Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 4 de xullo de 2014 Páx. 29940

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 25 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2014.

A gandaría baseada nas nosas razas autóctonas foi tradicionalmente fonte dunha incalculable riqueza desde diversos puntos de vista, tanto económicos coma sociais e ambientais. Hoxe en día, debemos destacar tamén a importancia da conservación destas razas polo recurso xenético que supoñen e o seu papel fundamental na conservación de ecosistemas e pastos. Trátase tamén dunha ferramenta útil para a fixación da poboación no medio rural, que incrementa a calidade, a competitividade e o valor engadido dos produtos.

Por este motivo establécense axudas dirixidas ás asociacións de criadores das razas gandeiras autóctonas galegas, recoñecidas oficialmente pola comunidade autónoma, e que desenvolven actuacións destinadas ao fomento destas razas.

As actividades subvencionables por esta orde enmárcanse no disposto no Regulamento (UE) núm. 1114/2013 da Comisión, do 7 de novembro de 2013, polo que se modifica o Regulamento (CE) núm. 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) núm. 70/2001, e no establecido no Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento das razas autóctonas españolas que, por razón de fácil manexo e para evitar a fragmentación da materia regulada, esta orde reproduce literalmente.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da orde

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería do Medio Rural e do Mar destinadas ás organizacións ou asociacións de gandeiros, recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia, para o fomento das razas autóctonas galegas.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural e do Mar.

3. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita axuda para o ano 2014.

Artigo 2. Obxecto da axuda

As presentes axudas, tramitadas en réxime de concorrencia competitiva, teñen como finalidade:

1. O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.

2. A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal.

3. A mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.

4. A optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola comunidade autónoma, que cumpran os requisitos seguintes:

a) Carecer de ánimo de lucro.

b) Estar oficialmente recoñecidas para a xestión do libro ou libros xenealóxicos da raza ou razas autóctonas españolas pola Comunidade Autónoma galega.

c) No caso de que existan varias asociacións recoñecidas para unha mesma raza, xa sexa na mesma comunidade autónoma ou en distintas comunidades autónomas, deberán estar integradas nunha única asociación de segundo grao, segundo establece o artigo 13.1 do Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras, para poder acceder a estas axudas, e deberá ser a dita asociación de segundo grao a solicitante das axudas.

d) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e, se é o caso, o recollido nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ter a condición de peme de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (CE) núm. 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado.

e) Cumprir coas obrigas previstas no artigo 11 do Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro.

Artigo 4. Actuacións obxecto de subvención

1. As axudas unicamente poderán ser concedidas ás actividades emprendidas ou realizadas con posterioridade á presentación da solicitude, que deberá axustarse ao prazo establecido nesta convocatoria.

2. As actividades subvencionables, que realizarán polas entidades beneficiarias, desde a presentación da solicitude, serán:

a) Creación ou mantemento de libros xenealóxicos. Os conceptos subvencionables serán os gastos derivados da dita actividade, incluídos os do local ou oficinas, ordenadores e material informático e o seu mantemento ou actualización, adquisición de material de oficina non inventariable e contratación e gastos de persoal técnico e administrativo.

b) As que deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza, no cal se recollerán as actividades destinadas á conservación in situ desta, así como a creación e mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando. As axudas irán dirixidas a sufragar os gastos relativos á implantación e desenvolvemento dos programas de mellora oficialmente aprobados e os controis de rendementos para a realización das avaliacións xenéticas dos animais e os programas de difusión da mellora.

Artigo 5. Contía e compatibilidade das axudas

1. As subvencións serán compatibles con outras que poidan conceder as administracións públicas, entes públicos adscritos ou dependentes delas, tanto nacionais como internacionais, e outras persoas físicas ou xurídicas de natureza privada.

2. Non obstante, a contía total da subvención, que se destinará a financiar os custos que ocasione a realización das actuacións previstas no artigo 4, non poderá superar un máximo de 60.000 euros por raza e anualidade.

3. Así mesmo, a contía da subvención non poderá superar nin o custo total da actividade obxecto da subvención nin os límites establecidos no Regulamento (CE) núm. 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) núm. 70/2001, nin as seguintes contías e porcentaxes máximas estimadas para as subvencións, sen prexuízo de límites máis estritos previstos para cada ano na respectiva convocatoria:

a) Creación ou mantemento de libros xenealóxicos. A porcentaxe máxima da axuda é do 100 por cento, de acordo co artigo 16.1.a) do Regulamento (CE) núm. 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro.

b) Probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando. A porcentaxe máxima da axuda é do 70 por cento do gasto, de acordo co artigo 16.1.b) do Regulamento (CE) núm. 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro.

Artigo 6. Solicitudes e prazos de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Á solicitude de axuda, segundo o modelo do anexo I, deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) Copia cotexada do NIF da entidade solicitante.

b) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante.

c) Copia compulsada dos estatutos que permita verificar que a entidade carece de ánimo de lucro e que se garante a participación democrática dos seus membros.

d) Acreditación da representatividade do solicitante.

e) Memoria pormenorizada do programa de actuación que se pretende desenvolver (en soporte informático e impresa en papel), obxectivos, prazo de execución e un plan cronolóxico dos traballos que se van realizar.

f) Avaliación económica dos investimentos que se van realizar.

g) Acreditación de que dispoñen dos medios técnicos e de persoal axeitados para a realización das actividades subvencionadas e descrición deles.

h) Acreditación do acordo da xunta directiva de aprobación da realización das actuacións obxecto de subvención.

i) Acreditación ou certificación da acta de reunión da xunta directiva, pola que se acorda a exixencia a todos os socios ou integrantes do cumprimento das normas mínimas en materia sanitaria, identificación, alimentación, medio natural, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria, nacional e autonómica.

3. De acordo co artigo 4, número 2, da Orde do 12 de xaneiro de 2012 (DOG do 16 de xaneiro), pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, os solicitantes non terán a obriga de presentar os documentos das letras a), b), c) e d) que xa fosen presentados. Para facer efectivo este dereito deberán especificar a data en que presentaron os documentos e o órgano a que os dirixiron, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento en que se achegaron.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

5. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, se é o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

Artigo 7. Consentimentos e autorización

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. As solicitudes das persoas interesadas xuntarán os documentos e as informacións determinadas no artigo 6, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 8. Criterios de adxudicación

1. Na concesión de axudas previstas nesta orde, atenderase aos seguintes criterios:

a) Solicitudes das asociacións de segundo grao que agrupen a asociacións de criadores de animais de razas puras en perigo de extinción: 3 puntos.

b) Solicitudes de asociacións que xestionan razas autóctonas en perigo de extinción: 2 puntos.

c) Capacidade da organización ou asociación de criadores para desenvolver as actuacións que se financien, especialmente as actividades relacionadas co programa de mellora, coa maior eficacia, eficiencia e economía de medios persoais e materiais, tendo en conta os censos e explotacións: 1 punto.

d) A entidade solicitante para cada unha das razas que agrupe o maior número de explotacións sobre as cales se desenvolven programas de actuación suxeitos a subvención: 2 puntos.

e) A entidade solicitante para cada unha das razas que agrupe o maior censo en UGM sobre as cales se desenvolven programas de actuación suxeitos a subvención: 2 puntos.

2. Non obstante, se as dispoñibilidades orzamentarias fosen insuficientes para atender o importe total das solicitudes, poderase efectuar un rateo do importe que se vai conceder entre elas.

Artigo 9. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A resolución do expediente correspóndelle ao secretario xeral de Medio Rural e Montes por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta da directora xeral de Produción Agropecuaria.

2. A baremación das solicitudes, segundo os criterios do artigo 8, será efectuada por un órgano colexiado constituído para o efecto, integrado por tres funcionarios da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario, e que estará presidido polo subdirector xeral de Gandaría. Á vista deste informe a directora xeral de Produción Agropecuaria elevará proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

3. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben, alternativamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar o procedemento será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. A falta de notificación no dito prazo poderase entender desestimatoria da petición de axuda.

Artigo 10. Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas

Xunto coa xustificación, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, segundo o modelo que figura como anexo II.

Artigo 11. Control da execución dos programas

O control da execución dos programas levarao a cabo a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, realizando as comprobacións e inspeccións que considere necesarias, a fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como do lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitará toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei de subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 12. Pagamento das axudas

1. O pagamento da subvención realizarase coa xustificación previa por parte do beneficiario da realización da actividade, proxecto, obxecto ou adopción do comportamento para o que se concedeu, nos termos establecidos nesta orde e das xustificacións de gasto e pagamento correspondentes.

2. Poderá solicitarse antes do 30 de agosto de 2014 un anticipo como máximo do 50 % do total da subvención autorizada e que estará suxeito ás dispoñibilidades orzamentarias vixentes. Para poder ser autorizado o dito anticipo, as entidades beneficiarias non poderán ter abertos expedientes de reintegro de axudas de anos anteriores.

En virtude do artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios deste anticipo quedan exonerados da constitución das garantías establecidas no artigo 65 do mesmo decreto.

Artigo 13. Modificación das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14. Reintegro da axuda e obriga de facilitar información

1. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento nos casos establecidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Se como consecuencia dos controis se detectan incumprimentos na execución do programa de actuacións aprobado en aspectos relevantes para a súa efectividade, aplicaranse deducións sobre as axudas aprobadas ponderando a gravidade e frecuencia dos incumprimentos.

As deducións parciais aplicables serán as seguintes:

– Do 5 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 10 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 15 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 20 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 25 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 30 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 50 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 40 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

En caso de detectar un mesmo tipo de incumprimento na execución do programa de actuacións en máis dun 40 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados perderase o dereito á axuda.

3. Así mesmo, o interesado ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as que lle solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 15. Infraccións e sancións

No tocante a infraccións e sancións, será de aplicación o título IV, Infraccións e sancións administrativas en materia de subvención, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 16. Xustificacións

1. As xustificacións técnicas e económicas da realización do programa deberán presentarse antes do 15 de novembro, preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse tal como recolle o artigo 10 do Decreto 191/2011, nos rexistros dos órganos, servizos e unidades da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais; nos rexistros das entidades da Administración local, universidades públicas e institucións estatutarias da Comunidade Autónoma de Galicia, así como das entidades públicas con independencia funcional ou cunha autonomía especial recoñecida por lei, sempre que optasen pola súa inclusión no Sistema único de rexistro mediante o asinamento dun convenio de colaboración coa consellería competente en materia de administracións públicas; nas oficinas de Correos, segundo a normativa específica; no portelo único establecido no artigo 18 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizo e o seu exercicio, para aqueles que estean incluídos no seu ámbito de aplicación e, en calquera outro rexistro que establezan as disposicións vixentes.

As solicitudes, escritos e comunicacións, que os/as cidadáns/ás dirixan aos órganos das administracións públicas en xeral, poderán presentarse nos rexistros e lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Cando se trate de xustificacións de gastos en nóminas de persoal contratado polas entidades solicitantes para desenvolver as actuacións subvencionables, poderanse presentar ata o 15 de decembro, dirixidas á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, e terán que acreditar o ingreso na AEAT dos importes retidos aos/ás traballadores/as.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falla de presentación da xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme á lei, correspondan.

3. Por regra xeral, os gastos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas orixinais acompañadas dos documentos que verifiquen o seu pagamento efectivo. Nos casos en que isto non sexa posible, os gastos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente. Para efectuar o pagamento da axuda concedida os beneficiarios deberán presentar:

a) Os xustificantes orixinais de investimento total.

b) A transferencia bancaria dos pagamentos.

c) Unha relación informatizada dos pagamentos.

d) Unha memoria explicativa sobre a realización das actividades auxiliadas, que probe a prestación efectiva dos servizos.

Para cada concepto, presentarase unha táboa comparativa entre os gastos realizados, debidamente xustificados, e os presentados no orzamento inicial. A relación informatizada das facturas debe constar dos seguintes campos: concepto, provedor, número de factura, data de emisión e data de pagamento, base impoñible, importe correspondente ao IVE e importe total con IVE.

4. As acreditacións de gasto e de pagamento realizaranse consonte o artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

De acordo co punto 4 do artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando as actividades sexan financiadas, ademais de coa axuda, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

5. De acordo co artigo 29, número 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Conforme o disposto no artigo 18 do Regulamento 1857/2006 sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) núm. 70/2001, no cal se establecen as condicións previas á concesión de axudas, non poderán subvencionarse actividades levadas a cabo con anterioridade á aceptación expresa e vinculante para a autoridade competente da solicitude da axuda presentada.

6. De acordo co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios poderán subcontratar totalmente a realización das actividades subvencionadas.

No caso de subcontratación, cumpriranse ademais os restantes requisitos establecidos no citado artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular o relativo ás prohibicións establecidas no número 7.

Artigo 17. Financiamento

1. As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden dos orzamentos xerais do Estado e financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria para o ano 2014:

Aplicación 12.22.713C.781.1 dotada para esta finalidade cun importe de douscentos setenta e dous mil euros (272.000 euros).

2. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos estatais ou autonómicos achegados para o efecto, na mesma ou noutras aplicacións orzamentarias, de acordo con artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro de 2009).

Disposición adicional primeira

As actividades subvencionables por esta orde enmárcanse no disposto no Regulamento (UE) núm. 1114/2013 da Comisión, do 7 de novembro de 2013 que modifica no que se refire ao seu período de aplicación o Regulamento 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DOUE L 358/3, 16.12.2006), sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) núm. 70/2001 e que establece no artigo 1 que o período de aplicación será desde o 1 de xaneiro de 2007 ata o 30 de xuño de 2014, data límite de resolución de concesión de axudas para que se poidan amparar na dita normativa, sen prexuízo de aplicar a nova data que resulte no caso de prórroga ou ampliación do límite e ao establecido no Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento das razas autóctonas españolas.

Disposición adicional segunda

O outorgamento das axudas reguladas nesta orde queda condicionado á publicación do número de rexistro da solicitude de exención na páxina web da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, non sendo aplicables antes da dita data.

Disposición adicional terceira

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei, e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta

Para facilitar o manexo das bases reguladoras aos posibles beneficiarios, os seguintes artigos desta orde redactáronse seguindo o establecido no Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento das razas autóctonas españolas: artigo 3 (beneficiarios), artigo 4 (actuacións obxecto da subvención), artigo 5 (contía e compatibilidade das axudas) e artigo 8 (criterios de adxudicación) nos puntos 1.a), 1.b), 1.c) e 2.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar cantas instrucións sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III
Contido anexo I do Regulamento (CE) 364/2004 da Comisión,
do 25 de febreiro de 2004

Definición de microempresas, pequenas e medianas empresas adoptada pola Comisión.

Artigo 1. Empresa

Considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

Artigo 2. Os efectivos e límites financeiros que definen as categorías de empresas

1. A categoría de microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) está constituída polas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

2. Na categoría das pemes, defínese unha pequena empresa como unha empresa que ocupa a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

3. Na categoría das pemes, defínese a unha microempresa como unha empresa que ocupa a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Artigo 3. Tipos de empresas considerados para o cálculo dos efectivos e os importes financeiros

1. É unha empresa autónoma a que non pode cualificarse nin como empresa asociada para efectos do número 2 nin como empresa vinculada para efectos do número 3.

2. Son empresas asociadas todas as empresas que non se poden cualificar como empresas vinculadas para efectos do número 3 e entre as cales existe a relación seguinte: unha empresa (empresa participante) posúe, por si soa ou conxuntamente cunha ou máis empresas vinculadas, para os efectos da definición do número 3, o 25 % ou máis do capital ou dos dereitos de voto doutra empresa (empresa participada).

Unha empresa pode, non obstante, recibir a cualificación de autónoma, sen empresas asociadas, aínda que se acade ou se supere o límite máximo do 25 %, cando estean presentes as categorías de investidores seguintes, e a condición de que entre estes, individual ou conxuntamente, e a empresa en cuestión non existan os vínculos descritos no número 3:

a) Sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco, persoas físicas ou grupos de persoas físicas que realicen unha actividade regular de investimento en capital risco (investidores providenciais, business angels) e invistan fondos propios en empresas sen cotización bolsista, desde que o investimento dos devanditos business angels na mesma empresa non supere 1.250.000 euros.

b) Universidades ou centros de investigación sen fins lucrativos.

c) Investidores institucionais, incluídos os fondos de desenvolvemento rexional.

d) Autoridades locais autónomas cun orzamento anual de menos de 10 millóns de euros e unha poboación inferior a 5.000 habitantes.

3. Son empresas vinculadas as empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios doutra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control doutra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra en virtude dun contrato celebrado con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo realizado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas.

Hai presunción de que non existe influencia dominante cando os investidores enunciados no segundo parágrafo do número 2 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas ou de asociados.

As empresas que manteñan calquera das relacións determinadas no parágrafo primeiro a través doutra ou outras empresas, ou cos investidores enumerados no número 2, consideraranse tamén vinculadas.

Consideraranse tamén empresas vinculadas as que manteñan algunha das devanditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as devanditas empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos.

Considerarase mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

4. A excepción dos casos citados no segundo parágrafo do número 2, unha empresa non pode ser considerada como peme se o 25 % ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto están controlados, directa ou indirectamente, por un ou máis organismos públicos ou colectividades públicas.

5. As empresas poden efectuar unha declaración relativa á súa cualificación como empresa autónoma, asociada ou vinculada, así como aos datos relativos aos límites máximos enunciados no artigo 2. Pode efectuarse esta declaración aínda que o capital estea distribuído de tal forma que non se poida determinar con precisión quen o posúe, se a empresa declara con presunción lexítima e fiable que o 25 % ou máis do seu capital non pertence a outra empresa ou non o detén conxuntamente con empresas vinculadas entre elas ou a través de persoas físicas ou dun grupo de persoas físicas. Tales declaracións non eximen dos controis e verificacións previstos polas normativas nacionais ou comunitarias.

Artigo 4. Datos que hai que tomar en conta para calcular os efectivos, os importes financeiros e o período de referencia

1. Os datos seleccionados para o cálculo do persoal e os importes financeiros son os correspondentes ao último exercicio contable fechado, e calcúlanse sobre unha base anual. Tense en conta a partir da data en que se fechan as contas. O total de volume de negocios calcularase sen o imposto sobre o valor engadido (IVE) nin tributos indirectos.

2. Cando unha empresa, na data de feche das contas, constate que se superaron nun sentido ou noutro, e sobre unha base anual, os límites máximos de efectivos ou os límites máximos financeiros enunciados no artigo 2, esta circunstancia só lle fará adquirir ou perder a calidade de mediana ou pequena empresa, ou de microempresa, se esta superación se produce en dous exercicios consecutivos.

3. En empresas de nova creación que non pecharon aínda as súas contas, utilizaranse datos baseados en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro.

Artigo 5. Os efectivos

Os efectivos corresponden ao número de unidades de traballo anual (UTA), é dicir, ao número de persoas que traballan na empresa en cuestión ou por conta da devandita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, cóntanse como fraccións de UTA. Nos efectivos contabilízase ás categorías seguintes:

a) Asalariados.

b) Persoas que traballan para a empresa que teñan con ela un vínculo de subordinación e estean asimiladas a asalariados conforme o dereito nacional.

c) Propietarios que dirixen a súa empresa.

d) Socios que exerzan unha actividade regular na empresa e gocen de vantaxes financeiras por parte da empresa.

Os aprendices ou alumnos de formación profesional con contrato de aprendizaxe ou formación profesional non se contabilizará dentro dos efectivos. Non se contabiliza a duración dos permisos de maternidade ou dos permisos parentais.

Artigo 6. Determinación dos datos da empresa

1. No caso de empresas autónomas, os datos, incluídos os efectivos, determinaranse unicamente sobre a base das contas da devandita empresa.

2. Os datos, incluídos os efectivos, dunha empresa con empresas asociadas ou vinculadas, determinaranse sobre a base das contas e demais datos da empresa, ou ben, se existen, sobre bases das contas consolidadas da empresa ou das contas consolidadas en que a empresa estea incluída por consolidación.

Aos datos mencionados no primeiro parágrafo débenselles agregar os datos das posibles empresas asociadas coa empresa en cuestión, situadas en posición inmediatamente anterior ou posterior a esta. A agregación será proporcional á porcentaxe de participación no capital ou nos dereitos de voto (á máis elevada destas dúas porcentaxes). En caso de participacións cruzadas, aplicarase a porcentaxe máis elevada.

Aos datos mencionados no primeiro e segundo parágrafo engadiráselles o 100 % dos datos das empresas que poidan estar directa ou indirectamente vinculadas á empresa en cuestión e que non sexan incluídas nas contas por consolidación.

3. Para aplicar o número 2, os datos das empresas asociadas coa empresa en cuestión deben proceder das contas, consolidadas se existen, e dos demais datos, aos cales se deberá engadir o 100 % dos datos das empresas vinculadas a estas empresas asociadas, a non ser que os seus datos xa se incluísen por consolidación.

Para aplicar o devandito número 2, os datos das empresas vinculadas á empresa en cuestión deben proceder das súas contas, consolidadas se existen, e dos demais datos. A estes deberáselles agregar proporcionalmente os datos das empresas que poidan estar asociadas a estas empresas vinculadas, situadas en posición inmediatamente anterior ou posterior a estas, a non ser que se incluísen xa nas contas consolidadas nunha proporción polo menos equivalente á porcentaxe definida no segundo guión do número 2.

4. Cando nas contas consolidadas non consten os efectivos dunha empresa dada, calcularase incorporando de maneira proporcional os datos relativos ás empresas con que a empresa estea asociada e engadindo os relativos ás empresas con que estea vinculada.