, se inicia o procedemento de rexistro dunha patente derivada da execución do devandito proxecto, a propiedade e os ingresos xerados por esta serán nun 50 % entre o beneficiario e a Administración da Xunta de Galicia durante os tres anos seguintes ao seu rexistro. Transcorrido este prazo, a propiedade da patente pasará a ser do beneficiario ata que se produza a súa extinción.

2. Será causa de reintegro total da axuda o incumprimento do previsto no número anterior.

Artigo 19. Reintegro das axudas

1. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá o reintegro, total ou parcial da axuda percibida se se comproba o incumprimento das obrigas ou das condicións da súa concesión.

3. Ademais serán tamén causa de reintegro de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C 84/06), a comisión de infracción polo beneficiario ao dereito comunitario e, en especial, ás normas da política pesqueira común, durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Autorizacións do beneficiario

1. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa o órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Artigo 22. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

Disposición derradeira primeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda

No non previsto nesta orde observarase o que establece o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira terceira

Quedan sen efecto as bases reguladoras das axudas aos proxectos piloto, aprobadas pola Orde do 15 de maio de 2012 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas á realización de proxectos piloto cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca (FEP). Non obstante, seranlles aplicables as súas disposicións aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2014

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

missing image file

missing image file
missing image file