Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 16 de xuño de 2014 Páx. 27149

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 13 de xuño de 2014 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

O día 1 de xaneiro de 2014 entrou en vigor o Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. A publicación desta norma permite ampliar o prazo de presentación de solicitudes e, consecuentemente, o de resolución de concesión das subvencións da Orde do 30 de decembro de 2013, polo que se considera necesario modificar a antedita orde para poder subvencionar a formación que exceda o 25 % da xornada laboral asociada aos contratos de formación e aprendizaxe asinados durante todo o ano 2013 e ata o 15 de novembro de 2014.

Ademais, para dar cabida como beneficiarias das subvencións previstas nesta orde ás administracións locais que realicen contratacións baixo a modalidade do contrato de formación e aprendizaxe, é necesario realizar unha ampliación de crédito, incluíndo as aplicacións orzamentarias cos créditos axeitados para poder realizar o pagamento das subvencións ás administracións locais.

Por todo o anterior, no uso das facultades que me foron concedidas

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

Un. Amplíase o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, nas seguintes contías e aplicacións orzamentarias, para o ano 2014 e 2015:

2014

Aplicación

Proxecto

Importe (€)

11.03.323A.460.1

201200617

1.500.000

201300545

500.000

Total

2.000.000

2015

Aplicación

Proxecto

Importe (€)

11.03.323A.460.1

201300545

1.000.000

Dous. Modifícase o parágrafo 1 do artigo 2 que queda redactado como segue:

«1. Poderán ser entidades beneficiarias as empresas e as administracións locais que contratasen traballadores baixo a modalidade do contrato para a formación e a aprendizaxe no ano 2013, e no ano 2014 con anterioridade ao 15 de novembro, cunha dedicación ao tempo de formación que exceda o 25 % da xornada laboral efectiva do traballador, sempre que reúnan os requisitos exixidos polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual».

Tres. Modifícanse os parágrafos 1 e 2 do artigo 4 que quedan redactados como segue:

«1.-Cando as persoas interesadas teñan a consideración de entidades locais, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Para todas as demais persoas interesadas, as solicitudes poderán realizarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, estas últimas tamén poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas comezará o día seguinte ao da publicación da presente orde e rematará o 15 de novembro de 2014».

Catro. Modifícanse os parágrafos 2 e 4 do artigo 6 que quedan redactados como segue:

«2. As resolucións deberán ser notificadas aos interesados e deberán ditarse no prazo de tres meses, contados desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano instrutor.

Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

4. A resolución da concesión de subvención, que se comunicará por escrito ao beneficiario, fixará expresamente o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis, exenta da obriga de notificación en aplicación do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis e incorporará, de ser o caso, as condicións, as obrigacións e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria».

Cinco. Modificanse os parágrafos 1, 4 e 5 do artigo 8 que quedan redactados como segue:

«1. Serán subvencionables os gastos da formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe formalizados no ano 2013, e no ano 2014 con anterioridade ao 15 de novembro, efectivamente realizados e pagados nos anos 2014 e 2015.

4. No caso de que a entidade beneficiaria sexa unha empresa, esta axuda ten o carácter de axuda de minimis exenta da obriga de notificación en aplicación do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

5. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderán exceder os 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria».

Seis. Modifícase o parágrafo 2 do artigo 10 que queda redactado como segue:

«2. A xustificación dos gastos correspondentes ao ano 2014 deberá realizarse antes do 15 de decembro de 2014 e a dos gastos correspondentes ao ano 2015 deberá realizarse antes do 15 de decembro de 2015».

Sete. Modifícase a disposición adicional primeira que queda redactada como segue:

«A concesión das subvencións previstas na presente orde financiarase cos créditos no programa 11.03.323A.471.0 (650.000 € para o ano 2014 e 450.000 € para o ano 2015) e no programa 11.03.323A.460.1 (2.000.000 € para o ano 2014 e 1.000.000 € para o ano 2015) con códigos de proxecto 201200617 e 201300545, que figuran na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014. Unha vez esgotado o crédito, o órgano xestor deberá publicar o esgotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes».

Disposición derradeira única. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar