Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 18 de agosto de 2014 Páx. 35605

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 11 de agosto de 2014 pola que se fai pública a ampliación dos importes existentes para a concesión das axudas previstas na Orde do 30 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de Risga, e se aproba a convocatoria para o ano 2014.

A Orde do 30 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de Risga, e se aproba a convocatoria para o ano 2014, establece no seu artigo 2.2º que o financiamento destas axudas se efectuará con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, a través dos créditos consignados na aplicación 11.05.322A.460.0, polo importe global de 3.000.000 de euros.

Tendo en conta o volume de solicitudes recibidas e tratando de dar resposta á ampla demanda da axuda e que nun momento como o actual, en que a crise está tendo severos impactos no emprego e a exclusión social dos máis vulnerables, deben articularse as medidas necesarias para garantir o dereito destas persoas ao desenvolvemento dunha actividade profesional en condicións de igualdade, fomentando así a súa integración no mercado laboral, polo que parece oportuno incrementar o importe destinado á dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das citadas axudas.

Por todo o exposto e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación de créditos

Amplíase o importe total dos créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 30 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga, e se aproba a convocatoria para o ano 2014, na aplicación e polo importe seguinte:

11.05.322A.460.0 código de proxecto 2014 00515: 2.000.000,00 de euros.

Artigo 2. Prazo de solicitude

De acordo co previsto no artigo 30.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia, procédese á apertura dunha nova convocatoria, sen prexuízo de que sexan tidas en conta e resoltas as solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 30 de maio de 2014.

O prazo de presentación de solicitudes desta nova convocatoria será dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Tramitación das solicitudes

A tramitación das solicitudes realizarase de acordo coas bases reguladoras establecidas na Orde do 30 de maio de 2014.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar