Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Luns, 21 de xullo de 2014 Páx. 31799

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 14 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para o acceso ás prazas de residencia e de comedor nos centros residenciais da Consellería do Medio Rural e do Mar, e se convoca a oferta de prazas para o curso académico 2014/15.

O Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, ao abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor prestados nos centros de formación das familias marítimo-pesqueira e agroforestal, así como os prezos de matrícula na Aula de Seguridade e Salvamento, dependentes desta consellería, recolle no seus artigos 3 e 4 os supostos de feito e os suxeitos obrigados dos ditos prezos públicos.

O Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira fai referencia no seu artigo 9.2.b) á prestación de servizos complementarios polos centros e no artigo 24 ao sistema de acceso aos centros de formación propios. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural e do Mar dispón de catro centros de ensino náutico, marítimo-pesqueiro e de acuicultura, entre os cales, os centros de Vigo e Ferrol ofrecen os servizos complementarios de residencia e comedor ao alumnado que neles se matriculan.

Por outra banda, o Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca, ampliado polo Real decreto 998/1984, do 28 de marzo, sobre valoración definitiva e ampliación de funcións e medios adscritos aos servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura, as escolas de capacitación agraria pasan a depender directamente da Xunta de Galicia. Nestes intres, a Consellería do Medio Rural e do Mar dispón de varios centros de formación da familia agroforestal, entre os cales os centros de Sergude, Lourizán e Becerreá tamén ofrecen os servizos de residencia e comedor ao alumnado que neles se matriculan.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, atribúe á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de ensino náutico e marítimo-pesqueiro. Igualmente, asigna á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, a través da Subdirección Xeral de Formación e Transferencia Tecnolóxica, as funcións de programación e coordinación da formación agroforestal.

Co obxecto de fomentar e potenciar a formación da poboación mariñeira e do medio rural é necesario artellar as accións que faciliten o acceso á formación continua e aos ciclos formativos de grao medio e superior das familias marítimo-pesqueira e agroforestal.

Polo exposto, a conselleira do Medio Rural e do Mar, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para o acceso ás prazas de residencia e de comedor nos centros residenciais da Consellería do Medio Rural e do Mar, así como, proceder á convocatoria das prazas residenciais vacantes para o curso escolar 2014/15.

CAPÍTULO I
Bases reguladoras

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderá ser beneficiario/a das prazas de residencia ou de comedor todo o alumnado que, durante o curso escolar, estea matriculado nos centros de formación dependentes desta consellería e realice os seguintes estudos:

a) Marítimo-pesqueiros:

– Ciclos formativos de grao medio e superior da familia profesional marítimo-pesqueira.

b) Náutico-pesqueiros:

– Capitán de pesca, patrón costeiro polivalente, patrón local de pesca e mariñeiro pescador.

c) Agroforestais:

– Ciclos formativos de grao medio e superior da familia profesional agroforestal.

Artigo 3. Clases de prazas

As prazas poderán adxudicarse nas seguintes modalidades:

a) Residencia en pensión completa.

b) Media pensión.

c) Xantar diario non regular.

Artigo 4. Prazas en réxime de residencia en pensión completa

1. A modalidade de residencia en pensión completa supón a utilización dos servizos residenciais do centro.

2. Nos centros de ensino náutico e marítimo-pesqueiro, as persoas que teñan asignada unha praza na residencia poderán facer uso dela no horario que abrangue desde os domingos ou festivos, véspera de días lectivos, ás 22.00 horas, ata o venres ou véspera de días festivos ás 16.45 horas.

3. Nos centros de ensino agroforestal, as persoas que teñan asignada unha praza na residencia poderán facer uso dela todos os días lectivos do centro que non sexan vésperas de festivo. O horario xeral destes centros será de luns ás 9.00 horas ata o venres ás 14.00 horas para o centro CFEA de Sergude e de luns ás 8.00 horas a venres ás 15.00 horas para o centro CFEA de Lourizán.

4. A adxudicación das prazas en réxime de residencia en pensión completa aterase ao procedemento establecido no capítulo II.

5. Cando o número de solicitudes sexa igual ou inferior ao número de prazas de residencia ofertadas, os/as interesados/as deberán cumprir os requisitos exixidos nesta orde e presentar a correspondente solicitude axustada ao artigo 19.

6. No caso de determinar que o número de solicitudes é superior ao número de prazas ofertadas, procederase á adxudicación de prazas por medio do baremo recollido no capítulo II.

Artigo 5. Prazas en réxime de media pensión e xantar diario non regular

1. Estas prazas dan dereito a xantar na sala do comedor do centro.

2. Poderán solicitar praza en réxime de media pensión e xantar diario non regular as persoas que, cursando estudos no centro, cumpran cos requisitos xerais do artigo 2; teñan o seu domicilio habitual a unha distancia superior a 15 km do centro docente; ou ben que, aínda sendo unha distancia menor, acrediten a súa imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases.

3. Sempre que exista dispoñibilidade, a adxudicación das prazas de media pensión e xantar diario non regular será realizada polos centros residenciais, logo de presentar a correspondente solicitude de acordo co artigo 19 e comprobado que reúne os requisitos recollidos nesta orde, así como o pagamento da taxa correspondente.

Artigo 6. Requisitos xerais para ser adxudicatario/a das prazas

Para acceder ás prazas reguladas nesta orde as persoas interesadas deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ser cidadáns de calquera país da Unión Europea ou estranxeiros/as que acrediten a residencia ou estean dentro dun programa de cooperación internacional.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade no ano da convocatoria.

c) Estar matriculado no centro durante o curso escolar.

Artigo 7. Prezos públicos

1. As persoas beneficiarias das prazas recollidas no artigo 3 estarán suxeitas aos prezos públicos previstos na normativa aplicable.

2. Para os cursos de duración inferior a un curso escolar completo, o alumnado con praza de residencia en pensión completa poderá acollerse ao pagamento trimestral ou por días.

3. O alumnado con praza na residencia que se incorpore á Formación en Centros de Traballo (FCT) poderá seguir usando a residencia ata o remate da formación na dita empresa. Non obstante, no caso de non utilizar os servizos de residencia durante o terceiro trimestre do curso escolar, como consecuencia de realizar a dita FCT fóra do centro, o alumnado poderá estar exento do pagamento do devandito trimestre.

4. Para as prazas de comedor o alumnado fará efectivo o pagamento antes do inicio do servizo.

5. No caso das prazas de residencia en pensión completa para cursos de duración inferior a un curso escolar completo, o primeiro pagamento realizarase antes do comezo do curso.

Artigo 8. Incorporación do alumnado ás residencias

1. Os centros residenciais docentes elaborarán as normas de funcionamento e publicaranas cunha anticipación de 10 días hábiles no seu taboleiro de anuncios, para o coñecemento do alumnado residente.

2. O alumnado residente, no momento da súa incorporación ao centro, deberán acreditar mediante certificado médico oficial o seu estado de saúde, que deberá permitir o normal desenvolvemento da vida residencial ou docente.

3. O alumnado residente está suxeito ao réxime interno do centro e deberá respectar as normas de convivencia e horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

Artigo 9. Perda do dereito á praza de residencia

1. O alumnado residente perderá a praza polas seguintes causas:

a) Non incorporarse ao centro residencial na data do inicio do curso escolar indicada polo centro docente, agás nos casos de forza maior, debidamente acreditados logo da súa valoración polo centro.

b) Perda da condición de alumno/a no centro docente no que debía cursar os estudos para os cales lle foi concedida a praza.

c) Faltas de asistencia sen xustificar, cando se supere o número de tres días de ausencia continuados ou cinco días alternos ás clases lectivas dentro do período dun mes e logo dun informe previo da dirección do centro.

d) Incumprimento do réxime interno do centro residencial que altere o normal desenvolvemento da convivencia e que dea lugar a sanción disciplinaria.

2. A dirección do centro residencial docente, tendo en conta o recollido no punto 1 deste artigo, concederalle ao alumnado un prazo de 5 días hábiles para que presente alegacións, documentos ou as xustificacións que estime conveniente.

3. A dirección do centro, á vista das alegacións efectuadas ou transcorrido o prazo concedido para presentalas, resolverá o procedente no prazo de 5 días hábiles.

CAPÍTULO II
Procedemento de adxudicación de prazas de residencia mediante baremo

Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes

1. A valoración das solicitudes das prazas de residencia en pensión completa realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

a) Rendemento académico do último curso realizado:

– Nota media de sobresaínte: 4 puntos.

– Nota media de notable: 3 puntos.

– Nota media de ben: 2 puntos.

– Nota media de suficiente: 1 punto.

b) Renda familiar per cápita:

b.1) A renda familiar per cápita é a cantidade que determina a porcentaxe e os límites da axuda a partir das táboas de baremación. O seu importe é o coeficiente de dividir a renda da unidade familiar correspondente ao ano inmediato anterior ao do inicio do curso entre todos os membros da dita unidade. Este extremo acreditarase mediante a declaración do IRPF presentada por cada un dos ditos membros.

b.2) Para a determinación da renda familiar sumarase o importe íntegro das retribucións en concepto de rendementos de traballo obtidos durante o ano inmediato anterior ao do inicio do curso por todos os membros da unidade familiar.

b.3) Considéranse membros computables da unidade familiar: pai, nai, irmáns e irmás solteiros/as menores de vinte e cinco anos que convivan no domicilio familiar, irmáns e irmás de maior idade, cando se trate de persoas diminuídas físicas, psíquicas ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio familiar a través do certificado municipal de empadroamento.

No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se consideran membros computables o/a cónxuxe ou, se é o caso, a persoa á que estea unida por análoga relación de convivencia afectiva, así como os descendentes que convivan no mesmo domicilio.

b.4) No caso de divorcio ou separación legal dos pais non se considerará membro computable quen non conviva coa persoa solicitante.

b.5) Nos casos no que a persoa solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar que conta cos medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia, así como a titularidade ou o aluguer da vivenda que constitúe o seu domicilio habitual. No caso contrario, entenderase non probada a independencia, polo que para o cálculo da renda e patrimonio familiar, se computarán os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refire o antedito punto b.3).

b.6) Ao cociente da renda familiar computada entre o número de membros da unidade familiar adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 6.000 euros: 7 puntos.

De 6.000,01 ata 9.500 euros: 5 puntos.

De 9.500,01 ata 13.000 euros: 3 puntos.

De 13.000,01 ata 15.000 euros: 1 punto.

A partir de 15.000,01: 0 puntos.

c) Circunstancias familiares:

c.1) As persoas solicitantes que teñan irmás ou irmáns cursando estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselle 2 puntos polo primeiro e 1 punto máis por cada un dos seguintes.

c.2) As persoas aspirantes en condición de orfandade, 2 puntos.

c.3) As persoas aspirantes membros de familia numerosa de 1ª clase, 1 punto; de 2ª clase e honra, 2 puntos.

c.4) As persoas aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de enfermidade permanente ou con discapacidade, 2 puntos.

Todas as situacións referentes ás circunstancias familiares deberán xustificarse documentalmente.

A puntuación resultante de sumar os anteriores puntos será a que determine a orde de adxudicación.

2. No caso de que as persoas solicitantes obtivesen a mesma valoración, terán preferencia, por esta orde:

– As mulleres fronte aos homes (seguindo criterios de infrarrepresentación).

– As persoas que acrediten ter residencia en Galicia.

– As persoas non repetidores.

– As persoas que acrediten documentalmente unha relación persoal ou familiar directa co sector.

– Finalmente terán preferencia os de menor renda familiar.

Cando a omisión ou deficiente xustificación afecte un criterio de valoración, atribuiránselle nel 0 puntos.

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. Corresponderá á Comisión de Aaloración constituída para o efecto en cada centro, a valoración dos criterios xustificados polas persoas solicitantes para os efectos de atribuírlles a puntuación correspondente.

2. A Comisión de Valoración estará composta por:

a) Presidente/a: a persoa que ocupe a xefatura territorial da provincia onde se atope o centro de formación, ou a persoa en quen delegue.

b) Secretario/a: a persoa que ocupe a secretaría do centro ou, no caso de non existir esta figura no cadro orgánico, a persoa equivalente.

c) Vogais:

– O/a director/a do centro de formación.

– A persoa adscrita e designada pola Subdirección Xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais ou a Subdirección Xeral de Formación e Transferencia Tecnolóxica, segundo corresponda pola formación impartida no centro.

3. A Comisión de Valoración determinará a puntuación que corresponda a cada solicitante polos criterios establecidos no artigo anterior.

4. Das reunións realizadas polas comisións a que se refiren os puntos anteriores levantarase a acta, que será remitida á Secretaría Xeral do Mar ou á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, segundo corresponda pola formación impartida no centro.

5. No caso de determinar que o número de solicitudes é superior ao número de prazas ofertadas procederase da seguinte maneira:

a) Publicación no taboleiro de anuncios do centro residencial a listaxe de solicitudes e o número de prazas.

b) O centro residencial abrirá un prazo de 10 días, contado a partir dos 2 días seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes, para achegar a documentación xustificativa dos criterios do baremo recollidos no artigo 10 e aquela outra que aparece recollida no anexo I.

c) A comisión de valoración poderá requirir a documentación complementaria que estime necesaria para constatar a concorrencia dos requisitos e os criterios de valoración alegados. Neste caso concederá un prazo de 5 días hábiles para á súa presentación.

d) A falta de presentación en prazo da documentación requirida impedirá ter por acreditado os requisitos ou criterios afectados e, en consecuencia, impedirá valoralos para os efectos de determinar a puntuación.

Artigo 12. Proposta de adxudicación provisional

1. A Comisión de Valoración elaborará e remitirá á Secretaría Xeral do Mar ou á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, segundo corresponda pola formación impartida no centro, a proposta de adxudicación provisional de prazas de residencia, seguindo a puntuación total obtida polos/as solicitantes, así como a relación provisional de excluídos debidamente motivada.

Así mesmo, elaborará unha relación de suplentes para cubrir as vacantes que poidan producirse.

2. A resolución de adxudicación provisional, a relación de suplentes e a relación de excluídos/as publicarase na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar e no taboleiro de anuncios do centro correspondente. Así mesmo, contra a dita resolución, as persoas interesadas poderán formular reclamación ante a propia comisión no prazo de 10 días hábiles seguintes ao da súa publicación. As reclamacións serán dirixidas ao presidente ou presidenta da comisión.

3. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación da adxudicación definitiva.

Artigo 13. Adxudicación definitiva

1. A Comisión de Valoración elaborará e remitirá á Secretaría Xeral do Mar ou á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, segundo corresponda pola formación impartida no centro, a proposta de adxudicación definitiva de prazas de residencia, así como a relación definitiva de excluídos/as e a relación de suplentes.

2. A Secretaría Xeral do Mar ou a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, segundo corresponda pola formación impartida no centro, resolverá a adxudicación definitiva de prazas de residencia.

3. A resolución de adxudicación definitiva e a relación de suplentes publicarase na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.

No caso de non producirse resolución expresa no prazo de tres meses desde a presentación da solicitude, esta entenderase desestimada.

4. Para a cobertura das prazas de residencia que queden vacantes durante o curso, a dirección do respectivo centro residencial acudirá á lista de suplentes, seguindo a orde de puntuación.

Artigo 14. Adxudicación de prazas de residencia en supostos especiais

1. A tramitación das solicitudes de praza de residencia presentadas no prazo extraordinario de setembro axustarase ao establecido nos artigos anteriores, agás no relativo ás datas e prazos, que terán que axustarse ás exixencias derivadas do inicio do curso escolar nos respectivos centros residenciais.

2. Para a cobertura de prazas de residencia durante o curso escolar, as direccións dos centros residenciais resolverán a adxudicación destas.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou información previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao cal correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

As persoas interesadas autorizarán expresamente a Consellería do Medio Rural e do Mar para solicitar ante o Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a información da identidade persoal necesaria para o procedemento de adxudicación de prazas. De non autorizaren esta consulta, deberán achegar copia do documento de identidade correspondente.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación e autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado <relacións administrativas coa cidadanía e entidades> cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a citada Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde non porán fin á vía administrativa, e contra elas poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no se produza o acto presunto, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Todo iso sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

CAPÍTULO III
Convocatoria de prazas de residencia e comedor nos centros de formación
da Consellería do Medio Rural e do Mar

Artigo 18. Convocatoria de prazas de residencia e comedor

De acordo coas bases reguladoras establecidas nesta orde, convócanse prazas de residencia e de comedor nos centros de formación da Consellería do Medio Rural e do Mar para o curso académico 2014/15.

A oferta de prazas para o curso 2014/15 será a seguinte:

Centro residencial

Nº de prazas en réxime de pensión completa

Nº de prazas en réxime de media pensión e xantar diario non regular

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (Pontevedra)

65

5

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (A Coruña)

40

5

Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán (Pontevedra)

48

42

Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (A Coruña)

45

33

Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá (Lugo)

0

45

Artigo 19. Presentación de solicitudes, lugar e prazo

Os/as candidatos/as realizarán a correspondente solicitude de praza mediante o modelo que figura como anexo I, dirixida ao enderezo dos centros residenciais.

1. A solicitude deberá presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es/portada (PE606B). Tamén poderán presentala directamente nas secretarías dos correspondentes centros residenciais.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de dez días contados desde o seguinte á publicación da presente orde.

3. Resoltas as solicitudes indicadas no punto anterior, no caso de existiren prazas vacantes, establécese un prazo extraordinario de presentación de solicitudes para o caso dos ciclos formativos que será do 24 ao 30 de setembro.

4. Ademais, poderanse presentar solicitudes ao longo do curso escolar para os cursos recollidos no artigo 2, letra b). Neste caso, o prazo para a presentación de solicitudes finalizará o mesmo día no que rematen os prazos de matrícula de cada modalidade de curso.

5. As persoas que no curso académico anterior tivesen praza de residencia conservarán esta para o seguinte curso dun ciclo formativo, logo de presentación da correspondente solicitude, de acordo co prazo establecido no punto 2, e sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos académicos para o curso e non sexa repetidor/a deste.

Artigo 20. Concorrencia con outras axudas

O goce do dereito a ocupar as prazas convocadas nesta orde é incompatible co goce de calquera outra axuda para a mesma finalidade e dentro do mesmo período temporal, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Disposición adicional primeira. Prazas de residencia e comedor para os cursos que se organicen na Aula de Seguridade e Salvamento de Ferrol

De ser o caso, e sempre que exista crédito adecuado e suficiente, poderanse solicitar as prazas de residencia dispoñibles ao longo do curso escolar 2014/15 na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, segundo a programación aprobada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para os cursos de formación básica en seguridade, embarcacións de supervivencia e botes de rescate (non rápidos), e avanzado en loita contra incendios que se impartan na Aula de Seguridade e Salvamento de Ferrol.

Disposición adicional segunda. Transparencia e boas prácticas

De conformidade co establecido no artigo 13, punto 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería competente en materia de ensino náutico, marítimo-pesqueiro e agroforestal publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios/as das prazas adxudicadas nas súas modalidades de residencia en pensión completa e media pensión, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento de datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na referida páxina web.

Disposición adicional terceira. Transferencia de prazas do réxime de pensión completa ao réxime de media pensión e xantar diario non regular

No caso de non usar o total de prazas ofertadas en réxime de pensión completa, as vacantes que se produzan poderán acumularse ás prazas en réxime de media pensión e xantar diario non regular.

Disposición adicional cuarta. Normativa supletoria

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento desta orde

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes segundo corresponda pola súas competencias, para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Publicación e entrada en vigor

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file