Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 4 de xuño de 2014 Páx. 25189

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 20 de maio de 2014 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela, no plan parcial SUNP-31 San Marcos.

O Concello de Santiago de Compostela remite a modificación referida en solicitude da súa aprobación definitiva por esta consellería, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Santiago de Compostela conta cun PXOM aprobado definitivamente por ordes da CPTOPT do 3 de outubro de 2007 (aprobación parcial) e do 1 de setembro de 2008 (aprobación do documento de formalización da orde anterior).

2. O plan parcial do SUNP-31 San Marcos foi aprobado definitivamente o 28 de novembro de 2002. A disposición transitoria 3ª do PXOM sinala o mantemento deste plan parcial como solo urbanizable delimitado. Foi aprobada unha modificación do plan parcial relativa ao número 15 da súa ordenanza 4 (uso hoteleiro) o 9 de xuño de 2008, co fin de ampliar os usos posibles nas parcelas obxecto da modificación que agora se tramita.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu o 30 de xaneiro de 2013 non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica. No período de información pública e consultas do documento de inicio, o órgano ambiental recibiu informes de:

a) Augas de Galicia: observacións do 22 de xaneiro de 2013 no cal se indica que non existe incidencia sobre bens baixo a tutela ou xestión de Augas de Galicia; non se prevén efectos adversos significativos sobre o medio hídrico, aínda que no desenvolvemento do futuro plan parcial se reflicta a xustificación da dispoñibilidade de recursos.

b) Dirección Xeral de Mobilidade: informe do 23 de xaneiro de 2013 con indicacións para o deseño da mobilidade no ámbito afectado.

4. No expediente constan varios informes técnicos e xurídicos anteriores á aprobación inicial, os últimos do 18 de xuño de 2013 (previo á solicitude do informe previsto no artigo 85.1 da LOUG) e do 16 de setembro de 2013 (previo á aprobación inicial) (artigo 85.1 da LOUG).

5. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 5 de agosto de 2013 informe previo á súa aprobación inicial, ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG.

6. O secretario xeral do Pleno do Concello emitiu o 23 de setembro de 2013 un informe-proposta favorable á aprobación inicial.

7. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 26 de setembro de 2013. Foi sometida a información pública dous meses (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 8 de outubro de 2013 e DOG do 10 de outubro). Non se presentaron alegacións, segundo certificado do 12 de decembro de 2013. O acordo foi notificado aos concellos limítrofes de Ames, Boqueixón, Teo, Vedra, Trazo, Oroso, O Pino e Val do Dubra.

8. No expediente consta informe xurídico da xefa da Sección de Xestión Urbanística do 13 de decembro de 2013, no cal propón a aprobación provisional da modificación.

9. Augas de Galicia emitiu o 20 de decembro de 2013 un informe no cal sinala que non existe incidencia da modificación nos bens baixo a tutela e xestión deste ente público.

10. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 23 de decembro de 2013.

a) O concello solicitou a aprobación definitiva o 22 de xaneiro de 2014. O Servizo de Urbanismo requiriu, ao abeiro do artigo 85.7 da LOUG, a emenda das deficiencias documentais e de tramitación o 10 de febreiro de 2014. O concello presentou o 21 de febreiro de 2014 documentación consistente en proxecto de setembro de 2013, redactado polos arquitectos Carlos Pérez Pérez e Jesús Conde García, con dilixencias de aprobación inicial do 26 de setembro de 2013 e provisional do 23 de decembro de 2013; expediente administrativo; e documento de inicio, de novembro de 2012.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O ámbito está constituído polas parcelas nº 115 e 118 do plan parcial (véxase plano PP.9 del) de superficie catastral 2.519 m2 e 4.564 m2 respectivamente.

2. O plan parcial outórgalles ás dúas parcelas, e só a elas, a cualificación de ordenanza 4 uso hoteleiro, e atribúelles unha edificabilidade total de 7.034 m2, que supón un 30 % da edificabilidade do sector (punto 1.4.4 da memoria do plan parcial vixente).

3. Segundo consta no BOP da Coruña do 3 de xullo de 2004 o proxecto de compensación do sector 1º do SUNP-31 San Marcos foi aprobado pola Xunta de Goberno Local do 9 de febreiro de 2004.

4. En canto á execución das obras de urbanización, nas fotografías aéreas do SIXPAC obsérvase que non están concluídas en toda a extensión do plan parcial vixente.

5. A proposta afecta o uso e aproveitamento das parcelas sinaladas e a redacción da ordenanza O-4. En concreto:

a) Propón ampliar os usos permitidos en ambas as dúas parcelas incluíndo, entre outros, o residencial colectivo, que pasa a dar nome á Ordenanza 4. Non existe outro ámbito de vivenda colectiva no sector e no contorno, caracterizados polas vivendas unifamiliares e as edificacións de tipo industrial ou terciario. O fundamento deste cambio é a excesiva oferta hoteleira do concello (incorpóranse varios anexos con informes e noticias de prensa) e a necesidade de vivendas (punto 3.2 da memoria).

b) Reduce a superficie edificada total das parcelas afectadas de 7.034,00 m2 a 5.978,90 m2, é dicir, 1.055,10 m2, con fundamento en manter o aproveitamento lucrativo dado que ao uso hoteleiro corresponde un coeficiente 0,85 e ao residencial 1.

c) Auméntase a densidade residencial de 15 a 28 vivendas por hectárea, para dar acollida ás 103 vivendas adicionais que supón a modificación.

d) Distribúese a superficie edificada resultante nun 70 % de vivenda libre (parcela 118) e nun 30 % de vivenda protexida (parcela 115).

e) Modifícanse os seguintes parámetros da ordenanza 4:

• Parcela mínima: redúcese de 2.900 a 1.000 m2.

• Fronte mínima: redúcese de 55 a 20 m.

• Ocupación máxima: aumenta de 50 % a 60 %.

• Altura máxima: fíxase en 11,5 m para a parcela 115 e 18,5 m na parcela 118.

• Usos: incorpórase como principal o residencial colectivo e permítense o garaxe aparcadoiro, oficinas, comercial en planta baixa, hoteleiro e dotacional privado.

• Incorpora as determinacións sobre edificabilidade e número e tipo de vivendas arriba vistas, eliminando a posibilidade de transferir edificabilidade e usos dunha parcela a outra.

f) Substitúese a obriga de proxecto conxunto das ringleiras de vivendas unifamiliares pola da redacción dun estudo de detalle que garanta a harmonía da ordenación, cando non se realice proxecto conxunto.

Diferenza adicional co proxecto obxecto do informe previo á aprobación inicial e a eliminación da recategorización de solo de zona verde de sistema local a xeral, manténdose os ámbitos e contías de espazos libres e zonas verdes establecidos no plan parcial.

III. Análise e consideracións.

Analizada a documentación remitida polo concello en relación co informe previo á aprobación inicial do 5 de agosto de 2013; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. Estándares de dotacións urbanísticas xerais (punto III.2 do informe do 5 de agosto de 2013).

A supresión da nova previsión de espazo libre de sistema xeral non fai que o plan xeral no seu estado tras a modificación incumpra o estándar de sistemas xerais establecido no artigo 47.1 da LOUG, polo que é admisible.

2. Estándares de dotacións urbanísticas locais (punto III.3 do informe do 5 de agosto de 2013) e de vivenda protexida.

En relación co previsto na disposición transitoria 1ª.d) da LOUG, consta a aprobación do proxecto de compensación o 9 de febreiro de 2009 (BOP do 3 de xullo de 2004). Obsérvase nas fotografías do SIXPAC que a urbanización non foi aínda concluída. En consecuencia:

a) Conforme a disposición transitoria 1ª.d) da LOUG, non é precisa a revisión íntegra do plan parcial para adaptalo á LOUG, pois o instrumento de equidistribución foi aprobado definitivamente antes do 1 de xaneiro de 2006.

b) Conforme a disposición transitoria 7ª da Lei 8/2012, de vivenda de Galicia, a reserva de solo para vivenda protexida aplicable no momento da entrada en vigor da Lei 8/2012 mantén a súa vixencia. Tal reserva vén determinada polo punto 3 da disposición transitoria 2ª da Lei 6/2008, de medidas urxentes en materia de vivenda e solo, da que resulta que, aínda que o instrumento de equidistribución foi aprobado antes da entrada en vigor da Lei 6/2008, non é preciso revisar integramente o plan parcial para adaptalo á Lei 6/2008.

c) As obras de urbanización non foron rematadas, polo que se mantén a clasificación dos terreos como solo urbanizable delimitado, en execución.

No que afecta as dotacións locais de zonas verdes e espazos libres, equipamentos públicos e prazas de aparcadoiro (artigos 47.2 e 94.3 da LOUG):

a) O plan parcial, segundo o cadro incluído no proxecto, prevé unhas reservas de espazos libres, equipamentos públicos ou prazas de aparcadoiro que cumpren amplamente os mínimos establecidos no artigo 47.2 da LOUG.

b) A modificación non supón incremento de intensidade de uso para os efectos do artigo 94.3 da LOUG, porque a redución da edificabilidade combinada coa ampliación dos usos hoteleiros a residencial xera unha redución das necesidades de dotacións conforme o artigo 47.2 LOUG, polo que non é necesaria a previsión de novos espazos libres, equipamentos públicos ou prazas de aparcadoiro.

En canto á reserva de vivenda protexida, a modificación supón un aumento da edificabilidade destinada a uso residencial vivenda de 5.978,90 m2 e prevé unha reserva do 30 % da nova edificabilidade residencial para aquela, seguindo o criterio dos informes xurídicos municipais do 16 de setembro de 2013 e do 13 de decembro de 2013, de que nas modificacións de planeamento realizadas unha vez aprobado o instrumento de equidistribución só se poden exixir as reservas de vivenda protexida respecto da nova edificabilidade residencial que resulta da modificación, e non da total residencial do sector.

Unha modificación que incrementa a edificabilidade residencial nun solo urbanizable delimitado con instrumento de equidistribución aprobado pero sen concluír a urbanización, debe comportar reserva de vivenda protexida, pois ao non ter concluída a urbanización segue sendo un solo urbanizable delimitado, pero sen que tal reserva se deba referir á totalidade da edificabilidade residencial do sector. Isto é así pois non procede exixir a revisión íntegra do plan, como resulta dos réximes transitorios das leis 9/2002, 6/2008 e 8/2012, e a edificabilidade residencial non afectada pola modificación xa foi distribuída entre os afectados no proxecto de compensación, limitándose os efectos do incumprimento dos prazos de urbanizar a consecuencias en materia de xestión (posible substitución do sistema, aplicación da vía de prema para a exacción das cotas de urbanización...) ou disciplina (infraccións por incumprimentos de prazos...).

3. Ordenación detallada (punto III.4 do informe do 5 de agosto de 2013).

No proxecto foron introducidas as modificacións necesarias para que non se autorice o transvasamento de edificabilidade e número de vivendas entre as parcelas afectadas.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 94.4 da LOUG, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela (A Coruña) no ámbito do plan parcial SUNP-31 San Marcos, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas