Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 4 de xuño de 2014 Páx. 25309

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 28 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos a bordo de buques pesqueiros, selectividade e rendemento enerxético, cofinanciadas nun 75 % co Fondo Europeo de Pesca (FEP) e se convocan axudas para o 2014.

O Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, establece o marco de apoio comunitario en favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro, das zonas de pesca e da pesca interior. Este regulamento establece ademais a obriga dos estados membros de adoptar un plan estratéxico nacional para o sector pesqueiro e un programa operativo coherente co plan estratéxico para aplicar as políticas e prioridades que deba cofinanciar o Fondo Europeo de Pesca (FEP).

Segundo a Decisión C (2012)9373 de execución da Comisión que modifica a Decisión C (2007)6615, a taxa media de cofinanciamento do FEP é dun 75 % en todas as medidas.

Ao abeiro deste regulamento, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicou as bases reguladoras das axudas aos investimentos a bordo de buques pesqueiros e selectividade, mediante a Orde do 31 de maio de 2010 (DOG núm. 105, do 4 de xuño), e posteriormente publicábanse convocatorias específicas anuais. Cómpre agora facer algunhas modificacións puntuais, publicar novamente toda a orde de bases reguladoras para facilitar aos interesados a súa consulta, integrar nunha única convocatoria os investimentos en rendemento enerxético xunto cos demais investimentos así como establecer a convocatoria para o ano 2014.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos a bordo de buques pesqueiros, selectividade e rendemento enerxético, ao abeiro do Regulamento (CE) 1198/2006, e establecer a convocatoria para o ano 2014.

Artigo 2. Finalidade das axudas

A finalidade destas axudas é a de contribuír á modernización da frota pesqueira galega mediante o financiamento de investimentos a bordo dos buques pesqueiros sempre que estes investimentos poidan servir para mellorar a seguridade a bordo, as condicións de traballo, a hixiene, a calidade dos produtos, o rendemento enerxético e a selectividade, sempre que iso non aumente a capacidade pesqueira dos buques, así coma a substitución dos motores, as artes de pesca e aqueles outros investimentos que reduzan os descartes, o impacto da pesca no ecosistema mariño e aqueles que protexan as capturas e as artes dos depredadores salvaxes.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo ás aplicación orzamentarias que sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Mediante a correspondente orde de convocatoria fixarase o crédito anual existente durante o período de elixibilidade do actual programa operativo (2007-2013), que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2007 ata o 31 de decembro de 2015, segundo dispón o artigo 55.1 do Regulamento (CE) nº 1198/2006.

3. Os importes fixados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderanse ampliar con fondos incorporados e remanentes adicionais, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. Para o ano 2014 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.770.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2014. O importe máximo das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 2.407.417,00 €.

6. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEP nun 75 % e do Estado membro nun 25 %.

Artigo 4. Requisitos dos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios os propietarios de buques pesqueiros da 3ª lista do Rexistro de Matrícula de Buques que cumpran os seguintes requisitos:

a) O buque para o cal se solicita o investimento ten que ter cinco anos ou máis, ter o seu porto base na Comunidade Autónoma galega e atoparse inscrito no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Censo de frota pesqueira operativa.

Para os efectos desta orde, para calcular a idade do buque tomarase como data de inicio a de entrada en servizo do devandito buque e como data final o día en que remate o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria correspondente.

b) Ter a correspondente resolución de autorización para realizar os investimentos solicitados naqueles casos en que esta sexa necesaria.

Será necesaria a autorización para aquelas obras do buque que dean lugar á variación das características de manga, puntal, eslora total, eslora entre perpendiculares e material do casco, así como tamén para os cambios de motor propulsor ou potencia auxiliar do buque, modificación dos tanques de combustible e calquera outra reforma que poida afectar a estabilidade ou navegabilidade do buque.

c) No caso de buques cuxa primeira venda dos produtos que captura sexa en fresco e, polo tanto, obrigatoria en lonxa, o volume de vendas que se obteña da suma das notas de venda durante o ano anterior ao da convocatoria deberá ser superior ao 50 % da media obtida para ese porto base e polo tipo de frota segundo se establece no artigo 15 desta orde.

d) No caso de buques para os cales a primeira venda dos produtos que captura non sexa obrigada en lonxa, o buque debe dispor da autorización para realizar a devandita venda.

2. Os beneficiarios da axuda deben estar ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Tampouco poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas que teñan unha sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, nin os que participen na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, para o cal deberán cubrir o anexo IV.

5. Será requisito para ser beneficiario que o solicitante, para o buque para o cal solicita axuda, teña constituído un seguro que garanta a cobertura de danos a terceiros.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios destas axudas están obrigados a:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.

Excepcionalmente, en casos xustificados, logo de petición do interesado, os prazos poderán ser prorrogados por resolución expresa do secretario xeral do Mar.

b) Manter a propiedade do buque durante un período mínimo de cinco anos. Se durante este período o beneficiario pretendese allealo, deberá xustificar tal petición á Consellería do Medio Rural e do Mar que, tras requirir a documentación que considere necesaria, en caso de autorizalo, resolverá cos condicionantes que considere oportunos. A transmisión non poderá dar lugar, en ningún caso, a un enriquecemento por parte do beneficiario da axuda.

Se o beneficiario é unha pluralidade de persoas sen personalidade xurídica propia, a agrupación non poderá disolverse ata que transcorran cinco anos desde o pagamento da axuda, aplicando o establecido no parágrafo anterior.

c) Manter o buque pesqueiro nun porto base da Comunidade Autónoma de Galicia durante un período mínimo de 5 anos contados desde a data contable do último pagamento.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

i) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

g) Comunicarlle á consellería a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

h) Comunicarlle á Consellería do Medio Rural e do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

i) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

j) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

k) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo de Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.

Artigo 6. Investimentos obxecto de subvención

1. Poderán ser elixibles ao abeiro desta orde os investimentos que se realicen a bordo dos buques e que teñan as seguintes finalidades:

a) Mellora da seguridade a bordo do buque.

b) Mellora das condicións de traballo.

c) Mellora das condicións de hixiene.

d) Mellora da calidade dos produtos.

e) Mellora do rendemento enerxético.

f) Mellora da selectividade.

g) Substitución do motor cos condicionantes do artigo 7 desta orde.

h) Substitución das artes de pesca por outras máis selectivas cos condicionantes do artigo 8 desta orde.

i) Mellora do rendemento enerxético (substitución de motor auxiliar).

j) Mellora do rendemento enerxético distinta da letra i, que acade: optimizar a xeración de enerxía en relación coa demanda desta no buque, o aproveitamento da enerxía residual, así coma aqueles investimentos que reduzan o consumo de combustible no buque

2. Tamén poderán ser elixibles aqueles investimentos que:

I) Permitan a conservación a bordo das capturas en que o seu descarte non estea autorizado.

II) Reduzan o impacto da pesca en especies non comerciais.

III) Reduzan o impacto da pesca nos ecosistemas e fondos mariños.

IV) Protexan as capturas e as artes dos depredadores salvaxes, sempre que non aumenten o esforzo pesqueiro nin se prexudique a selectividade das artes de pesca e se adopten todas as medidas adecuadas para evitar que se lles produzan danos físicos aos depredadores.

3. Non se concederá ningunha axuda para o aumento da capacidade ou habilidade pesqueira.

4. Tampouco se concederá ningunha axuda para o aumento de capacidade das adegas, nin para aqueles investimentos non previstos no proxecto presentado coa solicitude de axuda; nin para aqueles que supoñan a conservación, substitución ou reparación de elementos salvo que supoña unha mellora substancial nestes.

5. Os investimentos ou gastos para os cales se solicita a axuda non poderán estar iniciados antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes e debe acreditarse tal dato a través da acta de non inicio regulada no artigo 9 desta orde. Non obstante, e con carácter excepcional, permítese a realización de investimentos previos nos termos establecidos no artigo 9 punto 4.

6. Non serán subvencionables aqueles investimentos en que o importe da axuda resulte inferior a 600 euros.

Artigo 7. Condicións específicas para os investimentos en cambios de motor

1. Durante todo o período de vixencia do FEP poderase subvencionar un só cambio de motor por buque, sempre que:

a) Nos buques de eslora total inferior a 12 metros que non utilicen artes de arrastre das indicadas no cadro 3 do anexo I do Regulamento da Comisión Europea do 30 de decembro de 2003 (R CE 26/2004), a potencia do novo motor sexa igual ou inferior á do motor antigo.

b) Nos buques cuxa eslora total non supere os 24 metros e non estean recollidos na letra a), a potencia do novo motor sexa inferior nun 20 %, como mínimo, á do motor antigo.

c) Nos buques de arrastre cuxa eslora total supere os 24 metros, a potencia do novo motor sexa inferior nun 20 %, como mínimo, á do motor antigo, o buque sexa obxecto dun plan de salvamento e reestruturación dos indicados no artigo 21.1.f) do FEP e opte por un método de pesca que consuma menos combustible.

2. A redución do 20 % na potencia do motor poderá ser acadada por un grupo de buques cuxa eslora total supere os 12 metros, cos seguintes requisitos para todos os buques integrantes dos grupos:

a) Identificación individual de cada buque.

b) Que pesquen na mesma zona de xestión.

c) Que utilicen a mesma arte de pesca principal, segundo a enumeración do apéndice III, sección C, do Regulamento (CE) 1639/2001, da Comisión.

d) O número de buques integrantes do grupo non superará os 50.

Artigo 8. Condicións específicas para os investimentos nas artes de pesca

Poderán ser obxecto de subvención os investimentos nas artes de pesca coas seguintes condicións:

1. Durante todo o período de vixencia do FEP poderán ser subvencionadas como máximo dúas substitucións nas artes de pesca selectivas, sempre que o buque cumpra cos requisitos seguintes:

a) Estar incluídos nun plan de axuste do esforzo pesqueiro dos indicados no artigo 21, letra a), inciso I) do Regulamento base do FEP.

Ou

b) Que a nova arte sexa máis selectiva e se axuste a criterios e prácticas ambientais recoñecidas máis estritos que as obrigas existentes no marco da normativa comunitaria.

2. Tamén poderá ser subvencionada a primeira substitución da arte de pesca co fin de:

– Garantir que se axuste aos novos requisitos técnicos en materia de selectividade estipulados na lexislación comunitaria e ata que os devanditos requisitos se fagan obrigatorios.

– Reducir o impacto da pesca en especies non comerciais.

3. Ademais, deberán estar en posesión das autorizacións oportunas, de ser o caso.

Artigo 9. Certificación de non inicio

1. O non inicio acreditarase mediante certificación dos servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar, certificación que se solicitará coa antelación suficiente. Quedan exentas do anterior aquelas solicitudes en que o investimento declarado polo interesado sexa igual ou inferior a 6.000 € e se refira a instalacións de equipamentos que non requiran a autorización desta consellería.

Nestes casos, o non inicio do investimento acreditarase mediante declaración responsable de que os investimentos non foron iniciados, xunto coa factura ou facturas pro forma que se presentasen no momento da solicitude. En todo caso, os investimentos que se refiran a obras precisarán da acta de non inicio realizada polos servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. Para a realización das actas de non inicio poderanse realizar convocatorias colectivas fixando una data, un lugar e unha hora para a súa realización.

Esta convocatoria expoñerase nos taboleiros de anuncios dos departamentos territoriais da consellería e da confraría de pescadores correspondente.

3. Para a realización das actas de non inicio o interesado deberá poñer os medios necesarios que faculten a devandita inspección, asumindo os gastos que deriven dela.

4. Non obstante o indicado no punto 1 deste artigo, por causas xustificadas poderase solicitar á xefatura territorial correspondente da Consellería do Medio Rural e do Mar, e acordar por resolución do xefe territorial, a realización da certificación do non inicio por outros servizos:

4.1. No caso de que as obras se realicen noutra comunidade autónoma ou o buque estea noutra comunidade no momento de realización da acta, esta certificación poderá ser emitida polos servizos correspondentes desa comunidade autónoma.

4.2. Para obras que se realicen no estranxeiro, esta certificación poderá ser emitida por entidade ou organismo habilitado, feito que deberá estar debidamente acreditado coa inescusable intervención das autoridades españolas correspondentes (embaixada, consulado ou outras con capacidade para realizala).

5. Cando o buque estea nalgún porto fóra do territorio nacional, e sempre que concorran causas xustificadas e motivadas, a persoa titular da Secretaría Xeral do Mar poderá autorizar que a persoa ou persoas por ela designadas se despracen ata onde estea o buque para realizar a visita in situ e posterior certificación de non inicio; os gastos do devandito desprazamento serán por conta do solicitante da axuda.

6. Se for necesario realizar as obras antes do inicio da data de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente, de forma excepcional poderase facer unha certificación de non inicio antes de que as obras comecen, nos seguintes termos:

– A solicitude dirixirase á xefatura territorial e xuntarase una memoria que xustifique a necesidade de realización do investimento. Deberá ir acompañada das facturas pro forma, catálogo ou proxecto.

– A documentación será remitida pola xefatura territorial á Secretaría Xeral do Mar, que, despois da súa análise, emitirá un informe sobre a excepcionalidade da realización do investimento.

– A xefatura territorial, co informe vinculante anterior, acordará sobre a procedencia da realización da acta de non inicio anticipada.

Esta acta de non inicio anticipada, se for necesaria, será de obrigado cumprimento para todos os interesados, incluídos os de investimentos iguais ou inferiores a 6.000 € aínda que non inclúa obras.

Artigo 10. Tipo e contía das axudas

1. As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital.

2. Para os buques iguais ou maiores de 12 m de eslora total, a porcentaxe máxima de contribución pública das axudas poderá ser igual ou menor ao 40 % do total dos gastos elixibles, de acordo co establecido no anexo II do Regulamento do FEP. No caso de cambios de motor, o importe da axuda será como máximo un 20 % do gasto elixible.

3. Para os buques de menos de 12 m de eslora total, a porcentaxe máxima de contribución pública das axudas poderá ser igual ou menor ao 60 % do total dos gastos elixibles de acordo co establecido no anexo II do Regulamento do FEP.

4. O importe do investimento subvencionable será o que se obteña da valoración das obras ou investimentos con criterios técnico-económicos, obxectivos e homoxéneos, de acordo cos informes emitidos ao abeiro do convenio existente entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e o Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos.

Serán desestimadas aquelas solicitudes en que o importe da axuda resultante do investimento subvencionable sexa inferior a 600 €. Igualmente non se procederá ao pagamento daquelas axudas cuxo importe final a pagar sexa inferior a esa cantidade.

5. Terán a consideración de buques de pesca costeira artesanal aqueles buques pesqueiros de eslora total inferior a 12 metros, que non utilicen as artes de arrastre previstas no anexo I do Regulamento (CE) 26/2004, da Comisión, do 30 de decembro de 2003.

6. O gasto máximo elixible en todo o período de vixencia do FEP será o 50 % (o 75 % no caso de buques da pesca costeira artesanal) do valor que lle correspondería ao buque por paralización definitiva durante o primeiro ano de programación do Fondo Europeo de Pesca. Os investimentos en seguridade non computarán para os efectos da aplicación deste límite.

7. Procederá a devolución proporcional das axudas concedidas se o buque é dado de baixa do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia ou do Censo da frota pesqueira operativa dentro do prazo de cinco anos desde a data de remate dos traballos, acreditada coa última data do pagamento contable.

Artigo 11. Compatibilidade das axudas

1. As axudas establecidas nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario e a suma total das axudas non supere a porcentaxe máxima fixada no Regulamento (CE) 1198/2006 para a contribución pública.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os ditos límites, procederase, por resolución do órgano concedente, á minoración da axuda concedida.

3. O investimento do proxecto, sumadas todas as subvencións, non poderá ser superior ao prezo de mercado.

Artigo 12. Prazo de presentación das solicitudes e documentación necesaria (anexos normalizados e documentación complementaria)

1. Para esta convocatoria do 2014 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel (en orixinal e tres copias cotexadas) por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Malia o anterior, tamén se poderá presentar en formato papel en orixinal e tres copias cotexadas no Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou en calquera das oficinas a que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A solicitude e demais anexos normalizados está formada por:

– Anexo I desta orde relativo ao modelo de solicitude de axuda.

– Anexo II relativo á declaración doutras axudas e financiamento.

– Anexo III, debidamente cuberto nas correspondentes epígrafes de investimentos elixibles coa indicación do custo máximo previsto, sen IVE, e coa memoria xustificativa da subvencionabilidade dos investimentos.

– Anexo IV relativo á declaración de sancións, pesca ilegal e do seguro a terceiros.

– Só no caso de que o buque poida obter puntos polo establecido no artigo 15 punto 4 desta orde, deberá cubrir o anexo V, marcando o que proceda.

– Só no caso de que os solicitantes sexan una pluralidade de persoas físicas:

– Anexo VI. Declaración responsable coa porcentaxe de participación.

– Anexo VII. Compromiso de execución e de non disolución da agrupación ata que transcorran cinco anos desde o último pagamento.

6. A documentación complementaria está formada por:

– Acreditación da personalidade:

I. Se o solicitante é a persoa física propietaria do buque:

– Copia cotexada do DNI só no caso de non autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG nº 221, do 13 de novembro) e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG nº 134, do 10 de xullo).

II. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

– Copia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

– Certificación rexistral actualizada na cal figure a constitución da sociedade e os estatutos vixentes.

– Poder suficiente do representante no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

– Copia cotexada do DNI do representante, só no caso de non autorización do representante ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008 do 23 de outubro (DOG nº 221, do 13 de novembro) e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG nº 134, do 10 de xullo).

III. Se os solicitantes son unha pluralidade de persoas, deberán presentar:

– Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da solicitude da axuda, asinado por todos.

– Copia cotexada do DNI de cada un dos propietarios da embarcación, só no caso de non achegar o anexo VI de autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG nº 221, do 13 de novembro) e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG nº 134, do 10 de xullo).

– De houber, NIF da comunidade de bens ou sociedade civil.

– Copia cotexada da escritura de constitución e a porcentaxe de participación de cada un dos seus membros, só no caso de non achegar o anexo VI. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación.

– Autorización ou copia da solicitude de autorización para a realización do investimento previsto no caso de que esta sexa necesaria, sen prexuízo da achega da autorización previa a ditarse a proposta de resolución.

– Folla de asento actualizada (expedida nos tres meses anteriores contados desde a data de publicación desta orde) ou acreditación de tela solicitada, sen prexuízo da achega da folla de asento previa a ditarse a proposta de resolución.

– Certificación actualizada do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque ou solicitude da devandita certificación ante o Rexistro, sen prexuízo da achega da dita certificación previa a ditarse a proposta de resolución.

– Cando o importe do gasto unitario supere a contía de 50.000 euros no caso de execución de obras ou de 18.000 euros no caso de subministración de bens, o beneficiario deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

– Certificación do solicitante de que cada un dos investimentos non aumentan a habilidade pesqueira.

– Cando se trate de motores ou outros equipamentos: catálogos, especificacións e facturas pro forma ou, de ser o caso, certificado de importación.

– Só no caso de que o buque poida obter puntos polo establecido no artigo 15 punto 4 desta orde, deberá cubrir o anexo V e achegar a seguinte documentación:

– No caso de obter puntos polo indicado no punto I, será verificado de oficio pola Administración.

– No caso de obter puntos polo indicado no punto II, deberá achegar copia dos estatutos da asociación onde se recolle este feito ou compromiso ante notario.

– No caso de obter puntos polo indicado no punto III, copia cotexada do rol do buque.

– No caso de obter puntos polo indicado no punto IV, copia cotexada do convenio colectivo ou indicación do convenio a que estea adherido.

– No caso de obter puntos polo indicado no punto V, certificación da OP acreditativa deste dato.

– No caso de obter puntos polo indicado no punto VI, certificación da organización promotora da dita medida.

– No caso de obter puntos polo indicado no punto VII, copia cotexada do certificado da entidade, facultada para acreditar este feito.

– No caso de obter puntos polo indicado no punto VIII, documentación en que quede perfectamente acreditado este feito.

– No caso de obter puntos polo indicado no punto IX, copia cotexada do contrato e documentación acreditativa da situación de discapacidade ou situación de exclusión social.

7. Cada solicitante só poderá presentar unha solicitude para cada buque en cada convocatoria. No caso de que no prazo establecido se presente máis dunha solicitude, terase en conta unicamente a presentada en último lugar, e declararase a inadmisión da(s) outra(s).

8. Considérase o mínimo imprescindible para a tramitación de solicitudes presentar os documentos seguintes:

– Anexo I, asinado por persoa física; no caso de que quen asine o anexo I sexa o representante do(s) solicitante(s) deberá achegar tamén o poder en que conste tal representación.

– Anexo III, debidamente cuberto nas epígrafes e coa memoria que xustifica a subvencionabilidade dos investimentos para cada un deles.

– Cando se trate de motores ou outros equipamentos: catálogos, especificacións e facturas pro forma ou, de ser o caso, certificado de importación.

– Autorización para a realización das obras obxecto de subvención ou copia da presentación da solicitude para realizar as devanditas obras, cando proceda.

– Folla de asento actualizada (expedida nos 3 meses anteriores contados desde a data de publicación desta orde) ou acreditación da presentación da súa solicitude no seu defecto.

A non presentación da devandita documentación nos termos descritos, dará lugar á inadmisión da solicitude.

Artigo 13. Tramitación das solicitudes

1. Os servizos de Competitividade e Innovación Tecnolóxica das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar analizarán os expedientes e requirirán a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos, salvo os considerados como documentación mínima imprescindible recollidos no punto 4 do artigo anterior.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude. Non se aplicará o anteriormente exposto ás solicitudes que non veñan acompañadas da documentación mínima imprescindible sinalada no artigo 12.6, que non serán admitidas.

3. Sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.

5. Os expedientes serán remitidos xunto cun informe ao respecto ao Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota que analizará os expedientes naqueles aspectos que non fosen analizados polos servizos periféricos, previamente á súa remisión á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte. O Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, previamente á devandita remisión, poderá solicitar outros informes, se o considera oportuno.

6. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados, daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola Comisión de Valoración.

7. Os expedientes que non cumpran coas exixencias destas bases ou da normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor que formulará a proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, segundo o caso.

Artigo 14. Comisión de Valoración

1. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables. A comisión de avaliación poderá considerar como non viables proxectos ou actuacións presentados e, consecuentemente, propoñer a non concesión da subvención.

Así mesmo, á vista das solicitudes presentadas, poderá establecer límites máximos de investimentos elixibles, tanto por beneficiario como por actuación ou concepto elixible.

2. A comisión poderá propoñer a non concesión da axuda cando o custo de adquisición proposto polo solicitante sexa superior ao valor de mercado e, para estes efectos, poderá pedir que a valoración dos investimentos solicitados sexa realizada por taxador independente debidamente acreditado e inscrito no rexistro oficial correspondente.

3. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de avaliación constituída na Secretaría Xeral do Mar, que emitirá un informe ou unha acta co resultado da selección das solicitudes sometidas a avaliación e beneficiarias das axudas, que será incorporado ao expediente. No caso de que os investimentos teñan relación coas letras i) e j) do artigo 6 desta orde, a Comisión emitirá una proposta de selección das solicitudes que queda condicionada á presentación dunha auditoría ou estudo enerxético por parte do interesado no prazo estipulado pola Administración. A presentación do devandito documento que acredite a mellora do rendemento enerxético, facultará a resolución de concesión de axuda aos beneficiarios.

4. No devandito informe figurarán de forma individualizada os solicitantes propostos para obter a subvención, ordenados segundo a puntuación acadada tras aplicar os criterios de selección do artigo 15, e o importe que lle corresponda a cada un deles facendo constar, de ser o caso, a condición á que se refire o punto anterior.

Establecerase, ademais, unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos, non acadasen a puntuación necesaria por falta de crédito.

5. No caso de que os investimentos subvencionables dos expedientes non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a Valoración individualizada de cada expediente.

6. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidente: subdirectora xeral de Innovación Tecnolóxica.

b) Vogais: a xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota e os xefes de Servizo de Competitividade e Innovación Tecnolóxica de cada un dos departamentos territoriais. Un dos vogais da comisión actuará como secretario.

7. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente.

O órgano colexiado precisará de polo menos a metade dos membros para a realización da Valoración.

8. A Comisión de Valoración poderá traballar asistida dos asesores que considere conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

9. O presidente da Comisión de Valoración elevará a proposta de resolución desta ao órgano concedente, que ditará a correspondente resolución de concesión logo da preceptiva fiscalización do gasto.

Artigo 15. Criterios de selección

1. Os criterios de selección poderán modificarse en cada convocatoria durante a vixencia do FEP.

2. Para o ano 2014 os investimentos subvencionables valoraranse segundo o seguinte baremo, e tendo en conta o tipo de frota:

A) Frota de artes menores.

1º. Investimentos na mellora das medidas de seguridade: 80 puntos.

2º. Investimentos na mellora das condicións de hixiene ou na mellora da calidade dos produtos:

i) Substitución de madeira naquelas partes da embarcación ou noutros elementos que estean en contacto cos produtos da pesca por material impermeable e adecuado para o contacto cos produtos da pesca: 70 puntos.

ii) Sistemas que melloren a conservación dos produtos da pesca a bordo (no caso do peixe, habilitación da embarcación mediante un sistema non portátil para asegurar temperaturas próximas á fusión do xeo ou, no caso do marisco, que non afecte negativamente a súa inocuidade ou viabilidade): 70 puntos.

iii) Sistema de mellora da rastrexabilidade dos produtos pesqueiros a bordo e outros investimentos distintos dos anteriores: 70 puntos.

3º. Mellora do rendemento enerxético, distinta da mera substitución do motor auxiliar, que acade optimizar á xeración de enerxía en relación coa demanda desta no buque, aproveitar a enerxía residual ou que reduzan o consumo de combustible no buque: 61 puntos

4º. Investimentos na mellora das condicións de traballo: 60 puntos.

5º. Investimentos do artigo 6.2 desta orde reguladora: 40 puntos.

6º. Investimentos na mellora da selectividade ou substitución das artes de pesca: 32 puntos.

7º. Substitución do motor: 12 puntos.

8º. Simple substitución do motor auxiliar como mellora do rendemento enerxético: 4 puntos.

B) Frota de cerco.

1º. Investimentos na mellora das medidas de seguridade: 80 puntos.

2º. Investimentos na mellora das condicións de hixiene ou na mellora da calidade dos produtos:

i) Substitución de madeira naquelas partes da embarcación ou noutros elementos que estean en contacto cos produtos da pesca por material impermeable e adecuado para o contacto cos produtos da pesca: 70 puntos.

ii) Sistemas que melloren a conservación dos produtos da pesca a bordo: 70 puntos.

iii) Sistema de mellora da rastrexabilidade dos produtos pesqueiros a bordo e outros investimentos distintos dos anteriores: 70 puntos.

3º. Mellora do rendemento enerxético, distinta da simple substitución do motor auxiliar, que acade optimizar á xeración de enerxía en relación coa demanda desta no buque, aproveitar a enerxía residual ou que reduzan o consumo de combustible no buque: 61 puntos.

4º. Investimentos na mellora das condicións de traballo: 60 puntos.

5º. Investimentos do artigo 6.2 desta orde: 40 puntos.

6º. Investimentos na mellora da selectividade ou substitución das artes de pesca: 32 puntos.

7º. Substitución do motor: 10 puntos.

8º. Simple substitución do motor auxiliar como mellora do rendemento enerxético: 4 puntos.

C) Frota de arrastre litoral e arrastre en augas de Portugal.

1º. Investimentos na mellora das medidas de seguridade: 80 puntos.

2º. Investimentos na mellora das condicións de hixiene ou na mellora da calidade dos produtos pesqueiros: 70 puntos.

3º. Investimentos na mellora da selectividade ou substitución das artes de pesca: 65 puntos.

4º. Investimentos do artigo 6.2 desta orde: 64 puntos.

5º. Mellora do rendemento enerxético, distinta da simple substitución do motor auxiliar, que acade optimizar á xeración de enerxía en relación coa demanda desta no buque: 63 puntos.

6º. Mellora do rendemento enerxético, distinta da simple substitución do motor auxiliar, que acade o aproveitamento da enerxía residual: 62 puntos.

7º. Mellora do rendemento enerxético, distinta da simple substitución do motor auxiliar, que reduzan o consumo de combustible no buque: 61 puntos.

8º. Investimentos na mellora das condicións de traballo: 60 puntos.

9º. Simple substitución do motor auxiliar como mellora do rendemento enerxético: 12 puntos.

10º. Substitución do motor: 8 puntos.

D) Frota do caladoiro Cantábrico Noroeste distinta das anteriores.

1º. Investimentos na mellora das medidas de seguridade: 80 puntos.

2º. Investimentos na mellora das condicións de hixiene ou na mellora da calidade dos produtos pesqueiros: 70 puntos.

3º. Mellora do rendemento enerxético, distinta da simple substitución do motor auxiliar, que acade optimizar a xeración de enerxía en relación coa demanda desta no buque, aproveitar a enerxía residual ou que reduzan o consumo de combustible no buque: 61 puntos.

4º. Investimentos na mellora das condicións de traballo: 60 puntos.

5º. Investimentos do artigo 6.2 desta orde: 40 puntos.

6º. Investimentos na mellora da selectividade ou substitución das artes de pesca: 32 puntos.

7º. Substitución do motor: 10 puntos.

8º. Simple substitución do motor auxiliar como mellora do rendemento enerxético: 4 puntos.

E) Frota de altura (pesqueira comunitaria).

1º. Investimentos na mellora das medidas de seguridade: 80 puntos.

2º. Investimentos na mellora das condicións de hixiene ou na mellora da calidade dos produtos: 70 puntos.

3º. Investimentos na mellora da selectividade ou substitución das artes de pesca: 65 puntos.

4º. Investimentos do artigo 6.2 desta orde: 64 puntos.

5º. Mellora do rendemento enerxético, distinta da simple substitución do motor auxiliar, que acade optimizar a xeración de enerxía en relación coa demanda desta no buque: 63 puntos.

6º. Mellora do rendemento enerxético, distinta da simple substitución do motor auxiliar, que acade o aproveitamento da enerxía residual: 62 puntos.

7º. Mellora do rendemento enerxético, distinta da simple substitución do motor auxiliar, que reduzan o consumo de combustible no buque: 61 puntos.

8º. Investimentos na mellora das condicións de traballo: 60 puntos.

9º. Simple substitución do motor auxiliar como mellora do rendemento enerxético: 12 puntos.

10º. Substitución do motor: 8 puntos.

F) Frota de grande altura (pesqueira internacional).

1º. Investimentos na mellora das condicións de hixiene ou na mellora da calidade dos produtos: 70 puntos.

2º. Investimentos na mellora da selectividade ou substitución das artes de pesca: 65 puntos.

3º. Investimentos do artigo 6.2 desta orde: 64 puntos.

4º. Mellora do rendemento enerxético, distinta da simple substitución do motor auxiliar, que acade optimizar a xeración de enerxía en relación coa demanda desta no buque: 63 puntos.

5º. Mellora do rendemento enerxético, distinta da simple substitución do motor auxiliar, que acade o aproveitamento da enerxía residual: 62 puntos.

6º. Mellora do rendemento enerxético, distinta da simple substitución do motor auxiliar, que reduzan o consumo de combustible no buque: 61 puntos.

7º. Investimentos na mellora das condicións de traballo: 60 puntos.

8º. Investimentos na mellora das medidas de seguridade:50 puntos.

9º. Simple substitución do motor auxiliar como mellora do rendemento enerxético: 12 puntos.

10º. Substitución do motor: 8 puntos.

3. Ademais, engadiranse 5 puntos por cada un dos aspectos que a seguir se indican, para o cal deberán cubrir o anexo V co que proceda:

I. Naquelas frotas en que proceda, o buque é provedor habitual da marca de calidade «pescadeRías».

II. O armador ou propietario do buque ten acordos con outros armadores para a redución de custos, polo menos, do buque para o cal solicita axuda.

III. O buque ten mulleres enroladas desde, polo menos, a data da presentación da solicitude.

IV. O buque ten asinado un convenio colectivo ou está adherido a algún existente.

V. O buque pertence a unha organización de produtores.

VI. O buque pertence a algunha organización promotora dalgunha medida de autorregulación (norma de extensión, etc.) nos últimos 3 anos.

VII. O buque ten implantado un sistema de xestión da calidade, seguridade alimentaria ou de xestión ambiental.

VIII. Polo menos nunha parte, o buque intervén na comercialización dos seus produtos pesqueiros.

IX. A empresa solicitante da axuda favorece a inserción laboral de discapacitados ou persoas en situación de exclusión social.

A Administración poderá requirir de oficio ao interesado a documentación que considere oportuna para a verificación destes feitos.

4. No caso de empate terá preferencia o buque de menor antigüidade. De seguir o empate, terán preferencia os que presentasen antes a solicitude de axuda.

En calquera caso, terán prioridade sobre o resto da frota os barcos de artes menores.

5. Terase en conta o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia para a inclusión dos buques nas epígrafes indicadas no punto 2 deste artigo.

6. Para a concesión dunha axuda en que o investimento estea relacionado coa mellora do rendemento enerxético cómpre que o interesado presente unha auditoría ou estudo enerxético que xustifique a mellora do rendemento enerxético que supón o devandito investimento.

Artigo 16. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Secretaría Xeral do Mar.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de sete meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 17. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 16 non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo de tres (3) meses ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos, a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención relativa á obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou incumprimento dos prazos de realización das obras, variación do orzamento, cambio de beneficiario nos termos establecidos no punto 2 deste artigo ou calquera outro aspecto que se considere que afecta un aspecto substancial da resolución de concesión, poderá dar lugar á súa modificación ou á súa revogación.

2. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou beneficiario das axudas, agás nos casos de enfermidade que dificulte ou imposibilite a realización desta actividade, sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueloutros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade do buque e a subrogación do novo propietario na posición do solicitante ou beneficiario non desvirtúe a finalidade das axudas e non produza enriquecemento. En calquera caso, o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

Artigo 19. Actas de fin de obra

1. A realización do investimento xustificarase mediante a oportuna acta de fin de obra realizada polos servizos da consellería, logo de petición do beneficiario ante o Servizo de Competitividade e Innovación Tecnolóxica das xefaturas territoriais, que deberá formularse, polo menos, con 15 días de antelación á realización da acta.

2. Se as obras se realizan noutra comunidade autónoma ou no estranxeiro, ou o buque se atopa fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, no momento de realización da acta, aplicarase o establecido no artigo 9 punto 4 desta orde.

3. Para a realización das actas de fin de obra poderanse realizar convocatorias colectivas nos termos establecidos no artigo 9 punto 2 desta orde.

4. Exceptúanse dos puntos anteriores aqueles investimentos en que o importe da subvención sexa inferior a 9.000 €. Neste caso a realización do investimento xustificarase coas facturas e certificación bancaria dos pagamentos correspondentes ás ditas facturas, así como cunha declaración xurada do interesado de que o dito investimento foi realizado segundo a resolución de concesión.

5. A consellería poderá, en calquera momento, realizar as comprobacións que considere oportunas para verificar a efectiva e correcta realización dos investimentos antes mencionados.

6. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade na declaración mencionada no punto 4, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

7. Con carácter excepcional e logo de solicitude do interesado, debidamente motivada, o secretario Xeral do Mar poderá autorizar a expedición da acta de fin de obra antes de que o interesado estea en posesión da resolución de concesión de axudas e precise realizar a obra.

Esta autorización non suporá ningún dereito nin ningunha prioridade para ser beneficiario da axuda.

Artigo 20. Prazos de execución, xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, o prazo para xustificación material e documental dos investimentos será o 1 de decembro de 2014 agás que, excepcionalmente, a resolución individual de concesión da axuda dispoña dun prazo distinto. Este prazo poderá ser prorrogado por acordo do secretario xeral do Mar logo de solicitude do beneficiario e por causas debidamente motivadas.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presente a documentación xustificativa, declararase decaído do seu dereito ao cobramento.

3. Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o investimento obxecto da axuda estea realizado de conformidade coa resolución de concesión, integramente rematado e totalmente pagado. A acreditación da realización do investimento realizarase segundo o establecido no artigo 19 desta orde.

b) Que os beneficiarios estean ao día das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) De ser o caso, que os barcos achegados como baixa fosen retirados da actividade pesqueira, deberá acreditarse mediante certificación da capitanía ou depósito de rol e a patente de navegación.

4. Para o pagamento, o beneficiario deberá presentar, en orixinal e tres copias, nas delegacións territoriais da Xunta de Galicia ou en calquera das oficinas a que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación:

I) Anexo II relativo á declaración doutras axudas e financiamento.

II) Facturas orixinais do investimento realizado, que poderán ser devoltas por pedimento do interesado, unha vez tomada razón de que foron usadas para a percepción de axudas do Fondo Europeo da Pesca. As facturas que, se é o caso, se entreguen ao beneficiario serán marcadas cun cuño no cal se indique o financiamento do FEP.

III) Certificación bancaria acreditativa dos pagamentos realizados correspondentes ás mencionadas facturas. Os certificados bancarios indicarán a factura ou facturas que soportan. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

IV) No caso de que se achegasen baixas para os investimentos realizados, certificación da capitanía marítima correspondente acreditativa de que as baixas foron retiradas da actividade pesqueira mediante a entrega da patente de navegación e do rol e de que se iniciou o expediente de despezamento. Se o procedemento de retirada da actividade pesqueira é distinto do despezamento, acreditarase suficientemente este feito.

V) Se o importe da subvención é inferior a 9.000 €, declaración xurada nos termos establecidos no artigo 19 punto 4.

5. No caso de que o investimento for xustificado por menor contía que a considerada como elixible inicialmente, minorarase a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración na xustificación da axuda non afecte aspectos fundamentais do proxecto e non supoña unha execución deficiente desta.

6. No suposto de falta de xustificación documental ou material, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo os casos.

Artigo 21. Garantías

Se ao interesado se lle concede unha prórroga nos termos previstos no artigo 20.1 desta orde e a data para xustificación tanto material como documental dos investimentos sexa no ano inmediatamente seguinte, deberá presentar ante a Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda un aval polo importe do 110 % da axuda correspondente ao investimento para o cal se concedeu a prórroga.

Artigo 22. Reintegro das axudas

1. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Ademais será tamén causa de reintegro de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06) a comisión de infracción ao dereito comunitario polo beneficiario e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

3. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Autorizacións do beneficiario

1. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para incluír e facer públicos nos rexistros públicos de axudas, subvencións, convenios ou sancións os datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como ás sancións impostas conforme o establecido no Decreto132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. De acordo co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de estar ao día, nas obrigas tributarias e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non poden ser obtidos polo órgano xestor, poderanlle ser requiridos ao beneficiario.

3. Igualmente, se na solicitude de axuda o interesado ou representante marca o recadro correspondente (ou cobre o anexo VI se é unha pluralidade de persoas), esta actuación implicará a autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG nº 221, do 13 de novembro) e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG nº 134, do 10 de xullo). Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideran ser obtidos polo órgano xestor, poderanlle ser requiridos ao beneficiario.

Artigo 25. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. De conformidade co establecido no artigo 13, punto 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial (http://webpesca.xunta.es) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

Disposición transitoria primeira

Unicamente para a convocatoria do ano 2014 terán validez as actas de non inicio realizadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2013, salvo no caso de renuncia expresa á solicitude ou concesión da axuda, non aceptación dela ou que se declarase decaído no dereito de cobramento.

Disposición transitoria segunda

Aqueles solicitantes aos cales se lles conceda a axuda nesta convocatoria do ano 2014, e renuncien, non acepten ou se lles declare decaídos no seu dereito de cobramento, serán inadmitidos na seguinte convocatoria.

Disposición adicional única

Delégase na Secretaría Xeral do Mar a resolución destas axudas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Secretaría Xeral do Mar para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira terceira

No non previsto nesta orde, observarase o que establece o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; no Regulamento 1198/2006, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca; e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira cuarta

Quedan sen efecto as bases reguladoras das axudas aos investimentos a bordo de buques pesqueiros e selectividade, isto é, a Orde do 31 de maio de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos a bordo de buques pesqueiros e selectividade, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca. Non obstante, seranlles aplicables as súas disposicións aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file