Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 28 de maio de 2014 Páx. 24030

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2014 pola que se convocan dúas edicións do Módulo de educación viaria para policías locais, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico.

No Estudo descritivo sobre as necesidades de formación da policía local en educación viaria realizado polo Centro Superior de Educación Viaria (DXT. Ministerio do Interior) e a Universidade de Salamanca, identificáronse as competencias formativas en educación viaria demandadas polos policías locais que, no seu ámbito de actuación, son: planificación e deseño de programas educativos (competencia en dominio de planificación e deseño de programas) e habilidades sociais e de comunicación (competencia en dominio de habilidades sociais e interpersoais). Co fin de dar satisfacción a estas demandas formativas, o Centro Superior de Educación Viaria elaborou o Módulo de educación viaria para policías locais.

A educación consiste en desenvolver ao máximo o capital humano que se encontra potencialmente en cada persoa. A educación non pode ser concibida exclusivamente desde a aprendizaxe técnica, normativa, formal senón desde todos os procesos de capital humano.

Dentro do programa anual de actividades para o ano 2014 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, convócanse dúas edicións do Módulo de educación viaria para policías locais, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos e contido

Obxectivos:

O obxectivo deste módulo é o de incidir no compoñente emocional/social da actuación policial no ámbito de educación viaria, xa que unha axeitada formación nestes campos facilitaralle ao policía recursos e ferramentas que fagan máis eficaz a súa comunicación cos cidadáns. Así mesmo, preténdese que estas competencias que adquire sirvan para comunicar e implementar, de xeito óptimo, coñecementos en materia de educación viaria.

Contido:

Habilidades sociais e interpersoais (3 horas):

• Intelixencia emocional.

• A empatía.

• Coñecemento e dominio das habilidades sociais (comunicación).

• A asertividade.

Aspectos psicolóxicos da condución (3 horas):

• Personalidade. Violencia viaria.

• Mocidade e condución.

• Vellez e condución.

• As distraccións.

Aspectos psicolóxicos no afrontamento viario. Metodoloxía de traballo (1 hora):

• Aspectos psicolóxicos no afrontamento viario. Desenvolvemento cognitivo e psicomotor dos nenos.

• Aspectos psicolóxicos de cada ámbito (mocidade, adultos, maiores, inmigrantes...) no comportamento viario.

Programación didáctica da acción educativa (3 horas):

(Competencias formativas).

• Programa didáctico. Elementos esenciais.

• Deseño de programas estratéxicos para a cidade: os escolares e os adultos na mobilidade segura.

• Programas e recursos de educación viaria elaborados por la DXT.

Segunda. Destinatarios/as

Este curso está dirixido ao persoal dos corpos de policía local dos concellos galegos que se encontren en situación de servizo activo ou en excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicar tal situación ao Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp, competente na materia de forma inmediata: en caso de non o facer serán penalizados coa non participación nas accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte ao que se teña coñecemento do feito, e no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se ningún emitirá diploma (nin asistencia, nin aproveitamento) deste.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na súa recuperación.

Terceira. Desenvolvemento da actividade

• Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

• Horario: das 9.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 20.30 horas.

• Datas: 17 e 18 de xuño.

Cuarta. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es). Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e ou teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións, no suposto de non ser correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de atoparse nalgún dos supostos que a continuación se indica, o/a solicitante deberá remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación. Non será preciso se tal documentación xa figura en poder da Agasp; neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude.

a) Profesionais que estean gozando ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. Cando o curso para o que presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias especificas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por fax (886 20 61 22), por correo electrónico (formación.agasp@xunta.es) ou de acordo co establecido no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

7. Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no que xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas, e o/a alumno/a non poderá participar noutros cursos durante un ano desde que se detecte este feito.

Quinta. Criterios de selección

Terán preferencia na selección de alumnado deste curso aqueles profesionais que realicen nos seus concellos programas ou actividades especificas de educación viaria (deberán acreditalo documentalmente de acordo co número 5 da base cuarta desta convocatoria).

No caso de quedar prazas vacantes, os criterios xerais de selección son os que a continuación se indican:

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean gozando ou gozasen, nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para ser destinatarios do curso e cos criterios de selección anteriormente indicados.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37 bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega, reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Sexta. Admisión

1. A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número axeitado de reservas, con, polo menos, cinco días naturais antes do inicio de cada curso.

O prazo de presentación de alegacións será de tres días naturais desde a súa publicación.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Todos aqueles que non figuren na relación, non foron seleccionados, ben porque ocupan un posto máis alonxado na listaxe de reservas, ben porque foron excluídos por algún motivo dos expresados nesta convocatoria, todo de acordo co previsto non artigo 59.6.b) da LRXPAC.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a axeitada realización da selección.

2. O alumnado seleccionado so poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas ou necesidade do servizo sempre que se acredite documentalmente o feito alegado polo xefe/a do corpo da policía local do concello no cal traballe a persoa responsable del.

No caso de cambios de cuadrante ou quendas de traballo, deberán quedar acreditados suficientemente os seus motivos e que se coñeceron con posterioridade á solicitude de inscrición no curso.

A renuncia debe ser comunicada por escrito a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e cunha antelación de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que convoque o Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos que a persoa figure como posible destinataria deles, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que, polo menos, teñan a mesma carga horaria do curso polo que foi penalizado.

Sétima. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e poderán realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e en ningún caso poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma. No caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior. En todo caso, para poder valorar esta posibilidade non pode transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada dará lugar non só á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado deberá asistir aos cursos co uniforme regulamentario, no caso de non facelo e non mediar a oportuna causa xustificativa, a Agasp reserva para si o dereito a expulsar o/a alumno/a do curso.

3. O alumnado en ningún caso estará en posesión da arma regulamentaria dentro da Agasp, nin a levará en calquera actividade lectiva, extralectiva ou complementaria organizada (agás nas prácticas e cursos de tiro, para os cales deberán cumprir de forma estrita as normas e instrucións que se impartan ao respecto).

Octava. Certificación

1. Para poder superar os cursos, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se levará cabo ao seu remate.

Novena. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.

A Estrada, 15 de maio de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública