Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 2014 Páx. 22089

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2014 pola que se convoca un curso superior de intervención en presencia de riscos radiolóxicos, cofinanciado co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2007-2013 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte, dun xeito coordinado, ás emerxencias que se poidan producir en Galicia: derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

O Real decreto 387/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba a directriz básica de planificación de protección civil ante o risco de accidentes nos transportes de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril, inclúe a planificación e a xestión de emerxencias do Grupo-7 de materiais radioactivos.

O Real decreto 1564/2010, do 19 de novembro, polo que se aproba a directriz básica de planificación de protección civil ante o risco radiolóxico, establece como obxectivo básico do nivel de resposta exterior dispoñer da organización, procedementos, medios e recursos necesarios para protexer a poboación fronte aos riscos radiolóxicos que puidesen afectarlos no caso de emerxencias radiolóxicas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso superior de intervención en presencia de riscos radiolóxicos, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade:

Tipo

Curso

Denominación

Superior de intervención en presencia de riscos radiolóxicos

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

36

Prazas

14

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos:

• Adquirir unha formación básica sobre o risco radiolóxico e a lexislación e normativa reguladora das instalacións radioactivas.

• Coñecer os procedementos de operación nas instalacións radioactivas e a correcta xestión de apoio nas emerxencias orixinadas nestas instalacións.

• Coñecer os diversos niveis de coordinación e asesoramento para a xestión da emerxencia e os recursos dispoñibles para a intervención nas instalacións.

• Realizar simulacións de xestión deste tipo de emerxencias xunto a persoal experto e establecer unha comunicación entre os técnicos de xestión de emerxencias de Galicia e os responsables en protección radiolóxica de instalacións radioactivas.

Contido: o curso estrutúrase nunha secuencia teórico-práctica para cada módulo:

Módulo 1: introdución e bases físicas, lexislativas e radiobioloxía.

Teoría:

• Física da radiación ionizante.

• Sistemas de detección e medida da radioactividade.

• Efectos biolóxicos.

• Lexislación, normativa, guías, instrucións técnicas e procedementos.

• Instalacións de investigación.

Práctica:

• Visita de prácticas nunha instalación radioactiva de investigación universitaria:

– Delimitación e sinalización de zonas radiolóxicas.

– Procedementos de operación nunha instalación de investigación.

– Xestión de acreditacións e autorizacións do persoal.

– Xestión do material radioactivo non encapsulado.

– Utilización dos diversos equipos para a detección e medida da radioactividade.

– Rastrexo e busca dunha fonte radioactiva extraviada.

– Plan de emerxencia interior.

Módulo 2: instalacións radioactivas: estudos de seguridade, verificación da instalación, regulamento de funcionamento e plan de emerxencia.

Teoría:

• As instalacións radioactivas: categorías e tipoloxías.

• Instalacións médicas.

• Instalacións de control de proceso industrial en planta.

• Instalacións industriais con equipos móbiles.

Práctica:

• Visita de prácticas nunha instalación radioactiva de equipos móbiles.

• Visita de prácticas nunha instalación radioactiva de control de procesos industriais en planta:

– Bases tecnolóxicas de xustificación de uso do material radioactivo para realizar medicións en obras e para control de proceso en liña de fabricación.

– Procedementos de operación diversos segundo a tipoloxía da instalación.

– Probas de hermeticidade de fontes radioactivas.

– Xestión de dosimetría do persoal.

– Vixilancia radiolóxica de área.

– Plan de emerxencia interior.

– Transporte de mercadorías perigosas do grupo-7 (equipos para a medición de humidade e densidade de solos).

– Plan de emerxencia no transporte.

Módulo 3: instalacións radioactivas comercializadoras.

Teoría:

• Instalación de radiofarmacia.

• Xestión do material radioactivo.

• Preparación de radiofármacos.

• Expedición de material radioactivo.

• Procedementos de operación.

• Vixilancia radiolóxica ambiental.

Práctica:

• Visita de prácticas nunha instalación radioactiva de radiofarmacia.

• Visita de prácticas nunha instalación radioactiva de radioterapia:

– Uso do material radiactivo para realizar diagnóstico médico e para tratamentos médicos.

– Protección radiolóxica operacional.

– Procedementos de mantemento de equipamentos.

– Procedementos de operación nos diversos tipos de radioterapia.

– A xestión de residuos radioactivos.

Módulo 4: instalacións radioactivas de medicina nuclear e transporte de mercadorías perigosas do grupo-7.

Teoría:

• Xestión das fontes radioactivas encapsuladas e dos residuos radioactivos líquidos.

• Normativa.

• Procedementos de protección radiolóxica no transporte do grupo-7.

• Incidencias no transporte.

• Procedementos de intervención.

• Equipamento de protección.

Práctica:

• Visita de prácticas nunha instalación radioactiva dun complexo hospitalario do Servizo Galego de Saúde:

– Procedementos de xestión de fontes radioactivas encapsuladas de alta taxa.

– Procedementos de xestión de material radiactivo non encapsulado de terapia metabólica.

– A xestión de residuos radioactivos de vida curta.

– Vixilancia radiolóxica ambiental.

3. Destinatarios/as.

O curso vai dirixido a:

• Técnicos/as de Protección Civil da Xunta de Galicia.

• Técnicos/as do CAE 112 Galicia.

• Mandos dos servizos de bombeiros de Galicia.

• Xefes/as dos servizos municipais de protección civil e/ou emerxencias.

• Persoal dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES).

• Xefes/as de agrupacións de voluntarios de protección civil.

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: o programa teórico desenvólvese na Agasp (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra), mentras que o programa teórico-práctico desenvólvese na sede das instalacións radioactivas.

Datas: 21, 22, 23 e 28 de outubro de 2014 (4 xornadas).

Horario: mañá e tarde das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.30 ás 20.00 horas.

Uso da residencia: o alumnado poderá solicitar aloxamento na residencia da Agasp, sempre que se cumpran todas as condicións seguintes:

• Que o curso se realice entre luns e venres.

• Que o/a alumno/a teña a súa residencia a máis de 80 km da Agasp.

• Que haxa habitacións dispoñibles.

Normas de comportamento: non se permitirá que o alumnado realice fotografías ou calquera tipo de gravación audiovisual do desenvolvemento do curso.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición, é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos teléfonos 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

Na selección para o curso terán preferencia:

1º. Os/as solicitantes cuxo posto de traballo estea máis próximo a instalacións radioactivas ou a vías de transporte de material radioactivo.

2º. Reservaranse 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

3º. Segundo o seguinte orde de categorías profesionais:

I. Técnicos/as de Protección Civil da Xunta de Galicia.

II. Técnicos/as do CAE 112 Galicia.

III. Mandos dos servizos de bombeiros de Galicia.

IV. Xefes/as dos servizos municipais de protección civil e/ou emerxencias.

V. Persoal dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES).

VI. Xefes/as de agrupacións de voluntarios de protección civil.

4º. Os/as solicitantes que teñan menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

5º. Se existise empate, aplicaranse os restantes criterios establecidos no artigo 20 da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará, na súa páxina web http://agasp.xunta.es, unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro ).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base número 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Certificado de aproveitamento.

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

12. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións do mesmo ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 7 de maio de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública