Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 28 de xullo de 2014 Páx. 32492

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2014 pola que se convocan as Xornadas sobre as novas directivas de contratación pública e a súa transposición.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2014 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócanse as Xornadas sobre as novas directivas de contratación pública e a súa transposición, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A contratación pública desempeña un papel clave na Estratexia Europa 2020, como un dos instrumentos baseados no mercado interior que deben ser utilizados para conseguir un crecemento intelixente, sustentable e integrador, garantindo ao mesmo tempo un uso con maior racionalidade económica dos fondos públicos.

Con ese fin, a Unión Europea considerou que deben revisarse e modernizarse as vixentes normas sobre contratación pública, que posibiliten incrementar a eficiencia do gasto público e facilitar, en particular, a participación das pequenas e medianas empresas (peme) na contratación pública, así como permitir que os poderes públicos empreguen a contratación pública en apoio de obxectivos sociais comúns.

Así mesmo, facíase preciso aclarar determinadas nocións e conceptos básicos para garantir a seguridade xurídica e incorporar diversos aspectos resaltados por reiterada xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea relativa á contratación pública.

Por outro lado, a transposición das directivas 2014/23, 2014/24 e 2014/25 antes do 18 de abril de 2016 vai coincidir co despregamento efectivo e xeneralizado do novo período 2014-2020 de programación plurianual dos fondos europeos, que pode estender os seus efectos financeiros ata 2023. Por isto resulta imprescindible que as administracións públicas estean preparadas para a inmediata aplicación das normas que as traspoñan. A difusión e o coñecemento exhaustivo das novas directivas permitirá evitar así incorrer en supostos de futuras e hipotéticas correccións financeiras, motivadas por diverxencias de criterio coa Comisión Europea, en canto á interpretación destas. En suma, a correcta praxe na xestión dos fondos da Unión Europea exixe coñecer en profundidade esta normativa mesmo antes do prazo límite de transposición.

Galicia, pola súa dobre condición de beneficiaria deses fondos e de integrante da Eurorrexión co Norte de Portugal, que debe axudar a mellorar a contratación transfronteiriza que tamén pretende impulsar esta reforma, ten que realizar un singular esforzo de adaptación ao novo marco legal europeo. Polo cal, a EGAP considerou prioritario situarse á vangarda neste cambio e ser un dos primeiros centros de formación de empregados públicos en transmitir os coñecementos indispensables para culminar unha correcta transición cara á aplicación do novo ámbito xurídico.

Deste xeito, a EGAP deseñou unhas xornadas en que se contrastarán as visións da Comisión Europea, institución garante da estrita e puntual aplicación das novas directivas, de altos representantes da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o rigor técnico-xurídico de especialistas universitarios de recoñecida experiencia na materia.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– As novas directivas europeas de contratación pública e a Estratexia Europa 2020: orientacións da Comisión Europea en liña co mercado interior.

– A adaptación do dereito español da contratación pública ás directivas europeas: balance e perspectivas.

– Desafíos das CC.AA. ante o novo marco europeo de contratación pública.

– O proceso de mellora permanente na contratación pública: experiencia do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais ante as novas directivas de contratación.

– Transposición das novas directivas de contratación pública: similitudes e diferenzas respecto do marco vixente en España.

– A transposición das directivas 2014/23, 2014/24 e 2014/25: análise comparada no ámbito europeo e internacional.

3. Destinatarios.

Os destinatarios destas xornadas son fundamentalmente asesores xurídicos e interventores, persoal de servizos públicos de contratación, xestores de fondos da UE, contratistas e potenciais contratistas, así como persoas interesadas no campo da contratación pública e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 18 e 19 de setembro de 2014.

Horario: 18 de setembro, das 16.30 ás 19.30 horas; 19 de setembro, das 9.30 ás 14.30 horas.

Duración: 7 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de setembro de 2014.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento destas xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Recoñecemento de créditos ECTS.

Esta xornada será recoñecida con créditos ECTS para os estudos de grao da Universidade de Vigo e doutras universidades que, con posterioridade á publicación desta resolución, asinen un convenio coa EGAP que recolla esta circunstancia. A equivalencia académica da xornada establecerase en función da súa duración e de conformidade co establecido no regulamento da cada universidade, sempre que se superen os criterios establecidos pola EGAP para a obtención do certificado oficial.

10. Certificado de asistencia oficial.

Ao final das xornadas entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia for igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización destas xornadas e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública