Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Mércores, 2 de xullo de 2014 Páx. 29657

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 6/2014, do 26 de xuño, pola que se modifica a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

I
Exposición de motivos

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á nosa Comunidade Autónoma, no seu artigo 27.27, a competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas, con exclusión das apostas mutuas deportivo-benéficas. En virtude de tal atribución aprobouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

En cumprimento do mandato de incorporación ao dereito español da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, promulgouse no ámbito autonómico de Galicia a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á citada Directiva 2006/123/CE.

Ben que a actividade de xogo constituía unha das excepcións ao ámbito de aplicación da directiva, tamén foi adaptada a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, con relación a aqueles réximes de intervención sobre actividades que non tiñan natureza de xogo, entre elas as derivadas das máquinas tipo A ou recreativas.

As máquinas tipo A ou recreativas son definidas na Lei 14/1985, do 23 de outubro, como aquelas que, a cambio dun prezo, lle permiten á persoa usuaria un tempo de recreo sen ningún tipo de premio nin contraprestación en diñeiro, en especie ou en forma de tíckets ou vales con puntos cambiables por obxectos ou diñeiro, agás a posibilidade de prolongación da propia partida ou doutras adicionais co mesmo importe inicial. Non se trata, por tanto, dunha actividade de xogo porque nelas non se arrisca unha cantidade de diñeiro ou obxectos economicamente avaliables, nin se producen transferencias de cantidades entre as persoas participantes, nin se outorgan premios en metálico ou en especie.

Neste sentido, a adaptación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, á Directiva de servizos efectuada pola Lei 1/2010, do 11 de febreiro, supuxo a supresión da autorización administrativa previa para a organización, a práctica e o desenvolvemento das máquinas de xogo tipo A ou recreativas.

Así mesmo, a modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, xerou a necesidade de adaptar o Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, ao novo marco normativo, coa exclusión das máquinas tipo A de dous réximes limitativos: en primeiro lugar, da necesidade de homologación previa dos modelos, que se substitúe por un réxime de inscrición no Rexistro de Modelos en virtude de declaración responsable previa á comercialización e, en segundo lugar, da necesidade de obter calquera autorización asociada á explotación de máquinas. Esta adaptación materializouse coa aprobación do Decreto 116/2011, do 9 de xuño, polo que se modifica o Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, tanto na Lei 14/1985, do 23 de outubro, coma no Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, mantivéronse algúns réximes de intervención sobre as máquinas tipo A que a Comisión Europea, dentro do expediente Proxecto piloto 5182/13/ENTR, entendeu como de posible incumprimento da Directiva 2006/123/CE.

Por esta razón, e como continuación do proceso de revisión do marco normativo en liña cos principios que introduce a Directiva de servizos, procédese á supresión de todos aqueles réximes de intervención sobre máquinas tipo A derivados da normativa autonómica de xogo.

Así pois, en consonancia coa normativa europea, suprímense, respecto destas máquinas e dos salóns recreativos en que se explotan exclusivamente, os procedementos e limitacións aos cales estaban suxeitos conforme a vixente normativa autonómica.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se modifica a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Artigo único. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia

A Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, queda modificada como segue:

Un. A letra c) do artigo 6 queda redactada da seguinte maneira:

«c) As máquinas de xogo».

Dous. Suprímese a alínea 1 do artigo 10.

Tres. Suprímese a alínea 3 do artigo 13.

Catro. Suprímese a alínea 1 do artigo 17.

Cinco. A alínea 1 do artigo 19 queda redactada do seguinte modo:

«1. As máquinas de xogo deberán dispoñer da autorización oficial que estableza a Xunta de Galicia».

Seis. Engádese unha letra e) na alínea 2 do artigo 19, coa seguinte redacción:

«e) As máquinas tipo A ou recreativas, que son aquelas que, a cambio dun prezo, lle permiten á persoa usuaria un tempo de recreo sen ningún tipo de premio nin contraprestación en diñeiro, en especie ou en forma de tíckets ou vales con puntos cambiables por obxectos ou diñeiro, agás a posibilidade de prolongar a propia partida ou outras adicionais co mesmo importe inicial».

Sete. Quedan suprimidas as referencias ás máquinas tipo A contidas na alínea 2 do artigo 9, nos artigos 11 e 18 e na disposición adicional terceira.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xuño de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente