Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 24 de xullo de 2014 Páx. 32338

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2014

Gonzalo José Ordóñez Puime
Director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO
Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, na súa reunión do día 12 de xuño de 2014 adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. De conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral da Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, do 4 de marzo de 2014, para o estudo e a proposta da solución ás discrepancias competenciais manifestadas en relación co capítulo I do título III (artigo 23 e seguintes); co artigo 33.2, alíneas a), b) e c); co 41, alínea f); co 47 e co 48.1 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, ambas as partes considéranas solucionadas de conformidade cos seguintes compromisos:

a) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 47, ambas as partes consideran que debe ser interpretado de conformidade cos artigos 6 e 20 da Lei 20/2013, do 20 de decembro, de garantía da unidade de mercado (LGUM), e coa competencia exclusiva do Estado para a regulación das condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio dos dereitos e no cumprimento dos deberes constitucionais, no sentido de que as entidades de certificación e control municipal (Eccom) poderán exercer a súa actividade en todo o territorio nacional, de conformidade co previsto na Lei 20/2013, do 20 de decembro, e así se establecerá regulamentariamente.

b) Respecto das discrepancias manifestadas sobre o artigo 48.1, ambas as partes coinciden en interpretar que para o exercicio das actividades das Eccom non se exixirá unha acreditación con carácter previo e tamén unha autorización e que regulamentariamente a Xunta de Galicia establecerá as normas e os requisitos exixibles do réxime establecido. Para ese efecto, a Xunta de Galicia poderá optar, ben por establecer un procedemento de acreditación realizado pola entidade nacional de acreditación, ou ben, alternativamente, por un réxime de autorización realizado pola Administración pública competente. Se no procedemento de acreditación se van comprobar os requisitos esenciais que salvagardan o interese xeral que se vai protexer, non se establecerá un réxime de autorización ou control ex-ante da actividade.

Segundo. Comunicarlle este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserir este acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 12 de xuño de 2014

Cristóbal Montoro Romeu Alfonso Rueda Valenzuela
Ministro de Facenda Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
e Administracións Públicas Administracións Públicas e Xustiza