Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 5 de xuño de 2014 Páx. 25486

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 3 de xuño de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de decembro de 2013 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2014.

Os artigos 46 e 47 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, aprobado polo Decreto 130/1997, do 14 de maio, recollen a obriga da Administración de adoptar, mediante unha orde anual, as normas xerais de pesca fluvial de distintas especies ictícolas e dos demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia.

En cumprimento do anterior, no Diario Oficial de Galicia número 248, do 30 de decembro de 2013, publicouse a Orde do 16 de decembro de 2013 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2014.

Entre as normas da tempada 2014 atópase o establecemento dunha cota anual de salmón no río Ulla. Esta cota anual vén sendo establecida conforme os datos poboacionais recollidos e analizados polo Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra.

Coa información dispoñible no momento de redactar a orde citada, a cota anual de captura no río Ulla estableceuse en 40 salmóns. Non obstante, coa información dispoñible a día de hoxe, en particular os datos de remonte de reprodutores de salmón, os indicadores de abundancia poboacional atópanse por riba das previsións realizadas a finais do ano pasado. Por tal motivo, o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra propón un incremento da cota de captura anual do río Ulla en 10 salmóns.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificase o artigo 1, número 2, alínea c), da Orde do 16 de decembro de 2013 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2014, no referente á cota anual de captura no río Ulla, que queda establecida en 50 salmóns.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e manterase vixente ata a publicación da orde correspondente á tempada de 2015.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas