Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 30 de abril de 2014 Páx. 19618

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de abril de 2014 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

As políticas de acción humanitaria oriéntanse á protección da vida e da dignidade humana, ademais de aliviar, diminuír e previr o sufrimento humano en situacións de crise, nas cales existe unha especial e estendida ameaza á vida, á saúde ou á supervivencia básica que supera a capacidade de resposta dos individuos e das comunidades.

Á acción humanitaria propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de actuación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais que senten como un deber ético común o compromiso de traballar neste ámbito asumindo os principios de humanidade, imparcialidade, independencia e neutralidade.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de prestar axuda humanitaria en terceiros países. A axuda humanitaria e de emerxencia en caso de catástrofe natural foi recollida como obxectivo prioritario da cooperación exterior nesta lei e nos distintos plans directores da Cooperación Galega para o Desenvolvemento identifican a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación, que se executará de forma directa ou a través dos diferentes actores da cooperación.

No Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicado no DOG nº 91, do 14 de maio, establécense no seu artigo 33, número 1, as competencias da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior nesta materia.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2014 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0 pola contía total de 300.000 €.

3. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver os procedementos das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 4.4 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior

Artigo 1. Obxecto e crédito

1.1. O obxecto destas bases é a regulación de concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.

1.2. Enténdense por proxectos de acción humanitaria, consonte a iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés) aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises- provocadas por seres humanos ou por desastres naturais, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.

A acción humanitaria debe guiarse polos principios de humanidade, imparcialidade, neutralidade e independencia.

1.3. O crédito de que se dispón para a dotación desta convocatoria é de 300.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0, sen prexuízo de que se poida ver incrementada esta dotación con achegas posteriores. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a presente convocatoria.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

2.1. Poderán optar a esta subvención as organizacións non gobernamentais que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.

2.2. Poderán ter acceso á subvención as agrupacións de entidades.

Artigo 3. Requisitos das entidades solicitantes

3.1. Requisitos das entidades solicitantes:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, sección A (organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento) con, polo menos, un ano de anticipación ao de publicación da convocatoria.

b) Que xustificasen, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, as axudas recibidas para a anualidade 2011 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia, a outros proxectos de acción humanitaria ou cooperación ao desenvolvemento. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que sobre os beneficiarios de axudas económicas se ditase resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non estar incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Ter sede, domicilio social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase por delegación permanente aquela que conte con persoal permanente da organización e local fixo onde realicen as súas actividades. Neste caso, esta asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprometerase ao mantemento da documentación, á contabilidade e coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación en, polo menos, a identificación, formulación, seguimento e avaliación do proxecto. Asemade, as entidades beneficiarias deben manter aberta, como mínimo, a súa sede ou delegación permanente en Galicia ata a prescrición do proxecto, é dicir por un período de 4 anos desde a finalización da súa execución. En caso contrario, o incumprimento levará consigo a obriga de devolución do importe da subvención concedida.

e) No caso de agrupación de entidades, todas elas deberán cumprir os requisitos anteriores. As entidades agrupadas asumen a responsabilidade conxunta do proxecto e designarán un domicilio único e unha cabeza de agrupación, tanto para efectos de notificacións administrativas como de interlocución coa Administración. A porcentaxe de participación de cada entidade no proxecto, así coma os dereitos e obrigas de cada unha delas, determinarase nun convenio ou acordo de colaboración que deberán xuntar cando se presente a documentación de solicitude. Neste convenio deberá sinalarse que cada unha das entidades asume a responsabilidade directa pola súa porcentaxe de participación e subsidiaria pola totalidade do proxecto.

Non se consideran agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación e a federación a que pertenza a dita asociación ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

f) A entidade solicitante poderá presentar un máximo de dous proxectos individuais ou en agrupación.

3.2. Requisitos dos proxectos:

a) Ter unha duración máxima de 11 meses, rematando a súa execución antes do 30 de novembro de 2014 e podendo estar iniciado desde o 1 de xaneiro de 2014.

b) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso co proxecto. Poderá considerarse como socio local a propia ONGD en terreo.

c) Que o proxecto estea deseñado para responder a necesidades humanitarias priorizando a poboación con base na súa vulnerabilidade.

d) Que os proxectos redunden na mellora das condicións de vida das poboacións beneficiarias; que conten coa participación dos/as beneficiarios/as; que non sexa discriminatorio por razón de raza, sexo, relixión, cultura ou orixe.

e) Expor unha relación coherente entre os recursos utilizados, as accións que se realizarán e os resultados a acadar con elas.

f) Incluír un orzamento detallado do proxecto.

Artigo 4. Solicitude

4.1. A solicitude da subvención presentarase de acordo co modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na páxina web www.cooperaciongalega.org

4.2. A citada solicitude irá acompañada do proxecto, que se presentará no modelo oficial de documento de formulación de presentación de proxectos cos anexos que especifica, en formato orixinal e electrónico. Estes formatos poderán descargarse da páxina web www.cooperaciongalega.org

4.3. A documentación que é necesario presentar xunto co documento de formulación é a seguinte:

a) Certificación da secretaría da entidade en Galicia acreditativa da vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con indicación do número de inscrición no devandito rexistro e onde deberá figurar expresamente o número de socios/as en Galicia.

No caso de que calquera documento dos recollidos neste punto careza de vixencia no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, farase indicación expresa sobre el e achegarase, debidamente compulsado, o devandito documento, co obxecto de ser incorporado de oficio ao rexistro.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade en que se especifiquen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade, segundo o modelo que figura como anexo II. No caso de agrupación de entidades, cada unha delas deberá presentar o devandito anexo II.

c) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades.

d) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención dos proxectos de acción humanitaria levados a cabo nos anos anteriores financiados por entidades galegas, públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona do proxecto que se presenta e das persoas beneficiarias, ou daquelas realizadas noutras zonas pero no mesmo sector de actuación.

e) Plan/estratexia da entidade para os seguintes anos en que se enmarca o proxecto presentado.

f) Cando varias entidades se agrupen para a realización dun proxecto, deberán xuntar o convenio ou acordo de colaboración asinado entre os seus representantes legais, así como o documento da designación do representante común.

4.4. Consonte o establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, se a solicitude non reune os requisitos establecidos nesta convocatoria, requirirase o interesado para a súa emenda nos termos establecidos no artigo 10.1 desta convocatoria.

Artigo 5. Condicións de financiamento

5.1. Poderase financiar ata un 95 % do orzamento total do proxecto. A subvención concedida non superará en ningún caso os 70.000 euros.

5.2. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007 e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % da subvención concedida, sen que se exixa garantía.

5.3. As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre que a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

5.4. A entidade beneficiaria obrígase a comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 6. Gastos do proxecto

6.1. Gastos subvencionables:

1. Serán gastos subvencionables os custos directos e indirectos.

2. Entenderanse como custos directos aqueles imprescindibles para a posta en marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos. Para efectos da concesión da axuda teranse en conta:

a) Aluguer de inmobles, tales como salas ou adegas, para o desenvolvemento de capacitacións e outras actividades imprescindibles para a adecuada execución do proxecto. Non se imputarán nesta partida os gastos de aluguer da vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade solicitante ou socio local. O aluguer dos locais da entidade solicitante en terreo ou do socio local imputaranse na partida de funcionamento.

b) Materiais consumibles: considéranse aqueles que se consomen en prazos inferiores a un ano, tales como material de primeira necesidade para a saúde, a hixiene, o acubillo, utensilios de cociña, materiais sanitarios, material de escritorio, material informático, material de formación, reprografías e imprenta, reparacións e mantemento de maquinaria, así como os gastos de transporte, envío, retirada na alfándega e almacenaxe. Tamén se inclúe o aluguer de maquinaria, instalacións e ferramentas necesarias para a execución da intervención.

c) Persoal. Para os efectos desta norma entenderase:

Persoal expatriado: aquel persoal da entidade española sometido á lexislación española que presta os seus servizos no país onde se executa a intervención obxecto da subvención e cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas con aquela.

Persoal local: aquel persoal sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no cal presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente ás súas funcións e desempeño, estando as súas funcións e tarefas directamente relacionadas coa intervención.

Incluirase neste punto a fórmula de «diñeiro por traballo» («cash for work» en inglés) no caso de que o proxecto a inclúa como modalidade de traballo.

Persoal en sede: aquel da entidade en Galicia sometido á lexislación española, que presta seus servizos en Galicia, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse aos países de execución ocasional ou regularmente, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención. En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial, en función da dedicación.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais.

Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao. O importe máximo aplicable por este concepto no poderá superar o 70 % do orzamento total do proxecto.

d) Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de análise de necesidades, diagnósticos, capacitacións, seminarios, informes… determinados na formulación da intervención.

e) Viaxes, estadías e axudas de custo. Inclúense os gastos vinculados á mobilidade, hospedaxe e manutención do persoal e beneficiarios/as, necesarios para a execución da intervención (incluíndo combustible, seguros, aluguer e mantemento de vehículos). Incorporaranse nesta partida os gastos necesarios para garantir a seguranza no traslado de persoas.

f) Funcionamento no terreo. Gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do proxecto. Inclúese o aluguer de oficinas, electricidade, auga, comunicacións, papelaría ou outros gastos de oficina, limpeza, mantemento e seguranza (incluídos gastos de persoal vinculados a estas actividades), até un máximo do 4 % do orzamento do proxecto.

g) Avaliación externa non obrigatoria realizada por persoa ou entidade de recoñecida experiencia, en Galicia ou no país de execución do proxecto, para o que se acreditará a súa solvencia e experiencia na realización destas avaliacións xuntando a documentación que a xustifique. A avaliación externa poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto, aínda que sempre antes do 15 de decembro do ano en que remate a súa execución. A contía máxima que se pode imputar a este concepto non superará os 3.000 euros.

h) Auditoría contable. O importe máximo imputado a este concepto non excederá 2.000 euros. A auditoría será obrigatoria para proxectos cunha subvención superior a 50.000 € e opcional no caso de subvencións iguais ou menores de 50.000 €. A auditoría contable poderase realizar fóra do prazo de execución do proxecto, aínda que sempre antes do 15 de decembro do ano en que remate a súa execución.

i) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira e os gastos rexistrais e periciais para a realización do proxecto son subvencionables sempre que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a axeitada preparación ou execución desta e sempre que non deriven de malas prácticas ou incumprimentos legais, gastos bancarios producidos pola conta do proxecto e os gastos derivados das transferencias bancarias dos fondos ao país de execución do proxecto; os derivados da compulsa de documentos por parte de notarios, autoridades locais ou servizos consulares españois e os gastos de tradución de documentos cando se require na convocatoria.

3. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte ou socio local que resultan da formulación e execución do proxecto, así como da difusión e seguimento en Galicia. Non poderán superar o 5 % do orzamento total do proxecto.

Estes gastos imputaranse á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Estes gastos serán acreditados ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea mediante unha declaración responsable da persoa representante legal da entidade.

4. Como achegas locais pódense aceptar, en concepto de gastos susceptibles de axuda, valorizacións, sempre que estean suficientemente acreditadas e intrinsecamente vinculadas, de maneira exclusiva ou proporcional, á intervención que ten que desenvolverse.

As valorizacións acreditaranse cun certificado da contraparte ou socio local, da poboación beneficiaria final do proxecto ou da entidade que achegue os bens e servizos. Neste certificado, ou nun documento anexo, describirase e cuantificarase a achega, con indicación do número de unidades, horas de traballo, prezos unitarios (se corresponde) e a valoración total. As valorizacións axustaranse aos prezos de mercado local e, no caso de equipamentos e bens, deben ter en conta a antigüidade.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán entregarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria a escolle cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6.2. En ningún caso serán gastos subvencionables:

• Os bens e equipamentos inventariables.

• Os gastos de aluguer ou adquisición da vivenda do persoal expatriado.

• Os xuros debedores das contas bancarias.

• Os xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

• Os gastos de procedementos xudiciais.

• As amortizacións de bens inventariables.

• Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, regalos, flores, entradas a espectáculos, etc.)

Artigo 7. Criterios de valoración

7.1. Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 20 puntos.

1. Experiencia relevante en accións humanitarias (no sector de actuación do proxecto e no país, zona, comunidade onde se vai executar), máximo 7 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión de recursos humanos, técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto) e asunción dos estándares humanitarios recoñecidos internacionalmente, máximo 6 puntos.

3. Estratexia de acción humanitaria da entidade para os vindeiros anos, máximo 5 puntos.

4. Achega financeira da entidade ao proxecto, máximo 2 puntos.

II. Aspectos relacionados co socio local, ata 20 puntos.

1. Experiencia de traballo en proxectos de acción humanitaria, na zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto e no sector de actuación do proxecto, máximo 7 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no proxecto mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do proxecto. Asunción dos estándares humanitarios recoñecidos internacionalmente, máximo 7 puntos.

3. Achega financeira do socio local ao proxecto, máximo 1 punto.

4. Participación no proxecto xunto a outras organizacións ou institucións, locais ou internacionais, de xeito coordinado baixo o enfoque de clústers, máximo 5 puntos.

III. Aspectos relacionados co contido do proxecto, ata 50 puntos.

1. Pertinencia do proxecto con especial concreción sobre as necesidades humanitarias derivadas do contexto social, económico, político e cultural dos beneficiarios/as e da zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación do proxecto, máximo 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos e resultados coa problemática presentada, máximo 5 puntos.

3. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal, máximo 3 puntos.

4. Financiamento. Coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto, máximo 5 puntos.

5. Recursos humanos suficientes para acadar os obxectivos do proxecto, máximo 3 puntos.

6. Poboación beneficiaria: descrición precisa dos destinatarios/as, criterios de determinación e análise da súa vulnerabilidade, grao de participación nas distintas fases do proxecto, máximo 5 puntos.

7. Aliñamento do proxecto coas políticas e programas do país e, se é o caso, coas políticas e programas dos organismos de Nacións Unidas, máximo 5 puntos.

8. Fortalecemento das capacidades locais, máximo 5 puntos.

9. Coordinación e complementariedade, máximo 5 puntos.

10. Seguimento e conectividade, baixo o enfoque VARD (vinculación entre a axuda, rehabilitación e desenvolvemento), máximo 5 puntos.

11. Incorporación da perspectiva de xénero en todas as fases do ciclo do proxecto, máximo 2 puntos.

12. Impacto ambiental, máximo 2 puntos.

IV. Proxecto presentado por unha agrupación de entidades, máximo 3 puntos.

V. Proxectos de reconstrución en Haití, de atención a crises esquecidas ou de xestión de riscos, prevención, mitigación e preparación ante desastres, máximo 7 puntos.

7.2. Para superar a fase de valoración dos proxectos será necesario acadar unha puntuación do 50 % nos puntos I, II e III.

Artigo 8. Prazo e lugar de presentación das solicitudes

8.1. Ao ser unha convocatoria de carácter permanente, a solicitude poderá presentarse ao longo do ano, a partir do día seguinte da publicación destas bases, de acordo co procedemento excepcional que establece o artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal «as bases reguladoras poderán excepcionar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da presente lei».

8.2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (rúa do Hórreo, 61, 2º andar, 15701 Santiago de Compostela), presentadas nos modelos que figuran como anexos destas bases reguladoras. Estas deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Neste caso, a documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. As copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do anexo da solicitude para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinados nos artigos 3.2 e 9.2, salvo que os documentos exixidos xa estivean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 10. Instrución e resolución

10.1. A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, respectando de xeito rigoroso a orde de entrada no rexistro da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse os interesados para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, desistirán da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Á vista da proposta de resolución do instrutor, debidamente motivada, o órgano competente por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá o procedente.

A resolución farase nun prazo máximo de 60 días desde a recepción da proposta.

10.2. Resérvase a posibilidade de facer unha reformulación das solicitudes de acordo co previsto no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Publicidade da concesión das subvencións

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase trimestralmente a relación das concedidas con indicación de beneficiario/a, a contía, o país de execución do proxecto e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na web oficial da Cooperación Galega, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no artigo 15 da Lei 9/2007. Ademais, de conformidade co artigo 3.2º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, estes datos serán publicados no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios.

Artigo 12. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará, nun prazo máximo de dez días, declaración por escrito da aceptación da axuda, na cal conste o seu compromiso de achegar directamente, ou cubrir con outras achegas, a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente deberá confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida, que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados, que será sometida a unha nova análise. No caso de readaptación do proxecto, o órgano competente por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 13. Anticipos

13.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % sen necesidade de exixir garantía, sendo obrigatorio presentar un informe final.

13.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do pagamento do anticipo da subvención concedida, asinada polo representante legal da entidade.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Certificación bancaria das contas da entidade beneficiaria e do socio local afectas á xestión do proxecto. Nestas contas asignadas ao proxecto terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao cofinanciamento da consellería competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán á disposición do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

13.3. Non obstante, as entidades beneficiarias deberán acreditar, con cada solicitude de pagamento, de acordo co establecido no artigo 60.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se atopan ao día das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa facenda autonómica, de acordo co establecido nas letras b) e i) do artigo 31.7 da Lei 9/ 2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Conforme o establecido no artigo 20.3 desta mesma lei, as entidades beneficiarias autorizan o órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir as mencionadas institucións.

Artigo 14. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

14.1. As subvencións concedidas deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto terceiro deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na medida do posible tamén en formato electrónico e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co establecido no artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

14.2. Para a presentación do informe final deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web www.cooperaciongalega.org

14.3. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar un informe final que constará de dúas partes:

a) Xustificación técnica. Indicará co máximo detalle os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, o proceso de vinculación, transferencia e xestión das intervencións tras a súa finalización, así como a análise da súa sustentabilidade futura.

b) Xustificación económica. Comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida e se realizará mediante a forma de conta xustificativa, que incluirá a declaración das actividades realizadas e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos realizados.

14.3.1 Xustificación técnica, que incluirá:

– Certificación da persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

– Informe final de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto. Deberá estar asinado pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

14.3.2. Xustificación económica (exceptuados os proxectos executados polas axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas) que comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida. A conta xustificativa poderá ser:

– Conta xustificativa simplificada no caso de subvencións por un importe igual ou inferior a 25.000 €.

– Conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, no caso de subvencións por un importe igual ou inferior a 50.000 €.

– Conta xustificativa con entrega de informe de auditor, obrigatoria para subvencións por un importe superior a 50.000 € e opcional no caso de subvencións por importe igual ou inferior a 50.000 €.

Conta xustificativa simplificada, incluirá:

a) Certificación dos gastos co importe total do proxecto, distribuídos por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que exerza a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, o órgano competente requirirá os beneficiarios a presentación dos orixinais dos xustificantes que considere oportunos, que suporán, ao menos, o 25 % da cantidade subvencionada.

Conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, incluirá:

a) Certificación dos gastos co importe total do proxecto, distribuídos por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que exerza a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Facturas ou documentos xustificativos dos gastos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

Conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, para subvencións por un importe superior a 50.000 € e opcional no caso de subvencións por un importe igual ou inferior a 50.000 €, que incluirá:

a) Certificación dos gastos co importe total do proxecto, distribuídos por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que exerza a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Informe do/da auditor/a de contas inscrito/a como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC), no caso de ser realizada por persoal sometido á lexislación española.

No caso de que o informe sobre a conta xustificativa por parte dun/ha auditor/a de contas se produza no estranxeiro, poderá ser realizada por auditores/as exercentes no país onde se levará a cabo, sempre que nese país exista un réxime de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas no citado país, o informe previsto neste artigo poderá ser realizado por un/ha auditor/a establecido/a nel, sempre que a súa designación a leve a cabo o órgano concedente ou sexa ratificada por este por proposta do beneficiario, conforme a uns criterios técnicos que garanten a adecuada calidade.

A revisión da conta xustificativa polo/a auditor/a de contas realizarase de conformidade coas normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña o órgano que teña atribuídas as competencias de control financeiro de subvencións en Galicia.

Para o estudo e revisión da documentación xustificativa, os/as auditores/as poderán utilizar técnicas de mostraxe de acordo coas prácticas habituais xeralmente aceptadas na auditoría de contas.

No caso de que a actividade subvencionada fose executada en todo ou en parte por un socio local ou contraparte estranxeira, non será exixible que os documentos xustificativos do gasto da subvención fosen reflectidos nos rexistros contables do beneficiario; nese caso, o alcance da revisión do auditor estenderase ás contas do socio local ou contraparte.

A presentación da auditoría como forma xustificativa do gasto non exime a entidade beneficiaria da subvención do mantemento do soporte documental de acordo cos prazos estipulados pola lei. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou os organismos competentes da Administración da Comunidade Autónoma poderán solicitar a documentación soporte da auditoría, de acordo co establecido nesta orde.

Finalizada a revisión da conta xustificativa o/a auditor/a deberá emitir un informe en que detallará os procedementos de revisión levados a cabo e o seu alcance, o sistema de mostraxe empregada, o número de elementos e o importe da mostra analizados respecto do total e porcentaxe de deficiencias advertido respecto da mostra analizada e contía dos gastos afectados.

O informe deberá incluír a listaxe dos xustificantes de gastos da totalidade do proxecto, selado e asinado polo/a auditor/a.

O informe mencionará se o beneficiario facilitou canta información lle solicitou o/a auditor/a para realizar o traballo de revisión. No caso de que o beneficiario non facilitase a totalidade da información solicitada, mencionarase tal circunstancia con indicación da información omitida.

O informe referirase ao resultado das comprobacións realizadas, mencionando os feitos observados que poidan supor un incumprimento por parte do beneficiario da normativa aplicable ou das condicións impostas para a percepción da subvención, debendo proporcionar a información co suficiente detalle e precisión para que o órgano xestor poida concluír respecto diso.

14.3.3. De xeito excepcional e conforme o previsto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para aquelas actuacións que se realicen en contextos de conflito armado, poderase aplicar un procedemento extraordinario de xustificación económica, consistente na entrega dunha declaración responsable da entidade beneficiaria da subvención na cal se certifique o envío dos fondos e a realización da intervención concreta, sen que sexa preciso presentar máis xustificantes.

14.3.4. Ás axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas exixiránselles como xustificación os documentos acreditativos das transferencias realizadas, así como o control contable que lles é específico, e sempre conforme o funcionamento establecido polos Estados parte para as distintas Nacións Unidas.

14.3.5. Cando no proxecto concorran diversas subvencións e axudas procedentes doutras administracións, a entidade beneficiaria ten que xustificar ante a Xunta de Galicia o importe do gasto subvencionado, ademais das achegas propias e de terceiros financiadores que no sexan Administración pública.

Con respecto ao resto de achegas doutras administracións públicas, unicamente ten que acreditarse a aplicación dos fondos ás actividades previstas, para o cal é suficiente a acreditación mediante certificados que emitan o resto das administracións públicas que financiaron o proxecto ou actividade. As previsións que contén este punto no alteran as funcións que a lexislación vixente outorga á Intervención Xeral da Administración autonómica.

14.3.6. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

14.4. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de 4 anos, desde a entrega da xustificación final. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións de comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Con carácter previo á realización da copia, é obrigatoria a impresión dun selo-dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Nela debe figurar a convocatoria anual da subvención xustificada, o título abreviado do proxecto de cooperación para o desenvolvemento, así como a referencia ao financiamento da Xunta «Financiada pola Xunta de Galicia». Naqueles documentos xustificativos de gasto imputable a máis dun financiador, deberá constar a dilixencia antes mencionada, indicando, ademais, o tanto por cento de financiamento que se imputa a cada un. No suposto de documentos de gasto en que resulte imposible a impresión de tal selo-dilixencia, como consecuencia do seu tamaño, acompañaranse cunha relación deles en que se faga constar a mencionada dilixencia.

Tamén se poderán utilizar, como xustificantes de gasto, os recibos de caixa en que conste o nome da entidade beneficiaria, o importe, o nome e o apelido da persoa que presta o servizo e o concepto do gasto. Este recibo deberá ser asinado pola persoa que presta o servizo (vendedor/a, transportista, etc.).

A utilización de recibos deberá ser, como criterio xeral, autorizada con carácter previo polo órgano concedente da subvención, podendo tamén ser validada con posterioridade por este órgano sempre que este considere que a autorización se produciría de terse solicitado con carácter previo.

Poderán, así mesmo, utilizarse recibos de caixa en lugar de facturas, sexa cal for o seu importe ou a contía que representen sobre a subvención concedida e sen necesidade de autorización previa, sempre que na documentación xustificativa se inclúa acreditación de que as persoas perceptoras de tales pagamentos non están suxeitas á obriga de emitir factura no país en que se efectuou o gasto. A devandita acreditación deberá ser realizada por un organismo público competente.

Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados, poderase aceptar a xustificación do pagamento en efectivo para importes inferiores a 1.000 euros, xuntando xustificante do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Para gastos superiores a 1.000 € non poderán aceptarse pagamentos en efectivo.

Cando existan xustificantes redactados nun idioma estranxeiro distinto do inglés, francés, italiano ou portugués, deberán ser debidamente traducidos, indicando a data, o importe, o concepto de gasto, a persoa perceptora e a provedora.

Artigo 15. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos

15.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a cal se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos, considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, se é o caso, da reformulación, se se efectuase.

15.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

15.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información se lles requira respecto dos proxectos subvencionados.

15.4. As entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado, os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, salvo causas xustificadas por motivos de seguranza que deberán ser comunicadas ao centro directivo da Xunta de Galicia competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Estes logotipos poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega.

15.5. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por persoal da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

Artigo 16. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, beneficiarios/as, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto, ou das partidas orzamentarias de máis dun 20 % do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 17. Reintegro por incumprimento

As entidades beneficiarias que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da totalidade destas, no caso de incumprimento total, ou á parte proporcional no caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que procedan. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e na demais normativa de aplicación.

Artigo 18. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) De forma potestativa, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produciza o acto presunto.

Artigo 19. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file