Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 16 de xuño de 2014 Páx. 27039

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 6 de xuño de 2014 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso académico 2014/15.

As residencias escolares prestan un servizo complementario que contribúe eficazmente ao desenvolvemento educativo, pois facilitan o acceso ao ensino postobrigatorio ao alumnado que debe escolarizarse en localidades distintas ás do seu domicilio habitual, así como a aquel que, por circunstancias excepcionais, deba utilizar o servizo de residencia como medida para asegurar unha adecuada resposta educativa que non pode recibir no centro educativo da súa residencia habitual.

A disposición derradeira primeira do Decreto 43/1989, do 2 de marzo, que establece a transformación dos centros de ensinanzas integradas da Coruña, Ourense e Vigo en institutos de educación secundaria e profesional e centros residenciais docentes (DOG núm. 62, do 31 de marzo), faculta a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o seu desenvolvemento e execución.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Capítulo I
Condicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto adxudicar as prazas de residencia existentes nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo no curso académico 2014/15, para iniciar ou continuar estudos postobrigatorios non universitarios nos centros docentes que respectivamente teñen adscritos segundo o anexo I desta orde.

2. No caso de centros privados concertados, para obter praza de residencia será requisito indispensable estar matriculado en cursos incluídos no ámbito do concerto educativo.

Artigo 2. Condición de solicitante

Para os efectos desta orde, terá a condición de solicitante a alumna ou o alumno. No caso de que sexan menores de idade, actuarán asistidos polos seus representantes legais.

Artigo 3. Residentes con reserva de praza

1. Os residentes terán reserva de praza ata que completen os cursos dun concreto nivel educativo ou ciclo formativo que dea lugar á obtención dun título académico, sempre que non repitan curso e non varíen as demais circunstancias que se tiveron en conta para a adxudicación inicial.

2. Se queda algunha praza sen ocupar, deberá acumularase ás vacantes ofertadas polo centro, ou, de ser o caso, ofertarase ao alumnado que figure na lista de suplentes, respectando a orde de prelación. Así mesmo, o centro residencial deberá comunicar esta circunstancia e número de prazas afectadas á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Artigo 4. Residentes sen reserva de praza

Os residentes que rematen un concreto nivel educativo ou ciclo formativo, obtendo ou reunindo as condicións necesarias para obter o título académico correspondente, non teñen reserva de praza, polo tanto, para continuar estudos deberán presentar nova solicitude.

Artigo 5. Prazas de residencia reservadas e prazas vacantes

1. Os centros residenciais docentes, no prazo de tres (3) días contados a partir do seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia:

a) Elaborarán e remitirán á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos unha estimación nominativa dos residentes que, á vista da información dispoñible nesa data, poidan ter reserva de praza para o curso 2014/15.

b) Publicarán o número de prazas vacantes ofertadas na súa páxina web e/ou no seu taboleiro de anuncios.

Artigo 6. Incompatibilidades

1. As persoas que estean en posesión ou reúnan os requisitos necesarios para obter o título académico correspondente a un determinado nivel e modalidade educativa ou a un determinado ciclo formativo, non poderán ser beneficiarias de praza de residencia, en calquera dos centros residencias docentes incluídos no ámbito desta orde, para realizar estudos do mesmo nivel ou dun nivel equivalente.

2. Non obstante, cando unha vez adxudicadas as prazas de residencia aos solicitantes admitidos existan prazas vacantes, non será de aplicación a causa de incompatibilidade indicada no punto anterior.

3. A condición de adxudicatario de praza de residencia gratuíta é compatible coa obtención de axudas na convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar.

4. A condición de adxudicatario de praza de residencia non gratuíta é compatible coa obtención das indicadas axudas, sempre que o compoñente destinado ao pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar non supere a cantidade aboada.

Capítulo II
Requisitos: persoais, familiares, académicos e económicos

Artigo 7. Nacionalidade ou residencia

A persoa solicitante deberá ter a nacionalidade española, dalgún Estado membro da Unión Europea, ou de calquera outro país con residencia en España.

Artigo 8. Lugar de residencia da unidade familiar e accesibilidade aos estudos

1. Será necesario que a concreta modalidade do nivel educativo, ou a familia profesional ou especialidade do ciclo formativo en que estea matriculado o solicitante, non se poida cursar:

a) Na localidade de residencia habitual da unidade familiar á que pertenza, por non existir ningún centro sostido con fondos públicos que o imparta.

b) Nunha localidade que, pola súa proximidade á de residencia habitual ou polos medios de comunicación dispoñibles, permita o desprazamento diario con facilidade.

2. Excepcionalmente, poderán ser eximidos deste requisito os solicitantes nos cales concorran circunstancias persoais ou familiares moi graves debidamente xustificadas e acreditadas.

Para tal efecto, á vista da solicitude e demais documentación presentada pola persoa interesada, tendo en conta a proposta que efectúe o centro residencial e os informes que se consideren oportunos, resolverá a comisión de valoración de forma motivada.

Artigo 9. Requisitos académicos

1. As persoas solicitantes deberán estar matriculadas nalgún dos centros adscritos do anexo I desta orde.

2. Non se concederá praza de residencia para repetir curso, agás excepcionalmente por causas debidamente xustificadas.

Para tal efecto, á vista da solicitude e demais documentación presentada pola persoa interesada, tendo en conta a proposta que efectúe o centro residencial e o informe da inspección educativa, resolverá a comisión de valoración de forma motivada.

Artigo 10. Unidade familiar

1. A persoa solicitante, por si ou asistida polo representante legal cando sexa menor de idade, deberá indicar na solicitude os membros computables que conforman a súa unidade familiar, para os efectos de valorar a renda e as circunstancias familiares que recolle esta convocatoria.

2. Para estes efectos, terán a consideración de membros computables da unidade familiar as persoas que en 31 de decembro de 2013 residan coa persoa solicitante no domicilio habitual e cumpran o establecido no artigo 12 desta orde.

Artigo 11. Determinación dos membros computables da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) A persoa solicitante.

b) Os pais non separados legalmente ou divorciados ou, se é o caso, os representantes legais do menor.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa nai ou co pai do solicitante.

d) Os irmáns solteiros menores de 25 anos que dependan dos proxenitores, sempre que convivan no domicilio familiar.

e) Os irmáns maiores de 25 anos con discapacidade física, psíquica ou sensorial que dependan dos proxenitores, sempre que convivan no domicilio familiar.

2. Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá presentar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en aluguer e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos. Se a residencia independente e os medios económicos propios non quedan convenientemente xustificados, a solicitude será denegada.

3. Cando o solicitante sexa menor de idade en situación de acollemento, será de aplicación á familia de acollida o disposto nos parágrafos anteriores para determinar os membros computables da unidade familiar.

4. Non terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) O proxenitor que non conviva habitualmente co solicitante, no caso de separación legal ou divorcio.

b) O agresor, nos casos de violencia de xénero constatada de acordo co artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Artigo 12. Renda da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, a renda da unidade familiar obterase pola suma das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculados segundo indican os puntos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. Para acceder ou para conservar a praza de residencia no curso 2014/15, computaranse as rendas do exercicio fiscal 2012.

3. Cando o membro computable presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas no exercicio fiscal 2012, a renda da unidade familiar será a suma da base impoñible xeral (recadro 455) e a base impoñible do aforro (recadro 465).

4. Cando o membro computable non presentase a dita declaración nin solicitude de devolución polo imposto da renda das persoas físicas, sumaranse todos os ingresos netos obtidos durante o exercicio 2012, agás as bolsas de estudo concedidas polas administracións públicas, que non computarán como ingreso.

5. Nos casos de separación legal ou divorcio, a achega económica que realice o proxenitor que non conviva habitualmente co solicitante, en concepto de pensión compensatoria ou pensión de alimentos, compútase para os efectos de calcular a renda da unidade familiar. Non obstante, nos casos en que se acorde custodia compartida e o/s fillo/s convivan de forma alterna con ambos os dous proxenitores, computaranse os ingresos de ambos.

6. Os ingresos obtidos polo novo cónxuxe ou parella de feito do proxenitor con que conviva habitualmente o solicitante, compútanse para calcular a renda da unidade familiar.

7. Nos casos de violencia de xénero quedan excluídos do cómputo os ingresos do agresor (artigo 38 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).

Artigo 13. Bolsas e bonificacións en función da renda da unidade familiar

1. Para determinar as bolsas e bonificacións en función da renda familiar, terase en conta o limiar 2 fixado no Real decreto 609/2013, do 2 de agosto, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2013/14 (BOE núm. 185, do 3 de agosto).

2. Se a renda da unidade familiar é igual ou inferior ao limiar 2, o beneficiario terá praza gratuíta.

3. Se a renda da unidade familiar é superior ao limiar 2, o beneficiario deberá aboar anualmente as seguintes cantidades:

a) Ata un 10 %: 538 €.

b) Máis do 10 % e ata un 20 %: 825 €.

c) Máis do 20 % e ata un 30 %: 1.307 €.

d) Máis do 30 %: 1.968 €.

4. O pagamento desta cantidade poderá fraccionarse ata un máximo de tres prazos trimestrais, que deberán facerse efectivos antes do inicio do respectivo trimestre.

Capítulo III
Tramitación de solicitudes de praza en período ordinario

Sección 1ª. Solicitude, prazo e documentación

Artigo 14. Presentación de solicitude

1. Terán que presentar solicitude de praza no modelo do anexo II desta orde:

a) O alumnado que solicite praza por primeira vez.

b) Os residentes que non teña reserva de praza.

c) Os residentes que reúnan ou poidan reunir os requisitos para ter reserva de praza.

2. O modelo do anexo II, así como o modelo do anexo III, estarán tamén dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es (código de procedemento: ED306A).

3. A solicitude, debidamente cuberta e asinada polo solicitante ou, se é o caso, polo representante legal, irá acompañada da documentación preceptiva, dirixirase ao respectivo centro residencial, e poderá presentarse: na secretaría do centro residencial destinatario ou en calquera dos lugares indicados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A presentación da solicitude implicará respecto do solicitante ou o seu representante legal:

a) A autorización para incorporar os datos consignados nela ao ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades de responsabilidade da secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de educación, para os efectos previstos na Orde do 26 de marzo de 2012 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal (DOG núm. 66, do 4 de abril).

b) A súa aceptación das bases da convocatoria.

c) A autorización para o tratamento dos datos necesarios para xestionar o procedemento e para publicar na páxina web da consellería competente en materia de educación e nos taboleiros de anuncios e páxinas web dos centros residenciais docentes: a relación de admitidos, coa puntuación total e desagregada; a relación de excluídos, con indicación da causa de exclusión; a relación de suplentes; e a relación de adxudicatarios de praza de acordo co previsto no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 15. Prazo de presentación de solicitudes en período ordinario

1. O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será:

a) Para os solicitantes matriculados en BAC, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 11 de xullo de 2014.

b) Para os solicitantes matriculados en ciclos formativos, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 18 de xullo de 2014.

Artigo 16. Autorización para acceder a datos de identidade persoal

1. O solicitante ou, se é o caso, o seu representante legal, e os demais membros computables da unidade familiar maiores de idade, poderán autorizar expresamente a consellería competente en materia de educación para comprobar de forma telemática os datos de identidade persoal necesarios para tramitar o presente procedemento, a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

2. Para tal efecto deberán cubrir o modelo do anexo II e, de ser o caso, o modelo do anexo III desta orde.

3. Se non autorizan esta consulta, deberán presentar a documentación indicada no artigo 19.1.a) desta orde.

Artigo 17. Autorización para acceder á información relativa ao grao de discapacidade

1. O solicitante ou, se é o caso, o seu representante legal, e os demais membros computables da unidade familiar maiores de idade, poderán autorizar expresamente a consellería competente en materia de educación para comprobar de forma telemática a información relativa ao grao de discapacidade, cando esta se recoñecese no ámbito de competencia da Xunta de Galicia.

2. Para tal efecto deberán cubrir o modelo do anexo II e, de ser o caso, o modelo do anexo III desta orde.

3. Se non autorizan esta consulta, deberán achegar a documentación indicada no artigo 19.1.c) desta orde.

Artigo 18. Autorización para acceder á información tributaria

1. Todos os membros computables para determinar a renda da unidade familiar, poderán consentir expresamente a comprobación telemática dos datos tributarios correspondentes ao exercicio fiscal 2012 necesarios para tramitar o presente procedemento, que será subministrada directamente á consellería competente en materia de educación pola Axencia Española de Administración Tributaria.

2. Para tal efecto deberán cubrir o modelo do anexo II e, de ser o caso, o modelo do anexo III desta orde.

3. Se non autorizan esta consulta, deberán achegar a documentación indicada no artigo 19.1.g) desta orde.

Artigo 19. Documentación

1. O alumnado que solicite por primeira vez e os residentes sen reserva de praza, deberá presentar:

a) Copia do documento nacional de identidade ou documento acreditativo da nacionalidade do solicitante, ou, se é o caso, do seu representante legal, e dos demais membros computables da unidade familiar, agás que autoricen a consulta na forma indicada no artigo 16 desta orde.

b) Copia cotexada de todas as follas escritas do libro de familia ou de calquera outro documento xustificativo da composición da unidade familiar ou da circunstancia de orfandade, de ser o caso.

c) Copia cotexada do certificado acreditativo do grao de discapacidade do solicitante, ou, se é o caso, do seu representante legal, ou dalgún membro computable da unidade familiar, agás que autorice a consulta na forma indicada no artigo 17 desta orde.

d) Orixinal ou copia cotexada do certificado de empadroamento de todos os membros computables da unidade familiar que residan co solicitante no domicilio habitual en 31 de decembro de 2013.

e) Copia cotexada do documento xustificativo da situación legal de desemprego de nai/pai/representante legal en que conste a non percepción de subsidio.

f) Orixinal ou copia cotexada do certificado oficial das notas do solicitante no curso escolar 2013/14.

g) Orixinal ou copia cotexada e completa da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas dos membros computables da unidade familiar ou, en defecto desta, do certificado tributario de imputacións do exercicio fiscal 2012, agás que se autorice a consulta na forma indicada no artigo 18.1 desta orde.

h) Cando o solicitante alegue a concorrencia de circunstancias persoais e familiares moi graves, para eximirse do cumprimento do requisito de accesibilidade aos estudos (artigo 8.2 desta orde), deberá achegar a documentación xustificativa que coide conveniente.

i) Cando o solicitante alegue a concorrencia de circunstancias familiares especiais, para eximirse do cumprimento do requisito de non ser repetidor (artigo 9.2 desta orde), deberá achegar a documentación xustificativa que coide conveniente.

2. As persoas residentes con reserva de praza ou, de ser o caso, o seu representante legal, deberán asinar a declaración responsable que aparece incorporada ao modelo do anexo II desta orde.

Artigo 20. Documentación complementaria

A dirección do centro residencial e a comisión de valoración poderán requirir a documentación complementaria que xulguen necesaria, para constatar a concorrencia, ou, se é o caso, o mantemento, dos requisitos e dos criterios de baremo.

Artigo 21. Falta de xustificación de requisitos e/ou de criterios de baremo

1. A falta ou insuficiente acreditación dun requisito, impedirá obter, ou, se é o caso, conservar, a praza de residencia.

2. Cando a omisión ou deficiente xustificación afecte un criterio de baremo, atribuiráselle neste 0 puntos.

Sección 2ª. Criterios de baremo

Artigo 22. Criterios de baremo

1. As solicitudes valoraranse conforme criterios socioeconómicos e de rendemento académico.

2. Os criterios socioeconómicos abranguen: composición da unidade familiar, orfandade ou calquera outra situación familiar especial; número de habitantes do lugar de residencia da unidade familiar e renda da unidade familiar.

Artigo 23. Composición da unidade familiar, orfandade ou calquera outra situación familiar especial

1. En atención á composición da unidade familiar, asignaranse as seguintes puntuacións:

a) Por irmáns solteiros menores de 25 anos non independizados que convivan no domicilio familiar, incluído o propio solicitante: 1 punto por cada un.

b) Por irmán residente no mesmo centro: 0,50 puntos por cada un.

2. En atención á condición de orfo, asignaranse as seguintes puntuacións:

a) Orfo de pai ou de nai: 9 puntos.

b) Orfo absoluto: 13 puntos.

3. Ás situacións familiares especiais enumeradas a continuación asignaráselle a puntuación indicada en cada caso (máximo de 6 puntos):

a) Violencia de xénero acreditada en calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero: 4 puntos.

b) Residencia habitual no estranxeiro dos pais ou titores: 2 puntos.

c) Situación de discapacidade física, psíquica ou sensorial legalmente recoñecida igual ou superior ao 33 % dalgún dos membros computables da unidade familiar, 1 punto por cada un.

d) Situación de discapacidade física, psíquica ou sensorial legalmente recoñecida igual ou superior ao 65 % de proxenitores, representantes legais do menor, ou persoa que por novo matrimonio ou por convivencia en situación de parella de feito viva no domicilio familiar co/coa proxenitor/a: 4 puntos por cada un.

e) Situación legal de desemprego dos proxenitores ou representantes legais do solicitante sen percepción do subsidio por desemprego: 2 puntos por cada un.

Artigo 24. Número de habitantes da entidade singular de poboación de residencia da unidade familiar

En atención ao número de habitantes da entidade singular de poboación onde reside a unidade familiar, atribuirase a seguinte puntuación:

1. Menos de 1.000 habitantes: 5 puntos.

2. Entre 1.001 e 2.000 habitantes: 4 puntos.

3. Entre 2.001 e 5.000 habitantes: 3 puntos.

4. Entre 5.001 e 10.000 habitantes: 2 puntos.

5. Entre 10.001 e 20.000 habitantes: 1 punto.

6. Máis 20.000 habitantes: 0 puntos.

Artigo 25. Renda da unidade familiar

Atendendo á renda da unidade familiar, atribuirase a seguinte puntuación:

1. Ata 4.265,00 €: 10 puntos.

2. De 4.265,01 a 4.840,00 €: 8 puntos.

3. De 4.840,01 a 5.420,00 €: 7 puntos.

4. De 5.420,01 a 5.992,00 €: 6 puntos.

5. De 5.992,01 a 6.620,00 €: 5 puntos.

6. De 6.620,01 a 7.145,00 €: 4 puntos.

7. De 7.145,01 a 7.726,00 €: 3 puntos.

8. De 7.726,01 a 8.300,00 €: 2 puntos.

9. De 8.300,01 a 8.878,00 €: 1 punto.

10. Máis de 8.878,00 €: 0 puntos.

Artigo 25. Rendemento académico

1. O rendemento académico valorarase numericamente en función da nota media que resulte do certificado oficial de notas do curso académico inmediatamente anterior (2013/14).

2. A nota media será a media aritmética das cualificacións numéricas obtidas, expresadas con dúas cifras decimais.

3. No caso de cualificacións expresadas de forma cualitativa, efectuarase a súa conversión á necesaria expresión numérica segundo a seguinte táboa de equivalencias:

a) Aprobado = 5,5 puntos.

b) Ben = 6,5 puntos.

c) Notable = 8 puntos.

d) Sobresaliente = 9 puntos.

e) Matrícula de honra = 10 puntos.

Artigo 27. Supostos excepcionais

1. As circunstancias persoais, familiares, sociais e económicas das que derive unha problemática específica, así como o feito de residir en zonas con grandes dificultades de escolarización, poderán ser consideradas como supostos excepcionais e poderá outorgarse unha puntuación adicional de ata 10 puntos.

2. Para tal efecto, á vista da solicitude e demais documentación achegada pola persoa interesada, tendo en conta a proposta que efectúe o centro residencial e o informe da inspección educativa, resolverá a comisión de valoración de forma motivada.

Sección 3ª. Comisión de valoración

Artigo 28. Composición e funcións da comisión de valoración

1. A comisión de valoración estará composta por:

a) Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: un/unha representante de cada un dos centros residenciais docentes.

c) Un/unha representante do servizo de recursos educativos complementarios dunha das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación.

d) Un/unha representante da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

e) Dúas persoas funcionarias da consellería competente en materia de educación, das cales unha actuará como secretaria.

2. Á comisión corresponderalle valorar os criterios de baremo asignando as puntuacións e propoñer a publicación das respectivas listaxes.

Sección 4ª. Listaxes provisionais, definitivas e adxudicación de prazas en período ordinario

Artigo 29. Publicación das listaxes provisionais de solicitantes excluídos e da puntuación provisional

1. A listaxe provisional de solicitantes excluídos, por non reunir algún dos requisitos exixidos na convocatoria, deberá indicar a causa da exclusión.

2. A listaxe coas puntuacións provisionais deberá indicar a puntuación total por orde descendente e a correspondente a criterios socioeconómicos e ao rendemento académico.

3. Ambas as dúas listaxes publicaranse conxuntamente, antes do 31 de agosto de 2014, a través da páxina web da consellería e do taboleiro de anuncios ou da páxina web do respectivo centro residencial.

4. Os solicitantes poderán formular reclamación ante a comisión de valoración no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

5. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación das listaxes definitivas.

Artigo 30. Publicación das listaxes definitivas de solicitantes excluídos e da puntuación definitiva e da adxudicación de prazas en período ordinario

1. A listaxe definitiva de solicitantes excluídos deberá indicar, respecto de cada un deles, a causa da súa exclusión.

2. A listaxe de puntuacións definitivas de todos os solicitantes admitidos, deberá indicar a puntuación total por orde descendente e a correspondente a criterios socioeconómicos e ao rendemento académico.

3. Na adxudicación de prazas en período ordinario, os solicitantes matriculados en cursos completos e os que estean matriculados, polo menos, na metade dos módulos que compoñen o correspondente ciclo formativo, terán preferencia para a adxudicación segundo a súa orde de prelación.

4. Ao alumnado matriculado no número de materias ou de módulos que lles falten para finalizar os estudos, e o alumnado con matrícula parcial como mínimo en catro (4) materias ou nun número de módulos que teñan unha duración horaria igual ou superior a 500 horas, adxudicaránselle, segundo á súa orde de prelación, as vacantes restantes.

5. A listaxe de adxudicación deberá indicar o nome e apelidos dos adxudicatarios e o centro adscrito en que estean matriculados.

6. Estas listaxes publicaranse conxuntamente, antes do 15 de setembro de 2014, a través da páxina web da consellería e do taboleiro de anuncios ou da páxina web do respectivo centro residencial.

7. Fronte a esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada.

Sección 5ª. Lista de suplentes

Artigo 31. Lista de suplentes

Cos solicitantes admitidos que acrediten que están matriculados nalgún dos centros docentes adscritos do anexo I desta orde, pero non accedan a unha praza de residencia, elaborarase unha relación de suplentes seguindo a orde de prelación que resulte da súa puntuación definitiva.

Capítulo IV
Tramitación de solicitudes de praza en período extraordinario

Artigo 32. Presentación de solicitudes en período extraordinario

1. Cando feita a adxudicación de prazas en período ordinario, existan no respectivo centro residencial prazas vacantes, abrirá un prazo de presentación de solicitudes en período extraordinario entre o 15 e o 30 de setembro de 2014, ambos incluídos.

Artigo 33. Tramitación

A tramitación destas solicitudes axustarase ao establecido nos artigos anteriores, agás no relativo ás datas e prazos, que serán os seguintes:

a) Publicación da listaxe provisional: 6 de outubro de 2014.

b) Prazo para formular reclamación: ata o 8 de outubro de 2014.

c) Publicación da listaxe definitiva e da adxudicación de praza: 15 de outubro de 2014.

Capítulo V
Obrigas dos residentes e causas de perda da praza

Artigo 34. Obrigas dos residentes

1. Os beneficiarios de praza deberán incorporarse á residencia na data de inicio do curso escolar.

2. Neste momento, deberán acreditar o seu estado de saúde mediante certificado médico oficial.

3. Os residentes deberán respectar ao réxime interno, as normas de convivencia e os horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

4. Os centros residenciais docentes permanecerán pechados as fins de semana (desde o venres pola tarde ao domingo pola noite) tal e como establezan as normas de réxime interno do centro.

Artigo 35. Causas de perda da praza

1. Os residentes poderán perder a praza:

a) Por non incorporarse ao centro residencial na data de inicio do curso escolar, agás causa de forza maior debidamente xustificada.

b) Por non residir os días lectivos no centro residencial, agás causas debidamente xustificadas.

c) Por baixo rendemento académico (faltas reiteradas de asistencia que dean lugar á perda da avaliación, incumprimento dos requisitos para poder rematar o curso...), constatado a través do informe da inspección educativa.

d) Por perda da condición de alumna ou alumno do centro docente adscrito.

e) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada, cando afecte a concorrencia de requisitos exixidos na convocatoria.

f) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada cando, afectando criterios de baremo, a puntuación outorgada nese criterio sexa determinante da adxudicación da praza.

g) Por incumprimento das normas de réxime interno do centro residencial, cando altere o normal desenvolvemento da convivencia.

Artigo 36. Procedemento

1. A dirección do centro residencial notificará o feito constitutivo do incumprimento das indicadas obrigas á persoa residente e concederalle un prazo de cinco (5) días hábiles para que presente alegacións, documentos ou xustificacións que considere convenientes.

2. Á vista destas, ou transcorrido o prazo concedido, e logo de oír o consello da residencia, a persoa titular da dirección do centro resolverá o procedente no prazo de cinco (5) días hábiles.

3. Esta resolución notificaráselle á persoa interesada, ou, de ser o caso, ao seu representante legal, indicando a posibilidade de interpoñer recurso de alzada.

Capítulo VI
Recurso

Artigo 37. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación (artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común); ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses (artigos 8, 10 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Disposición adicional primeira. Acceso a servizos do centro residencial por parte de estudantes non residentes

Os estudantes incluídos na relación de suplentes e, en defecto destes, os estudantes que reúnan os requisitos académicos previstos nesta orde para poder obter unha praza de residencia, poderán beneficiarse dalgún ou varios dos servizos da residencia, sempre que exista a dispoñibilidade, logo de aboamento do seu importe.

Para determinar este importe teranse en conta as cantidades fixadas para os residentes no artigo 13.3 desta orde.

En todo caso, a utilización de calquera servizo da residencia suporá asumir o compromiso tácito de observar de forma estrita o cumprimento das normas de réxime interno e de convivencia do centro.

Disposición adicional segunda. Cobertura de prazas de residencia con alumnado universitario

1. Se adxudicadas as prazas a todos os solicitantes admitidos, houber vacantes, estas poderán ser cubertas con alumnado universitario.

2. Esta circunstancia deberá anunciarse no taboleiro de anuncios do centro residencial, abrindo prazo para presentar solicitudes e documentación. A adxudicación destas prazas axustarase aos criterios de baremo establecidos nesta orde.

3. Os beneficiarios deberán aboar a cantidade de 2.875,13 €; o pagamento pode fraccionarse nun máximo de tres (3) prazos trimestrais, e deberá facerse efectivo antes do inicio do respectivo trimestre.

Disposición adicional terceira. Dereito supletorio

En todo o non previsto pola presente orde serán de aplicación as normas vixentes en materia de bolsas e axudas ao estudo.

Disposición derradeira primeira. Medidas de desenvolvemento

Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

– Centros docentes adscritos ao CRD da Coruña.

IES Universidade Laboral

IES Urbano Lugrís

IES Fernando Wirtz Suárez

CIFP Ánxel Casal

CIFP Someso

IES Adormideras

IES Monte das Moas

IES Imaxe e Son

IES Nº 1 A Sardiñeira

IES Eusebio da Guarda

IES Agra do Orzán

CIFP Paseo das Pontes

IES Ramón Menéndez Pidal

Escola de Arte Pablo Picasso

Conservatorio de Música Superior

CEE Nosa Sra. do Rosario

CPR Cervantes

CPR Cruz Roja Española

CPR Hogar de Santa Margarita

CPR Karbo

CPR López y Vicuña

CPR Nebrija

CPR San Andrés

CPR Caixa Galicia

– Centros docentes adscritos ao CRD de Ourense.

IES Universidade Laboral

CIFP Portovello

IES 12 de Outubro

IES A Carballeira

CIFP A Farixa

IES As Lagoas

IES Xulio Prieto Nespereira

Escola de Arte Antonio Failde

CPR San Martín

CPR Santo Cristo

CPR Valle Inclán

– Centros docentes adscritos ao CRD de Vigo.

CIFP Manuel Antonio

IES Carlos Casares

IES Ricardo Mella

IES Teis

IES Nº 1 de Vigo Politécnico

IES A Guía

CIFP Valentín Paz Andrade

IES Audiovisual

IES Alexándre Bóveda

Conservatorio de Música Superior

Centro de Ensinanzas Artísticas Superiores

CPR Aloya

CPR Cebem

CPR Colexio Fogar Caixanova

CPR Daniel Castelao

CPR Divino Maestro

CPR Mendiño

CPR Montecastelo

CPR San Miguel

CPR Vivas

CPR San José de la Guía

CPR Fillas de María Inmaculada

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file