Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 10 de abril de 2014 Páx. 16132

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 31 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viña en Galicia e se convocan para o ano 2014.

O Regulamento (UE) 1308/2013, do 17 de decembro de 2013, do Parlamento europeo e do Consello, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os Regulamentos (CEE) 922/72, (CEE) 234/79, (CE) 1037/2001 e (CE) 1234/2007, regula as disposicións sobre os programas de apoio ao sector vitivinícola en que se establecen medidas de carácter financeiro cuxa finalidade é reforzar as estruturas competitivas dos produtores. Entre estas medidas atópanse as axudas á reestruturación e reconversión das viñas contidas no artigo 46 dese regulamento. No entanto, no artigo 231 dese regulamento, sobre disposicións transitorias establécese que todos os programas plurianuais adoptados antes do 1 de xaneiro de 2014 seguirán estando rexidos polas disposicións pertinentes do Regulamento (CE) 1234/2007 ata que eses programas cheguen ao seu termo. E nesta situación atópase o actual programa de apoio ao sector vitivinícola, regulado no ámbito do Estado polo Real decreto 548/2013, do 19 de xullo, que fixa as disposicións básicas para a aplicación no territorio do Estado do segundo programa de apoio ao sector vitivinícola español, que abrangue o período 2014-2018. A sección segunda do capítulo II deste real decreto recolle a normativa que desenvolve o novo réxime de axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viña que, en síntese, é unha continuación do anterior cunha actualización das operacións elixibles e os custos unitarios dos investimentos e coa supresión do límite na porcentaxe de dereitos de plantación procedentes de fóra das explotacións.

Por todo o anterior, cómpre agora elaborar unhas novas bases reguladoras para incorporar as modificacións do segundo programa de apoio ao sector vitivinícola español no relativo aos plans de reestruturación e reconversión de viña e convocar as axudas para este ano 2014.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Sección 1ª. Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto regular as axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viña en Galicia e realizar a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2014.

2. Estas axudas aplicaranse ás superficies de viña da Comunidade Autónoma de Galicia destinadas á produción de uva para vinificación nas cales se realice algunha das seguintes actuacións:

a) Reconversión varietal.

b) Reimplantación de viñas.

c) Melloras das técnicas de xestión de viñas.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos da aplicación desta orde, entenderase por:

a) Titular da viña: a persoa ou agrupación de persoas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que ten os dereitos de plantación ou replantación sobre o cultivo ben como consecuencia dun dereito de propiedade ben porque teña atribuído calquera outro dereito de disposición sobre o cultivo.

b) Propietario: persoa ou agrupación de persoas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que ten o título de propiedade sobre a parcela en que se atopa a viña.

c) Viticultor ou cultivador: persoa ou agrupación de persoas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que obtén o produto anual da viña ben por ser o propietario ben por ter atribuído un dereito de uso sobre a viña.

d) Parcela de viña: superficie continua de terreo en que un só viticultor cultiva a viña, formada por un conxunto de recintos cunha ou varias referencias alfanuméricas, representada graficamente no Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (en diante Sixpac).

e) Parcela agrícola de viña: superficie continua de viña explotada por un mesmo viticultor e formada por unha ou varias parcelas catastrais.

f) Medida: conxunto de operacións tendentes a conseguir a reestruturación e/ou reconversión dunha superficie de viña determinada.

g) Arrinca: eliminación total das cepas que se atopen nunha superficie plantada de viña. Esta arrinca inclúe a eliminación tanto do portaenxerto como da parte aérea da planta.

h) Campaña vitícola: campaña de produción da viña (en diante campaña), que comeza o 1 de agosto de cada ano e remata o 31 de xullo do ano seguinte.

i) Agricultor mozo (AM): para estes efectos terase en consideración a definición dada na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias.

j) Agricultor a título principal (ATP): para estes efectos terase en consideración a definición dada na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias.

Artigo 3. Requisitos dos solicitantes

Os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Figurar inscritos no Rexistro Vitícola de Galicia, no momento da solicitude de axuda, con parcelas e/ou dereitos de replantación de viña. As parcelas que van xerar os dereitos de replantación e/ou os dereitos de plantación deberán estar inscritos no Rexistro Vitícola de Galicia antes da aprobación do expediente.

b) Cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Cumprir a normativa en materia de plantacións de viña, en particular o Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia.

d) As comunidades de bens ou sociedades civís deberán cumprir as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente, segundo o modelo do anexo XI desta orde, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe da subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Tamén deberán nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario correspondan á agrupación. Así mesmo, deberán acreditar a existencia dun pacto de indivisión da comunidade por un período mínimo de, polo menos, dez campañas contadas desde a campaña seguinte á de solicitude do pagamento final.

Artigo 4. Plans de reestruturación e reconversión de viña

1. O réxime de axudas á reestruturación e á reconversión de viñas levarase a cabo a través de plans que agruparán os viticultores solicitantes das axudas, nos cales figurarán as operacións solicitadas por cada un deles para as súas explotacións.

2. Os plans poderán ser anuais ou plurianuais, cunha duración máxima de 5 anos, sen que en ningún caso se estendan alén do exercicio financeiro 2018.

3. Os plans de reestruturación e reconversión poderán ser de dous tipos:

a) Colectivos, constituídos por un mínimo de 5 viticultores.

b) Individuais.

4. Os plans colectivos executaranse no marco dun acordo concertado entre os todos os viticultores participantes. Este acordo incluirá a designación dun representante que se encargará das relacións coa Consellería do Medio Rural e do Mar.

5. Así mesmo, no acordo a que fai referencia o parágrafo anterior, recollerase o compromiso dos viticultores de disporen dun técnico agrario (con titulación de enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao en enxeñería agrícola e do medio rural) en cada provincia que conte con máis de 5 viticultores pertencentes ao plan, que desempeñará as funcións de xestor das actuacións de cada integrante do plan coa Administración. O representante do plan poderá exercer como técnico, sempre que reúna a titulación exixida.

Artigo 5. Condicións dos plans de reestruturación e reconversión de viña

Para poder acceder a estas axudas cumpriranse as seguintes condicións:

1. A superficie total reestruturada e/ou reconvertida no marco dun plan será de, polo menos, 1 hectárea para os plans colectivos e 0,5 hectáreas para os plans individuais.

2. A parcela agrícola de viña, unha vez reestruturada ou reconvertida, terá que ser de, polo menos, 100 m2. Malia o anterior, nos casos en que a medida se limite a operacións de reenxertía e/ou cambio de sistema de condución, a superficie mínima será aquela con que a parcela figura no rexistro vitícola.

3. A superficie máxima elixible será de 15 hectáreas por viticultor e ano de convocatoria.

4. Unha vez finalizada a medida, a/s variedade/s da parcela incluídas total ou parcialmente no plan deberán ser das clasificadas como recomendadas para a Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia (DOG nº 60, do 27 de marzo de 2012).

5. Deberanse empregar en todos os casos portaenxertos certificados.

6. A densidade máxima de plantación admitida será de 7.000 plantas/ha. Ademais, no ámbito das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas Viño da Terra deberán respectarse os límites de densidade de plantación establecidos polas súas normativas reguladoras.

Artigo 6. Operacións de reestruturación e/ou reconversión elixibles e non elixibles

1. Poderanse conceder axudas para:

a) Participar nos custos da reestruturación e/ou reconversión da viña.

b) Compensar os viticultores participantes no plan pola perda de ingresos derivados da súa aplicación.

2. Non poderán acollerse a este réxime de axudas:

a) A renovación normal das viñas que chegasen ao final do seu ciclo natural, entendida como a replantación dunha mesma parcela de terra coa mesma variedade e segundo o mesmo método de cultivo.

b) As superficies que xa se beneficiasen destas axudas nos últimos dez anos, salvo para o cambio de sistema de condución. O período contabilizarase a partir da data da solicitude de pagamento da axuda para esa superficie.

c) O disposto na alínea anterior non será de aplicación naquelas superficies de viña que fosen destruídas por un incendio forestal ou calquera outra catástrofe natural recoñecida polas autoridades competentes, ou debido a problemas fitosanitarios certificados por un organismo acreditado.

d) A arrinca e a plantación de viñas plantadas ao abeiro dunha concesión de novas plantacións, outorgada segundo o artigo 2 do Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, ata transcorridos dez anos da dita plantación.

e) As operacións de xestión diaria dunha viña.

f) As operacións realizadas con material de segunda man.

3. Non se financiarán operacións de forma illada, exceptuando a sobreenxerta e/ou o cambio de sistema de condución.

4. Non se financiarán os custos da arrinca naquelas superficies en que se utilicen dereitos de replantación non xerados na aplicación do plan de reestruturación se efectuase a arrinca con anterioridade á solicitude do plan.

5. Unicamente será elixible a desinfección do terreo cando o produto empregado estea autorizado no Rexistro de Produtos e Materiais Fitosanitarios. A persoa ou empresa que efectúe o tratamento deberá ter a cualificación adecuada e, no caso de que sexa unha empresa quen o realice, figurará inscrita nalgún rexistro oficial de establecementos e servizos praguicidas (ROESP). A necesidade de realizar unha desinfección do terreo xustificarase achegando unha análise microbiolóxica de solo realizada por un laboratorio recoñecido. Será obrigatorio comunicar por escrito á oficina agraria comarcal que lle corresponda, con polo menos dez días de anticipación, a data e hora en que se realizará esta operación, así como o produto que se vai empregar e a persoa ou empresa que levará a cabo a aplicación, presentando a copia do contrato neste último caso. No caso de non ser comunicada no prazo establecido, non se procederá ao pagamento desta operación aínda que se levase a cabo.

6. Serán elixibles as operacións de socalcamento cando a pendente media da parcela sexa igual ou superior ao 10 % e a mura, no caso de non deixar o talude de terra, se constrúa a base de materiais propios da zona.

Para establecer o investimento elixible desta operación, que non poderá superar o módulo establecido no anexo VII, será necesaria a presentación dunha memoria ou dun proxecto, elaborados por un técnico agrario (con titulación de enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao en enxeñaría agrícola e do medio rural), de acordo co que se establece na alínea o) do número 1 do artigo 8 desta orde.

7. Non se aprobarán aquelas solicitudes que na data da inspección inicial a que fai referencia o número seguinte xa tivesen realizado nalgunha das parcelas a operación de plantación sen autorización da autoridade competente. Tampouco se subvencionarán aquelas operacións que na data da inspección inicial estean executadas ou dese comezo a súa execución.

8. A Consellería do Medio Rural e do Mar efectuará, con anterioridade á concesión das axudas, unha inspección inicial sobre o terreo dos datos incluídos na solicitude e determinará, en función das características da parcela, a necesidade das operacións de retirada de pedras, cambio de sistema de condución, socalcamento e/ou a de nivelación do terreo se estas accións están incluídas no expediente.

Así mesmo, na inspección inicial medirase, seguindo o método establecido no artigo 16 desta orde, a superficie vitícola financiable para a operación de arrinca e para a compensación por perda de renda cando a operación de arrinca estea incluída na solicitude.

Artigo 7. Contía das axudas

1. As operacións de reestruturación e reconversión elixibles e os custos unitarios máximos que se aplicarán ás ditas operacións recóllense no anexo VII desta orde.

2. A porcentaxe máxima de axuda sobre o importe dos investimentos finalmente aprobados será a prevista no número 6 do artigo 103 octodecies do Regulamento (CE) nº 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro, para os plans colectivos, e dun 15 % inferior, para os plans individuais.

3. O montante percibido en ningún caso poderá ser superior ao que resulte das aplicación destas porcentaxes sobre o gasto efectivamente realizado e acreditado mediante factura e xustificante de pagamento para todas aquelas operacións que non fosen executadas polo propio agricultor.

4. A compensación financeira aos viticultores pola perda de renda prevista na alínea b) do número 1 do artigo 6 concederase durante dúas campañas. O seu importe será, como máximo, o 25 % do valor medio da uva nas tres últimas campañas na provincia en que se sitúen as parcelas obxecto de reestruturación. Non terán dereito á compensación por perda de ingresos aquelas superficies reestruturadas coa achega dun dereito de replantación non xerado da aplicación do plan de reestruturación, nin cando procedan dunha arrinca efectuada con anterioridade á solicitude do plan.

Cando as operacións que se leven a cabo sobre unha parcela de viña sexan a reconversión varietal e/ou ou o cambio de sistema de condución, concederase a compensación por perda de ingresos para esa superficie por unha soa campaña.

5. Para determinar o importe de axuda a que ten dereito un viticultor pola arrinca e a compensación da perda de renda, a medición da parcela arrincada efectuarase seguindo o método establecido no artigo 16 desta orde.

6. Para ter dereito ao cobramento da axuda, o viticultor deberá executar a reestruturación e/ou reconversión en, polo menos, o 80 % da superficie para a cal se lle concedeu a subvención.

Artigo 8. Documentación necesaria

1. Para solicitar a axuda presentarase a seguinte documentación:

a) Anexo I (procedemento MR446A) cos datos xerais do plan, que asinará o representante do plan.

b) Para os plans colectivos, copia do DNI do representante, só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (en diante SVDI).

c) Anexos II e III (só para os plans colectivos).

d) Copia do DNI dos técnicos dos plans, só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI no SVDI, e da súa titulación segundo o establecido no artigo 4º.5 desta orde.

e) Anexo IV de solicitude da axuda asinada por cada viticultor.

f) Anexo V, sobre a localización e características das parcelas e a procedencia dos dereitos de plantación ou replantación incluídos na solicitude, que asinará o viticultor solicitante da axuda.

g) Anexo VI, sobre o investimento previsto en cada parcela, que asinará o viticultor solicitante da axuda.

h) Anexo X, relación das referencias alfanuméricas Sixpac de todas as parcelas agrícolas que forman parte da súa explotación, sempre que o viticultor non presentase a solicitude única de axudas establecida no Real decreto 202/2012, do 23 de xaneiro, sobre aplicación a partir de 2012 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría.

i) Cartografía actualizada e identificación dos recintos Sixpac incluídos na solicitude, tanto dos iniciais, se se incorpora ao plan coa viña sobre o terreo, como dos finais onde vai situarse a parcela reestruturada, cando esta non coincida coa inicial ou cando achega ao plan dereitos de plantación e/ou replantación de viña. No caso de zonas de concentración parcelaria en que non estivese actualizado o Sixpac, a identificación das parcelas que se vaian reestruturar ou reconverter farase de acordo coa cartografía que serviu de base para a súa adxudicación.

No caso de que as referencias das parcelas inicias non coincidan coas do Sixpac, presentarase unha declaración responsable das equivalencias.

j) Plano cotado indicativo da superficie para reestruturar ou reconverter cando esta non coincida cun recinto completo do Sixpac.

k) Se o viticultor achega dereitos de plantación ou replantación, acreditación administrativa destes:

i. Copia do impreso de arrinca dilixenciado pola Comunidade Autónoma ou copia da notificación da resolución de recoñecemento dos dereitos de replantación procedentes dunha arrinca, de ser o caso.

ii. Copia da notificación ou da resolución de autorización da transferencia, cando os dereitos procedan de fóra da explotación ou,

iii. Copia da notificación ou da resolución de concesión, no caso de dereitos de nova plantación ou procedentes da reserva.

l) Cando o sistema de condución previsto para a parcela reestruturada sexa parra ou similar, o solicitante deberá achegar unha descrición do dito sistema e un orzamento detallado do investimento, desagregando materiais e man de obra.

m) Análise microbiolóxica do solo realizada por un laboratorio recoñecido se o viticultor solicita a desinfección do terreo.

n) Copia da comunicación á Administración forestal ou copia da solicitude de autorización de cambio de actividade forestal a agrícola.

o) Se algunha medida inclúe o socalcamento, presentarase unha memoria xustificativa que inclúa:

i. Localización e pendente media da parcela.

ii. Características construtivas: unidades de obra e materiais en que se realizará a mura, planos cos perfís lonxitudinais e curvas de nivel, planos de planta e perfil das muras previstas e número de socalcos.

iii. Orzamento detallado dos traballos que se desenvolverán, desagregando materiais e man de obra.

p) Acreditación da condición de agricultor a título principal, de ser o caso, que constará de copia do informe de vida laboral e da declaración do IRPF do último exercicio cuxo prazo para a presentación en período voluntario teña rematado (no caso de haber rendementos do traballo, achegarase certificado de retencións). Así mesmo, todos aqueles interesados que xa presentasen a súa declaración da renda no período voluntario que estea aberto no momento da publicación desta orde poderán presentar esta última declaración ou ben as declaracións de tres dos últimos cinco anos, sempre que inclúa a do último exercicio.

q) Acreditación da condición de agricultor mozo, de ser o caso, que constará dos informes de vida laboral e da Axencia Estatal da Administración Tributaria nos cales figure de alta na actividade agraria. Ademais disto, os agricultores mozos deberán ter unha capacitación profesional suficiente, de acordo co establecido no Decreto 200/2012, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (DOG nº 196, 15 de outubro).

r) Para aquelas solicitudes cuxo peticionario sexa unha comunidade de bens ou unha sociedade civil, pacto de indivisión de, polo menos, dez campañas, contadas desde a campaña seguinte á de solicitude do pagamento final.

s) Documentación xustificativa da propiedade da parcela que se vai a reestruturar e/ou reconverter, sempre que este dato non sexa coincidente co que figura no rexistro vitícola de Galicia (documento público ou privado liquidado de impostos ou, de non dispor del, unha certificación descritiva e gráfica emitida pola Xerencia Territorial do Catastro).

2. Á parte da documentación anterior, para cada un dos viticultores participantes incluirase:

a) Copia do NIF definitivo das persoas xurídicas solicitantes das axudas e copia do DNI das persoas físicas. As copias do DNI deberanse achegar só no caso de non autorizar á Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI no SVDI.

b) Para as persoas xurídicas, escritura ou documento de constitución ou modificación onde consten os estatutos vixentes e copia do DNI do representante da entidade só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI no SVDI, xunto coa acreditación da súa representatividade.

c) No caso de comunidades de bens, copia da escritura ou documento de constitución ou modificación onde consten os estatutos vixentes, máis as copias dos DNI en vigor dos comuneiros, só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI no SVDI.

d) Se o solicitante non é o propietario da superficie nin o titular da viña que se quere reestruturar ou reconverter:

i) Autorización do propietario ou do titular para reestruturar ou reconverter.

ii) Copia do DNI do propietario ou do titular só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI no SVDI.

e) Calquera outra documentación cando así se considere necesario.

3. A documentación complementaria relacionada nas alíneas anteriores poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Cando o titular ou o propietario da viña dean a súa autorización expresa á Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos datos da súa identidade no SVDI, empregarase o modelo do anexo VIII.

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presente, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Na sede electrónica atópanse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación deste procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Para isto, nos anexos correspondentes inclúese unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor durante todo o período de compromisos, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar neste caso a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinados no artigo 8, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no devandito Decreto 132/2006.

Artigo 11. Criterios de prioridade

1. Para a concesión destas axudas mediante o procedemento en réxime de concorrencia competitiva darase primeiramente prioridade aos plans colectivos sobre os plans individuais, e sobre esta prioridade ordenaranse os plans segundo a seguinte prelación:

a) Superficie reestruturada de viña baixo o ámbito dunha denominación de orixe ou indicación xeográfica Viño da Terra maior do 50 % da superficie pola cal se solicita: 1 punto.

b) Superficie reestruturada de viña situada en zonas desfavorecidas, de acordo coas categorías establecidas no capítulo V do Regulamento 1257/1999, do 17 de maio, e consonte a relación de concellos recollida na Directiva 86/466/CEE do Consello, do 14 de xullo, maior do 50 % da superficie pola cal se solicita: 3 puntos.

c) Agricultores mozos ou beneficiarios dunha axuda á incorporación de mozos á actividade agraria respecto ao total de viticultores que integran o plan, maior do 50 % do total dos solicitantes: 3 puntos.

d) Agricultores a título principal respecto do total de viticultores que integran o plan maior do 50 % do total dos solicitantes: 3 puntos.

2. En caso de igualdade de puntuación darase prioridade aos de maior porcentaxe de agricultores mozos respecto do total; no caso de manterse o empate, a prioridade na aprobación será para os de maior porcentaxe de agricultores a título principal; e no caso dun novo empate, priorizaranse as solicitudes feitas por mulleres. Finalmente, se seguir de novo o empate, priorizaranse os plans en que a superficie da letra b) do número 1 sexa maior.

Artigo 12. Tramitación e resolución

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A resolución do procedemento corresponderá ao secretario xeral do Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, logo da avaliación das solicitudes polo órgano colexiado, que estará presidido polo subdirector xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

2. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de 5 meses desde a publicación da orde de convocatoria. Se transcorrer o citado prazo máximo sen se ditar resolución expresa por parte do órgano competente, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, para os efectos da interposición dos correspondentes recursos potestativos de reposición e contencioso-administrativo.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no DOG. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación, e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, o órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e o prazo para interpoñelos. Ademais, na resolución aprobatoria indicarase o prazo de execución dos investimentos aprobados.

Artigo 13. Solicitude de pagamento dos investimentos

1. Serán elixibles os investimentos cuxo gasto e pagamento se xustifiquen con posterioridade á data de solicitude da axuda e ata a data límite de realización dos investimentos, sempre que se dite resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos. Non obstante o anterior, terase en conta tamén o indicado no número 9 deste artigo.

2. Tras executar os investimentos, os viticultores, o representante ou o técnico do plan deberán comunicalo por escrito nunha solicitude de pagamento ata a data de remate do prazo concedido para a execución das melloras, presentando tamén a documentación e os xustificantes dos investimentos efectuados, en que se incluirán os correspondentes ao gasto e ao pagamento destes. Esta comunicación terá a consideración de solicitude de pagamento para os efectos do previsto no artigo 34 do Real decreto 548/2013.

3. Nos casos en que a persoa beneficiaria non executase na súa totalidade os investimentos para o cales se lle concedeu a axuda, deberá indicar na solicitude de pagamento os investimentos executados, ademais de figurar exclusivamente a relación das parcelas da explotación que finalmente fosen reestruturadas ou reconvertidas, xunto coa superficie obxecto de reestruturación ou reconversión.

4. Os investimentos elixibles xustificaranse coa seguinte documentación:

a) Facturas dos materiais cando a operación fose executada con medios propios, naqueles casos en que o fornecemento de material sexa obrigado. Para as operacións que non fosen executadas con medios propios, achegaranse facturas pola totalidade do investimento e desagregando materiais e man de obra.

b) Copia da notificación da resolución de recoñecemento de dereitos de replantación procedentes da arrinca de viña das parcelas que na solicitude se incluíron como dereitos de viña existentes no terreo.

c) Copia da notificación da autorización para plantación de viña e da declaración final de plantación de viña asinada e selada polo viveiro autorizado, de ser o caso.

d) En caso de sobreenxertía, copia da ficha do rexistro vitícola actualizada que recolla o cambio de variedade.

e) A factura da planta certificada ten que estar expedida por un viveiro autorizado. Poderanse, tamén, admitir as facturas emitidas por comercializadores que figuren no Rexistro Oficial de Planta de Vide que veñan acompañadas da copia cotexada da factura do viveiro autorizado ao comercializador.

f) Acreditación oficial de que o viveiro está autorizado cando non sexa español.

g) No caso de desinfección de solo, deberá achegarse unha copia da ficha dos tratamentos fitosanitarios da explotación en que figure rexistrada esta aplicación.

h) Nas implantacións de viña en terreo que non tivese este uso, solicitude de modificación de uso no Sixpac.

i) Declaración xurada do solicitante da axuda, axustada ao modelo do anexo IX, de que non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración pública.

j) Unha relación actualizada das referencias alfanuméricas Sixpac de todas as parcelas agrícolas que forman parte da súa explotación, no caso de que beneficiario non presentase a solicitude única de axudas establecida no Real decreto 202/2012, do 23 de xaneiro, ou normativa que o poida substituír, para efectos do control da condicionalidade establecido no artigo 21.

k) Calquera outra documentación xustificativa das operacións realizadas, cando así se considere necesario.

5. As resolucións de autorización de arrinca correspondentes a parcelas que inclúen esta operación nos investimentos aprobados terán data de, como mínimo, un mes antes da comunicación de finalización de melloras e solicitude do pagamento.

6. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro).

7. No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, co texto «financiado con fondos comunitarios».

8. As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Número e, se é o caso, serie.

b) Data da súa expedición.

c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións, consignando todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no devandito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

h) A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

j) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

k) Con carácter xeral, só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura, salvo que se trate dunha entidade non suxeita, exenta de IVE ou suxeita á regra de pro rata; nestes casos, deberá xuntarse a documentación xustificativa desta circunstancia (declaración de non suxeición ou exención de IVE emitida pola AEAT e, no caso de aplicación da regra de pro rata, o modelo 390 de declaración resumo anual IVE correspondente ao último exercicio en que figure a porcentaxe de dedución ou pro rata).

l) Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

m) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

9. O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación de orixinal e copia, para a súa compulsa e selaxe, dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

a) Como regra xeral, presentarase a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. En todos os casos, o xustificante bancario deberá ser orixinal ou copia cotexada, e estará selado pola entidade bancaria.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto do pagamento.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento e xuntarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

10. Como excepción ao establecido nos puntos anteriores, se o viticultor realiza as operacións con medios propios non será necesaria a presentación de factura de realización das operacións de arrinca, preparación do solo, plantación, socalcamento e colocación de protección individual de plantas, espaller e parra da medida de restruturación, así como para a sobreenxertía da medida de reconversión e para a de cambio dos sistemas de conducción da medida de mellora de técnicas de xestión. Porén, independentemente de que o viticultor realice as operacións con medios propios, a xustificación dos materiais empregados realizarase coa presentación de factura.

11. O custo da unidade de planta reflectido na factura achegada para xustificar esta operación certificarase segundo o custo unitario e o número de cepas que figura na dita factura.

12. Tras a comunicación de finalización dos investimentos, o persoal técnico agrario da Consellería do Medio Rural e do Mar realizará as correspondentes certificacións sobre o terreo.

13. Para determinar a axuda definitiva a que ten dereito un viticultor, as superficies reestruturadas ou reconvertidas serán medidas seguindo o método establecido no artigo 16 desta orde.

Artigo 14. Prazos de execución dos investimentos

1. O prazo máximo de execución dos plans ao abeiro do programa de apoio ao sector vitivinícola español 2014-2018 é o 31 de xullo de 2018.

2. En cada convocatoria de axudas establecerase o prazo máximo para executar as medidas. Este prazo non será posterior ao do fin da campaña para a cal foron solicitados os investimentos. Os viticultores, o representante ou o técnico do plan deberán comunicar por escrito, con anterioridade a este prazo, que finalizaron as melloras, para o cal presentarán a solicitude de pagamento que figura no artigo 13.

3. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, o prazo máximo de execución das medidas para as cales se concedesen anticipos será o final da segunda campaña vitícola seguinte á do pagamento do anticipo e en ningún caso a finalización será posterior ao 31 de xullo de 2018.

4. Transcorrido o prazo establecido de xustificación dos investimentos sen se ter presentado esta, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste número comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 15. Modalidades de pagamento das axudas

1. As axudas á reestruturación e reconversión do viñedo pagaranse despois da comprobación polo persoal técnico agrario da Consellería do Medio Rural e do Mar da execución de cada medida conforme o aprobado.

2. Non obstante o disposto no número anterior, os viticultores aos cales o investimento lles exixa pagamentos inmediatos poderán solicitar antes do remate da campaña vitícola para a cal solicitaran a axuda un anticipo polo 50 % da axuda aprobada cando cumpran as seguintes condicións:

a) Ter comezada a execución da medida para a cal se solicita o anticipo. Para estes efectos, considérase que comezou a execución cando se teña realizado a arrinca da plantación ou se achegue factura de compra da planta xunto co xustificante bancario que acredite o seu pagamento ou se demostre ou verifique fidedignamente calquera outra operación de carácter irreversible.

b) Ter constituída unha garantía financeira por un importe igual ao 120 % do anticipo da axuda.

Artigo 16. Medición das superficies reestruturadas e/ou reconvertidas

Para a determinación da axuda a que ten dereito o viticultor pola reestruturación e/ou reconversión dunha superficie de viñedo e, se for o caso, pola arrinca dunha superficie de viñedo dentro do plan e a compensación por perda de renda derivada deste, observarase o disposto no artigo 75 do Regulamento (CE) nº 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño, que establece que unha superficie plantada de viña se define mediante o perímetro externo das cepas máis unha marxe cuxa largura corresponda á metade da distancia entre as filas.

Artigo 17. Compromisos dos beneficiarios

1. Salvo causas de forza maior ou circunstancias excepcionais, ou nos casos de expropiacións, as superficies acollidas aos plans de reestruturación e reconversión da viña deberán permanecer en cultivo un período mínimo de dez campañas contadas desde a campaña seguinte á de solicitude do pagamento final.

2. Se durante o período en que deben cumprirse os requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais, se produciren cambios nas parcelas da explotación dun titular que recibir un pagamento á reestruturación e reconversión de viña, este deberá actualizar a relación das parcelas da súa explotación antes do 30 de abril.

3. O viticultor deberá cumprir as obrigas do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada, así como a modificación de calquera das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

Artigo 18. Modificacións dos plans e subrogacións

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Unha vez aprobada a solicitude de axuda, non se admitirá ningunha modificación de parcelas iniciais nin finais, nin da procedencia dos dereitos.

3. Non obstante o disposto no número anterior, permitirase o cambio da variedade aprobada por outra recomendada na Comunidade Autónoma de Galicia ou o cambio do portaenxerto aprobado por outro que tamén sexa certificado. Estas modificacións, que deberán ser comunicados polo beneficiario xunto coa solicitude de pagamento da axuda, non precisan nova resolución de aprobación.

4. Poderán autorizarse como modificacións os plans complementarios que se incorporen a agrupacións de viticultores xa establecidas, ao abeiro desta normativa, co fin de sumar número de participantes ou superficie para acadar os mínimos establecidos.

5. Para que se autorice a un novo viticultor a subrogación dos dereitos e obrigas derivados da axuda concedida, este deberá cumprir os requisitos exixidos para ser beneficiario das axudas e asumir os compromisos adquiridos polo viticultor ao cal se concedeu a axuda.

Artigo 19. Controis

1. Os controis, tanto administrativos como sobre o terreo, desenvolveranse tendo en conta os principios xerais do sistema integrado de xestión e control previstos no título II, capítulo 4 do Regulamento (CE) nº 73/2009 do Consello, do 19 de xaneiro, e o establecido no artigo 81 do Regulamento nº 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño.

2. A Consellería do Medio Rural e do Mar adoptará as medidas de control necesarias para garantir o cumprimento das actuacións previstas no plan xeral de control establecido polo Fondo Español de Garantía Agraria.

3. Con independencia do plan de control a que se refire o parágrafo anterior, a Consellería do Medio Rural e do Mar poderá desenvolver todas aquelas actuacións de control que considere precisas consonte o Decreto 256/2011, do 7 de decembro.

4. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Reintegros e réxime sancionador

1. No caso de pagamento indebido, o beneficiario deberá reembolsar os importes máis os xuros que lle correspondan. O tipo de xuro que se aplicará será o de demora establecido na correspondente Lei de orzamentos xerais do Estado.

2. No caso de fraude ou neglixencia grave, o beneficiario reembolsará o dobre da diferenza entre o importe inicialmente aboado e o importe realmente debido.

3. Segundo o establecido no punto 6 do artigo 7, se o viticultor cobra anticipo e non alcanza a porcentaxe de execución do 80 % da superficie, reembolsará o dito importe máis os xuros legais contados desde a data de pagamento do anticipo, salvo causa de forza maior ou circunstancias excepcionais.

4. Igualmente, cando se concedese un anticipo para a realización dunha medida e, unha vez executada a reestruturación e/ou reconversión, a axuda definitiva a que ten dereito resulte inferior ao importe do anticipo, o viticultor reembolsará a diferenza entre o anticipo percibido e a axuda que lle corresponde, máis os xuros legais contados desde o momento do pagamento do anticipo, salvo causa de forza maior ou circunstancias excepcionais.

5. Se unha medida pola cal se percibiu anticipo non se executase no prazo máximo previsto no artigo 14 do final da segunda campaña vitícola seguinte á do pagamento do anticipo e antes do 31 de xullo de 2018, o viticultor deberá reintegrar todo o anticipo máis os xuros legais contados desde a data do pagamento, salvo que as superficies consideradas se encontren nunha zona que sufrise unha catástrofe natural recoñecida polas autoridades competentes ou as operacións previstas non poidan levarse a cabo debido a problemas fitosanitarios certificados por un organismo acreditado. Nestes casos, poderase adaptar o período de execución da medida para a non devolución do anticipo e, no caso de executarse a medida antes do 18 de xullo de 2018, pagarase o saldo.

6. O beneficiario que incumpra a obriga de manter en cultivo as superficies acollidas a estas axudas un período mínimo de dez campañas contadas desde a campaña seguinte á de solicitude do pagamento final, deberá devolver a axuda percibida máis os xuros legais producidos desde a data do pagamento, salvo causa de forza maior ou circunstancias excepcionais, ou nos casos de expropiacións.

7. A non execución das accións para as cales se solicita a axuda será considerada como infracción leve segundo o previsto no artigo 38.1.g) da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, e sancionarase de conformidade co establecido no artigo 42.1 da citada lei.

8. Á parte do disposto nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas á reestruturación e/ou reconversión de viña aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións establecido nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Para o non establecido nesta orde terase en conta o título II (reintegro de subvencións) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 21. Condicionalidade

Se se constata que un beneficiario, en calquera momento ao longo dos tres anos seguintes ao pagamento da axuda recibida en virtude da presente orde, non respectou na súa explotación os requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais a que se refiren os artigos 4 a 6 do Regulamento (CE) nº 73/2009 do Consello, do 19 de xaneiro, e este incumprimento se debe a unha acción ou omisión imputable directamente ao beneficiario, o importe da axuda reducirase ou cancelarase, parcial ou totalmente, dependendo da gravidade, alcance, persistencia e repetición do incumprimento, e o beneficiario deberá reintegrala, se procede, de acordo co establecido na dita normativa.

Sección 2ª. Convocatoria

Artigo 22. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2014, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viña na campaña vitícola 2014/2015 en Galicia, de acordo coas bases reguladoras establecidas na sección primeira desta orde.

Artigo 23. Compensación por perda de renda

O importe máximo da compensación por perda de renda que se aplicará a todas as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos nesta orde e que fosen presentadas ao abeiro deste convocatoria 2014 é de 1.290,00 euros/ha e campaña.

Artigo 24. Prazo de presentación das solicitudes de axuda

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 25. Prazo de execución

O prazo máximo de execución das medidas de reestruturación e reconversión de viña solicitadas ao abeiro desta convocatoria para as cales non se concedese anticipo é o 15 de xuño de 2015.

O prazo máximo de execución das medidas de reestruturación e reconversión de viña solicitadas ao abeiro desta convocatoria para as cales se concedese anticipo será o final da segunda campaña vitícola seguinte á do pagamento do anticipo.

Artigo 26. Financiamento

1. As axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia estarán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.713-C 772.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

2. A súa dotación para o exercicio 2014 será de cinco millóns cincocentos mil euros (5.500.000,00 €). Esta dotación poderá verse incrementada con outros remanentes orzamentarios, segundo os supostos a que se refire o artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional única

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento (CE) 1234/2007, do 22 de outubro, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas, e no Real decreto 548/2013, do 19 de xullo, para a aplicación das medidas do programa de apoio 2014-2018 ao sector vitivinícola español.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII

Operacións elixibles

Operación

Custos unitarios máximos

Factura de contratación externa (importes máximos)

Operación realizada con medios propios

A) Reimplantación de viñas

 

 

1. Arrinca (incluída a recolla de cepas)

430 €/ha

279 €/ha

2. Preparación do solo

 

 

* Labra profunda

410 €/ha

266 €/ha

* Emenda orgánca e/ou mineral (con factura do produto fornecido)

900 €/ha

585 €/ha

* Labra superficial

70 €/ha

45 €/ha

* Pasada de rolo

20 €/ha

13 €/ha

3. Desinfección

2.000 €/ha

 

4. Retirada de pedras

400 €/ha

 

5. Nivelación do terreo

800 €/ha

 

6. Socalcamento

19.000 €/ha

12.350 €/ha

7. Socalcamento con muras de pedra en pendentes superiores ao 30 %

30.000 €/ha

19.500 €/ha

8. Planta e plantación (ud.)

 

 

* Factura de planta

1,33 €/ud.

 

* Plantación

0,36 €/ud.

0,23 €/ud.

9. Protección individual de planta nova (incluída a colocación)

 

 

* Factura protectores

0,37 €/ud.

 

* Colocación protectores

0,13 €/ud.

0,08 €/ud.

10. Sistemas de condución (incluída a colocación)

 

 

* Espaller

3.400 €/ha (**)

2.210 €/ha (**)

* Estacada

5.000 €/ha (**)

3.250 €/ha (**)

* Parra ou similar

15.000 €/ha (**)

9.750  €/ha (**)

* Elevación individualizada

1 €/ud (**)

 

B) Reconversión de viñas

 

 

1. Sobreenxertía

0,9 €/ud

0,6 €/ud

C) Mellora de técnicas de xestión

 

 

1. Cambio de sistema de condución

600 €/ha + sistema de condución

 

Ud: unidade de planta.

(*) Os protectores subvencionables son proteccións para cada planta nova ou reenxertada no pé.

(**) Nestas operacións as facturas de materiais serán dun mínimo do 50 % do investimento xustificado.

(***) A elevación individualizada consiste nunha estaca ou titor vertical de madeira tratada e cunha duración mínima de dez anos, de altura superior a 1,5 metros e diámetro mínimo de 6 cm. Os gomos basais da cepa dispóñense arredor desta estaca desde os 50-60 cm. A vexetación crece en todas as direccións.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file