Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 5 de maio de 2014 Páx. 20223

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 29 de abril de 2014 pola que se regulan as eleccións para a renovación dos órganos reitores de confrarías de pescadores de Galicia e das súas federacións.

En exercicio das súas competencias lexislativas e de execución en materia de ordenación do sector pesqueiro o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/1993, do 8 de xullo, pola que se establecen as normas reguladoras das confrarías de pescadores; que no seu artigo 7 expresa que a elección dos compoñentes da xunta xeral terá lugar mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto. De entre os compoñentes da xunta xeral elixiranse os membros do cabido e o patrón maior. Tamén recolle este artigo que a composición da xunta xeral e do cabido, o procedemento electoral e as funcións dos órganos reitores se determinarán regulamentariamente.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, na súa disposición adicional segunda, de eleccións nas confrarías de pescadores, indica que a consellería competente en materia de pesca procederá á convocatoria de eleccións para todas as confrarías de pescadores e as súas federacións. A partir da primeira convocatoria desde a publicación da Lei 11/2008 unificarase o calendario electoral para todas as confrarías de Galicia.

Publicado o Decreto 8/2014, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, no seu capítulo IX regúlase o procedemento electoral. Este capítulo do dito decreto contén as normas electorais xerais, entre as cales se atopan: o réxime xurídico, a duración do mandato electoral, as eleccións anticipadas, a convocatoria ordinaria, o dereito de sufraxio e o voto por correo. Na sección segunda relata cada unha das fases polas que debe transcorrer este proceso, así como os prazos que deben superarse para alcanzar a fase seguinte. Finalmente, na sección cuarta deste capítulo IX regúlase a elección dos compoñentes do comité executivo das federacións provinciais e da Federación Galega de Confrarías garantindo a presenza de representantes das tres provincias marítimas.

Corresponde a través desta orde establecer o contido da resolución da persoa titular da consellería con competencia en materia de pesca pola que se procederá á convocatoria. A dita convocatoria conterá, entre outras cuestións, a data de inicio do proceso electoral e a data da celebración das votacións para a elección dos vogais da xunta xeral.

Esta orde tamén establece a composición da xunta electoral, das comisións e da mesas electorais, o papel de cada un destes órganos da Administración electoral no proceso electoral, así como os prazos e os mecanismos para comunicar as actas das reunións. Regula os prazos e os lugares para a presentación de escritos, reclamacións ou recursos tanto ante a comisión electoral como ante a xunta electoral e fixa os prazos para que estes dous órganos colexiados resolvan estas demandas.

Esta norma recolle no seu capítulo II o proceso que regulará as eleccións anticipadas nos supostos das alíneas b) e c) do artigo 82.1 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, e as eleccións parciais para o suposto de que acontezan baixas definitivas nos órganos reitores da confraría de pescadores e non existan suplentes que poidan cubrilas.

En canto á participación dos membros das confrarías de pescadores, esta orde regula o tempo de exposición dos censos electorais, os prazos para a presentación de candidaturas para vogal da xunta xeral, os prazos para a constitución e a elección dos restantes órganos reitores de confrarías de pescadores.

Unha novidade importante que se establece no Decreto 8/2014 é a figura de vogal nato nas directivas das agrupacións sectoriais e a figura de vogal por elección das devanditas directivas. Esta orde dedica unha sección específica para definir o marco en que se desenvolverán os procesos electorais nas agrupacións sectoriais.

Por outra banda, a través desta orde preténdese regular os modelos de presentación de candidaturas aos órganos reitores das confrarías e ás directivas das agrupacións sectoriais, que deberán estar acompañadas dunha declaración responsable da persoa candidata de que cumpre cos requisitos de elixibilidade que figuran no Decreto 8/2014.

No que corresponde ás federacións provinciais de confrarías de pescadores e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, o capítulo III regula o marco normativo en que se desenvolverán os procesos de elección das persoas que ocupen a presidencia ou desempeñen o papel de vogais nos comités executivos, todo isto de conformidade co regulado nos estatutos de cada federación. Nesta norma recóllese a importancia de que as federacións provinciais teñan unha presenza equitativa no comité executivo da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten como obxecto regular o procedemento electoral para a renovación dos órganos reitores das confrarías de pescadores de Galicia, incluídas as agrupacións sectoriais, das súas federacións provinciais e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Capítulo I
Da convocatoria ordinaria de eleccións e dos órganos da Administración electoral

Artigo 2. Convocatoria ordinaria

Mediante resolución da persoa titular da consellería con competencias en materia de pesca, realizarase a convocatoria para a renovación dos órganos reitores das confrarías de pescadores de Galicia, das agrupacións sectoriais e das súas federacións que será publicada no Diario Oficial de Galicia, na cal deberá constar:

a) Data de celebración das votacións.

b) Horario de votacións.

c) Prazos para o exercicio do voto por correo.

d) Forma de remisión da documentación á xunta electoral.

e) Enderezo, número de fax e enderezo electrónico da xunta electoral.

Artigo 3. A xunta electoral

1. Conforme o disposto no artigo 84 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, constituirase unha única xunta electoral para as eleccións ás confrarías de pescadores de Galicia, agrupacións sectoriais, federacións provinciais de confrarías e Federación Galega de Confrarías de Pescadores, con sede nas dependencias da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. A xunta electoral estará presidida pola persoa titular da Secretaría Xeral do Mar e o/a seu/súa suplente será a persoa titular da subdirección xeral con competencia en materia de organizacións sectoriais.

3. A xunta electoral estará integrada ademais por:

a) Tres vogais que serán funcionarios/as dos grupos A1 ou A2 da secretaría xeral técnica da consellería con competencias en materia de pesca.

Suplentes: tres funcionarios/as cos mesmos requisitos que os/as titulares.

b) Un/unha vogal que será o/a secretario/a dunha das federacións de confrarías que será designado/a pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores por proposta das federacións provinciais.

Suplente: un/unha secretario/a dunha das federacións de confrarías de pescadores restantes.

c) Secretario/a: un/unha funcionario/a do grupo A1, licenciado/a en dereito, con rango mínimo de xefatura de servizo da citada consellería.

Suplente: un/unha funcionario/a cos mesmos requisitos que o/a titular.

4. Os membros da xunta electoral serán nomeadas por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de pesca e continuarán no seu mandato ata a constitución dunha nova xunta electoral na seguinte convocatoria de eleccións.

5. A xunta electoral constituirase no prazo máximo de dous días desde a data da convocatoria ordinaria de eleccións, logo de convocatoria por parte do/a seu/súa secretario/a.

6. A presentación de recursos administrativos contra as resolucións das comisións electorais será ante a xunta electoral. No mesmo día da presentación do recurso administrativo, por calquera dos medios permitidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os/as interesados/as deberán remitir unha copia do devandito recurso por fax ou correo electrónico á xunta electoral. O número do fax e o enderezo electrónico da xunta electoral publicarase na resolución pola que se convocan as eleccións.

Artigo 4. As comisións electorais de confrarías

1. A comisión electoral de cada confraría está composta por:

a) Presidente/a.

b) Secretario/a, que será o/a secretario/a da confraría.

c) Tres vogais.

2. A xunta xeral da confraría designará catro vogais de entre os seus membros, dous entre o colectivo de empresarios/as e dous entre o colectivo de traballadores/as, entre os cales se elixirá un/unha presidente/a da comisión electoral. A xunta xeral da confraría designará o mesmo número de suplentes por cada colectivo.

3. Non poderán formar parte da comisión electoral os/as candidatos/as ás eleccións. A aceptación da condición de membro da comisión electoral implica a renuncia a presentar candidatura.

4. Se os membros da xunta xeral se presentan como candidatos/as e non se poden designar os/as vogais da comisión electoral entre eles, poderá ser designado/a calquera membro da confraría de pescadores.

5. No caso do/a secretario/a, o/a seu/súa suplente será nomeado/a entre o persoal administrativo da confraría ou por un/unha vogal da xunta xeral.

6. O voto do/a presidente/a será dirimente en caso de empate.

7. Ao día seguinte da convocatoria de eleccións, o/a secretario/a da confraría enviará á xunta electoral, a relación de persoas que constituirán a comisión electoral.

8. O patrón maior, como presidente da xunta xeral, convocará a sesión de constitución da comisión electoral dentro do prazo dos tres días seguintes ao da convocatoria das eleccións. Desta sesión sairá elixido/a o/a presidente/a da comisión electoral. As persoas membro da comisión electoral tomarán posesión dos seus cargos no acto de constitución desta.

9. A comisión electoral desempeñará as funcións recollidas no artigo 88 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, e actuará coa dilixencia precisa para executar o calendario que para o proceso electoral aprobe a xunta electoral de acordo co anexo I, realizando as funcións que se lle encomenden con obxectividade, con transparencia e someténdose ás instrucións da xunta electoral.

10. As confrarías de pescadores cun censo de 50 ou menos membros poderán solicitar, ante a xunta electoral ata o día seguinte da proclamación definitiva das candidaturas, que a comisión electoral exerza as funcións da mesa electoral. A xunta electoral resolverá no prazo dos dous días seguintes.

11. O lugar de presentación das reclamacións ante as comisións electorais será a sede da confraría para as eleccións a confrarías e agrupacións sectoriais; ou ben, na sede da federación de confrarías de pescadores segundo quen deba coñecer sobre a reclamación.

Artigo 5. Das mesas electorais

1. A mesa electoral de cada confraría está composta por:

a) Presidente/a, que será o/a patrón/patroa maior.

b) Secretario/a, que será o/a da confraría.

c) Catro vogais: dous/dúas serán os/as traballadores/as de maior e menor idade do censo e os/as outros/as dous/dúas os/as empresarios/as que reúnan iguais características.

2. Os/As vogais da mesa electoral e os/as seus/súas suplentes serán designados/as pola comisión electoral da confraría entre as persoas membro dos colectivos de traballadores/as e empresarios/as, seguindo o criterio da idade.

3. A designación de vogais titulares e suplentes da mesa electoral deberá realizarse nos dous días seguintes ao da proclamación definitiva das candidaturas. As persoas propostas deberán aceptar esta designación no prazo dos dous días seguintes, agás causa xustificada e documentada que lles impida a aceptación do cargo.

4. No caso do patrón/patroa maior serán suplentes para presidir a mesa electoral os/as vicepatróns/vicepatroas maiores saíntes, segundo o seu nomeamento ordinal, e no seu defecto o/a presidente/a da comisión electoral.

5. No caso do/a secretario/a o/a seu/súa suplente será nomeado/a entre o persoal administrativo da confraría ou entre os/as vogais da xunta xeral.

6. Non poderán formar parte da mesa electoral os/as candidatos/as ás eleccións. A aceptación da condición de membro da mesa electoral implica a renuncia a formar parte das candidaturas; agás no suposto do artigo 101.5 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro.

7. O voto do/a presidente/a será dirimente en caso de empate.

8. As funcións das mesas electorais serán as recollidas no artigo 90 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro.

Artigo 6. Comunicación de actas á xunta electoral

1. O/A secretario/a da comisión electoral e o/a da mesa electoral remitirá á xunta electoral as actas nos prazos establecidos para cada caso nesta orde.

2. As actas correspondentes ás sesións das comisións electorais e mesas electorais redactaranse e notificaranse electronicamente á xunta electoral empregando o sistema establecido pola consellería competente en materia de pesca.

Artigo 7. Da disolución da comisión e da mesa electoral

Unha vez constituídos todos os órganos reitores da confraría entenderanse disoltas a comisión e a mesa electoral. O/A seu/súa secretario/a levantará acta deste feito, que será asinada por este co visto e prace do/a presidente/a. A devandita acta de disolución da comisión e da mesa electoral será remitida á xunta electoral no prazo de dous días seguintes á reunión en que se adopten os acordos.

Capítulo II
Normas electorais

Sección 1ª. Eleccións anticipadas ou parciais nas confrarías de pescadores

Artigo 8. Eleccións anticipadas nas confrarías de pescadores

Realizada a convocatoria de eleccións anticipadas nas confrarías de pescadores pola comisión xestora no suposto da alínea a), ou pola xunta xeral da confraría de pescadores nos supostos das alíneas b) e c) do artigo 82.1 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, a comisión electoral constituirase nos tres días seguintes.

Artigo 9. Eleccións parciais nas confrarías de pescadores

1. Cando para a provisión de baixas definitivas producidas nos órganos reitores da confraría de pescadores non existan suplentes que poidan cubrilas, a xunta xeral acordará a convocatoria de eleccións parciais.

2. As eleccións parciais realizaranse para o sector de produción e colectivo en que se produzan as vacantes.

3. Realizada a convocatoria de eleccións parciais pola xunta xeral, a comisión electoral constituirase nos tres días seguintes.

Artigo 10. Convocatoria de eleccións anticipadas ou parciais nas confrarías de pescadores

A convocatoria de eleccións anticipadas ou parciais deberá indicar como mínimo:

a) Data de celebración das votacións.

b) Hora de constitución das mesas electorais.

Artigo 11. Do proceso electoral en eleccións anticipadas ou parciais nas confrarías de pescadores

1. A comisión electoral no prazo de 5 días desde a súa constitución remitirá á consellería con competencias en materia de pesca o plan electoral, as normas e o calendario electoral para a súa ratificación polo servizo ao cal, conforme a estrutura orgánica, lle correspondan as relacións coas confrarías de pescadores.

2. As normas polas que se rexeran as eleccións anticipadas ou parciais desenvolveranse consonte o recollido na sección 2ª deste capítulo.

3. Os resultados das eleccións anticipadas ou parciais deberán reflectirse, de ser o caso, nos órganos reitores da correspondente federación provincial e na Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Sección 2ª. Do proceso electoral nas confrarías de pescadores

Artigo 12. Calendario electoral

1. O calendario electoral para a elección dos/as compoñentes dos órganos reitores das confrarías e as súas federacións será o que se recolle como anexo I.

2. Agás regulación expresa en contrario, os prazos deste calendario para a presentación de escritos, reclamacións e recursos, cando estean sinalados por días, entenderanse días naturais e expirarán ás 14.00 horas do derradeiro día de prazo. Se o día final do prazo coincide con domingo ou con día festivo de carácter autonómico ou estatal, entenderase que remata o día laborable inmediato seguinte.

Artigo 13. Plan electoral

1. Conforme o recollido no artigo 96 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, as comisións electorais elaborarán e aprobarán o plan electoral no prazo de 5 días desde a data da súa constitución, que serán remitidos á consellería competente en materia de pesca para a súa ratificación polo servizo o cal, conforme a estrutura orgánica, lle correspondan as relacións coas confrarías de pescadores.

2. Contido mínimo do plan electoral:

a) Número de membros que se deben elixir na xunta electoral. O número de vogais que se elixirá na xunta xeral dunha confraría de pescadores será que o resulte do establecido no artigo 23.3 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro. Na medida do posible o número de vogais da xunta xeral repartirase, en partes iguais, entre traballadores/as e empresarios/as membros da confraría.

b) Número de membros que se deben elixir no cabido. Este número será o que resulte do establecido no artigo 29.3 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro. Na medida do posible o número de vogais do cabido repartirase, en partes iguais, entre traballadores/as e empresarios/as membros da confraría, e procurarase manter a repartición proporcional respecto dos sectores de produción. Os/as vogais do cabido serán elixidos/as entre os/as vogais da xunta xeral, na sesión de constitución desta.

c) A repartición dos vogais para cada sector de produción, tendo en conta que deberán respectarse sempre que sexa posible os criterios de paridade e proporcionalidade. Dentro de cada colectivo, o número de vogais repartirase proporcionalmente ao número de membros que figuren censados/as en cada sector de produción, sempre que contén cun número de membros suficiente que lles permita contar cun vogal na xunta xeral.

d) O número de membros que constitúen a xunta directiva de cada agrupación sectorial, con indicación do número de vogais natos que lles corresponden.

3. Así mesmo, o plan electoral incluirá:

a) Lugares onde estarán situados os colexios electorais.

b) Horario e tempo en que permanecerán abertos os devanditos colexios.

c) Os sectores de produción que non alcancen un/unha representante na xunta xeral. Para os sectores de produción que non alcancen un/unha representante na xunta xeral, o plan electoral recollerá a proposta da comisión electoral para incorporalos no censo doutro sector de produción do mesmo colectivo que si dispoña de prazas na xunta xeral. Estes membros serán electores e elixibles polo sector de produción ao cal se engadisen.

d) Número de vogais por elección para cada unha das agrupacións sectoriais.

4. A inclusión nun sector de produción de membros da confraría procedentes de sectores de produción sen representación na xunta xeral non modificará a repartición proporcional que figure no plan electoral.

5. O/a secretario/a da comisión electoral garantirá a exposición do plan electoral ratificado no taboleiro de anuncios da confraría, durante o desenvolvemento de todo o proceso electoral.

Artigo 14. Censos electorais

1. Os censos electorais provisionais deberán ser elaborados por cada confraría e axustaranse ao modelo e estrutura que se publica en:

http://www.medioruralemar.xunta.es/mar/o_sector/proceso electoral confrarías/

2. Os censos electorais provisionais corresponderanse co último censo actualizado que figure no Rexistro de Confrarías, no cal estarán aqueles/as electores/as que cumpran cos requisitos recollidos no artigo 80 do Decreto 8 /2014, do 16 de xaneiro. Para tales efectos, a persoa responsable do Rexistro de Confrarías poderá requirir e facilitar a información necesaria para evitar inscricións duplicadas, así como asegurar que os/as inscritos/as cumpran cos requisitos que o devandito decreto establece.

3. O/a secretario/a da confraría facilitará ao cabido o censo electoral provisional. O censo electoral estará ordenado alfabeticamente por apelidos en listas separadas por colectivos de empresarios/as e de traballadores/as; pola súa vez, os/as membros estarán agrupados por cada un dos sectores de produción existentes en cada colectivo.

4. O cabido de cada confraría, unha vez publicada a resolución de convocatoria, enviará o censo electoral provisional á comisión electoral e á xunta electoral no prazo máximo de catro días.

5. O censo electoral provisional poderá consultarse a partir do quinto día posterior á convocatoria e durante sete días de exposición pública no taboleiro de anuncios da confraría.

6. Os/as membros poderán efectuar reclamacións sobre a súa inclusión ou exclusión no censo ante a comisión electoral ata o último día de consulta incluído. As reclamacións serán resoltas pola comisión electoral no prazo máximo de dous días desde a finalización do período de consulta do censo provisional.

7. Contra a resolución de reclamacións pola comisión electoral poderá interpoñerse recurso administrativo ante a xunta electoral nun prazo máximo de dous días a partir da notificación da resolución da reclamación, que deberá resolvelo nun prazo de cinco días.

8. Unha vez resoltas as reclamacións e os recursos presentados, ou de non existir recursos administrativos, o censo electoral provisional pasará a ser definitivo, sen que caiba impugnación posterior. O censo definitivo será exposto nos mesmos lugares e da mesma forma que os censos provisionais.

Artigo 15. Confección das candidaturas

1. As candidaturas para participar no proceso electoral das confrarías de pescadores responderán ao sistema de listaxes abertas.

2. Estas candidaturas presentaranse ante a comisión electoral dentro dos sete días seguintes á aprobación do censo electoral definitivo.

3. As candidaturas son individuais para efectos de votación e escrutinio, aínda que poden agruparse en listas por sectores de produción, para os efectos da súa presentación e campaña electoral.

4. No caso das persoas xurídicas inscritas, o/a candidato/a a vogal será a propia persoa xurídica, que estará personificada na xunta xeral (no caso de resultar elixida) pola persoa que figure como representante legal no censo de membros.

5. Para os efectos de presentación de candidaturas, con independencia do número de membros asociados e embarcacións en propiedade, cada parte armadora poderá presentar unha única candidatura.

6. O escrito de presentación de cada candidato/a deberá expresar: colectivo, sector de produción e tipo de candidatura a membro de xunta xeral e/ou a vogal por elección de agrupación, con indicación do seu nome, apelidos e DNI; así mesmo, incluirá unha declaración responsable do cumprimento das condicións de elixibilidade e axustarse ao modelo que se publica en:

http://www.medioruralemar.xunta.es/mar/o_sector/proceso electoral confrarías/

Artigo 16. Proclamación de candidaturas

1. Rematado o prazo de presentación de candidaturas a membros da xunta xeral, a comisión electoral comprobará no prazo de dous días o cumprimento dos requisitos para a súa proclamación. Posteriormente, comunicará aos/ás candidatos/as as irregularidades detectadas e concederá un prazo de dous días para a súa emenda.

2. A comisión resolverá as alegacións e documentación recibidas no prazo de dous días e unha vez resoltas procederá á proclamación provisional dos/as candidatos/as, tanto a vogais da xunta xeral como a vogal por elección de xunta directiva da agrupación.

3. As candidaturas proclamadas provisionalmente deberán ser obxecto de publicación no taboleiro de anuncios da confraría.

4. No prazo de tres días naturais desde a proclamación provisional de candidatos/as poderase interpoñer ante a xunta electoral recurso administrativo contra o acordo da comisión electoral. A xunta electoral resolverá no prazo de cinco días, finalizado este prazo procederase á proclamación definitiva das candidaturas.

Artigo 17. Voto por correo

1. Os/as electores/as que conten que na data prevista para a votación non se poden desprazar á mesa electoral constituída para exercer o seu dereito ao voto, poderán emitir o seu voto por correo, de conformidade co seguinte procedemento:

a) A persoa electora solicitará por escrito o seu dereito ao voto por correo á comisión electoral.

b) A solicitude presentarase persoalmente, exhibindo o DNI ante o/a secretario/a da confraría quen a trasladará á comisión electoral.

c) No o caso de enfermidade ou incapacidade que impida a presentación persoal da solicitude, poderá efectuarse mediante representante para o efecto, acreditando a súa identidade así como a representación mediante documento autentificado por notario.

d) Recibida a solicitude, a comisión electoral comprobará a afiliación e realizará a correspondente anotación na sección do censo que corresponda.

e) A comisión electoral enviará á persoa electora por correo certificado os sobres electorais e as papeletas de todas as candidaturas, así como a documentación necesaria, ao domicilio indicado na súa solicitude ou no seu defecto ao que figure no censo.

f) A persoa electora introducirá a papeleta no sobre de votación do colectivo e sector de produción a que pertenza. Posteriormente, este sobre introdúcese dentro do que vai dirixido á mesa electoral, xunto coa fotocopia do DNI ou permiso equivalente.

g) O/a secretario/a da comisión electoral custodiará esta documentación ata o día da votación.

2. O prazo de solicitude de voto por correo iniciarase ao día seguinte da publicación do censo electoral definitivo e abranguerá ata a data de proclamación provisional das candidaturas.

3. O prazo límite para que a comisión electoral reciba os votos por correo finalizará vinte e catro horas antes das votacións.

Artigo 18. Da campaña electoral

1. Para os efectos desta orde, enténdese por campaña electoral o conxunto de actividades lícitas levadas a cabo polos/as candidatos/as encamiñadas á captación de sufraxios.

2. A campaña electoral iniciarase ás 00.00 horas do día posterior á proclamación definitiva de candidaturas e rematará ás 00.00 horas do día inmediatamente anterior á data fixada para a votación; desde este momento non se poderá realizar propaganda de ningún xénero en favor de ningunha candidatura.

Artigo 19. Papeletas e sobres

1. As papeletas dos/das candidatos/as e os sobres de votación serán facilitados, en número suficiente, pola comisión electoral de cada confraría á mesa electoral correspondente.

2. As papeletas confeccionaranse en cores diferentes para cada sector de produción que vaia obter representación na xunta xeral.

Artigo 20. Constitución da mesa electoral

1. As persoas designadas como membros da mesa electoral e os seus suplentes, reuniranse o día das votacións unha hora antes da apertura do colexio electoral e procederán á constitución da dita mesa.

2. Se o/a presidente/a non acode, será substituído/a polo/a vicepatrón/vicepatroa maior primeiro/a saíntes. No caso de faltar o primeiro suplente, será substituído/a polo/a vicepatrón/vicepatroa maior segundo e no seu defecto polo/a presidente/a da comisión electoral.

3. Os/as vogais que non acudan serán substituídos/as polos/as seus/súas suplentes.

4. En ningún caso se poderá constituír a mesa electoral sen a presenza dun/dunha presidente/a, dous/dúas vogais e do/a secretario/a da mesa. No caso de que non se poida cumprir con este requisito, os/as membros da mesa presentes e os/as suplentes que acudan redactarán e asinarán unha declaración dos feitos acontecidos, que enviarán de inmediato ao/á presidente/a da comisión electoral. Nesta circunstancia, a comisión electoral pode mesmo ordenar que forme parte da mesa electoral algún dos/as electores/as que estea presente no local.

5. Transcorrida media hora desde a constitución da mesa electoral, o/a secretario/a redactará a acta de constitución, que será asinada polo/a presidente/a e os/as vogais.

Artigo 21. Das votacións

1. O/a presidente/a anunciará publicamente o inicio das votacións unha vez finalizada a constitución da mesa electoral e na hora prevista.

2. Unha vez iniciado o acto de votación non se poderá suspender, agás causa de forza maior e sempre baixo a responsabilidade do/a presidente/a da mesa electoral. No caso de suspensión, levantarase a correspondente acta, que será remitida no prazo das vinte e catro horas seguintes á xunta electoral, a fin de que sinale a data en que se repetira o acto de votación.

3. O dereito a votar será acreditado pola inscrición do elector/a no censo electoral.

4. No caso das persoas xurídicas inscritas, o votante será a propia persoa xurídica, que figurará no censo personificada polo seu representante legal.

5. Para os efectos de votación, cada parte armadora terá un voto, con independencia do número de membros asociados e embarcacións en propiedade.

6. O/a secretario/a da mesa electoral anotará os/as electores/as que voten, con indicación do número co cal figure o/a elector/a no censo, así como o seu DNI, pasaporte ou carné de conducir xunto coa representación con que exerce o seu dereito a voto, se se trata dunha persoa xurídica.

7. O voto será secreto. Os/as electores/as depositarán o seu voto na urna correspondente mediante unha papeleta introducida nun sobre.

8. O/a presidente/a da mesa electoral será o encargado de velar para que a entrada ao local das votacións sexa libre, de manter a orde nel durante a votación e escrutinio e de asegurar a liberdade dos/as electores/as no colexio electoral.

9. O/a presidente/a da mesa electoral, logo de consulta co resto dos/as compoñentes da mesa, poderá expulsar do colexio electoral calquera persoa que interfira a boa marcha das votacións.

10. Rematado o período sinalado para a votación, o/a presidente/a da mesa electoral anunciará que vai rematar e preguntará se algún dos/as electores/as presentes non votou, admitíndose os votos que se dean a continuación e non se permitirá a ninguén máis a entrada no local.

11. Acto seguido, o/a presidente/a introducirá na urna os sobres que conteñan as papeletas remitidas por correo, logo de comprobar que non exerceron o voto persoalmente. Finalmente, votarán as persoas membro da mesa, sempre que teñan dereito, e declararase pechada a votación.

12. No caso de rematar o exercicio do voto da totalidade dos/as electores que figuren no censo, o/a presidente/a da mesa electoral dará por finalizada a xornada electoral e poderá iniciar o proceso de escrutinio de votos.

Artigo 22. Escrutinio

1. Declarada pechada a votación comezará inmediatamente o escrutinio, función que corresponde exclusivamente á mesa electoral. O/a presidente/a procederá ao escrutinio das papeletas en voz alta, unha a unha, exhibindo cada papeleta ás persoas presentes e anotándose o voto correspondente a cada persoa candidata. Concluído o escrutinio, que non poderá ser interrompido, estenderase a oportuna acta asinada por todos/as os/as compoñentes da mesa electoral.

2. Son nulos os votos emitidos en papeleta ou sobre de modelos distintos dos facilitados por cada confraría; as papeletas que teñan riscadas; os votos en que, por calquera razón, non se poida determinar inequivocamente a candidatura elixida; aqueles votos en que se marquen máis nomes dos establecidos no plan electoral para cada colectivo e sector de produción ou inclúan o nome de persoas non candidatas. No caso de conter máis dunha papeleta coas mesmas candidaturas marcadas, computarase como un só voto válido, para este caso se as candidaturas marcadas son diferentes deberá computarse como voto nulo. As papeletas deberán conservarse para o caso de que se faga algunha reclamación sobre elas.

3. Consideraranse votos en branco aqueles sobres que non conteñan ningunha papeleta e aqueles sobres que conteñan papeletas que non presenten ningunha marca.

4. Feito o reconto de votos segundo as operacións anteriores, quen exerza o cargo de presidente/a preguntará se hai algunha protesta que facer contra o escrutinio. Se non se fai, ou despois de resoltas pola maioría da mesa as presentadas, anunciará en voz alta o resultado, especificando o número de votantes, o de votos válidos, nulos, de votos en branco e de votos obtidos por cada candidatura.

5. Concluídas as operacións, os membros da mesa asinarán a acta da sesión, na que figurarán, obrigatoriamente, os seguintes datos:

a) Número de electores/as inscritos no censo.

b) Número de votos emitidos.

c) Votos declarados nulos, en branco e válidos.

d) Número de votos obtidos por cada candidato/a.

e) Membros natos das agrupacións sectoriais con indicación expresa do/a máis votado/a.

f) Observacións presentadas ante a mesa electoral sobre a votación e o escrutinio polos/as candidatos/as e electores/as.

g) Resolucións motivadas da mesa electoral sobre as observacións presentadas e votos particulares.

6. As actas correspondentes aos resultados das votacións serán remitidas polo/a secretario/a da mesa electoral á comisión electoral e á xunta electoral no prazo das vinte e catro horas seguintes á realización destas.

7. As actas de escrutinio serán expostas no taboleiro de anuncios da confraría desde o día seguinte das votacións e durante dous días.

Artigo 23. Documentación electoral

1. A mesa electoral preparará a documentación electoral que distribuirá en dous sobres.

2. O primeiro sobre conterá o expediente electoral, composto polos seguintes documentos:

a) Orixinal da acta de constitución da mesa electoral.

b) Lista do censo electoral.

c) Lista numerada dos/as votantes e das papeletas ás cales se lles negase validez ou fosen obxecto dalgunha reclamación.

d) Acta de escrutinio.

3. O segundo sobre conterá copia da documentación anteriormente citada.

4. Unha vez pechados os sobres, o/a presidente/a e os/as vogais asinaranos por riba das lapelas que os pechan e serán remitidos, dentro das vinte e catro horas seguintes, á comisión electoral da confraría e á xunta electoral, respectivamente.

Artigo 24. Proclamación das persoas electas

1. Ao día seguinte das votacións, a comisión electoral proclamará provisionalmente as persoas que formarán parte da xunta xeral e os vogais natos das xuntas directivas das agrupacións sectoriais.

2. Se como resultado das votacións non se cobren a totalidade das vogalías da xunta xeral da confraría de pescadores que corresponden a un ou varios sectores de produción, serán proclamados/as elixidos/as os/as candidatos/as dese colectivo que recibisen maior número de votos; garantirase a composición paritaria e proporcional da xunta xeral, sempre que sexa posible.

3. Contra o acordo de proclamación efectuado pola comisión electoral poderase interpoñer, no prazo de tres días, recurso administrativo perante a xunta electoral, que resolverá nun prazo de cinco días. A presentación do recurso deberá ser realizada ante a sede da xunta electoral no prazo sinalado.

4. Finalizado o prazo para a interposición dos recursos ou, se é o caso, resoltos os recursos administrativos, a proclamación de candidatos/as electos/as elevarase a definitiva.

5. Cando para un ou varios sectores da produción non se presenten candidatos/as para cubrir a totalidade das vogalías da xunta xeral que lles correspondan, declararanse elixibles todas as persoas do sector de produción incluídos no censo electoral que cumpran os requisitos establecidos no artigo 80.3 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro.

6. Se o número de candidatos/as para un sector de produción coincide co número de membros que hai que elixir, non será necesario proceder á súa elección, e serán proclamados pola comisión electoral membros da xunta xeral.

Artigo 25. Paralización e continuidade do proceso electoral

Resoltas as circunstancias que deron lugar á resolución da paralización das eleccións, mediante resolución motivada da xunta electoral acordarase a continuidade do procedemento a partir do acto que motivou a devandita paralización.

Sección 3ª. O proceso electoral nas agrupacións sectoriais

Artigo 26. Dos/as vogais da directiva dunha agrupación sectorial

1. Conforme o establecido no artigo 50.3 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, as vogalías da xunta directiva dunha agrupación sectorial poderán ser de carácter nato ou por elección.

2. As vogalías de carácter nato corresponderán aos vogais da xunta xeral da confraría que representen o sector de produción sobre o cal se constituíu a agrupación sectorial.

3. Son vogalías por elección aquelas vogalías vacantes da xunta directiva da agrupación sectorial que serán elixidas pola asemblea xeral de entre os seus membros.

Artigo 27. Calendario electoral para as agrupacións sectoriais

O calendario electoral para a elección a vogal das directivas das agrupacións sectoriais será o que se recolle como anexo II.

Artigo 28. Candidaturas á directiva da agrupación sectorial

1. A presentación de candidaturas a vogal da directiva da agrupación sectorial realizarase nos prazos establecidos no calendario electoral.

2. As candidaturas ás directivas das agrupacións sectoriais responderán ao sistema de listaxes abertas.

3. O escrito de presentación de cada candidato/a deberá expresar: colectivo, sector de produción e tipo de candidatura a membro de xunta xeral e/ou a vogal por elección de agrupación, con indicación do seu nome, apelidos e DNI; así mesmo, incluirá unha declaración responsable do cumprimento das condicións de elixibilidade e axustarase ao modelo que se publica en:

http://www.medioruralemar.xunta.es/mar/o_sector/proceso electoral confrarías/

4. Rematado o prazo de presentación de candidaturas a vogal da directiva da agrupación sectorial, a comisión electoral comprobará no prazo de dous días o cumprimento dos requisitos para a súa proclamación. Posteriormente, comunicarlles aos/ás candidatos/as as irregularidades detectadas e concederalles un prazo de dous días para a súa emenda.

Artigo 29. Censo da agrupación sectorial

Na votación a vogalías por elección das agrupacións sectoriais empregarase o censo dese sector de produción.

Artigo 30. Procedemento electoral

1. Dentro dos tres días seguintes á proclamación provisional dos/as vogais da xunta xeral, procederase á votación para cubrir as vogalías vacantes nas xuntas directivas das agrupacións sectoriais.

2. O día fixado constituirase a mesa electoral e procederase á votación entre os membros do sector de produción.

3. Aqueles/Aquelas candidatos/candidatas que resulten elixidos/as vogais natos/as da xunta directiva quedarán excluídos/as do proceso de elección.

4. O dereito a votar acreditarase pola inscrición do elector/a no censo do sector de produción.

5. O voto por correo para a elección dos vogais por elección realizarase nos termos e prazos establecidos no artigo 17 desta orde.

6. O/A secretario/a da mesa electoral anotará os/as electores/as que voten, con indicación do número con que figure o/a elector/a no censo, así como o seu DNI, pasaporte ou carné de conducir, xunto coa representación con que exerce o seu dereito a voto, se se trata dunha persoa xurídica.

7. Finalizada a votación, a comisión electoral proclamará provisionalmente vogais da xunta directiva da agrupación sectorial aqueles/as candidatos/as con maior número de votos que permitan cubrir as vogalías vacantes. O resto de candidatos/as quedarán formando unha lista de suplencia, para cubrir as posibles baixas da xunta directiva.

8. O/A secretario/a levantará acta cos resultados das votacións e remitirá no prazo das vinte e catro horas seguintes unha copia dela á xunta electoral.

9. Contra a proclamación de vogais da xunta directiva da agrupación poderase interpoñer, no prazo de tres días, recurso administrativo perante a xunta electoral, que resolverá nun prazo de cinco días. A presentación do recurso deberá ser realizada ante a sede da xunta electoral no prazo sinalado.

10. Finalizado o prazo para a interposición dos recursos ou, se é o caso, resoltos os recursos administrativos, a proclamación de candidatos/as electos/as elevarase a definitiva.

11. No caso de ser proclamados membros natos da xunta directiva da agrupación, sen mediar elección, o/a presidente/a da agrupación sectorial será elixido/a pola xunta directiva de entre os membros natos.

12. Para aquelas agrupacións sectoriais formadas por empresarios/as e traballadores/as con título habilitante, o/a seu/súa presidente/a será elixido/a entre os membros natos da xunta directiva.

Sección 4ª. Elección do/a patrón/patroa maior, vicepatróns/vicepatroas e vogais
do cabido

Artigo 31. Constitución da xunta xeral

1. As persoas electas como vogais da xunta xeral tomarán posesión dos seus cargos na súa sesión constitutiva, que terá lugar na sede da confraría no prazo máximo de cinco días desde a súa proclamación definitiva.

2. A sesión constitutiva da xunta xeral será presidida polo/a membro de maior idade de entre os/as vogais.

Artigo 32. Elección do/a patrón/patroa maior, vicepatróns/vicepatroas maiores e demais vogais do cabido

1. No pleno da sesión constitutiva da xunta xeral iniciarase o procedemento de elección do/a patrón/patroa maior, vicepatróns/vicepatroas maiores e demais vogais do cabido.

2. Para esta elección a mesa electoral será a mesma que a constituída para a elección dos/das vogais da xunta xeral.

3. O voto dos/das vogais da xunta xeral será único, persoal, directo e secreto.

4. Os/as candidatos/as a patrón/patroa maior presentarán no mesmo acto as súas candidaturas ao pleno da xunta xeral e disporán dun tempo para a súa defensa.

5. Unha vez presentadas a totalidade das candidaturas a patrón/patroa maior ante a xunta xeral da confraría de pescadores, iniciarase o proceso de votación.

6. Os membros da xunta xeral elixirán por maioría simple en primeira volta o/a patrón/patroa maior entre os candidatos/as presentados/as. Para o caso de empate repetiranse as votacións en segunda volta; de manterse aquel resolverase a favor do/da de maior antigüidade na confraría e no caso de persistir o empate, a favor do/da de maior idade.

7. A continuación procederase, do mesmo xeito que nos puntos anteriores, á elección do/da vicepatrón/vicepatroa maior primeiro/a entre os/as vogais do colectivo distinto ao que pertenza o/a patrón/patroa maior.

8. A continuación e no mesmo acto, a xunta xeral elixirá de entre os seus membros os/as vicepatróns/vicepatroas maiores primeiro/a e segundo/a e os/as vogais do cabido, respectando a paridade e proporcionalidade que se estableceu para a xunta xeral.

9. Rematadas as eleccións a patrón/patroa maior, vicepatróns/vicepatroas e vogais do cabido, o/a secretario/a da mesa levantará a acta correspondente, que se expoñerá ao día seguinte no taboleiro de anuncios da confraría. Contra a resolución da comisión electoral caberá interpoñer recurso administrativo ante a xunta electoral no prazo de tres días, a cal resolverá nos cinco días seguintes.

10. Finalizado o prazo de reclamacións, recursos e da súa resolución, a comisión electoral procederá á proclamación definitiva dos cargos de patrón/patroa maior, vicepatróns/vicepatroas maiores e vogais do cabido.

11. Ao día seguinte da proclamación definitiva dos cargos de patrón/patroa maior, vicepatróns/vicepatroas maiores primeiro/a e segundo/a e vogais do cabido, procederase á toma de posesión destes/as nos seus cargos, da cal levantará acta o/a secretario/a da comisión electoral. Unha copia desta acta será remitida á xunta electoral no prazo de dous días.

Capítulo III
Elección aos órganos de goberno das federacións de confrarías

Sección 1ª. Dos órganos reitores das federacións provinciais de confrarías de pescadores

Artigo 33. Elección dos órganos de goberno das federacións provinciais de confrarías pescadores

1. No primeiro pleno da xunta xeral das federacións provinciais de confrarías de pescadores, constituída polos/as patróns/patroas maiores e os/as vicepatróns/vicepatroas primeiro/a de cada confraría de pescadores asociada, procederase á elección do presidente/a, vicepresidentes/as e dos/as compoñentes do comité executivo, de conformidade coa regulación contida nos seus estatutos.

2. Este pleno das federacións provinciais de confrarías de pescadores terá lugar nos quince días seguintes á constitución dos cabidos das confrarías de pescadores, logo da convocatoria realizada por escrito polo/a secretario/a por orde do/a presidente/a saínte de cadansúa federación provincial de confrarías de pescadores.

3. Constituirase unha mesa electoral formada polo/a patrón/patroa de maior idade, que a presidirá, dous/dúas vogais que serán o/a patrón/patroa de menor idade e o/a vicepatrón/vicepatroa primeiro/a de maior idade, e o/a secretario/a da federación provincial de confrarías de pescadores.

4. Os/as candidatos/as a presidente/a presentarán, no mesmo acto, as súas candidaturas ao pleno da xunta xeral e disporán dun tempo para a súa defensa.

5. Presentadas a totalidade das candidaturas, iniciarase o proceso de votación que será único, persoal, directo e secreto.

6. O/a candidato/a con maior número de votos será proclamado/a presidente/a da federación provincial de confrarías de pescadores.

7. Nunha nova votación elixiranse os/as vicepresidentes/as primeiro/a e segundo/a, seguindo os criterios de paridade que figuren nos estatutos de cada federación provincial de confrarías de pescadores.

8. Nunha terceira votación elixiranse os/as representantes no comité executivo da federación provincial de confrarías, seguindo os criterios de paridade que figuren nos seus estatutos.

9. No primeiro pleno que realicen as federacións provinciais de confrarías elixirán os/as tres vogais que as representarán no comité executivo da Federación Galega de Confrarías respectando a paridade entre traballadores/as e empresarios/as.

10. O/a secretario/a de cada federación provincial de confrarías remitirá á xunta electoral constituída na consellería competente en materia de pesca as actas correspondentes á elección dos órganos reitores no prazo de tres días desde a data da reunión.

11. Contra o acordo de proclamación poderase interpoñer, no prazo de tres días, recurso administrativo perante a xunta electoral que resolverá nun prazo de cinco días. A presentación do recurso deberá ser realizada ante a sede da xunta electoral no prazo sinalado.

12. Finalizado o prazo para a interposición dos recursos ou, se é o caso, resoltos os recursos administrativos, a proclamación de candidatos/as electos/as elevarase a definitiva.

13. Ao día seguinte da proclamación definitiva, os/as candidatos/as electos/as tomarán posesión dos seus cargos.

Sección 2ª. Dos órganos reitores da Federación Galega de Confrarías de Pescadores

Artigo 34. A presenza dos/as presidentes/as das federacións provinciais na Federación Galega de Confrarías

O/a presidente/a de cada federación provincial de confrarías será membro nato do comité executivo da Federación Galega de Confrarías de Pescadores segundo os estatutos desta última.

Artigo 35. Elección do/a presidente/a e vicepresidentes/as da Federación Galega de Confrarías de Pescadores

1. Por orde do/a presidente/a saínte da federación, o/a secretario/a da Federación Galega de Confrarías de Pescadores convocará a xunta xeral no prazo dos dez días seguintes á designación dos vogais do comité executivo.

2. Nesta convocatoria procederase á elección do/a presidente/a da Federación Galega de Confrarías de Pescadores de conformidade coa regulación contida nos seus estatutos.

3. A mesa electoral estará constituída polo membro de maior idade que a presidirá, polo secretario/a da federación e por tres vogais que serán os/as presidentes/as de cada unha das federacións provinciais de confrarías de pescadores.

4. Os/as candidatos/as non poderán formar parte da mesa electoral e serán substituídos/as por outros membros da xunta xeral que cumpran cos requisitos, ou no caso das persoas titulares das presidencias das federacións provinciais polos/as correspondentes vicepresidentes/as.

5. Os/as candidatos/as a presidente/a presentarán no mesmo acto as súas candidaturas ante a xunta xeral da Federación Galega e disporán dun tempo para a súa defensa.

6. Presentadas a totalidade das candidaturas a presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, iniciarase o proceso de votación que será único, persoal, directo e secreto.

7. Nunha segunda votación, a xunta xeral da Federación Galega de Confrarías de Pescadores elixirá de entre os membros do seu comité executivo os/as vicepresidentes/as primeiro/a e segundo/a, seguindo os criterios de paridade e representación territorial establecidos nos seus estatutos.

8. O/a secretario/a da Federación Galega de Confrarías de Pescadores remitiralle á xunta electoral constituída na consellería competente en materia de pesca as actas correspondentes á elección dos órganos reitores, no prazo de tres días desde a data da reunión.

9. Contra o acordo de proclamación do/a presidente/a da Federación Galega de Confrarías de Pescadores poderase interpoñer, no prazo de tres días, recurso administrativo perante a xunta electoral que resolverá no prazo de cinco días. A presentación do recurso deberá ser realizada ante a sede da xunta electoral no prazo sinalado.

10. Finalizado o prazo para a interposición de recursos ou, se é o caso, resoltos os recursos administrativos, a proclamación de candidatos/as electos/as elevarase a definitiva.

11. Ao día seguinte da proclamación definitiva, os/as candidatos/as electos/as tomarán posesión dos seus cargos.

Disposición adicional primeira. Período inhábil para eleccións en confrarías de pescadores e as súas federacións

Para os efectos desta orde considerarase o mes de agosto como período inhábil para o desenvolvemento de eleccións a órganos reitores das confrarías de pescadores de Galicia, incluídas as agrupacións sectoriais, das súas federacións provinciais e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Disposición adicional segunda. Uso de medios electrónicos

Os membros da xunta electoral e das comisión electorais poderán ser validamente convocados para que a sesión se celebre en varios lugares simultaneamente sempre que os medios técnicos permitan o normal desenvolvemento da sesión e o respecto dos dereitos dos membros. Unha vez constituído o órgano, a persoa que exerza a súa presidencia designará, para cada un dos lugares onde non se atope fisicamente o/a secretario/a, un dos membros asistentes para que o auxilie nas súas funcións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento desta orde

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para adoptar os acordos e ditar as resolucións que considere oportunas no desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Publicación e entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO I
Calendario para a elección de membros da xunta xeral e órganos reitores de confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións

C: publicación da resolución da titular da consellería competente en materia de pesca pola que se procede á convocatoria de eleccións aos órganos reitores de confrarías de pescadores de Galicia e ás súas federacións.

C+1: data en que o/a secretario/a da confraría debe enviar á xunta electoral a relación de persoas que constituirán a comisión electoral.

C+2: última data para a constitución da xunta electoral.

C+2+1: última data para a constitución das comisións electorais.

C+2+1+1: última data para que o cabido remita á xunta electoral e á comisión electoral o censo electoral provisional.

C+5: exposición e consulta do censo electoral provisional polas comisións electorais no taboleiro de anuncios da confraría. Inicio do período de reclamacións ante a comisión electoral.

C+2+1+5: última data para remisión dos plans electorais á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

C+5+7: última data de exposición do censo provisional e de presentación de reclamacións.

C+5+7+2: prazo máximo para resolver reclamacións sobre o censo provisional pola comisións electorais.

C+5+7+2+2: última data para a interposición de recurso ante a xunta electoral contra a resolución da comisión electoral sobre reclamacións do censo provisional.

C+5+7+2+2+5: última data para que a xunta electoral resolva os recursos interpostos contra as resolucións da comisión electoral sobre reclamacións ao censo electoral provisional.

PC (C+5+7+2+2+5+1): publicación do censo definitivo no taboleiro de anuncios das confrarías.

PC+7: última data para a presentación ante a comisión electoral de candidaturas para vogal da xunta xeral e/ou vogal por elección.

PC+7+2: última data para que a comisión electoral comprobe que as candidaturas cumpren os requisitos e comunicar aos/ás interesados/as as irregularidades detectadas.

PC+7+2+2: última data para a emenda polos/as interesados/as ante a comisión electoral.

PC+7+2+2+1: proclamación provisional das persoas candidatas pola comisión electoral.

PC+7+2+2+1+3: última data de interposición de recurso ante a xunta electoral contra a proclamación de persoas candidatas polas comisións electorais.

PC+7+2+2+1+3+5: última data de resolución de recurso por parte da xunta electoral dos recursos interpostos contra a resolución das comisións electorais de proclamación de persoas candidatas.

PD (PC+7+2+2+1+3+5+1): proclamación definitiva das persoas candidatas a vogais da xunta xeral e a vogais por elección das agrupacións sectoriais.

PD+1: inicio da campaña electoral.

PD+1+7: remate da campaña electoral, última data para que a comisión electoral reciba os votos por correo.

Pd+1+7+1: xornada de reflexión.

E (PD+1+7+1+1): constitución da mesa electoral e día das votacións.

E+1: proclamación provisional das persoas electas pola comisión electoral.

E+1+3: última data de interposición de recursos ante a xunta electoral contra a proclamación das persoas electas pola comisión electoral.

E+1+3+5: última data de resolución pola xunta electoral dos recursos contra a proclamación de persoas electas.

E+1+3+5+1: proclamación definitiva de persoas electas.

CXX (E+1+2+5+1+5): última data para constitución da xunta xeral, presentación de candidaturas e elección a patrón/patroa maior, vicepatróns/vicepatroas maiores e membros do cabido.

CXX+1: proclamación pola comisión electoral de persoas electas aos restantes órganos reitores.

CXX+1+3: última data para a presentación de recursos ante a xunta electoral contra a proclamación dos restantes órganos reitores.

CXX+1+3+5: última data para que a xunta electoral resolva os recursos interpostos contra a proclamación dos restantes órganos reitores.

PDOR (CXX+1+3+5+1): proclamación definitiva dos restantes órganos reitores.

PDOR+1: toma de posesión nos seus cargos do/a patrón/patroa maior, vicepatróns/vicepatroas e vogais do cabido.

PDOR+1+2: última data para a remisión á xunta electoral das actas da toma de posesión.

PODR+1+2+1: disolución da comisión electoral.

FPr (PODR+15): última data para a elección do comité executivo e presidente da respectiva federación provincial.

FPr+3: última data para a interposición de recurso sobre a proclamación provisional de órganos reitores da federación provincial ante a xunta electoral. Última data para a remisión da acta de elección dos órganos reitores da federación provincial á xunta electoral.

FPr+3+5: fin do prazo de resolución de recursos sobre a proclamación provisional de órganos reitores da federación provincial pola xunta electoral.

FPr+3+5+1: proclamación definitiva dos órganos reitores da federación provincial de confrarías.

FPr+3+5+1+1: toma de posesión dos órganos reitores da federación provincial de confrarías.

FG (FPr+3+5+1+10): última data para a celebración do pleno da Federación Galega de Confrarías, no cal se procederá á elección dos seus órganos de goberno.

FG+3: última data para a interposición de recurso sobre a proclamación provisional de órganos reitores da Federación Galega de Confrarías ante a xunta electoral. Última data para a remisión da acta de elección dos órganos reitores da Federación Galega de Confrarías á xunta electoral.

FG+3+5: fin do prazo de resolución de recursos sobre a proclamación provisional de órganos reitores da Federación Galega de Confrarías pola xunta electoral.

FG+3+5+1: proclamación definitiva dos órganos reitores da Federación Galega de Confrarías.

FG+3+5+1+1: toma de posesión dos órganos reitores da Federación Galega de confrarías.

ANEXO II
Calendario abreviado (segundo o anexo I) para a elección a vogais natos/as e vogais por elección das xuntas directivas das agrupacións sectoriais

PC+7: última data para a presentación ante a comisión electoral de candidaturas para vogal da xunta xeral e/ou vogal por elección da agrupación sectorial.

PC+7+2+2+1: proclamación provisional das persoas candidatas pola comisión electoral.

PC+7+2+2+1+3: última data de interposición de recurso ante a xunta electoral contra a proclamación de persoas candidatas polas comisións electorais.

PC+7+2+2+1+3+5: última data de resolución de recurso por parte da xunta electoral dos recursos interpostos contra a resolución das comisións electorais de proclamación de persoas candidatas.

PD (PC+7+2+2+1+3+5+1): proclamación definitiva das persoas candidatas a vogais da xunta xeral e a vogais por elección das agrupacións sectoriais.

PD+1: inicio da campaña electoral.

PD+1+7: remate da campaña electoral, última data para que a comisión electoral reciba os votos por correo.

Pd+1+7+1: xornada de reflexión.

E (PD+1+7+1+1): constitución da mesa electoral e día das votacións; elección de vogais natos/as das agrupacións sectoriais.

E+1: proclamación provisional dos/as vogais natos/as das agrupacións sectoriais pola comisión electoral.

E+1+3: ultima data para a realización das votacións para cobertura das vogalías por elección da xunta directiva da agrupación sectorial.

E+1+3+5+1: proclamación definitiva de vogais natos/as.

E+1+3+5+1+5+3: última data para a sesión constitutiva da xunta directiva da agrupación sectorial.

Abreviaturas:

C: data de publicación da resolución de convocatoria de eleccións.

PC: publicación de censo definitivo de electores/as.

PD: proclamación definitiva de candidatos/as á elección.

E: día das votacións.

CXX: data de constitución da xunta xeral da confraría.

PDOR: proclamación dos órganos reitores da confraría.

Fpr: data da elección de comité executivo e presidente/a das federacións provinciais de confrarías.

FG: data de pleno da Federación Galega de Confrarías para a elección dos seus órganos de goberno.