Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 30 de xuño de 2014 Páx. 29312

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 73/2014, do 12 de xuño, polo que se crean e regulan os órganos colexiados con competencias en materia de seguridade da información e goberno electrónico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O recoñecemento dos dereitos da cidadanía nas súas relacións coas administracións públicas nos últimos anos, tras a aprobación da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, sentou as bases xurídicas da administración electrónica que están a transformar o procedemento administrativo convencional e o modo de relacionarse coa administración. A súa consolidación efectiva foi impulsada polo desenvolvemento posterior, a través do Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica, do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e, no ámbito da nosa comunidade, do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Con todo isto estase a procurar unha Administración diferente, que ten a tecnoloxía como elemento central na súa modernización. Isto permite transcender o concepto de administración electrónica baseada no procedemento para situarse no contexto do goberno electrónico baseado na información, aplicando as tecnoloxías da información e do coñecemento á continua optimización da prestación do servizo público, a garantir o acceso á información e á participación da cidadanía.

Tanto o desenvolvemento da administración electrónica como a súa posición respecto do goberno electrónico deben abordarse desde un ámbito corporativo e global que garanta un modelo único de relación co cidadán e un modelo transversal e homoxéneo de desenvolvemento dentro da propia Administración pública. As liñas básicas do proceso de modernización da Administración deben levarse a cabo mediante actuacións transversais e coas premisas da coordinación institucional e a cohesión de esforzos.

O desenvolvemento normativo dos últimos anos foi creando diversos órganos colexiados orientados á promoción e ordenación dalgúns dos aspectos que forman parte da administración e goberno electrónicos.

Neste ámbito sitúanse o Decreto 230/2008, do 18 de setembro, polo que se establecen as normas de boas prácticas na utilización dos sistemas de información da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que creou o Comité de Seguridade dos Sistemas de Información da Xunta de Galicia, e o Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet, que creou a Comisión de Coordinación e Seguimento da Rede de Portais da Administración Xeral e do Sector Público Autonómico de Galicia e a Subcomisión Operativa de Seguimento da Rede de Portais da Administración Xeral e do Sector Público Autonómico de Galicia.

Á vista dos antecedentes normativos citados, da propia evolución e progreso nestes aspectos, e de acordo coas modernas políticas de racionalización e eficiencia organizativas, é aconsellable a reestruturación do conxunto de órganos colexiados existentes na actualidade a través da súa reordenación e simplificación, así como a revisión das súas funcións para dar cobertura aos novos escenarios.

O presente decreto define o órgano colexiado con competencias en materia de seguridade da información e goberno electrónico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, mediante a creación da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico. Ademais, establécese a súa estrutura e funcións, como órgano colexiado de carácter transversal, para a coordinación, asesoramento, impulso e promoción das actuacións en materia de seguridade da información, administración electrónica, acceso á información pública e participación cidadá, así como para o seguimento da aplicación efectiva das medidas aprobadas neste ámbito de actuación.

A creación deste órgano, adscrito á entidade instrumental competente en materia de modernización tecnolóxica, que contará coa participación na súa composición de todas as consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, supón o establecemento dunha garantía de integración do principio de transversalidade nas actuacións que se poidan levar a cabo no ámbito das súas competencias.

Con respecto á estrutura, o decreto consta de once artigos, agrupados en dous capítulos, con catro disposicións adicionais, unha derrogatoria e dúas derradeiras.

O capítulo I determina o obxecto do decreto e crea e regula a Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico como o órgano colexiado responsable do impulso, a coordinación e o desenvolvemento en materia de seguridade da información e do goberno electrónico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

No capítulo II o decreto crea e regula as subcomisións de apoio: Subcomisión de Seguridade, Subcomisión de Interoperabilidade e Administración Electrónica e Subcomisión de Presenza Web e Goberno Aberto.

A creación dos órganos colexiados previstos neste decreto non implica incremento adicional do gasto público.

De conformidade co exposto, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xuño de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais e creación da Comisión de Seguridade
e Goberno Electrónico

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación e o establecemento da composición, funcións e réxime de funcionamento dos órganos colexiados responsables do impulso, coordinación, asesoramento, consulta, control, promoción e decisión no ámbito da seguridade da información e do goberno electrónico na Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Creación e adscrición da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico

1. Créase a Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico coas competencias, composición e funcionamento que se regulan no presente decreto.

2. A Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico adscríbese á entidade instrumental do sector público autonómico de Galicia competente en materia de modernización tecnolóxica.

Artigo 3. Natureza e réxime xurídico

1. A Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico constitúese como o órgano colexiado ao que lle corresponde o impulso, coordinación, deliberación e asesoramento a todos os órganos e unidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia en materia de seguridade da información e goberno electrónico.

2. En todo o non regulado neste decreto será de aplicación o establecido na sección 3ª, do capítulo I, do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Composición da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico

1. A Comisión estará composta polos seguintes membros:

a) Presidencia: quen posúa a titularidade da dirección da entidade instrumental competente en materia de modernización tecnolóxica.

b) Vogais:

1º. Quen posúa a titularidade da secretaría xeral da Presidencia da Xunta de Galicia, das secretarías xerais técnicas das consellerías e da vicepresidencia ou vicepresidencias, de existiren estas.

2º. Quen posúa a titularidade da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral.

3º. Quen posúa a titularidade da área encargada da definición das directrices e estándares de seguridade da información, na entidade instrumental competente en materia de modernización tecnolóxica.

4º. Quen posúa a titularidade da área encargada da modernización das administracións públicas, na entidade instrumental competente en materia de modernización tecnolóxica.

2. Os vogais titulares deberán nomear unha persoa suplente pertencente ao órgano que representen, para os casos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada.

3. A secretaría da Comisión corresponderá a unha persoa empregada pública ao servizo da entidade instrumental con competencias en materia de modernización tecnolóxica. A súa designación, cesamento ou substitución corresponde á persoa titular da dirección da entidade instrumental con competencias en modernización tecnolóxica.

4. A Comisión solicitará a cada unha das subcomisións previstas no artigo 7 a designación dunha persoa responsable da interlocución coa dita Comisión para o tratamento de temáticas relativas ao seu ámbito de actuación.

5. Quen posúa a presidencia da Comisión podera convocar ás súas reunións, con voz pero sen voto, a representantes das entidades integrantes do sector público autonómico de Galicia, cando o considere conveniente en atención aos asuntos para tratar ou os traballos que se van desenvolver.

Artigo 5. Funcións da Comisión

Corresponde á Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico o exercicio das seguintes funcións no ámbito da seguridade da información, administración electrónica, interoperabilidade, presenza web e goberno aberto:

a) Promover e velar polo cumprimento dos plans de implantación das actuacións da administración e goberno electrónicos, do desenvolvemento do marco de interoperabilidade e cooperación administrativa.

b) Promover e velar polo desenvolvemento das actuacións en materia de reutilización da información da Administración pública, presenza na internet e outras canles, transparencia e participación da cidadanía.

c) Aprobar e revisar as propostas de actuación e coordinación determinadas polas subcomisións nos seus ámbitos de actuación.

d) Aprobar, revisar e seguir os obxectivos estratéxicos en materia de seguridade da información.

e) Propoñer para a súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia a política de seguridade da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, prevista no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica, así como a súa revisión periódica.

f) Aprobar e velar polo cumprimento doutras políticas e plans de acción en materia de seguridade da información da Administración xeral e do sector público de Galicia.

g) Velar pola dispoñibilidade dos recursos necesarios para desenvolver os obxectivos estratéxicos en materia de seguridade e goberno electrónico.

h) Promover o desenvolvemento normativo e as actuacións de difusión precisas para a implantación das actuacións na materia de seguridade da información e goberno electrónico.

i) Promover o intercambio de información e a transferencia de coñecemento entre as consellerías da Administración xeral e as entidades integrantes do sector público autonómico de Galicia.

j) Aprobar as condicións que deben reunir as persoas que posúan os roles a que se lles asignen responsabilidades e funcións en materia de seguridade da información e, en especial, os requiridos para dar cumprimento ao establecido no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica, na normativa en materia de protección de datos e demais normativa de aplicación en materia de seguridade da información.

k) Propoñer cantas medidas se consideren adecuadas para o desenvolvemento das materias recollidas neste artigo e impulsar os servizos ofrecidos a través da rede.

l) Asesorar en materia de seguridade da información e goberno electrónico os órganos e unidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia que así llo soliciten.

m) Aprobar os plans de implantación das iniciativas de administración electrónica.

n) Aprobar os plans de actuación en materia de transparencia e participación cidadá.

o) Calquera outra función relacionada co ámbito da súa competencia que non estea atribuída a outro órgano ou que lle sexan asignadas legal ou regulamentariamente, así como as que lle sexan encomendadas por mandado específico.

Artigo 6. Réxime xeral de funcionamento da Comisión

1. No exercicio das competencias asignadas, a Comisión funcionará en Pleno, integrado por todos os membros sinalados no artigo 4.

2. O Pleno da Comisión reunirase con carácter ordinario como mínimo dúas veces ao ano.

3. A Comisión poderá aprobar as súas propias normas de funcionamento e réxime interno para o mellor exercicio das súas funcións, nas cales se preverá a utilización preferente das tecnoloxías da información como ferramenta para a axilización do seu funcionamento.

4. As persoas que ocupen as vogalías poderán asistir acompañadas de persoal técnico ou especialista na materia de que se trate. Estas persoas terán voz pero non voto.

Capítulo II
Subcomisións de apoio

Artigo 7. Subcomisións de apoio á Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico

1. Coa finalidade de facilitar a actividade da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico créanse as seguintes subcomisións de apoio:

a) Subcomisión de Seguridade.

b) Subcomisión de Interoperabilidade e Administración Electrónica.

c) Subcomisión de Presenza Web e Goberno Aberto.

2. As subcomisións de apoio adscríbense á entidade instrumental competente en materia de modernización tecnolóxica.

Artigo 8. Subcomisión de Seguridade

1. A Subcomisión de Seguridade estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa que posúa a titularidade da área encargada das directrices e estándares de seguridade da información, na entidade instrumental competente en materia de modernización tecnolóxica, que exercerá a presidencia.

b) A persoa que posúa a titularidade do departamento encargado da definición das directrices e estándares de seguridade da información, na entidade instrumental competente en materia de modernización tecnolóxica, que exercerá a vicepresidencia.

c) Unha persoa que posúa o rol de responsable de seguridade da información, de conformidade co artigo 5.j), pola Presidencia da Xunta de Galicia, por cada unha das consellerías e pola vicepresidencia ou vicepresidencias, de existiren estas. Estes membros, así como as súas persoas suplentes, serán nomeadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral da Presidencia e das respectivas secretarías xerais técnicas.

2. A secretaría da Subcomisión corresponderá a unha persoa empregada pública ao servizo da entidade con competencias en materia de modernización tecnolóxica. A súa designación, cesamento ou substitución corresponde á persoa titular da dirección da entidade instrumental con competencias en modernización tecnolóxica.

3. Corresponde á subcomisión o exercicio das seguintes funcións:

a) Propoñer para a súa aprobación pola Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico os obxectivos estratéxicos en materia de seguridade da información.

b) Propoñer para súa aprobación pola Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico as políticas e plans de acción en materia de seguridade da información para a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

c) Aprobar as directrices e instrucións en materia de seguridade da información no ámbito da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, necesarias para a execución das políticas, plans de acción e actuacións estratéxicas aprobadas pola Comisión de Seguridade e Goberno electrónico.

d) Velar polo cumprimento dos programas de auditoría para verificar o cumprimento das obrigacións en materia de seguridade da información e avaliar os informes resultantes das auditorías.

e) Promover a formación e conscienciación en materia de seguridade da información.

f) Velar polo cumprimento das normas, directrices e instrucións que afecten a seguridade da información.

Artigo 9. Subcomisión de Interoperabilidade e Administración Electrónica

1. A Subcomisión de Interoperabilidade e Administración Electrónica estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa que posúa a titularidade da área encargada da modernización das administracións públicas na entidade instrumental competente en materia de modernización tecnolóxica, que exercerá a presidencia.

b) A persoa que posúa a titularidade do departamento encargado do desenvolvemento da administración electrónica na entidade instrumental competente en materia de modernización tecnolóxica, que exercerá a vicepresidencia.

c) A persoa que posúa a titularidade do órgano de dirección con competencias en avaliación e reforma da Administración xeral de Galicia ou persoa en quen delegue.

d) A persoa que posúa a titularidade da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral ou persoa en quen delegue.

e) A persoa que posúa a titularidade do órgano de dirección con competencias en función pública ou persoa en quen delegue.

f) Unha persoa en representación da secretaría xeral da Presidencia da Xunta de Galicia, de cada unha das secretarías xerais técnicas das consellerías e da vicepresidencia ou vicepresidencias, de existiren estas, nomeada pola persoa que posúa a súa titularidade.

2. A secretaría da Comisión corresponderá a unha persoa empregada pública ao servizo da entidade instrumental con competencias en materia de modernización tecnolóxica. A súa designación, cesamento ou substitución corresponde á persoa titular da dirección da entidade instrumental con competencias en modernización tecnolóxica.

3. As persoas titulares dos órganos representados na subcomisión deberán nomear unha persoa suplente pertencente ao órgano que representen, para os casos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada.

4. Corresponde á subcomisión o exercicio das seguintes funcións:

a) Propoñer para a súa aprobación pola Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico os plans de implantación das iniciativas de administración electrónica.

b) Elaborar os plans de implantación do Esquema nacional de interoperabilidade, en especial os mecanismos para o mantemento do Inventario de información administrativa.

c) Elaborar o catálogo de servizos de interoperabilidade para a verificación e consulta de datos e documentos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como os mecanismos de coordinación con outras administracións ou institucións públicas.

d) Valorar as necesidades de intercambio de datos entre órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

e) Realizar o seguimento da implantación das iniciativas en materia de administración electrónica nos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma Galicia e as súas entidades dependentes.

f) Fomentar o uso dos servizos de administración electrónica a través de medidas de difusión e formación do persoal empregado público, sen prexuízo das funcións que ten atribuídas a Escola Galega de Administración Pública ou en colaboración con ela.

Artigo 10. Subcomisión de Presenza Web e Goberno Aberto

1. A Subcomisión de Presenza Web e Goberno Aberto estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa que posúa a titularidade da área con competencias en modernización tecnolóxica na entidade instrumental competente en materia de modernización tecnolóxica, que exercerá a presidencia.

b) A persoa que posúa a titularidade do departamento encargado do desenvolvemento da administración electrónica na entidade instrumental competente en materia de modernización tecnolóxica, que exercerá a vicepresidencia.

c) A persoa que posúa a titularidade do órgano de dirección con competencias en materia de medios de comunicación da Administración xeral de Galicia ou persoa en quen delegue.

d) A persoa que posúa a titularidade do órgano de dirección con competencias en materia de promoción da lingua galega ou persoa en quen delegue.

e) A persoa que posúa a titularidade do órgano de dirección con competencias en avaliación e reforma da Administración xeral de Galicia ou persoa en quen delegue.

f) A persoa que posúa a titularidade do órgano de dirección con competencias en materia de igualdade ou persoa en quen delegue.

g) Unha persoa en representación da secretaría xeral da Presidencia da Xunta de Galicia, de cada unha das secretarías xerais técnicas das consellerías e da vicepresidencia ou vicepresidencias, de existiren estas, nomeada pola persoa que posúa a súa titularidade.

2. A secretaría da Comisión corresponderá a unha persoa empregada pública ao servizo da entidade con competencias en materia de modernización tecnolóxica. A súa designación, cesamento ou substitución corresponde á persoa titular da dirección da entidade instrumental con competencias en modernización tecnolóxica.

3. As persoas titulares dos órganos representados na subcomisión deberán nomear unha persoa suplente pertencente ao órgano que representen, para os casos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada.

4. Corresponde á subcomisión o exercicio das seguintes funcións:

a) Promover o cumprimento dos plans de coordinación e actuacións con respecto á presenza na internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

b) Aprobar e difundir a guía de políticas web.

c) Promover e dinamizar novos contidos de carácter transversal na Rede de Portais da Administración Xeral e do Sector Público Autonómico de Galicia.

d) Asegurar a actualización do catálogo de portais e servizos web sociais e participativos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

e) Identificar e propoñer para a súa aprobación pola Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico os plans de actuación en materia de transparencia e participación cidadá.

f) Asegurar o máximo nivel de calidade, consistencia e coherencia canto á imaxe, comunicación, información e servizos ofrecidos polos órganos e entidades incluídos no ámbito de aplicación.

g) Asegurar a máxima calidade lingüística dos contidos, así como facilitar a unificación e a actualización das ferramentas lingüísticas á disposición das persoas usuarias a través dos portais web.

h) Fomentar a adaptación paulatina dos contidos da Rede de Portais da Administración Xeral e do Sector Público Autonómico de Galicia para que cumpra en todo momento cos requisitos establecidos no Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet.

i) Promover a publicación en formato reutilizable da información da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, mantendo actualizado o catálogo de documentos e conxuntos de datos abertos, para a súa reutilización pola cidadanía e empresas.

Artigo 11. Réxime de funcionamento das subcomisións

1. As reunións das subcomisións celebraranse cunha periodicidade mínima trimestral.

2. As subcomisións poderán aprobar as súas propias normas de funcionamento e réxime interno para o mellor exercicio das súas funcións, nas cales se preverá a utilización preferente das tecnoloxías da información como ferramenta para a axilización do seu funcionamento.

3. Os membros das subcomisións poderán asistir ás reunións acompañados por unha persoa asesora ou de confianza cando o consideren conveniente en atención aos asuntos que se van tratar ou aos traballos que se van desenvolver, e así llo comuniquen previamente á presidencia da subcomisión. Estas persoas terán voz pero non voto nas reunións.

4. Para o desenvolvemento e execución das súas atribucións, as subcomisións poderán constituír grupos de traballo.

Disposición adicional primeira. Non incremento do gasto

A constitución e o funcionamento dos órganos colexiados previstos neste decreto non suporán en ningún caso un incremento do gasto público e non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados ao orzamento de gastos da entidade instrumental con competencias en materia de modernización tecnolóxica.

Disposición adicional segunda. Presenza equilibrada de mulleres e homes

Na composición da comisión e das subcomisións atenderase ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes. A comunicación que se realice aos órganos para a designación de representantes lembrará a importancia social de tender a este obxectivo de igualdade.

Disposición adicional terceira. Constitución

1. A sesión constitutiva da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico terá lugar no prazo máximo de 3 meses a partir da entrada en vigor deste decreto.

2. A sesión constitutiva das subcomisións recollidas no capítulo II do presente decreto realizarase no prazo máximo de 3 meses a partir da constitución formal da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico.

Disposición adicional cuarta. Referencia ao Comité de Seguridade dos Sistemas de Información da Xunta de Galicia

A referencia ao Comité de Seguridade dos Sistemas de Información da Xunta de Galicia contida no artigo 15.2 do Decreto 230/2008, do 18 de setembro, polo que se establecen as normas de boas prácticas na utilización dos sistemas de información da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, debe entenderse feita á Subcomisión de Seguridade regulada neste decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación de normativa

Quedan derrogadas cantas normas regulamentarias preexistentes resulten contrarias ao disposto neste decreto e, en particular:

1. O capítulo IX do Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet.

2. Os artigos 4 e 5 do Decreto 230/2008, do 18 de setembro, polo que se establecen as normas de boas prácticas na utilización dos sistemas de información da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O inciso final do número 4 do artigo 14 («en aplicación da política de seguridade corporativa definida polo Comité de Seguridade dos Sistemas de Información da Xunta de Galicia») do Decreto 230/2008, do 18 de setembro, polo que se establecen as normas de boas prácticas na utilización dos sistemas de información da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellaría con competencias en materia de administracións públicas para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xuño de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza