Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 10 de abril de 2014 Páx. 16197

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2014 pola que se convoca o V Campionato Autonómico de Tiro Policial.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria do V Campionato Autonómico de Tiro Policial, que deberá desenvolverse conforme as seguintes condicións:

1. Obxectivos.

– Favorecer a interrelación operativa entre os diversos colectivos de seguridade pública de Galicia, nunha área como é o tiro policial e de defensa.

– Estimular o manexo e capacidade individual de control da arma regulamentaria, tanto para unha mellor efectividade e seguridade propia como de cara ás implicacións que poidan producirse para os cidadáns.

2. Participación: categoría masculina e feminina.

Este V campionato presenta dúas modalidades de participación, masculina e feminina, de xeito que permita ás mulleres que pertenzan aos distintos corpos de seguridade contrarrestar a menor presenza porcentual feminina, que lles prexudicaría no caso dun campionato mixto.

Aínda así, as participantes femininas deberán completar os mesmos percorridos de tiro que os seus compañeiros.

Polo tanto, as condicións que se explicitan nos números 4, 5, 8, 9, 10, 11 e 12, entenderanse que resultan de común aplicación tanto para os homes como para as mulleres participantes, tendo en conta esa dobre vía de participación.

3. Duración.

Dúas semanas, unha clasificatoria e unha para as semifinais e finais.

4. Participantes.

Membros das forzas e corpos de seguridade que desenvolvan as súas funcións na Comunidade Autónoma de Galicia (policías locais, unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma, Garda Civil e Corpo Nacional de Policía).

A participación será de carácter voluntario e individual, aínda no caso dos seleccionados directamente polas xefaturas dos distintos corpos, por non ser esta unha actividade formativa nin de carácter oficial.

5. Requisitos dos participantes:

a) Ser funcionarios de carreira das forzas e corpos de seguridade.

b) Atoparse en activo e en situación de alta laboral.

c) Compromiso persoal de axustarse ás bases do campionato e as normas da Agasp.

6. Sede.

Academia Galega de Seguridade Pública.

7. Lugar de realización.

Galería de tiro da Agasp.

8. Número de prazas.

Sen límite na primeira fase (selectiva para as policías locais), e limitada na segunda e nas finais, como se determina no número seguinte.

9. Sistema de inscrición.

a) Os membros dos corpos de Policía Local deberán cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Os membros da unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma, da Garda Civil e do Corpo Nacional de Policía serán inscritos segundo as relacións de participantes masculinos e femininos que sexan remitidas en cada caso pola xefatura de cada corpo, ata o máximo seguinte, aínda que non é necesario acadar este tope:

• Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma: a xefatura achegará unha dobre relación con 10 membros como máximo da UPA en cada unha delas, seleccionados para a participación neste campionato.

• Corpo Nacional de Policía: a xefatura superior achegará unha dobre relación con 10 membros como máximo en cada unha delas, seleccionados no CNP.

• Garda Civil: a xefatura da XVª zona achegará unha dobre relación con 10 membros como máximo en cada unha delas, seleccionados na G.C.

10. Calendario e datas.

Para optimizar o uso da galería de tiro da Agasp, e poder compaxinalo co resto de actividades que nela se desenvolven a diario, o calendario previsto é o que aparece no cadro seguinte, sempre suxeito ás modificacións ou cambios que resulten obrigados.

Primeira fase

Clasificatoria para as policías locais. Pasan a seguinte fase
os 10 mellores en puntuación

Sen límite de participantes

Segunda fase

Primeira eliminatoria conxunta entre todos os corpos participantes

Participan 40 seleccionados

Fase final
Determinación da clasificación
e gañadores do campionato

Participan 15 seleccionados

Días

meses de abril/maio

Horas

Días

mes de maio

Horas

Días

mes de maio

Horas

28, 29, 30 abril e 2 de maio

Das 16.00 ás 21.00 h

2, 12, 13, 14

Das 16.00 ás 21.00 h

15 e 16

Das 16.00 ás 21.00 h

11. Fases.

a) Primeira fase clasificatoria e eliminatoria.

Nesta fase participarán os membros dos corpos de Policía Local de Galicia que cumpran todos os requisitos de inscrición e admisión.

O percorrido poderá ser distinto ao que se fará na final.

A orde de participación nesta fase virá dada polo resultado dun sorteo que determinará a letra do primeiro apelido dos inscritos nela, seguindo a orde alfabética a partir desta.

Nesta fase clasificaranse só os 10 mellores tiradores que acadasen as cualificacións máis altas nos seus exercicios, que consistirán nun percorrido de tiro por participante.

b) Segunda fase: eliminatoria e clasificatoria para a final.

Nesta fase participarán 40 tiradores como máximo: aos 10 clasificados na eliminatoria anterior engadiranse os seleccionados pola UPA, Garda Civil e Corpo Nacional de Policía, segundo o número máximo que se permite a cada corpo, que figura na epígrafe de Sistema de inscrición.

Igual que na fase anterior, a orde de participación nesta fase virá dada polo resultado dun sorteo que determinará a letra do primeiro apelido dos inscritos nela, seguindo a orde alfabética a partir desta.

Nesta fase clasificaranse só os 15 mellores tiradores que acadasen as cualificacións máis altas nos seus exercicios, que consistirán en dous percorridos de tiro por participante, obténdose a media individualizada de cada cualificación ou cociente de puntuación de cada exercicio.

c) Fase final.

Os 15 tiradores clasificados para esta fase participarán pola orde que estableza un sorteo, igual que nos casos anteriores, e realizarán dous percorridos de tiro, obténdose a media da cualificación ou cociente de puntuación de cada un deles que determinará a clasificación final do campionato.

12. Trofeos.

a) Trofeos individuais: os cinco mellores tiradores clasificados na fase final terán dereito ao V Trofeo de tiro policial autonómico Galicia 2014, coa indicación en cada caso do posto obtido por cada un deles e da categoría.

b) Trofeos por equipos: outorgaranse tres trofeos de equipo por corpo de pertenza, obténdose esta clasificación polo resultado da suma dos cocientes ou cualificacións individuais dos tres primeiros clasificados de cada corpo, non terá dereito a optar a este trofeo aquel corpo que non estivese representado por menos de tres membros na fase final.

Estes trofeos por equipos entregaránselles ás xefaturas do corpo respectivo, que poden estar representadas polos seus titulares ou polos mesmos tiradores, noutro caso. No caso da Policía Local, de chegar a acadar este trofeo os seus representantes, entregaráselle ao concello a que pertenza o primeiro clasificado de Policía Local.

13. Coordinación e dirección técnica do campionato.

A coordinación e dirección técnica deste V Campionato Autonómico de Tiro Policial estará a cargo do director técnico das actividades da galería de tiro da Agasp, que posúe o nivel, acreditación e experiencia técnica suficientes e contrastados.

Será, polo tanto, quen adopte as decisións finais no caso de reclamacións ou controversias.

14. Información.

Os interesados poderán obter a información relativa a esta actividade, así como aos cambios que resulten obrigados, chamando aos teléfonos 886 20 61 10, ou ao propio director técnico do campionato ao teléfono 881 99 70 92. Tamén na páxina web da Agasp: http://agasp.xunta.es

Bases do campionato.

Estas bases rexerán para o presente campionato e os participantes comprometen a súa participación coa suxeición a elas.

1. Nas tres fases da proba, que consistirán en percorridos tipo de tiro policial, soamente se poderá utilizar a arma e funda que facilitará a Agasp, que para este ano é a pistola HK USP COMPACT, GLOCK 17, cal. 9 mm.Pb e revólver ASTRA, cal. 38 Sp.

2. O tirador deberá vir provisto con roupa axeitada para o exercicio así como tamén con lentes e cascos de tiro.

3. O percorrido será do xeito que segue:

– Posición de saída desde a liña de 25 m, o tirador desprazarase coa arma HK USP na funda ata a liña de 10 m. A arma na funda, alimentada con 10 cartuchos, pero sen cargar, e con outro cargador no portacargadores con dous cartuchos.

– Liña de 10 m, onde o tirador se encontrará cun compañeiro ferido e cun revólver e seis cartuchos. Desde esta posición efectuará dous disparos co revólver a cada unha das siluetas que atopará no lateral da galería e a os dous metais que se atopan no fondo. Deixará o revólver no chan e levará ao compañeiro ferido ata a liña de 25 m onde o deixará nunha zona para o efecto.

– Posición libre: desde a liña de 25 m, coa arma HK USP, realizará catro disparos a silueta número un, debendo desamartelar a arma para dirixirse á seguinte posición coa arma dirixida a zona segura.

– No percorrido disparará a dúas siluetas que se encontran no lateral da galería, dúas veces a cada unha.

– Posición tras parapeto: na liña 15 m, parapetándose, efectuará dous disparos polo lado esquerdo/dereito do parapeto á silueta número 2, sen que en ningún momento poida asomar outra parte do seu corpo, agás as mans e a cara, fóra do parapeto. Cambiará de cargador, sempre coa arma dirixida a zona segura, e efectuará outros dous disparos, polo lado dereito/esquerdo á silueta número 2. A arma deberá quedar aberta.

– Deberá dirixirse polo camiño marcado cara a unha mesa.

– Posición instintivo a unha man: na mesa deixará aberta a arma que porta e collerá a GLOCK 17 e un cargador con 6 cartuchos. Tras cargar realizará coa man forte dous disparos á silueta número 3 e dous á número 4. Ao rematar activará o mecanismo que inicia o móbil.

– Branco móbil: desde a seguinte posición atopará un branco móbil e deberá disparar dúas veces.

Rematado o exercicio, comprobada que a arma está aberta, procederase a contar sobre as mesmas siluetas, na súa presenza o persoa que designe, o valor dos impactos, tendo en conta que se aplicará a seguinte fórmula:

P- penalizacións

———————— = Cualificación obtida

  T

• Sendo P os puntos totais obtidos, e

• Sendo T o tempo que o tirador tardou no percorrido total.

A cualificación final de cada tirador será o cociente obtido da fórmula anterior.

4. Todo fallo non imputable ao tirador e si á arma ou á munición permitirá que este repita por unha soa vez o exercicio.

5. Os tiradores clasificados para a segunda fase e para a fase final efectuarán dous percorridos; a súa cualificación será a suma dos cocientes obtidos en cada tirada.

6. Penalizacións.

• Os fallos nas medidas de seguridade descualifican automaticamente o participante.

• Os fallos técnicos de procedemento nas posicións indicadas ou no número de disparos estipulado para cada silueta serán penalizados con 10 puntos.

• No caso de que nalgunha silueta apareza un número de disparos superior ao permitido, quedará fóra de valoración o impacto de máis puntuación, independentemente da penalización contida no número anterior.

• Os disparos non vistos e os metais non abatidos serán penalizados con 15 puntos.

7. Control e arbitraxe dos exercicios.

O coordinador e director técnico do campionato nomeará os colaboradores para o control dos exercicios. As condicións que deben reunir os designados son:

– Pertencer a algún dos corpos de seguridade que participan nel.

– Ter titulación como instrutor de tiro policial, ou se non, monitor de tiro policial.

– Experiencia como árbitro ou colaborador en campionatos deste tipo ou semellantes.

As decisións adoptadas polos controladores e validadas polo director do campionato serán definitivas para o desenvolvemento dos exercicios e do campionato, sen que caiba recurso a superior instancia ou órgano.

15. Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do V Campionato Autonómico de Tiro Policial para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 31 de marzo de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director da Academia Galega de Seguridade Pública