Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 11 de xuño de 2014 Páx. 26251

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 66/2014, do 23 de maio, polo que se regula o recoñecemento e revogación da condición de comunidade galega e de centro colaborador da galeguidade, o Rexistro da Galeguidade e o seu funcionamento.

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego mediante o recoñecemento da súa galeguidade, cuxo alcance e contido será regulado por lei do Parlamento.

Así, pola Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, regulouse o recoñecemento da galeguidade, definindo o seu alcance nas ordes social e cultural.

A Lei 4/1983, do 15 de xuño e a posterior normativa de desenvolvemento fixaron un marco legal efectivo que permitiu ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia manter, mellorar e fortalecer as súas relacións coa sociedade galega e coa Administración autonómica.

Co transcurso dos anos, o desenvolvemento social, económico, político e normativo, tanto de Galicia como do Estado español e dos países de acollida dos galegos e das galegas residentes fóra de Galicia, a globalización económica, o fortalecemento da sociedade civil, así como a aprobación de diversas normas, tales como a Lei 40/2006, do 14 de decembro, do Estatuto da cidadanía española no exterior, e a Lei 52/2007, do 26 de decembro (Lei da memoria histórica), determinaron a necesidade de impulsar un novo texto lexislativo coa finalidade de actualizar as relacións das comunidades galegas co pobo galego e facer máis eficiente o uso dos recursos públicos en favor dos galegos e das galegas residentes no exterior, e das comunidades que conforman. Neste contexto aprobouse a Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

A pesar de que ao longo do articulado da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, se regulan importantes materias que requiren desenvolvemento regulamentario, resulta necesario desenvolver, en primeiro lugar, as relativas a materias en que a lei introduce importantes novidades respecto á lexislación anterior, concretamente no referente á tipoloxía de entidades galegas asentadas fóra de Galicia que poden ser recoñecidas, aos requisitos que deben cumprir as comunidades galegas e os centros colaboradores da galeguidade, en especial no relativo ao seu arraigamento –entendido como anos de funcionamento ininterrompido–, número mínimo de socios/as e destino do seu patrimonio no caso de disolución, ao procedemento para o seu recoñecemento e revogación, así como ás funcións e organización do Rexistro da Galeguidade e á inscrición das entidades galegas asentadas fóra de Galicia, para nun momento posterior desenvolver outras materias, como son a relativa ao alcance do recoñecemento da galeguidade, concretando e delimitando os dereitos que a lei outorga as comunidades galegas recoñecidas ao seu abeiro, así como a relativa aos órganos de representación e de participación das ditas entidades.

No título I da lei, dedicado as entidades galegas asentadas fóra de Galicia, contense unha prolixa regulación das comunidades galegas e dos centros colaboradores da galeguidade, dos seus fins, requisitos, do procedemento para o seu recoñecemento e revogación deste, así como da inscrición do resto de entidades galegas asentadas fóra de Galicia. No entanto, ao longo do seu articulado recóllense aspectos que deben ser concretados regulamentariamente.

Pola súa parte, no título IV da lei, no cal se crea o Rexistro da Galeguidade, conteñénse referencias mínimas no tocante ás súas funcións e organización que, igualmente, deben ser obxecto de desenvolvemento regulamentario.

Así pois, o presente decreto ten por obxecto o desenvolvemento parcial da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, concretando e delimitando as ditas materias.

Este decreto estrutúrase nun título preliminar, dous títulos, dúas disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria e dúas derradeiras.

O título preliminar determina o obxecto do decreto, concretando as materias que regula.

O título I, ao longo dos seis capítulos de que consta, regula o procedemento para o recoñecemento e revogación da condición de comunidade galega e de centro colaborador da galeguidade.

O capítulo I ten por finalidade establecer cuestións comúns tales como delimitar, para os efectos do decreto, quen terá a condición de socio/a dunha entidade e a forma de acreditar o número de socios/as e de solicitar o recoñecemento por parte das entidades galegas.

O capítulo II regula o procedemento para o recoñecemento da condición de comunidade galega, concretando o número mínimo de socios/as e de socios/as galegos/as ou descendentes deles/as que deben acreditar as entidades, así como a documentación que deben presentar para o seu recoñecemento.

O capítulo III regula o procedemento para o recoñecemento da condición de centro colaborador da galeguidade, concretando o número de socios/as galegos/as ou descendentes deles/as que deben acreditar as entidades, así como a documentación que deben presentar para o seu recoñecemento.

O capítulo IV fai referencia ao recoñecemento das entidades resultantes dun proceso de unión ou fusión.

O capítulo V establece a obriga das entidades recoñecidas de remitir anualmente unha memoria de actividades e unha memoria económica que permita que o órgano competente en materia de emigración poida comprobar a súa adecuación aos fins para os que foron recoñecidas.

O capítulo VI regula o procedemento para a revogación do recoñecemento da condición de comunidade galega ou de centro colaborador, as súas causas e os seus efectos.

O título II ten por finalidade regular o Rexistro da Galeguidade e o seu funcionamento.

O capítulo I aborda cuestións de índole xeral tales como o seu obxecto, a súa adscrición e natureza, as súas funcións e o dereito de acceso e nivel de protección.

O capítulo II céntrase na organización e funcionamento do rexistro, nos datos inscritibles e datos complementarios e na publicidade do rexistro.

O capítulo III regula o procedemento para a inscrición no rexistro das entidades galegas.

O capítulo IV céntrase no procedemento para a modificación dos datos rexistrados.

O capítulo V regula o procedemento de cancelación da inscrición.

E finalmente, o capítulo VI establece as obrigas das entidades galegas unha vez inscritas no rexistro.

A disposición adicional primeira regula o procedemento para a acreditación dos novos requisitos establecidos pola Lei 7/2013, do 13 de xuño, por parte das comunidades galegas recoñecidas pola normativa anterior.

A disposición adicional segunda regula o procedemento para a acreditación dos novos requisitos establecidos pola Lei 7/2013, do 13 de xuño, por parte dos centros colaboradores recoñecidos pola normativa anterior.

A disposición transitoria única establece, durante un período transitorio dun ano, un número menor de socios/as dos previstos no presente decreto, para que as comunidades galegas recoñecidas pola normativa anterior á Lei 7/2013, do 13 de xuño, poidan conseguir a incorporación de novos/as socios/as ou, de ser o caso, constitúan novas entidades mediante procesos de unión ou fusión, nas cales se integrarán os/as socios/as das entidades participantes nel.

A disposición derrogatoria única contén unha derrogación xenérica de cantas disposicións se opoñan ao establecido neste decreto.

A disposición derradeira primeira faculta o órgano competente en materia de emigración para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e execución do establecido no decreto.

A disposición derradeira segunda establece o prazo de entrada en vigor da norma.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de maio de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Título preliminar
Obxecto

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto o desenvolvemento parcial da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, no relativo ao procedemento e requisitos para o recoñecemento das comunidades galegas e dos centros colaboradores da galeguidade, ao procedemento para a revogación do dito recoñecemento, ás funcións e organización do Rexistro da Galeguidade e á inscrición das entidades galegas asentadas fóra de Galicia.

TÍTULO I
Do recoñecemento e revogación da condición de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade

CAPÍTULO I
Normas comúns

Artigo 2. Determinación da condición de socio/a

1. Para os efectos do presente decreto, terá a condición de socio/a dunha comunidade galega ou dun centro colaborador da galeguidade a persoa asociada que estea ao día no pagamento das súas cotas societarias, salvo que a entidade acredite a súa condición de socio/a exento/a de pagamento.

No caso de que as cotas sexan familiares, terán a condición de socio/a todos e cada un dos/as membros da respectiva unidade familiar.

Para os efectos deste decreto, a unidade familiar estará formada polos cónxuxes ou parellas de feito, non separados legalmente ou de feito e, de ser o caso, os seus/as súas fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan no mesmo domicilio.

2. As persoas beneficiarias de actividades de carácter socioasistencial ou sanitario ou calquera outra que implique a prestación de servizos a terceiros poderán ter a condición de socios/as da entidade prestadora sempre que conste o seu consentimento expreso para participar nas actividades de carácter social e/ou cultural da entidade.

3. Para os efectos desde decreto, ningunha persoa poderá figurar como socia en máis dunha comunidade galega ou centro colaborador da galeguidade do mesmo ámbito territorial, de tal xeito que se computará como socia da entidade que expresamente sinale ou, na súa falta, da entidade en que acredite maior antigüidade.

Artigo 3. Acreditación do número de socios/as da entidade

O número de socios/as dunha comunidade galega ou dun centro colaborador da galeguidade acreditarase mediante unha certificación da persoa representante legal da entidade, na cal deberá constar:

a) Número total de socios/as da entidade.

b) Número total de socios/as da entidade que teñan a condición de galego/a ou descendente de galego/a ata o segundo grao.

c) Número total de socios/as exentos/as de pagamento.

Á devandita certificación achegarase unha lista nominal dos/as socios/as da entidade en que conste a súa vinculación con Galicia debidamente acreditada.

Artigo 4. Solicitude de recoñecemento

1. As solicitudes para o recoñecemento como comunidade galega ou como centro colaborador da galeguidade deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Cando a persoa solicitante non dispoña de mecanismos de identificación e sinatura recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, deberá cubrir o formulario electrónico normalizado accesible desde a sede e enviar, ademais, en soporte papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, documento acreditativo de que cubriu o dito formulario.

Recibido o dito documento, o órgano competente en materia de emigración procederá a acreditar a identidade da persona solicitante e a dotala dun mecanismo de identificación e sinatura electrónica baseado en datos coñecidos por ambas as partes. Este mecanismo poderá ser empregado en todos aqueles procedementos para os cales o órgano competente en materia de emigración así o estableza.

3. Cando a documentación complementaria se presente electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

4. No suposto de que a solicitude non reúna os requisitos formais exixidos ou a documentación presentada sexa incompleta, requirirase a entidade para que, no prazo de 10 días, emende a falta en que incorren ou presente os documentos preceptivos, indicándose que, se non o fixer, se terá por desistida da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

CAPÍTULO II
Das comunidades galegas

Artigo 5. Comunidades galegas

De conformidade co establecido no artigo 6 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, poderá recoñecerse a condición de comunidade galega ás entidades sen ánimo de lucro asentadas fóra de Galicia e constituídas por galegos/as, con personalidade xurídica no territorio en que estean asentadas e que teñan por obxecto principal os labores de protección, instrución ou lecer dos/as galegos/as residentes fóra de Galicia e dos/das seus/súas descendentes, e/ou o mantemento ou fomento dos lazos culturais, sociais ou económicos con Galicia, sempre que cumpran os requisitos establecidos no artigo 8 daquela.

Artigo 6. Determinación do número mínimo de socios/as e de socios/as galegos/as ou descendentes deles/as

1. O número mínimo de socios/as a que fai referencia o artigo 8.1.b) da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, será de 400.

Deste número total de socios/as da entidade, polo menos o 55 % deles/as deberán posuír a condición de galegos/as ou descendentes deles/as ata o segundo grao.

2. Non obstante o anterior, as entidades galegas singulares, entendidas como aquelas asentadas nun municipio ou división administrativa equiparable á municipal, en que non estea constituída ningunha outra entidade galega, deberán acreditar un número mínimo de socios/as de 150, dos/as cales, polo menos o 55 % deberán posuír a condición de galegos/as ou descendentes deles/as ata o segundo grao.

Artigo 7. Documentación

1. As entidades galegas asentadas fóra de Galicia que cumpran os requisitos establecidos no artigo 8.1 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, poderán solicitar o recoñecemento da condición de comunidade galega, mediante a presentación da correspondente solicitude, conforme o establecido no artigo 4, dirixida ao órgano competente en materia de emigración, acompañada da seguinte documentación:

a) Acta fundacional e estatutos vixentes da entidade.

b) Certificación do acordo, adoptado polo órgano competente da entidade, de solicitar o recoñecemento da condición de comunidade galega.

c) Documentación acreditativa do seu recoñecemento no territorio onde estea establecida.

d) Memoria descritiva da historia da entidade desde a súa constitución.

e) Memoria indicativa das actividades levadas a cabo pola entidade, cando menos, nos últimos dez anos.

f) Memoria económica e patrimonial en que conste a relación de bens propiedade da entidade, especialmente daqueles de carácter cultural relacionados con Galicia.

g) Certificación nominal dos/das socios/as da entidade en que conste a súa vinculación con Galicia, debidamente acreditada e que cumpran co previsto nos puntos 1.b) e 2 do artigo 8 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

h) Acreditación da identidade da persoa que asina a solicitude e da súa representación.

i) Documentación acreditativa da súa inscrición no rexistro correspondente.

j) Número de identificación fiscal ou equivalente da entidade e documentación acreditativa da composición dos seus órganos de goberno.

k) Denominación, símbolo, sede social, datos postais, telefónicos e telemáticos, así como o ámbito territorial da entidade.

2. A memoria de actividades prevista no artigo 9.2.e) da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, deberá conter unha descrición das actividades desenvolvidas anualmente pola entidade, ao menos, dos últimos dez anos e a relación destas co obxecto principal da entidade, tal e como se define no artigo 6.1 da lei e cos fins relacionados no artigo 8.1 d) dela, con especial referencia ás de carácter divulgativo da cultura e a lingua galegas.

3. A memoria económica prevista no artigo 9.2.f) da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, deberá conter a seguinte información:

a) Ingresos obtidos pola entidade tales como cotas de socios/as, axudas recibidas por parte das administracións públicas, tanto das administracións do Estado español como as percibidas das administracións onde estea asentada a entidade e pagamentos percibidos pola prestación remunerada de servizos aos/ás socios/as ou a terceiros.

b) Relación anual de gastos da entidade.

c) No caso de que o balance de ingresos e gastos da entidade sexa negativo, deberá presentar un proxecto de viabilidade e sustentabilidade a catro anos que garanta, ao menos, o seu funcionamento ordinario con fondos propios.

Artigo 8. Procedemento para o recoñecemento da condición de comunidade galega

1. Á vista da solicitude de recoñecemento presentada, e de conformidade co establecido no artigo 9.1 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, a persoa encargada do Rexistro da Galeguidade elaborará un informe sobre o cumprimento dos fins e requisitos establecidos na devandita lei e no presente decreto, que será remitido á Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para os efectos da emisión do informe a que se refire o devandito artigo.

2. Á vista dos informes a que se fai referencia no parágrafo anterior, o órgano competente en materia de emigración propoñerá ao Consello da Xunta de Galicia a adopción do correspondente acordo.

3. O prazo máximo para adoptar e notificar o acordo do Consello da Xunta de Galicia será dun ano contado desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente en materia de emigración. Transcorrido o prazo máximo sen terse notificado o acordo expreso, a entidade poderá entender desestimada a súa solicitude.

O acordo do Consello da Xunta de Galicia de recoñecemento da condición de comunidade galega será publicado no Diario Oficial de Galicia.

4. De conformidade co establecido no artigo 9.4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as entidades ás cales lles sexa denegado o recoñecemento da condición de comunidade galega poderán ser recoñecidas noutra categoría das establecidas no artigo 4 da lei, sempre que cumpran os requisitos establecidos por ela para a categoría correspondente.

Para estes efectos, xunto coa notificación á entidade do acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se denega o recoñecemento da condición de comunidade galega, o órgano competente en materia de emigración concederalle un prazo dun mes para que manifeste a súa conformidade a ser recoñecida noutra categoría. Transcorrido este prazo sen terse recibido tal conformidade, entenderase que a entidade rexeita ese recoñecemento, do cal se deixará constancia no expediente.

CAPÍTULO III
Dos centros colaboradores da galeguidade

Artigo 9. Centros colaboradores da galeguidade

1. De conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, poderá recoñecerse a condición de centro colaborador da galeguidade a aquelas entidades legalmente constituídas fóra do territorio de Galicia, sen ánimo de lucro, que teñan por obxecto nos seus estatutos o mantemento ou a recuperación dos lazos culturais, sociais e económicos con Galicia ou que desenvolvan algún dos fins recollidos no seu artigo 7.

2. Igualmente, e de conformidade co artigo 11.4 da devandita lei, poderá recoñecerse a condición de centro colaborador da galeguidade a aquelas institucións sen ánimo de lucro, asentadas fóra do territorio de Galicia, recoñecidas polo ordenamento xurídico do Estado en que estean establecidas, que posúan unha sección diferenciada dentro da propia entidade, constituída por galegos/as ou descendentes de primeiro grao destes/as, sempre que a sección diferenciada cumpra cos requisitos esixidos no artigo 11.1 da lei.

Artigo 10. Determinación do número de socios/as galegos/as ou descendentes deles/as

A porcentaxe de socios/as da entidade que deben posuír a condición de galegos/as ou descendentes deles/as ata o segundo grao previsto no artigo 11.1.c) da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade será do 50 % do total de socios/as.

Artigo 11. Documentación

1. As entidades que cumpran os requisitos establecidos no artigo 11.1 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, poderán solicitar o recoñecemento da condición de centro colaborador da galeguidade, mediante a presentación da correspondente solicitude, conforme o establecido no artigo 4, dirixida ao órgano competente en materia de emigración, acompañada da seguinte documentación:

a) Acta fundacional e estatutos vixentes da entidade.

b) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade de solicitar o recoñecemento da condición de centro colaborador da galeguidade.

c) Documentación acreditativa do seu recoñecemento no territorio onde estea establecida.

d) Memoria descritiva da historia da entidade desde a súa constitución.

e) Memoria indicativa das actividades levadas a cabo pola entidade, cando menos, nos últimos dous anos.

f) Memoria económica e patrimonial en que conste a relación de bens propiedade da entidade, especialmente daqueles de carácter cultural relacionados con Galicia.

g) Certificación nominal dos socios/as da entidade en que conste a súa vinculación con Galicia, debidamente acreditada.

h) Acreditación da identidade da persoa que asina a solicitude e da súa representación.

i) Documentación da súa inscrición no rexistro correspondente.

j) Número de identificación fiscal ou equivalente da entidade e documentación acreditativa da composición dos seus órganos de goberno.

k) Denominación, símbolo, sede social, datos postais, telefónicos e telemáticos, así como o ámbito territorial da entidade.

2. A memoria de actividades prevista no artigo 12.2.e) da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, deberá conter unha descrición das actividades desenvolvidas anualmente pola entidade, ao menos, dos últimos dous anos, e a relación destas co obxecto da entidade, tal e como se define no artigo 10 da devandita lei ou con algún dos fins relacionados no artigo 7 dela.

3. A memoria económica prevista no artigo 12.2.f) da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade deberá conter a seguinte información:

a) Ingresos obtidos pola entidade tales como cotas de socios/as, axudas recibidas por parte das administracións públicas, tanto das administracións do estado español como as percibidas das administracións onde estea asentada a entidade, e pagamentos percibidos pola prestación remunerada de servizos aos/ás socios/as ou a terceiros.

b) Relación anual de gastos da entidade.

c) No caso de que o balance de ingresos e gastos da entidade sexa negativo, deberá achegar un proxecto de viabilidade e sustentabilidade a catro anos que garanta, ao menos, o seu funcionamento ordinario con fondos propios.

Artigo 12. Procedemento para o recoñecemento da condición de centro colaborador da galeguidade

1. Á vista da solicitude de recoñecemento presentada, e de conformidade co establecido no artigo 12.1 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, a persoa encargada do Rexistro da Galeguidade elaborará un informe sobre o cumprimento dos fins e requisitos establecidos na devandita lei e no presente decreto, que será remitido á Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para os efectos da emisión do informe a que se refire o devandito artigo.

2. Á vista dos informes a que se fai referencia no parágrafo anterior, o órgano competente en materia de emigración ditará a resolución que corresponda.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será dun ano contado desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente en materia de emigración. Transcorrido o prazo máximo sen terse notificado a resolución expresa, a entidade poderá entender desestimada a súa solicitude.

CAPÍTULO IV
Das entidades resultantes dun proceso de unión ou fusión

Artigo 13. Unión de entidades

1. As entidades inscritas no Rexistro da Galeguidade poderán unirse entre elas co fin de defender e integrar os seus intereses e facilitar o cumprimento das finalidades e obxectivos que lles sexan propios, mediante a creación dunha entidade.

Así mesmo, as comunidades galegas e os centros colaboradores da galeguidade poderán unirse con outras entidades non recoñecidas ao abeiro da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, sempre que a entidade resultante cumpra cos requisitos necesarios para seguir mantendo a súa condición de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade.

2. De conformidade co establecido no artigo 20.1 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as entidades que inicien un proceso de unión deberán comunicalo ao Rexistro da Galeguidade mediante a remisión do acordo dos seus órganos competentes.

3. Finalizado o proceso de unión, a nova entidade poderá solicitar o recoñecemento da condición de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade, segundo corresponda, mediante a presentación da correspondente solicitude, conforme o establecido no artigo 4, dirixida ao órgano competente en materia de emigración, acompañada da documentación establecida nos artigos 7 e 11, respectivamente, coa excepción dos sinalados nas letras d) e e) do número 1 de ambos os dous artigos.

4. O procedemento para o recoñecemento da nova entidade será o establecido nos artigos 8 e 12, respectivamente.

Artigo 14. Fusión de entidades

1. As entidades inscritas no Rexistro da Galeguidade poderán fusionarse entre elas co fin de defender e integrar os seus intereses e facilitar o cumprimento das finalidades e obxectivos que lles sexan propios, mediante a absorción dunha ou varias por outra xa existente.

Así mesmo, as comunidades galegas e os centros colaboradores da galeguidade poderán fusionarse con outras entidades non recoñecidas ao abeiro da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, sempre que a entidade resultante cumpra cos requisitos necesarios para seguir mantendo a súa condición de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade

2. De conformidade co establecido no artigo 20.1 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as entidades que inicien un proceso de fusión deberán comunicalo ao Rexistro da Galeguidade mediante a remisión do acordo dos seus órganos competentes.

3. Finalizado o proceso de fusión, a entidade absorbente poderá solicitar o recoñecemento da condición de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade, segundo corresponda, mediante a presentación da correspondente solicitude, conforme o establecido no artigo 4, dirixida ao órgano competente en materia de emigración, acompañada da documentación establecida nos artigos 7 e 11, respectivamente, coa excepción dos sinalados nas letras d) e e) do número 1 de ambos os artigos.

4. O procedemento para o recoñecemento da entidade absorbente será o establecido nos artigos 8 e 12, respectivamente.

CAPÍTULO V

Obrigas das entidades recoñecidas

Artigo 15. Obrigas das entidades recoñecidas

Co fin de acreditar a súa actividade ininterrompida, as comunidades galegas e centros colaboradores da galeguidade recoñecidos deberán remitir ao órgano competente en materia de emigración, dentro do primeiro trimestre de cada ano, unha memoria das actividades desenvolvidas no ano anterior, así como unha memoria económica, nos termos do establecido nos artigos 7 e 11, respectivamente.

CAPÍTULO VI
Da revogación do recoñecemento da condición de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade

Artigo 16. Causas de revogación

1. A revogación do recoñecemento da condición de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade poderá acordarse, de oficio ou por instancia de parte, polas seguintes causas:

a) O incumprimento de calquera dos requisitos establecidos na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade ou no presente decreto.

b) O incumprimento grave e reiterado dos deberes fixados na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade ou no presente decreto.

c) A inactividade da entidade durante un período ininterrompido de dous anos.

d) A sentenza xudicial firme que declare a falsidade de datos ou documentos que consten na inscrición.

e) A cancelación ou a perda da eficacia das autorizacións preceptivas outorgadas no seu día polos organismos competentes para a súa válida constitución.

f) A realización de accións ou omisións en materia de subvencións tipificadas como infraccións moi graves pola normativa vixente da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de subvencións.

2. A inactividade prevista na letra c) deste artigo entenderase producida cando a entidade incumpra a obriga de remisión da memoria de actividades e da memoria económica, previstas no artigo 15, durante dous anos consecutivos.

Artigo 17. Revogación de oficio

1. O órgano competente en materia de emigración poderá iniciar de oficio o procedemento para a revogación do recoñecemento da condición de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade por calquera das causas establecidas no artigo 16.

2. Unha vez iniciado o procedemento, a persoa encargada do Rexistro da Galeguidade elaborará un informe acerca da concorrencia da causa de revogación, que será remitido, xunto co acordo de inicio, á entidade para que, no prazo improrrogable de 15 días hábiles, manifeste o que considere oportuno.

3. No caso de revogación do recoñecemento da condición de comunidade galega, o acordo de inicio, o informe da persoa encargada do Rexistro da Galeguidade, así como as alegacións da entidade, serán remitidas á Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para os efectos da emisión do informe a que se refire o artigo 17.2 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

4. Unha vez emitido o informe da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, o órgano competente en materia de emigración propoñerá ao Consello da Xunta de Galicia o acordo de revogación do recoñecemento da condición de comunidade galega.

5. O prazo máximo para adoptar e notificar o acordo do Consello da Xunta de Galicia será de seis meses contados desde a data de inicio do expediente de revogación polo órgano competente en materia de emigración.

6. No caso da revogación da condición de centro colaborador da galeguidade o órgano competente en materia de emigración, á vista das alegacións do centro colaborador e do informe da persoa encargada do Rexistro da Galeguidade, ditará a correspondente resolución.

7. O prazo máximo para resolver será de seis meses, contados desde a data de inicio do expediente de revogación polo órgano competente en materia de emigración.

Artigo 18. Revogación por instancia das entidades

1. As entidades poderán solicitar ao órgano competente en materia de emigración a revogación do recoñecemento da súa condición de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade, segundo o modelo que figura como anexo II e na forma establecida no artigo 4.

2. No caso da solicitude de revogación dunha comunidade galega, o órgano competente en materia de emigración propoñerá ao Consello da Xunta de Galicia a súa aceptación sen máis trámite.

3. O prazo máximo para adoptar e notificar o acordo de aceptación do Consello da Xunta de Galicia será de seis meses contados desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente en materia de emigración. Transcorrido o prazo máximo sen terse notificado o acordo expreso, a entidade poderá entender estimada a súa solicitude.

4. As solicitudes de revogación dos centros colaboradores da galeguidade serán aceptadas sen máis trámite polo órgano competente en materia de emigración, que ditará a correspondente resolución.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses contados desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente en materia de emigración. Transcorrido o prazo máximo sen terse notificado a resolución expresa, a entidade poderá entender estimada a súa solicitude.

Artigo 19. Efectos da revogación do recoñecemento

1. De conformidade co establecido no artigo 17.6 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, a revogación do recoñecemento da condición de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade suporá a cancelación de oficio da inscrición da entidade no Rexistro da Galeguidade.

2. No suposto de revogación por incumprimento grave dos deberes fixados para as entidades ou dos requisitos previstos na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, a entidade virá obrigada á devolución á Xunta de Galicia das subvencións e axudas recibidas a partir do momento do incumprimento de tales deberes ou requisitos.

TÍTULO II
Do Rexistro da Galeguidade

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 20. Obxecto do Rexistro da Galeguidade

1. O Rexistro da Galeguidade ten por obxecto a inscrición de oficio, na correspondente sección, das entidades a que lles sexa recoñecida a condición de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade, conforme o establecido na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, así como a inscrición e depósito dos actos e documentos relativos a elas.

2. As demais entidades poderán solicitar a súa inscrición na correspondente sección do Rexistro da Galeguidade.

Artigo 21. Adscrición e natureza do rexistro

1. O Rexistro da Galeguidade adscríbese ao órgano competente en materia de emigración da Xunta de Galicia.

2. A inscrición no rexistro das entidades a que, conforme a lei, lles sexa recoñecida a condición de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade é obrigatoria. O resto das entidades poderán solicitar a súa inscrición no rexistro.

3. A inscrición no Rexistro da Galeguidade será requisito indispensable para acceder ás axudas e subvencións públicas do órgano competente en materia de emigración da Xunta de Galicia.

Artigo 22. Dereito de acceso ao rexistro. Nivel de protección

1. O Rexistro da Galeguidade ten carácter público e gratuíto.

2. O dereito de acceso ao Rexistro da Galeguidade e aos documentos que constan nos seus arquivos exercerase nos termos e condicións establecidos na Constitución, na Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e nas demais leis que resulten de aplicación.

3. O tratamento dos datos de carácter persoal que figuran no Rexistro da Galeguidade realizarase de acordo co previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e demais disposicións complementarias.

4. O nivel de seguridade do Rexistro da Galeguidade será o nivel básico.

Artigo 23. Encargado/a do rexistro

A Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno será o órgano encargado do Rexistro da Galeguidade.

Artigo 24. Funcións

Son funcións do Rexistro da Galeguidade:

1. Practicar a inscrición das entidades e anotacións dos actos e datos inscritibles establecidos neste decreto.

2. O depósito e arquivamento da documentación que conste no expediente de cada entidade.

3. A petición de documentación.

4. Emisión de informes.

5. Expedición de certificacións sobre os asentos e documentos que consten no expediente que lle sexan solicitadas.

6. A resolución de consultas cando, a xuízo da persoa encargada do Rexistro da Galeguidade, sexan de interese xeral.

7. A elevación de propostas de recoñecemento ou de cancelación.

8. Calquera outra función que lle atribúa a normativa vixente.

Artigo 25. Informatización e depósito de documentación do rexistro

1. O rexistro levarase por procedementos e medios informáticos. Para cada unha das entidades abrirase unha folla en que se asentarán todos os datos inscritibles referentes a ela.

2. As características técnicas da aplicación informática que vai servir de soporte ao rexistro serán determinadas polo órgano competente en materia de emigración que, en todo caso, deberá garantir a integridade e seguridade dos datos reflectidos nela.

3. Así mesmo, para cada unha das entidades levarase un arquivo individualizado en que se conservarán e depositarán os documentos presentados para a práctica das inscricións.

CAPÍTULO II
Organización e funcionamento do Rexistro da Galeguidade

Artigo 26. Organización

1. O Rexistro da Galeguidade é único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

2. De conformidade co establecido no artigo 33 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, o rexistro organízase nas seguintes seccións:

a) Comunidades galegas.

b) Centros colaboradores da galeguidade.

c) Federacións de comunidades e de entidades.

d) Centros de estudo e difusión da cultura galega.

e) Redes sociais relacionadas coa galeguidade.

3. O Rexistro da Galeguidade levará un libro de inscricións que recollerá e ordenará actualizados os datos correspondentes a cada entidade.

4. Así mesmo, o rexistro levará un ficheiro de denominacións de entidades galegas asentadas fóra de Galicia para os únicos efectos de ofrecer publicidade informativa que evite duplicidade de nomes.

Artigo 27. Funcionamento do rexistro

As inscricións no rexistro serán practicadas pola persoa encargada do Rexistro da Galeguidade, logo da resolución do órgano competente en materia de emigración, e precedendo cualificación favorable da documentación presentada.

Todas as anotacións que se realicen no rexistro contarán coa identificación e autorización da persoa encargada do Rexistro da Galeguidade e a data delas.

Artigo 28. Datos inscritibles

1. As entidades galegas teñen a obriga de comunicar ao Rexistro da Galeguidade todas aquelas circunstancias relativas ás ditas entidades que requiran inscrición segundo o que se establece neste decreto.

2. En todo caso, deberá deixarse constancia dos actos e documentos seguintes:

a) O recoñecemento da condición de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade.

b) Acta fundacional ou documentación equivalente.

c) Estatutos e acordos de modificación.

d) Obxecto, fins, ámbito territorial da entidade e lista individualizada de socios/as da entidade en que conste a súa vinculación con Galicia debidamente acreditada.

e) Documentación acreditativa do recoñecemento das entidades de conformidade co ordenamento xurídico do Estado en que estean establecidas.

f) Nomeamento, suspensión, cesamento e renuncia dos/as membros dos órganos directivos e identidade das persoas que forman parte deles, así como as súas renovacións.

g) NIF ou equivalente.

h) Escisión ou extinción da entidade e, neste caso, destino dos seus bens.

i) A constitución de federacións de comunidades e de entidades.

j) A unión de entidades para constituír unha nova ou a fusión de entidades incorporando unha ou varias entidades a outra xa constituída. A escritura pública deberá conter os estatutos da entidade galega resultante e a identificación dos seus órganos directivos.

k) Denominación e símbolos da entidade.

l) Domicilio social, datos postais, telefónicos e telemáticos.

m) Modificación de calquera dos datos que consten previamente inscritos.

n) A cancelación da inscrición da entidade.

o) Calquera outro que determine a lexislación vixente.

Artigo 29. Datos complementarios

Unha vez inscritas no Rexistro da Galeguidade, as entidades, no prazo de tres meses, remitirán telematicamente á persoa encargada do Rexistro da Galeguidade os seguintes datos complementarios, co obxecto de manter unha información permanentemente actualizada que contribúa a facilitar e mellorar o mantemento dos vínculos culturais, sociais ou económicos que manteñen con Galicia:

a) Datos telefónicos e telemáticos das persoas integrantes dos órganos de goberno.

b) Datos das instalacións da entidade.

c) Actividades e actuacións desenvolvidas no ámbito da galeguidade.

d) Inventario da entidade.

e) Ingresos e gastos.

f) Organismos públicos dos cales reciben axudas e subvencións, obxecto destas e cantidades recibidas.

g) Expedientes de reintegro e cantidade reintegrada aos organismos públicos.

h) Sancións administrativas firmes ditadas en aplicación da normativa reguladora das subvencións públicas.

Artigo 30. O Libro de inscricións

1. No Libro de inscricións practicaranse as inscricións das entidades en follas rexistrais que conteñan unidades independentes de arquivamento e se compoñan dos espazos necesarios para a práctica dos asentos preceptivos.

As follas rexistrais conterán os asentos e as súas modificacións relativos aos datos inscritibles e aos datos complementarios das entidades.

2. Cada entidade terá asignado un número correlativo e independente único que a identificará dentro da sección a que pertenza.

Artigo 31. Rectificación de erros

Os erros materiais, de feito ou aritméticos que se detecten no contido dos asentos practicados serán rectificados, de oficio ou por instancia das persoas interesadas, pola persoa encargada do Rexistro da Galeguidade, de conformidade co disposto no artigo 105.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 32. Publicidade do rexistro

A publicidade do rexistro farase efectiva mediante certificación do contido dos asentos, a través de medios telemáticos, que se axustarán aos requisitos establecidos na normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

O Ficheiro de denominacións do rexistro será público e poderá ser consultado polas persoas interesadas a través da páxina web do órgano competente en materia de emigración.

CAPÍTULO III
Do procedemento para a inscrición no Rexistro da Galeguidade

Sección 1ª. Inscrición das comunidades galegas e dos centros colaboradores da galeguidade

Artigo 33. Inscrición das comunidades galegas

A inscrición no rexistro das comunidades galegas realizarase de oficio, dentro do mes seguinte á notificación a este do acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se lle outorga tal recoñecemento.

Artigo 34. Inscrición dos centros colaboradores da galeguidade

A inscrición no rexistro dos centros colaboradores da galeguidade realizarase de oficio, dentro do mes seguinte á notificación a este da resolución do órgano competente en materia de emigración pola cal se lle outorga tal recoñecemento.

Sección 2ª. Inscrición das entidades resultantes dun proceso de unión ou fusión

Artigo 35. Inscrición da entidade resultante dun proceso de unión

A inscrición no rexistro da entidade resultante dun proceso de unión realizarase de oficio, de conformidade cos artigos 33 e 34, segundo corresponda.

A dita inscrición suporá a cancelación de oficio dos asentos das entidades participantes no proceso de unión que estivesen previamente inscritas no Rexistro da Galeguidade.

Artigo 36. Inscrición da entidade resultante dun proceso de fusión

A inscrición no rexistro da entidade resultante dun proceso de fusión realizarase de oficio, de conformidade cos artigos 33 e 34, segundo corresponda.

A dita inscrición suporá a cancelación de oficio dos asentos da entidade ou entidades absorbidas que estivesen previamente inscritas no Rexistro da Galeguidade.

Sección 3ª. Inscrición doutras entidades

Artigo 37. Inscrición das federacións de comunidades e de entidades

1. A inscrición no rexistro dunha federación levarase a cabo por instancia de parte de conformidade co establecido no artigo 40. Xunto coa solicitude, que deberá vir asinada pola persoa representante da entidade, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Acta ou acordo de constitución da federación, na cal deberán figurar as entidades que a conformen, o seu domicilio social, o número de inscrición no Rexistro da Galeguidade e os datos de identificación das persoas representantes de cada unha destas.

b) O acordo dos órganos competentes das entidades da súa vontade de se federaren.

c) Os estatutos da federación en que se recolla algún dos fins que se determinan no artigo 13.1 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e o seu funcionamento, que deberá rexerse por principios democráticos.

d) A documentación pola cal se determine o carácter temporal ou indefinido da federación.

e) Acreditación da identidade da persoa que asina a solicitude e da súa representación.

f) Documentación acreditativa do recoñecemento da federación, de conformidade co ordenamento xurídico do Estado en que estea establecida.

g) Documentación acreditativa da súa inscrición no rexistro correspondente.

h) Número de identificación fiscal ou equivalente da federación e documentación acreditativa da composición dos seus órganos de goberno.

i) Denominación, símbolo, sede social, datos postais, telefónicos e telemáticos, así como ámbito territorial da federación.

2. Á vista da solicitude de inscrición presentada, a persoa encargada do Rexistro da Galeguidade elaborará un informe sobre o cumprimento dos fins e requisitos establecidos na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, que será remitido á Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para os efectos da emisión do informe consultivo a que se refire o artigo 14.3 da lei.

3. Á vista dos informes a que se fai referencia no parágrafo anterior, o órgano competente en materia de emigración ditará a resolución que corresponda.

Artigo 38. Inscrición dos centros de estudo e difusión da cultura galega

A inscrición no rexistro dos centros de estudo e difusión da cultura galega levarase a cabo por instancia de parte de conformidade co establecido no artigo 40. Xunto coa solicitude, que deberá vir asinada pola persoa representante da entidade, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Acreditación da identidade da persoa que asina a solicitude e da súa representación.

b) Acta fundacional e estatutos vixentes en que deberá constar como obxectivo fundamental o estudo e difusión da cultura galega e a súa lingua.

c) Documentación acreditativa da composición dos seus órganos de goberno.

d) Certificación nominal das persoas integrantes da entidade conforme o establecido no artigo 3.

e) Sede social, símbolo, datos postais, telefónicos e telemáticos.

f) Memoria das actividades desenvolvidas pola entidade, ao menos, dos últimos dous anos e a relación destas co obxectivo fundamental da entidade, tal e como se define no artigo 15.1 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Artigo 39. Inscrición das redes sociais

A inscrición no rexistro das redes sociais levarase a cabo por instancia de parte de conformidade co establecido no artigo 40. Na solicitude deberá indicarse o nome de dominio ou enderezo da internet que, se for o caso, utilicen para a súa identificación na internet, o seu obxecto e o número de integrantes na rede, así como todo acto de substitución ou cancelación destes datos.

Ademais, deberán indicarse os datos do administrador da rede e presentar un certificado deste da data en que comezaron a operar na rede.

Para a súa inscrición deberán acreditar que estas redes sociais levan polo menos dous anos operando na comunidade virtual cuns fins destinados á difusión e fortalecemento da galeguidade e á promoción da comunicación daqueles que compartan intereses comúns co pobo galego e a súa colaboración coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Sección 4ª. Normas comúns do procedemento de inscrición doutras entidades

Artigo 40. Solicitude de inscrición

1. As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo III, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Cando a persoa solicitante non dispoña de mecanismos de identificación e sinatura recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, deberá cubrir o formulario electrónico normalizado accesible desde a sede e enviar, ademais, en soporte papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, documento acreditativo de que cubriu o formulario.

Recibido o dito documento, o órgano competente en materia de emigración procederá a acreditar a identidade da persona solicitante e a dotala dun mecanismo de identificación e sinatura electrónica baseado en datos coñecidos por ambas as partes. Este mecanismo poderá ser empregado en todos aqueles procedementos para os cales o órgano competente en materia de emigración así o estableza.

3. Cando a documentación complementaria se presente electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

4. No suposto de que a solicitude non reúna os requisitos formais exixidos ou a documentación presentada sexa incompleta, requirirase a entidade para que, no prazo de 10 días, emende a falta en que incorren ou presente os documentos preceptivos, indicándose que, se non o fixer, terase por desistida da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

Artigo 41. Cualificación rexistral, resolución e realización da inscrición

1. Recibida a solicitude de inscrición, a persoa encargada do Rexistro da Galeguidade procederá a examinala e emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos establecidos na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e elevarao ao órgano competente en materia de emigración, que ditará a correspondente resolución.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses contados desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente en materia de emigración. Transcorrido o prazo máximo sen terse notificado a resolución expresa, a entidade poderá entender desestimada a súa solicitude.

3. A resolución que acorde a inscrición sinalará o número de rexistro asignado e terá carácter de declarativo.

4. Ditada a resolución, a persoa encargada do Rexistro da Galeguidade procederá a realizar a inscrición.

CAPÍTULO IV
Do procedemento de modificación de datos rexistrados

Artigo 42. Modificación de datos rexistrados

1. As entidades deberán comunicar ao rexistro, na forma prevista no artigo 40 e a través do formulario normalizado que figura como anexo IV, calquera modificación respecto dos documentos e/ou datos rexistrados, no prazo dun mes desde que se produza a modificación.

2. Cando a modificación afecte o cumprimento dos requisitos ou fins establecidos, en cada caso, pola Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, ou por este decreto, a entidade remitirá a solicitude, acompañada da documentación acreditativa da correspondente modificación, á persoa encargada do Rexistro da Galeguidade, que elaborará un informe e o elevará ao órgano competente en materia de emigración, que ditará a resolución correspondente.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución de modificación da inscrición será de tres meses contados desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente en materia de emigración. Transcorrido o prazo máximo sen terse notificado a resolución expresa, a entidade poderá entender estimada a súa solicitude.

4. Calquera outra modificación solicitada será practicada sen máis trámite pola persoa encargada do Rexistro da Galeguidade.

CAPÍTULO V
Do procedemento de cancelación da inscrición

Sección 1ª. Das comunidades galegas e dos centros colaboradores da galeguidade

Artigo 43. Cancelación da inscrición das comunidades galegas e dos centros colaboradores da galeguidade

1. A cancelación no rexistro da inscrición das comunidades galegas realizarase de oficio, dentro do mes seguinte á notificación a este do acordo do Consello polo que se lle revoga tal recoñecemento.

2. A cancelación no rexistro da inscrición dos centros colaboradores da galeguidade realizarase de oficio, dentro do mes seguinte á notificación a este da resolución do órgano competente en materia de emigración pola que se lle revoga tal recoñecemento.

Sección 2ª. Doutras entidades galegas

Artigo 44. Cancelación da inscrición

1. A inscrición das federacións de comunidades e de entidades, dos centros de estudo e difusión da cultura galega e das redes sociais poderá ser cancelada, de oficio ou por instancia de parte, polas causas establecidas no artigo 34.1 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, coa excepción da recollida na letra a).

2. A cancelación da inscrición non impedirá que a entidade solicite novamente a súa inscrición no Rexistro da Galeguidade.

3. A resolución de cancelación levará unida a extinción dos efectos vinculados ao recoñecemento como entidades no ámbito da galeguidade.

Artigo 45. Cancelación de oficio

1. O órgano competente en materia de emigración poderá iniciar de oficio o procedemento para a cancelación da inscrición das federacións de comunidades e de entidades, dos centros de estudo e difusión da cultura galega e das redes sociais cando concorra calquera das causas sinaladas no artigo 44.1.

2. Para estes efectos, a persoa encargada do Rexistro da Galeguidade elaborará un informe sobre a causa de cancelación que será remitido telematicamente á entidade para que, no prazo improrrogable de 15 días hábiles, manifeste o que considere oportuno.

3. Á vista das alegacións da entidade e do informe da persoa encargada do Rexistro da Galeguidade, o órgano competente en materia de emigración ditará a correspondente resolución.

4. O prazo para resolver e notificar a cancelación da inscrición será de tres meses contados desde a data en que se inicie o expediente de cancelación.

Artigo 46. Cancelación a instancia das entidades

1. As federacións de comunidades e de entidades, os centros de estudo e difusión da cultura galega e as redes sociais poderán solicitar ao órgano competente en materia de emigración, na forma prevista no artigo 40 e a través do formulario normalizado que figura como anexo V, a cancelación da súa inscrición.

2. As solicitudes de cancelación serán aceptadas sen máis trámite polo órgano competente en materia de emigración, que ditará a correspondente resolución.

3. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses contados desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente en materia de emigración. Transcorrido o prazo máximo sen terse notificado a resolución expresa, a entidade poderá entender estimada a súa solicitude.

CAPÍTULO VI
Das obrigas das entidades galegas asentadas fóra de Galicia inscritas
no Rexistro da Galeguidade

Artigo 47. Obrigas das entidades inscritas no rexistro

1. As entidades inscritas no Rexistro da Galeguidade están obrigadas a:

a) Manter actualizados permanentemente os datos que consten no rexistro, de conformidade co establecido no artigo 42.

b) Facilitar á Administración autonómica toda a información que solicite no exercicio das súas competencias.

Disposición adicional primeira. Comunidades galegas recoñecidas pola normativa anterior á Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade

1. Antes de proceder á inscrición de oficio no Rexistro da Galeguidade prevista na disposición transitoria terceira da Lei 7/2013, do 13 de xuño, das comunidades galegas recoñecidas pola normativa anterior á Lei 7/2013, do 13 de xuño, a persoa encargada do Rexistro da Galeguidade comprobará que a entidade cumpre todos os requisitos establecidos na citada lei e no presente decreto, requiríndolle, de ser o caso, a documentación acreditativa que proceda, que deberá presentarse no prazo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto.

2. No caso de que estas entidades deban modificar os seus estatutos para adaptalos aos requisitos establecidos na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e no presente decreto, poderán presentar a documentación acreditativa da adopción, pola asemblea xeral de socios/as ou órgano previsto nos seus estatutos, do acordo de modificación destes, que unha vez legalizados, remitirán ao órgano competente en materia de emigración.

3. Cando se trate dunha agrupación de entidades galegas, poderán presentar a documentación acreditativa da formalización do acordo de unión ou fusión das entidades membros da agrupación, así como da solicitude de recoñecemento, no país en que estean asentadas, da entidade resultante do proceso de unión ou fusión.

4. Una vez inscritas no Rexistro da Galeguidade, deberán cumprir co establecido no artigo 29.

Disposición adicional segunda. Centros colaboradores recoñecidos pola normativa anterior á Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade

1. Antes de proceder á inscrición de oficio no Rexistro da Galeguidade prevista na disposición transitoria cuarta da Lei 7/2013, do 13 de xuño, dos centros colaboradores recoñecidos pola normativa anterior á Lei 7/2013, do 13 de xuño, a persoa encargada do Rexistro da Galeguidade comprobará que a entidade cumpre todos os requisitos establecidos na citada lei e no presente decreto, requiríndolle, de ser o caso, a documentación acreditativa que proceda, que deberá presentarse no prazo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto.

2. Una vez inscritos no Rexistro da Galeguidade, deberán cumprir co establecido no artigo 29.

Disposición transitoria única. Número mínimo de socios/as

Durante un período transitorio dun ano desde a entrada en vigor deste decreto, o número mínimo de socios/as establecido no seu artigo 6 será de 120, para as entidades galegas singulares, e de 300, para o resto de entidades.

Transcorrido o devandito prazo, procederase á revogación de oficio do recoñecemento da condición de comunidade galega daquelas entidades que non acrediten contar co número mínimo de socios/as establecido no devandito artigo 6.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase o órgano competente en materia de emigración para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e execución do establecido neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de maio de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file